Federación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa cos estados federais.

Unha federación (do latín fœdus, "pacto") é un estado conformado pola reunión de varias entidades territoriais. Tamén adoita denominarse estado federal ou república federal e, xeralmente, ten un sistema político republicano e excepcionalmente monárquico.

As federacións están compostas por divisións territoriais que se autogobernan, denominadas xeralmente estados, cantóns, rexións, provincias ou mesmo doutro modo. Estas divisións gozan dun maior ou menor grao de autonomía pero , en calquera caso, teñen facultades de goberno ou lexislación sobre determinadas materias, distintas das que corresponden á administración federal (goberno da federación). O status de autogoberno das rexións que o compoñen está establecido pola súa constitución e, normalmente, non pode alterarse unilateralmente por decisión do goberno da federación.

O modelo federal pode chegar incluso ao dereito de autodeterminación dos territorios federados, como ocorreu durante o desmembramento da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. O termo contraponse ao de estado unitario ou centralizado.

As federacións poden ser multiétnicas ou estenderse por amplos territorios, aínda que non necesariamente ten por que darse algunha destas situacións. Con frecuencia as federacións constitúense sobre un acordo orixinal entre estados soberanos. Os estados que forman a federación non acostuman ter dereito a separarse unilateralmente da mesma. Entre as federacións máis significativas contemporáneas están os EUA, México, Arxentina, o Brasil, a India, Rusia, Alemaña ou Venezuela.

A organización política ou estrutura constitucional que caracteriza unha federación coñécese como federalismo.

Federacións e outras formas de estado[editar | editar a fonte]

Mapa dos Estados Unidos de América amosando os 50 estados que o compoñen.
Mapa dos Estados Unidos Mexicanos (México) amosando os 31 estados que o compoñen e o Distrito Federal.

As partes que compoñen unha federación coñécense xeralmente co nome de "estados", polo que para diferencialos dos "estados nacionais" adoitan ser denominados "estados federados". Os mencionados estados poden considerarse dotados de certa soberanía, xa que certas competencias estanlle reservadas con exclusión do goberno federal. Porén, unha federación é algo máis que unha mera alianza de estados independentes. Os estados que forman unha federación xeralmente non teñen competencia en asuntos de política exterior, e polo tanto carecen da consideración de independentes baixo o dereito internacional.

Algúns países utilizan nomes distintos (e distintivos) para denominar as súas partes federadas: en Suíza son coñecidos como "cantóns", e en Canadá como "provincias".

As federacións acostuman exhibir unha estrutura administrativa na que dous niveis de goberno exercen as súas facultades sobre unha soa xurisdición, quedando algunhas atribucións reservadas ao goberno federal, outras aos gobernos locais, e un terceiro grupo delas que poden ser concorrentes. Poden darse excepcións, quedando algunhas partes da federación baixo control directo do goberno federal, como ocorre no caso dos 'territorios' autónomos do Canadá e Australia, co Distrito de Columbia dos Estados Unidos así como co Distrito Federal en México. Neste último caso, o goberno federal está dotado de facultades constitucionais especiais en materia de instalación e remoción dalgunhas estruturas do goberno local, o que impide que a entidade sexa un verdadeiro estado federado.

Malia o anteriormente sinalado, non é necesariamente característico dunha federación que exista unha gran rexión central (unha "metrópole") baixo o control directo do goberno federal. Seguindo co exemplo de México, a zona metropolitana da Cidade de México abarca tal extensión que nela concorren un goberno federal, dous gobernos locais, cincuenta e dous municipais e dezaseis administracións delegacionais, diminuíndo a inxerencia do goberno federal na última década fronte ao aumento do poder dos gobernos locais.

Formas de xurdimento das federacións[editar | editar a fonte]

Unha federación pode xurdir de varias maneiras, dependendo da orixe das súas partes constituíntes:

Pode nacer, e este é o caso máis frecuente, como resultado dun acordo inicial entre estados independentes que se unen para resolver problemas comúns ou dotarse dunha defensa mutua. Este foi o caso dos Estados Unidos, o Canadá, Australia e Arxentina.

Pode xurdir dun proceso contrario, dun país orixinalmente centralista no que unha reforma constitucional ou un movemento armado logran certo grao de autonomía para distintas rexións. Este é o caso de México.

