Nicolao II de Rusia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nicolao II de Rusia
Emperador e Autócrata de todas a Rusias, Gran Duque de Finlandia, Duque de Curlandia e Semigalia
Mikola II.jpg

1 de novembro de 1894-15 de marzo de 1917
Predecesor Alexandre III de Rusia
Sucesor Georgy Lvov
(Presidente do Goberno Provisional Ruso)

1894 - 1917
Predecesor Alexandre III de Rusia
Sucesor Carlos I de Finlandia
(Reino de Finlandia (1918))

Coroación 26 de maio de 1896
Nome completo Nikolai Aleksandrovich Romanov
Nacemento 18 de maio de 1868
Tsarskoye Selo, San Petersburgo, Flag of Russia.svg Imperio Ruso
Falecemento 17 de xullo de 1918 (50 años)
Casa Ipatiev, Ekaterinburgo, Flag of the Soviet Union.svg RSFS de Rusia
Consorte Alix de Hesse-Darmstadt
Descendencia Olga
Tatiana
María
Anastasia
Alexei
Dinastía Dinastía Romanov
Himno real Deus salve ao tsar
Pai Alexandre III de Rusia
Nai María Fiodorovna

Escudo de Nicolao II de Rusia
Nicholas II Signature.svg

Nicolao II de Rusia (en ruso: Николáй Алексáндрович Ромáнов, Nikolái Aleksándrovich Romanov). Nado en San Petersburgo o 18 de maio de 1868 e finado en Ekaterinburgo o 17 de xullo de 1918. Foi tsar de Rusia desde 1894 até a súa abdicación en 1917; coa súa execución polo movemento revolucionario dos bolxeviques, durante a Revolución Rusa de 1917 extinguiuse a dinastía Romanov. É santo da Igrexa Ortodoxa Rusa, San Nicolao portador da Paixón.

Biografía[editar | editar a fonte]

Fillo do Tsar Alexandre III de Rusia e da princesa Dagmar de Dinamarca e neto por vía paterna do Tsar Alexandre II de Rusia, e pola vía materna do rei Cristian IX de Dinamarca. Naceu no palacio real de Tsarskoie Selo, nas aforas de San Petersburgo (daquela capital do Imperio Ruso) o 8 de maio de 1868 (18 de maio segundo o calendario xuliano). Sendo o fillo maior do herdeiro ao trono, Nicolao recibiu o título de "Tsarévich", co que se recoñecía que o día no que o seu pai subira ó trono, Nicolao converteríase en herdeiro. Tivo tres irmáns: Alexandre, Xurxo e Miguel e dúas irmás: Xenia e Olga.

Recibiu unha boa educación, centrada na política e relixión, que o converteu nun home conservador e relixioso, pero ó mesmo temp devoto á vida familiar que tería anos despois de casar. A súa xuventude pasouna na compaña dos seus pais, polos que sentía moito afecto, e relaxábase na presenza dos seus numerosos curmáns. O 1 de marzo de 1881 o seu avó foi asasinado por anarquistas, e Nicolao converteuse en herdeiro ó trono.


En 1894 acordousea voda entre el e a Princesa Alix de Hesse-Darmstadt, unha neta da raíña Vitoria I do Reino Unido e a súa curmá-segunda (o seu pai era curmán do dela). Unhas semanas antes da voda, o 1 de novembro de 1894, o seu pai, o Tsar Alexandre III morreu dunha afección renal, e Nicolao subiu inesperadamente ó trono. Pouco preparado, Nicolao, que era de personalidade feble, precisaba de apoiarse na súa querida Alix, con quen casou o 26 do mesmo mes.

Retrato oficial da familia imperial realizado en 1913. De esquerda a dereita: en pé a gran duquesa María e a tsarina Alexandra; sentados as gran duquesa Olga, o tsar Nicolao II, a gran duquesa Anastasia, o tsarévich Alexei e a gran duquesa Tatiana.

