Revolución Rusa de 1917
A Revolución rusa foi o proceso revolucionario comezado en 1917, que rematou co vello imperio dos tsares da dinastía Romanov e deu comezo á Unión Soviética, primeiro dos estados en aplicar o socialismo como sistema político e económico.
A Revolución comprendeu dúas fases distintas:
- A Revolución de Febreiro de 1917 (marzo de 1917, polo calendario gregoriano), que derrubou a autocracia do tsar Nicolao II de Rusia, o derradeiro tsar en gobernar, e procurou establecer no seu lugar unha república de cuño liberal.
- A Revolución de Outubro (novembro de 1917, polo calendario occidental), na que os bolxeviques, liderados por Vladimir Lenin, derrubou o goberno provisorio e implantou o goberno socialista soviético.
Índice |
Antecedentes [editar]
Até 1917, o Imperio Ruso foi unha monarquía absolutista. A monarquía era sustentada principalmente pola nobreza rural, propietaria da meirande parte das terras cultivables. Das familias desa nobreza saían os oficiais do exército e os principais dirixentes da Igrexa Ortodoxa Rusa.
Pouco antes da Primeira Guerra Mundial, Rusia tiña a maior poboación de Europa, con preto de 171 millóns de habitantes en 1914. Batíase tamén co maior problema social do continente: a extrema pobreza da poboación en xeral. Entre 1860 e 1914, o número anual de estudantes universitarios medrou de 5.000 a 69.000, e o número de xornais diarios medrou de 13 a 856.
A poboación do Imperio Ruso era formada por pobos de diversas etnias, linguas e tradicións culturais. Cerca do 80% desta poboación era rural e o 90% non sabía ler nin escribir, sendo duramente explotada polos señores feudais. Coa industrialización creouse progresivamente unha clase obreira, igualmente explotada, mais con maior capacidade reivindicativa, organizativa e aspiracións de ascenso social. A situación de extrema pobreza e explotación en que vivía a poboación tornouse así nun campo fértil para o florecemento de ideas socialistas.
Causas [editar]
Despois da guerra ruso-xaponesa que deixara en evidencia a escasa capacidade tecnolóxica do imperio, e que tivera como consecuencia a Revolución de 1905, comezou un rápido proceso de industrialización que aumentou coa entrada de Rusia na Primeira Guerra Mundial, a consecuencia inmediata foi a aparición dun proletariado fabril que, como as masas campesiñas, vivía na miseria, agravada como consecuencia da guerra, cada vez máis o réxime tsarista era impopular non só entre a "intelligentsia" e o proletariado máis tamén nas masas campesiñas.
Oposición ao réxime [editar]
Na época existían en Rusia catro principais partidos políticos que actuaban na clandestinidade e no exilio, o Partido Constitucional Democrático formado por burgueses liberais que aspiraba a converter Rusia nun Estado equiparable ao do resto de Europa, o Partido Social Revolucionario que representaba á esquerda moderada, os menxeviques que desexaban fondas reformas sociais só despois de instaurarse un réxime democrático, e os bolxeviques dirixidos por Vladimir Lenin que pretendían unha revolución social inmediata.
Do tsarismo ao goberno de Kérenski [editar]
En febreiro do ano 1917 os soldados encargados de reprimir as manifestacións espontáneas cada vez máis fortes das descontentas capas populares en Petrogrado (actual San Petersburgo) e ademais fartos da guerra, uníronse a estas alzáronse en armas contra os seus oficiais e se formaron os soviets de obreiros, campesiños e soldados, organizacións controladas polos partidos da esquerda e que mantiñan de xeito fáctico o control sectorial nas mans dos traballadores, soldados, etc. do eido ao que pertencían. Abandonado pola súa principal baza, o exército, o tsar abdica. Trala abdicación de Nicolao II, establécese unha república cun goberno provisional, elixido por unhas cortes unicamerais (a Duma). Noméase presidente do parlamento ao liberal Lvov, e dende o mes de xullo polo socialrevolucionario Aleksandr Kérenski. Este, trala súa chegada ao poder, promete reformas e eleccións a unha asemblea constituínte. Malia todo isto, o poder na rúa tíñano os soviets e os enfrontamentos entre o goberno e os soviets foron constantes mentres a sensación de fracaso se estendía entre os traballadores ao non ver satisfeitas as súas reivindicacións, proseguir a guerra e seguir o enfrontamento entre os menxeviques e os bolxeviques no seo dos soviets ao reclamar os segundos todo o poder para os soviets seguindo as Teses de abril, mentres os primeiros querían antes de comezar os cambios sociais a consolidación dun réxime democrático.