Pode ser tamén o resultado dunha confederación de estados independentes que deciden estreitar aínda máis os seus lazos. Este é o caso de Suíza, que é unha federación, malia manter a denominación de "confederación" no seu nome oficial (Confederación Helvética). (Ver máis abaixo 'Confederación')

E por último, pode nacer como unha federación de federacións, aínda que este esquema funciona máis como un organismo internacional que como un estado nacional. Este é o caso da Comunidade de Estados Independentes que xurdiu ao desintegrarse a Unión Soviética.

Estados unitarios[editar | editar a fonte]

China constitúe un exemplo de federación sen lexislación formal.

Un estado unitario é o que ten un único nivel de goberno nacional centralizado. Porén, os estados unitarios tamén poden contar cunha ou máis rexións que se autogobernen. A diferenza entre unha federación e esta clase de estado unitario é que a autonomía das rexións con autogoberno tan só é tolerada polo goberno central, que a pode reverter unilateralmente.

Mentres que unha federación adoita xurdir por acordo de estados formalmente independentes, nun estado unitario as rexións de autogoberno acostúmanse crear mediante procesos de descentralización, onde un estado previamente centralista concede autonomía a rexións que anteriormente foran totalmente subordinadas. Así as federacións adoitan constituírse de forma voluntaria "de abaixo arriba", mentres que a descentralización transfire o autogoberno ás rexións "de arriba a abaixo".

A filosofía dun estado unitario adoita soster que, á marxe da condición de calquera das súas partes integrantes, todo o seu territorio constitúe unha única entidade de soberanía ou estado-nación e que, en virtude deste feito, o goberno central exerce a dita soberanía por dereito. Por outra parte, nunha federación normalmente considérase que a soberanía en termos prácticos reside nos seus estados integrantes ou é compartida entre estes e a federación.

A distinción entre federación e estado unitario pode resultar ambigua. Un estado unitario pode ter unha aparencia próxima á dunha federación na súa estrutura e, aínda que un goberno central tivese a facultade teórica de revogar a autonomía dunha rexión de autogoberno, levar esa prerrogativa á práctica podería ser dunha extremada dificultade política.

Comunidades autónomas de España.

As rexións de autogoberno dalgúns estados unitarios acostuman desfrutar dunha maior autonomía que os estados dalgunhas federacións. Por estas razóns ás veces mantense a tese de que certos estados unitarios modernos son federacións de facto, xa que non son formalmente federais, namentres que outros os conceptualizan como estados rexionais.

Algúns suxiren que o caso de España é unha federación de facto, xa que concede certo autogoberno ás súas comunidades autónomas, aínda que realmente é un estado unitario. Unha diferenza destacada en todo caso entre un estado federal e un estado rexional/autonómico obsérvase na capacidade constituínte dos estados e na existencia dunha organización completa (lexislativa, executiva, xudicial) dentro dos mesmos a diferenza do Estado rexional/autonómico, onde a norma de organización é estatal (no caso de España, Lei Orgánica) e o poder xudicial é único (Artigo 117 da Constitución Española).

Unha federación de facto levouse a cabo na República Popular China sen lexislación formal. Isto tivo lugar a medida que se acometían transferencias de poder ás provincias, en grande medida informais, para xestionar asuntos económicos e para a implementación das políticas nacionais. Xerouse así un sistema dado a chamar "federalismo de facto con características chinesas".

Outras formas de estado[editar | editar a fonte]

Confederación[editar | editar a fonte]

A Confederación Helvética e os seus 26 cantóns

Sendo distinta dun estado unitario, unha federación tamén se diferencia dunha confederación. Esta posúe unha estrutura semellante á dunha federación, pero cun goberno central diminuído en relación a un goberno federal.

Unha confederación pode consistir tamén nunha serie de estados que, mentres que en certos aspectos puntuais comparten soberanía temporalmente, son considerados totalmente soberanos e manteñen o dereito a separarse unilateralmente.

É en ocasións unha alianza mínima, pero noutros casos a distinción entre unha federación e unha confederación pode ser ambigua. Como xa se dixo anteriormente, Suíza é formalmente a "Confederación Helvética", pero a súa estrutura é similar á de moitos estados federais.

Imperio[editar | editar a fonte]

Un imperio é un estado multiétnico ou un conxunto de nacións cun goberno central establecido mediante a forza. Un imperio con frecuencia posúe rexións de autogoberno, pero estas están dotadas de autonomía só na medida en que é tolerada polo goberno central.