O reinado do último tsar de Rusia, comezou fatalmente o día da coroación onde morreron 1.389 persoas nunha escorrentada durante as festividades o mes de maio do 1896 no campo de Jodynka, nas aforas de Moscú, a traxédia puidera ser símbolo de mal porvir ao seu reinado e ao futuro de toda a súa familia.[1]

Nicolao e Alexandra (versión rusificada do nome que ela adoptou trala súa conversión á Ortodoxia rusa) tiveron catro fillas e un fillo: Olga, nacida en 1895, Tatiana, en 1897, María, en 1899, Anastasia, en 1901, e Alexei, en 1904. Desgraciadamente, o neno sufría de hemofilia. En constante perigo de morte, Alexei precisaba de vixilancia as 24 horas do día, e a súa nai, aconsellada por dúas parentes do seu marido, coñeceu a Grigori Rasputín, un monxe que dicía ter poderes divinos que podían cura-lo herdeiro. Tanto Nicolao coma Alexandra non dubidaron de Rasputín, e o acolleron durante anos. Sen embargo, Rasputín exerceu a súa influencia sobre o Tsar para involucrarse en temas de política. Unha conspiración acabou coa súa vida en decembro de 1916.

En 1914 estalou a Primeira Guerra Mundial. Rusia, aliada co Reino Unido e Francia, combateu contra Alemaña e Austria. A guerra dividiu mesmo á familia real, pois a Tsarina era curmá tanto do Rei de Inglaterra, Xurxo V, coma do Kaiser de Alemaña, Guillerme II, pero tamén da raíña de Romanía, da raíña de Noruega e da muller do Príncipe Herdeiro de Suecia.

Política internacional[editar | editar a fonte]

Nicolao II pintado por Earnest Lipgart

A instancias dos seus conselleiros, Nicolao esforzouse por estender a súa influencia en Asia, rivalizando coas potencias occidentais na carreira imperialista; ordenou a intervención de Rusia na Guerra Chinés-Xaponesa de 1896, no establecemento da base de Port Arthur en 1898, a ocupación de Manchuria en 1900, e acordou cos británicos o reparto de Persia en esferas separadas de influencia en 1907.

Os intentos por exercer unha influencia determinante en Europa Oriental e os Balcáns como cabeza dun movemento paneslavista deron lugar a múltiples conflitos e tensións internacionais, en virtude do aliñamento ruso con Serbia fronte aos intereses do Imperio Austrohúngaro; pero, tras sufrir unha primeira derrota diplomática na crise de Bosnia (1908), as Guerras Balcánicas de 1912 e 1913 acabaron definitivamente co control ruso sobre a península balcánica.

Estableceu excelentes relacións con Francia, o seu máis leal aliado, e con Alemaña, grazas ao seu estreito parentesco co kaiser Guillerme II; este último foi largamente o seu conselleiro de maior confianza en materia internacional, aínda que moi manipulador, resultaba evidente para calquera operador político máis sagaz que o tsar, que os seus consellos estaban orientados a empregar a influencia rusa para controlar os intereses doutras potencias, moitas veces en beneficio directo de Alemaña e socavar a alianza entre Francia e Rusia. A longo prazo, a influencia nefasta de Guillerme II ía ser a ruína para Nicolao II.

Autocracia e procesos revolucionarios[editar | editar a fonte]

En política interior, Nicolao seguiu a liña autocrática dos seus antecesores, aínda que suavizando un pouco a liña deles, pero máis ben á marxe da súa intervención directa, o seu país tivo un proceso de industrialización acelerada que permitiu a Rusia entrar na era moderna, pero que tamén fixo xurdir importantes núcleos obreiros en forma de sindicatos.

A iniciativa do movemento liberal presentada ao novo Tsar, de establecer unha Constitución que fixase as normas do exercicio do poder atopouse, con todo, cun rotundo rexeitamento monárquico; seguindo o consello de Pobiedonostev, Nicolao mostrouse severo co que cualificou de "insensatos soños de participación en asuntos de administración interna". A súa rixidez alienou a sectores non particularmente comprometidos cunha ideoloxía afín á revolución, e foi causa de moitos se mostrasen descontentos.

Un destes descontentos chamábase Lenin, un avogado que proviña da rexión de Simbirsk, cuxo irmán, Alexander Uliánov foi executado por intento de asasinato de Alexandre III en 1887.