O regreso de Lenin e a Revolución de Outubro [editar]
Mentres se produce todo isto, os bolxeviques, facción maioritaria do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, de ideoloxía marxista, medraba fortemente, tanto en influencia política como en militancia. O seu líder, Vladimir Illich Ulianov, alcumado polos seus camaradas como "Lenin", regresaba do exilio imposto polo tsar. Os seus discursos incendiarios, propoñían a fin da etapa burguesa e a revolución proletaria, con tres puntos clave: a sinatura da paz con Alemaña (lembremos que dende 1914 se desenvolve no marco internacional a Primeira Guerra Mundial); a entrega de terras aos campesiños; e o control obreiro das fábricas. A súa compaña foi un éxito, os soldados abandonaban as frontes e voltaban para as súas casas e os bolxeviques consideraron que chegara o seu momento. Os días 24 e 25 de outubro (6 e 7 de novembro segundo o calendario occidental) os bolxeviques conseguiron que os soviets de Petrogrado e Moscova, controlados por eles, se lanzasen á revolución ocupando as súas milicias armadas os centros neurálxicos, incapaz de controlar a situación o goberno fuxiu. En 24 horas, os soviets de Petrogrado conseguen ocupar o poder no marco do seu I Congreso, instaurando o Consello de Comisarios do Pobo, formado polos delegados electos dos sovietes, quen elixen como presidente a Lenin, aínda así os bolxeviques continuaban a ser unha minoría dentro da esquerda e varios xenerais tsaristas ocupaban grandes rexións de Rusia.
As primeiras medidas do goberno soviético [editar]
O Consello de Comisarios do Pobo concede as terras aos campesiños, transfire o control das fábricas aos soviets das mesmas e outorga o dereito de autodeterminación a numerosas nacionalidades que compoñían o imperio ruso, fírmase a paz con Alemaña mediante o Tratado de Brest-Litovsk e co obxectivo de intentar crear unha federación internacional de estados socialistas, créase a República Socialista Federativa Soviética de Rusia, que sería a principal república das que formarían a Unión Soviética. Tamén se procedeu ao fusilamento do tsar e dos seus fillos o 16 de xullo de 1918.
De 1918 ate 1922 o goberno soviético mantívose con dificultades, debido á guerra civil contra o exército branco, formados por partidarios do tsar e do antigo réxime. Alén diso, as potencias estranxeiras interviñan activamente no país. Para solucionar os problemas económicos derivados destas dúas dificultades principales, veu á luz a Nova Política Económica, coñecida tamén como comunismo de guerra.
Influencia exterior da Revolución rusa [editar]
A revolución rusa fascinou a moitos traballadores e organizáronse partidos comunistas que estaban convencidos da posibilidade de repetir nos seus países o que acontecera no Imperio Ruso, entre 1918 e 1924 en moitos países europeos houbo intentos revolucionarios de tomar o poder pero a maioría dos partidos socialistas europeos mantiveron unha actitude expectante e de certa desconfianza, viran como en Rusia acabara o capitalismo pero o novo réxime que o substituíra rachaba coa traxectoria política seguida polo socialismo europeo e pouco a pouco os partidos socialistas acabaron por posicionárense en contra do modelo soviético, cando en 1919 se decidiu a creación da Terceira Internacional que tiña por obxecto a revolución mundial segundo o modelo bolxevique case todos os partidos socialistas se negaron a participar nela.
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