A voz imperio, exceptuando o seu uso en sentido figurado, aplícase normalmente a unha entidade gobernada por un emperador, aínda que o seu papel constitucional sexa simplemente cerimonial. En ocasións un imperio tamén pode consistir en diversos reinos organizados en torno a un "sumo rei" designado emperador.

Unión Soviética[editar | editar a fonte]

A Unión Soviética e as súas 15 repúblicas

A constitución da Unión Soviética (URSS), 1922-1991, daba lugar teórico á federación ou confederación "voluntaria" das repúblicas socialistas soviéticas.

Pódese dicir que cada unha estaba gobernada polo seu propio consello supremo e tiña dereito a separarse. De feito, algunhas repúblicas contarían incluso con maior autogoberno.

Porén, na práctica, o sistema de goberno baseado no partido único significou unha enorme centralización real da Unión, dado que as decisións importantes era tomadas polos dirixentes do Partido Comunista en Moscova e simplemente rubricadas polas institucións locais.

Coa chegada da posibilidade de eleccións multipartidistas, nos últimos tempos da URSS, o federalismo teórico da Unión chegou a ser unha realidade na práctica. Isto tivo lugar só de forma pasaxeira durante un breve período, a medida que os gobernos elixidos en moitas repúblicas reclamaban o seu dereito á separación e deviñan estados independentes. Deste modo, o sistema federal de iure desempeñou un papel clave na disolución da Unión.

Rusia[editar | editar a fonte]

Existe a teoría de que a Federación Rusa non é unha federación no sentido estrito da palabra. Consiste na rexión metrópole de 'Rusia' e certo número de repúblicas autónomas ou oblasts. A rexión propiamente rusa contén á gran maioría da poboación.

As corenta e unha provincias nas que se divide quedan baixo control directo do goberno nacional en Moscova. As restantes rexións de autogoberno posúen unha escasa autonomía xenuína.

Unión Europea[editar | editar a fonte]

A Unión Europea (UE) posúe algúns dos atributos dun estado federal, pero o seu goberno central ten moitas menos atribucións que o da maioría das federacións, de modo que se caracteriza como certo tipo de alianza supranacional, confederación ou unión sen precedentes.

En particular os Estados Membros da UE teñen dereito a obrar de forma independente en asuntos de política exterior e defensa, así como a case exclusividade noutros apartados de importancia como a xustiza penal e Facenda.

Os Estados Membros son entidades soberanas e independentes de acordo ó dereito internacional, e con capacidade 'de iure para separarse da Unión.

Estrutura constitucional[editar | editar a fonte]

División de competencias[editar | editar a fonte]

Nunha federación, a división de poderes entre os gobernos rexionais e o federal está esquematizada na constitución. Así o dereito dos estados compoñentes ao autogoberno adoita estar arraigado constitucionalmente. Os estados de autogoberno xeralmente teñen as súas propias constitucións, que poden modificar se o estiman conveniente, aínda que en caso de conflito normalmente prima o criterio da constitución federal.

En case tódalas federacións o goberno central adxudícase as competencias de política exterior e defensa. Se non se dá este caso non estamos ante un estado soberano único. Á marxe disto, a división exacta de poderes varía dun país a outro. A Constitución dos Estados Unidos establece que toda competencia que non sexa concedida de forma explícita ao goberno federal quedará en mans dos estados da Unión. Por outra parte, a Constitución de Canadá indica o contrario: as competencias non transferidas explicitamente aos gobernos provinciais reverten no goberno central. En Alemaña a división de competencias é máis de administración que de contido: o goberno federal adoita limitarse a emitir directivas ós Länder (autogobernos rexionais), que estes interpretan e implementan con ampla liberdade. Na República Popular China, considerada unha federación de facto, o goberno establece de forma xeral unha política e uns obxectivos económicos, deixando a súa execución en mans dos gobernos provinciais.

Federalismo simétrico e asimétrico[editar | editar a fonte]

Fálase de federalismo simétrico cando os distintos estados dunha federación posúen as mesmas competencias. Está baseado na igualdade de competencias para cada entidade rexional, tendo cada territorio os mesmos poderes.