Vladimir Ilich Uliánov, máis tarde Lenin, realizou actividades subversivas en San Petersburgo, foi arrestado e exiliado a Siberia, e logo de ser liberado trasladouse a Xenebra e Londres para fundar as bases do movemento comunista. O alimento para as correntes revolucionarias como as que encabezarían Lenin, Trotski e outros, eran a carencia dunha política social máis solidaria de parte dos gobernantes, isto permitiu que se agravasen os grandes problemas históricos do réxime tsarista: a pobreza do campesiñado, a moi desigual distribución da terra, e a forte restrición no acceso aos cargos públicos. Isto ía ser o caldo de cultivo nos sindicatos das industrias para os grupos revolucionarios que xa estaban en xestación.

Guerra con Xapón e instauración da Duma[editar | editar a fonte]

Ver: Guerra ruso-xaponesa

En 1905, intentando conter o avance xaponés en Indochina, que ameazaba os portos rusos orientais, Nicolao declarou a guerra ao Xapón. Debido á incompetencia dos almirantes rusos, os xaponeses asediaron e bloquearon Port Arthur e Vladivostok, propinando unha severa derrota á flota rusa, parte da cal quedou encerrada en porto e semiafundida.

O emperador entón nun desesperado esforzo mobilizou á flota do Báltico, con buques de guerra inadecuados para alta mar, nun periplo que a levou a dar a volta a Europa e África, sostendo graves conflitos diplomáticos con Inglaterra (incidente do Dogger Bank) e Alemaña (que lle virou as costas) no transcurso da accidentada viaxe, para logo de case ano e medio de navegación chegar ao estreito de Tsushima, onde foi derrotada polas forzas navais xaponesas ao mando de Heihachiro Togo.

O descontento popular por esta derrota, sumado á crise interna, estalou nunha revolución naquel mesmo ano, que foi severamente pero ineficazmente reprimida no chamado Domingo Sanguento. Ante a ameaza dun alzamento, o tsar, mal aconsellado polo seu ministro Sergei Witte anunciou en 1905 varios cambios institucionais dirixidos a diminuír o tinte absolutista da monarquía; o máis importante destes foi a convocatoria dunha Duma ou Parlamento, con potestades lexislativas limitadas, xunto coa promulgación en abril de 1906 dunhas leis fundamentais que deron un carácter semiconstitucional á monarquía.

Con todo, ao percibir que os integrantes da Duma planeaban poñer coto ao carácter autocrático do goberno, foi disolta e substituída por outra máis representativa dos intereses monárquicos; Nicolao esixiu ademais a dimisión do seu primeiro ministro, Sergei Witte. Cando o sucesor de Witte, Piotr Stolipin disolveu pouco despois a segunda Duma e modificou as leis electorais para asegurarse unha composición leal aos intereses tsaristas, deixou ao descuberto a continuidade do sistema autocrático. Este mal manexo da situación fixo estalar a segunda rebelión bolxevique.

Abdicación de Nicolao II[editar | editar a fonte]

As sucesivas derrotas fronte ao moito máis moderno exército alemán, sumado á influencia revolucionaria no interior, acabaron por desmoralizar ás tropas, provocando desercións masivas que alimentaron os mitins revolucionarios. Cando as revoltas desarticularon finalmente as estruturas burocráticas do Estado, a segunda Duma pediu a abdicación do Tsar. Estes feitos facilitaron a Segunda Revolución Rusa de febreiro de 1917 (febreiro de acordo ao calendario empregado en Rusia nese momento; o 15 de marzo de acordo ao calendario gregoriano), que derrocou ao tsar e instaurou un goberno republicano provisionalmente presidido por Georgy Lvov e logo por Aleksandr Kérenski.

Nicolao II prisioneiro

Nicolao II, incapaz de controlar a situación, abdicou os seus dereitos e os do seu fillo en favor do seu irmán Miguel; o gran duque Miguel rexeitaría o ofrecemento, dando así fin á dinastía Romanov.

