André Apóstolo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "André, apóstolo")
Santo André de Gregorio Español na capela de San Roque de Santiago de Compostela.

André Apóstolo foi un xudeu da Galilea do século I, discípulo de Xoán o Bautista e despois de Xesús de Nazaret, que o escolleu como un dos doce para restaurar e xulgar ás doce tribos de Israel. Patrón de Constantinopla, Rusia, Romanía, Ucraína, Xeorxia, Escocia e a cidade grega de Patras.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado ao redor do cambio de era en Betsaida Galilea. O seu nome semella indicar un certo proceso de helenización das vilas xudías que estaría chegando a Cafarnaum onde vivía co seu irmán Simón (Pedro, papa) adicado á pesca no lago de Xenesaret.

Desprazouse a Xudea, ás beiras do Xordán, onde Xoán o Bautista anunciaba a necesidade de conversión e bautizaba ó xentío. Segundo o Evanxeo de Xoán, foi o Bautista quen lle dá a coñecer a Xesús, que se desprazara para ser el tamén bautizado.

Consonte o mesmo Evanxeo, é André quen anuncia ao seu irmán Pedro que coñeceu ao Mesías, de aí que a Igrexa Ortodoxa o denomine Protokletos, é dicir, o primeiro chamado. Pola súa banda, o Evanxeo de Mateo e o Evanxeo de Marcos narran que, posteriormente, Xesús, camiñando pola ribeira do lago de Galilea, chama conxuntamente a André e a Pedro, que se atopaban traballando coas redes, para que o seguisen e facelos "pescadores de homes".

Segundo o Capítulo XIII do Evanxeo de Marcos, cando Xesús advirte que o Templo de Xerusalén será destruído, André, abraiado e preocupado, sentado no Monte das Oliveiras fronte ao Templo, pregunta en privado xunto con Pedro, Santiago o Maior, e Xoán cando acontecerá isto. Xesús fala entón das persecucións que sufrirán polos gobernadores e reis e a necesidade de que sexa predicada a Boa Nova a todas as Nacións.

A súa influencia helénica fai que sexa el con outro apóstolo de nome helénico, Filipe, quen presente a Xesús a uns xudeus procedentes da diáspora de fala grega. Hai quen defende que en realidade eran gregos non xudeus que, adheridos ao monoteísmo de Israel, subían a Xerusalén durante a Pascua. Xesús aproveita para confesar a súa turbación pola proximidade da súa morte.(Capítulo XII do Evanxeo de Xoán).

André vivía inmerso no ambiente insurreccional de Galilea, anhelando a liberación de Israel das tiranía de Herodes e das gadoupas do Imperio romano. A súa arela de cambio e conversión para preparar a acción liberadora de Deus, lévao a acudir a chamada de Xoán o Bautista e a seguir a Xesús polas vilas e aldeas de Palestina, sen alforxa nin cartos, anunciando o Reino de Deus aos probes, realizando exorcismos e proclamando a liberación dos oprimidos e o amor ao inimigo.

Cando Xesús se compadece do xentío esfameado que ían tras del e manda aos discípulos que lles dean de comer, é André quen lle indica que hai un rapaz que ten uns poucos pans e uns poucos peixes; preludio do milagre máis masivo realizado por Xesús narrado en todos os evanxeos sinópticos e tamén no de Xoán e que provoca o entusiasmo das xentes que queren proclamar a Xesús Rei.

Sería tamén un dos discípulos que se indignan cando Santiago o Maior e Xoán Evanxelista reclaman para si os primeiros postos, o que provoca a ensinanza de Xesús verbo de quen queira ser o primeiro fágase o servidor de todos.

Cando Xesús é apreixado, foxe xunto cos demais discípulos, agás algunhas mulleres. Pechado e amedrentado con eles ten unha experiencia de resurrección e pentecoste que lle da pulos para predicar a Boa Nova (Evangelion) da salvación a todos os homes.

Eusebio de Cesarea, na súa Historia Eclesiástica, citando a Oríxenes, afirma que André predicou por Asia Menor e en Escitia ao longo das ribeiras do Mar Negro, Gregorio Nacianceno indica Epiro, Teodoro Hellas, existindo tradicións que o fan remontar o Volga e o Dnieper e chegar alén da actual Kiev.

Os Feitos de San André, un escrito apócrifo dos primeiros séculos do cristianismo, menciona a fundación da Sé de Constantinopla ou Bizancio. O que co tempo daría azos e lexitimidade ao Patriarcado de Constantinopla que disputaría a primacía con Roma, a Sé de Pedro.

Martirio[editar | editar a fonte]

André apóstolo nunha icona rusa

A tradición sostén que foi martirizado na cidade de Patras en Acaia, Grecia, na costa norte do Peloponeso. Autores como Gregorio de Tours insisten en que foi crucificado mediante ataduras a unha cruz en forma de xe ou en aspas. Suponse que a petición propia por considerarse indigno de ser crucificado de igual xeito que o mestre. A súa lenta agonía permitiulle seguir predicando dende a propia cruz.

Veneración[editar | editar a fonte]

Santo André é un dos santos máis venerados polas igrexas cristiás; o feito de figurar nos evanxeos o seu nome sempre entre os catro primeiros nos listados dos apóstolos e a narración, no Evanxeo de Xoán, que o fai o primeiro discípulo de Xesús, fundamentan a súa relevancia.

En Galicia, preto dos acantilados de Vixía de Herbeira, a capela de Santo André de Teixido garda un dedo do apóstolo segundo a tradición do país e a lenda popular. Trátese dun dos grandes centros de peregrinación do pobo galego ata o punto de que se afirma que a San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo.

Xerome de Estridón escribiu que as reliquias foron trasladadas de Patras a Constantinopla por orde do emperador Constantino II. En 1208 os cruzados de occidente saquearon Constantinopla e levaron as reliquias de Santo André á cidade italiana de Amalfi cuxa catedral está adicada a este apóstolo. O Papa Paulo VI, como xesto de boa vontade coa Igrexa Ortodoxa, ordenou devolver ás reliquias que se atopaban en Roma á Igrexa Grega, concretamente a Patras.

Bandeira de Escocia, tipo sautor ou cruz de Santo André.

Xeorxia, Romanía, Ucraína e Rusia atesouran tradicións da predicación de Santo André. En Escocia afirmouse a chegada dalgunhas reliquias do apóstolo (lenda do "Breviario de Aberdeen" que conta como San Régulo recibe o mandato de levar as reliquias ao noroeste cara ao fin da terra). A diocese de Saint Andrews aínda celebra o 9 de maio a translación das reliquias. Todo o cal fai que estas nacións o tiveran ou o teñan como patrón. A bandeira escocesa loce a cruz de Santo André (chamada en vexiloloxía de sautor) o mesmo, xa que logo, que a do Reino Unido da Gran Bretaña.

A súa festa celébrase o 30 de novembro.

O santo André en Galicia[editar | editar a fonte]

O santo André é invocado nos ensalmos contra as nacidas (pústula maligna).

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A san Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo.
  • A san Andrés van ás veces dous e volven tres.
  • Bieito mes que entra con Santos, meia con San Uxío e remata con San Andrés.
  • O que paga a Xan e debe a Andrés, ten que pagar outra vez.

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Camiño de san Andrés: vía láctea
  • Carreiro de san Andrés: vía láctea.
  • Pasadas de san Andrés: vía láctea.
  • San Andrés: mes de novembro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]