Cando a cada estado se lle conceden distintas competencias ou uns posúen maior grao de autonomía que outros fálase de federalismo asimétrico. Isto sóese levar a cabo cando se trata de recoñecer a existencia dunha cultura diferente en certa rexión ou conglomerado de rexións. O exemplo dunha federación asimétrica é Canadá, onde Quebec goza de maiores competencias en materia cultural e lingüística.

Non é estraño que durante a evolución histórica dunha federación poida darse unha transferencia gradual de poder desde os estados integrantes cara o centro, adquirindo o goberno federal maiores competencias para facer fronte a hipotéticas circunstancias non previstas. A adquisición de novas competencias por parte do goberno federal pode darse a través de emendas formais á constitución ou mediante unha interpretación xurisprudencial máis ampla das competencias constitucionais xa existentes. Pero de igual modo, o goberno federal pode conceder maiores competencias ós estados integrantes para mellor xestión dos recursos de acordo a cada necesidade, pois desde un goberno federal totalmente centralizado é case imposible coñecer con detalle as necesidades de cada estado que o forma.

Pola contra, en España cada vez as autonomías contan con maiores competencias, cedidas por parte do estado, se ben non tódalas autonomías contan coas mesmas competencias.

Órganos de goberno[editar | editar a fonte]

A maioría dos gobernos federais está inscrita dentro de estruturas que incorporan mecanismos para protexer os dereitos dos estados integrantes. Un destes mecanismos, coñecido como federalismo intraestatal, consiste en dar representación directa ós gobernos dos estados integrantes nas institucións políticas federais. Cando unha federación conta cun órgano lexislativo bicameral decotío a cámara alta é a representación dos estados integrantes, en tanto que a cámara baixa representa ó total da cidadanía do estado. Unha cámara alta federal pode basearse nun esquema de igual representación territorial, como no caso do Senado dos Estados Unidos e o de Australia, nos que a cada estado se lle atribúe o mesmo número de representantes, sen ter en conta o seu peso poboacional.

Unha práctica distinta consiste na elección indirecta dos membros da cámara alta por parte dos gobernos ou órganos lexislativos dos estados integrantes, como era caso dos Estados Unidos antes de 1931, ou ser membros ou delegados dos gobernos rexionais, como no caso do Bundesrat alemán. A cámara baixa dun órgano lexislativo federal adoita ser de elección directa, cun reparto da representación que é proporcional ó peso demográfico de cada rexión, aínda que se pode facer provisión dunha representación mínima por rexión de certo número de escanos.

As federacións normalmente contan con procedementos especiais para a reforma da constitución federal. Isto pode garantir que o autogoberno dos estados integrantes non sexa abolido sen o seu consentimento. Unha emenda á Constitución dos Estados Unidos debe ser ratificada por tres cuartas partes das asembleas lexislativas estatais ou ben por xuntas constituíntes elixidas para a ocasión en cada un dos estados. Nos plebiscitos de reforma constitucional de Australia e Suíza requírese que a proposta non sexa aprobada só por unha maioría da totalidade do electorado do país, senón por maiorías rexionais nunha maioría de estados ou cantóns.

Algunhas constitucións federais establecen que certas reformas non poidan levarse a cabo sen o consentimento unánime de tódolos estados ou dun estado en particular. A Constitución dos Estados Unidos indica que ningún estado pode ser privado sen o seu consentimento dunha representación igual no Senado. En Australia, se se propón unha reforma que afectará especificamente a un ou varios estados, debe ser plebiscitada en cada un deses estados. A Lei Básica alemá especifica a imposibilidade de levar a cabo emendas que supoñan a abolición do sistema federal.

Outros termos técnicos[editar | editar a fonte]

  • Federalismo fiscal - federalismo que implica a transferencia de fondos entre diferentes niveis de goberno.
  • Federalismo formal (ou 'federalismo constitucional') – o esquema básico de poderes está trazado na constitución.
  • Federalismo executivo (tamén chamado 'federalismo administrativo').

O federalismo como filosofía política[editar | editar a fonte]

O significado de federalismo como movemento político e o que en si constitúe un "federalista", varía co país e o contexto histórico. Os movementos asociados coa instauración ou desenvolvemento de federacións poden ter un carácter tanto centralista como descentralizador. Por exemplo, na época dos nacementos destes países, os "federalistas" en Estados Unidos e Australia eran os que propugnaban a creación de gobernos centrais fortes. De igual modo, na Unión Europea, os federalistas perseguen unha maior integración política. Porén, en España e na Alemaña da posguerra, os movementos pro-federais buscaban a descentralización: a transferencia de poder desde as autoridades centrais cara órganos locais.