Nicolao deixouse deter sen ofrecer resistencia ao seu regreso da desmoronada fronte. Foi confinado xunto coa súa esposa e fillos no palacio de Tsarkoe Seló, nos arredores de San Petersburgo, retendo algúns privilexios domésticos.

Aleksandr Kérenski, non era inimigo do tsar, ata chegou a aprecialo nesta etapa, e intentou buscar a súa saída ao estranxeiro, pero o novo goberno dos soviets, prohibiron o seu exilio; ademais sumouse o feito que tanto Inglaterra, Alemaña e a súa aliada Francia ignoraron os requirimentos de exilio.

En agosto de 1917, temendo un intento de asasinato, Kérenski exiliou aos Romanov a Tobolsk, en Siberia. Antes de partir Kérenski preveu a Nicolao: " Os soviets desexan a miña cabeza, despois virán por Vde.,.... e a súa familia".

O primeiro ministro británico Lloyd George, a quen se solicitou asilo, declinou a proposta, así como os franceses, non desexando agravar a xa complexa situación política de Europa.

Morte e desaparición do Tsar e a súa familia[editar | editar a fonte]

En outubro a Segunda Revolución Rusa, en que os bolxeviques liderados por Lenin derrocaron ao goberno de Kerenski, ordenaron o traslado da familia imperial a Ekaterinburgo, que se achaba baixo control do Exército Vermello.

O 4 de xullo de 1918, ante o avance das lexións Checoslovacas chamadas Exército Branco, cara á cidade, temeuse que as tropas liberasen á familia e intentasen restaurar o réxime do tsar. Unha escuadra ao mando de Iakov Iurovski relevou á garda da casa, e o 13 de xullo recibiu a orde do Soviet dos Urais de executar a toda a familia.

Na medianoite do 17 de xullo o Tsar xunto cos integrantes da familia foron levados ao baixo da casa Ipatiev onde estaban encarcerados, xunto a algúns servintes próximos, un médico leal e ata o can do neno. O pretexto era que se lles ía a tomar unha fotografía antes de partir. Nicolao II colocou ao herdeiro nos seus xeonllos mentres tomaba asento xunto á emperatriz, as fillas sentáronse atrás e os serventes e o médico aos costados, de pé. Pasaron uns instantes e repentinamente entrou Iakov IurovskI co revólver en man e 17 soldados armados con fusil á baioneta. O Tsar morreu con 50 anos recentemente cumpridos.

Iakov Iurovski levanta o revólver e declara ao tsar que o pobo ruso condenoulle a morte e dispara case a pelacorpo a Nicolao II, quen cae instantaneamente morto. Seguidamente os fusileiros realizan unha descarga ao resto da familia, as nenas que levaban corsés apertados e ademais no seu interior estaban cargados con xoias non morren inmediatamente e son rematadas á baioneta. Unha das servas que non recibiu a primeira descarga é perseguida dentro da habitación e rematada a baionetazos, ata a mascota é morta dun disparo. Os camións que estaban fóra cos seus motores en funcionamento ocultaron co seu ruído o ruído da matanza. Posteriormente os corpos son levados nos mesmos camións e depositados nunha mina abandonada.

Ao día seguinte, Iurovski, temendo que o rumor sobre o fusilamento inducise a recuperar os corpos, ordenou o seu traslado e destrución dos cadáveres por lume e ácido.

O achado dos corpos[editar | editar a fonte]

En 1979, os historiadores afeccionados Alexander Avdonin e Geli Riabov acharon a posible tumba da familia imperial no bosque de Koptiaki. Temendo informar do descubrimento, non o fixeron público ata anos despois. O 12 de abril de 1989 os xornais informaban do achado. A tumba non foi aberta ata 1991 polas autoridades soviéticas, achando no seu interior nove corpos. Mediante o exame dos esqueletos, os científicos soviéticos concluíron que faltaban os corpos de Alexis e a Gran Duquesa María.

Tras solicitaren a axuda de científicos independentes, en 1992 o equipo do antropólogo norteamericano William R. Maples chegou a conclusións similares ás dos seus colegas, aínda que creron que os corpos que faltaban correspondían a Alexis e a Anastasia.[2]

As identificacións dos esqueletos foron confirmadas posteriormente mediante análises de ADN.

Canonización[editar | editar a fonte]

San Nicolao Portador da Paixón
Proceso de canonización
Canonización 2000
Veneración
Venerado/a en Igrexa ortodoxa
As catro Grandes Duquesas e o tsarévich Alexei

En 1981, a Igrexa Ortodoxa Rusa no exilio canonizou aos integrantes da familia Romanov, unha decisión referendada en agosto de 2000 polo sínodo da Ortodoxia Rusa. Dende 1998 os seus restos repousan na Catedral de San Pedro e San Paulo de San Petersburgo.[3]

Rehabilitación[editar | editar a fonte]

O 1 de outubro de 2008 o Tribunal Supremo de Xustiza da Federación de Rusia rehabilitou a Nicolao II e a súa familia, tendo en conta ás vítimas da represión política bolxevique, unha decisión moi esperada polos descendentes da familia imperial e a Igrexa Ortodoxa Rusa.

De acordo ao veredicto pronunciado polo xuíz, o Tribunal Supremo cualificou de infundada a represión e estableceu a rehabilitación de Nicolao Romanov (Nicolao II), Alexandra Romanova (a súa esposa), Alexei, o príncipe herdeiro (tsarévich) e as súas fillas Olga, Tatiana, María e Anastasia.[4]

Esta decisión responde favorablemente a unha denuncia presentada en 2005 polo avogado da Gran Duquesa María Vladimirovna, que afirma ser a herdeira de Nicolao II. A familia expresou « alegría e satisfacción », dixo o seu portavoz, Ivan Artsichevski, representante doutra rama de descendentes dos Romanov. Tamén acolleu con beneplácito a decisión de reducir ao mínimo o seu ámbito de aplicación: « O feito de que o Estado recoñeceu a súa responsabilidade neste asasinato é un paso cara a un arrepentimento xeral e a de rehabilitación de todas as vítimas inocentes dos bolxeviques ».[5]

Títulos, estilos e honras[editar | editar a fonte]

Títulos e estilos[editar | editar a fonte]

  • 18 Maio 1868 - 13 de marzo 1881 : Sua Alteza Imperial o Gran Duque Nicolao Alexandrovich de Rusia
  • 13 Marzo 1881 - 01 de novembro 1894 :Sua Alteza Imperial O Tsesarevich de Rusia
  • 1 Novembro 1894 - 15 de marzo 1917  : Sua Maxestade Imperial O Emperador e Autócrata de Todas as Rusias
  • 15 Marzo 1917 - 17 de xullo 1918 : Señor Nicolao Alexandroviсh Romanov

Honras[editar | editar a fonte]

Rusia[editar | editar a fonte]

Extranxeiro[editar | editar a fonte]

Armas[editar | editar a fonte]

Escudo de Armas do Imperio Ruso

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La sangrienta coronación de Nicolás II en Jodynka
  2. Historia Universal-Univision
  3. Telepolis
  4. El Mundo
  5. El Pais
Predecesor:
Alexandre III
Tsar de Rusia
1894 - 1917
Coat of Arms of Russian Empire.svg
Sucesor:
Gran Duque Miguel
Predecesor:
Alexandre III
Gran Ducado de Finlandia
1894 - 1917
Sucesor:
Independencia de Finlandia.

Rei Federico Carlos de Hesse-Kassel


 
Soberanos da Rusia preimperial
Coat of Arms of Moscow.png
Iván o Terrible | Simeón Bekbulatovich (O Tsar falso) | Teodoro I | Boris Godunov | Teodoro II | Demetrio II | Basilio IV | Ladislao IV | Miguel III | Alexis I | Teodoro III | Sofía Alexeiievna | Iván V (Soberano con Pedro o Grande)
 
Tsares da Rusia Imperial
Romanov Flag.svg
Pedro I | Catarina I | Pedro II | Ana Ivanovna | Iván VI | Sabela I | Pedro III | Catarina II | Paulo I | Alexandre I | Nicolao I | Alexandre II | Alexandre III | Nicolao II