Debate e conflito interno[editar | editar a fonte]

Certas disputas políticas e constitucionais son inherentes ás federacións. Por exemplo, o reparto preciso de facultades e responsabilidade entre os gobernos federal e rexional adoita ser unha fonte de disputa. Decotío, como ocorre nos Estados Unidos, tales conflitos son resoltos pola vía xudicial, que delimita as competencias dos gobernos federal e locais. A relación existente entre os tribunais federais e locais é distinta de país en país e pode ser un tema problemático e complexo en si mesmo.

Outro lugar común dos sistemas federais é o conflito entre os intereses nacionais e os rexionais, ou entre os intereses e aspiracións dos distintos grupos étnicos. Nalgunhas federacións existe unha relativa homoxeneidade en todo o seu territorio, sendo cada estado integrante practicamente unha versión en miniatura de todo o conxunto. Isto recibe o nome de federalismo congruente. Por outro lado, o federalismo incongruente ten lugar cando os distintos autogobernos teñen a súa razón de ser en distintos grupos étnicos.

A capacidade dun goberno federal de crear institucións nacionais que poidan arbitrar as diferencias rexionais debidas a motivos lingüísticos, étnicos, relixiosos ou doutra orde é un reto importante. A incapacidade de dar resposta a este reto pode dar lugar á disgregación de partes da federación ou á guerra civil, como ocorreu nos Estados Unidos e en Suíza. Nalgúns casos, o conflito interno pode carrexar a desaparición da federación, como ocorreu en Nixeria, a Federación de Rodesia e Niasalandia, os Estados Unidos de Centroamérica, a Federación das Indias Occidentais, a Gran Colombia ou a Confederación Perú-boliviana.

Lista de Federacións[editar | editar a fonte]

Contemporáneas[editar | editar a fonte]

Federación Subdivisións Número Outras
Alemaña Estados de Alemaña 16 Bundesländer
Arxentina Provincias de Arxentina 23 provincias 1 Ciudad Autónoma
Australia Estados e Territorios de Australia 6 estados 2 territorios
Austria Estados de Austria 9 Bundesländer
Bosnia e Herzegovina División política de Bosnia e Herzegovina 2 entidades 1 distrito baixo supervisión internacional
Brasil Estados do Brasil 26 estados 1 Distrito Federal
Canadá Provincias e territorios do Canadá 10 provincias 3 territorios
Comores 3 illas
Emiratos Árabes Unidos Emiratos Árabes Unidos 7 emiratos
Estados Unidos Estados dos Estados Unidos de América 50 estados, 7 territorios 1 distrito federal
Etiopía Organización territorial de Etiopía 9 rexións 2 cidades con estatuto
India Estados e territorios da India 28 estados 7 territorios da unión
Malaisia Organización territorial de Malaisia 13 estados 3 territorios federais
México Estados de México 31 estados 1 Distrito Federal
Estados Federados de Micronesia 4 estados
Nixeria Estados de Nixeria 36 estados 1 territorio
Rusia1 Suxeitos federais de Rusia 49 oblasts, 21 repúblicas, 10 autonomius okrugs, 6 krays 2 cidades federais
Suíza Cantóns de Suíza 20 cantóns, 6 semi-cantóns
Venezuela Estados de Venezuela 23 estados, as Dependencias Federais 1 Distrito Capital

Denominacións longas[editar | editar a fonte]

Desaparecidas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Se Rusia é unha verdadeira federación ou non, aínda é obxecto de debate (véxase apartado sobre "Rusia").
  2. A URSS era unha federación segundo a letra da súa constitución pero ata os seus últimos tempos a finais dos 80 e principios dos 90 o seu goberno estaba fortemente centralizado na práctica (véxase apartado sobre a "Unión Soviética")
  3. A República Federal Socialista de Iugoslavia proclamouse oficialmente en 1963. Anteriormente a esta data o estado comunista iugoslavo chamouse Iugoslavia Federal Democrática en 1945 e República Popular de Iugoslavia en 1946 (véxase República Federal Socialista de Iugoslavia).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]