Indonesia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Republik Indonesia

República de Indonesia
Bandeira de Indonesia Escudo de Indonesia
Bandeira Escudo
Lema: Bhinneka Tunggal Ika
(Xavanés: Unidade na diversidade)
Himno nacional: Indonesia Raya
 
Indonesia (orthographic projection).svg
 
Capital
 • Poboación
Iacarta
10.187.595
Cidade máis poboada Iacarta
Linguas oficiais
Indonesio
Forma de goberno República unitaria
Susilo Bambang Yudhoyono
Boediono
Independencia
 • Declarada
 • Recoñecida
dos Países Baixos
17 de agosto de 1945
27 de decembro de 1949
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 15º
1.904.569 km²
4,85
2.830 km
54.716 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 4º
237.424.363 (2011)
124,66 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total ([[2012]])
 • PIB per cápita
Posto 16º
US$ 878.198 millóns
US$ 3.592
PIB (PPA)
 • Total ([[2012]])
 • PIB per cápita
Posto 15º
US$ 1.208.000 millóns
US$ 4.977
IDH (2012) 0,629 (121º) – Medio
Moeda Rupiah (Rp, IDR)
Xentilicio Indonesio, indonesia
Fuso horario Varios (de UTC+7 a UTC+9)
Dominio de Internet .id
Prefixo telefónico +62
Prefixo radiofónico JZA-JZZ, PKA-POZ
Código ISO ID / IDN / 360
Membro de: ONU, APEC, ASEAN
Tódolos países do mundo

Indonesia, oficialmente República de Indonesia (en indonesio: Republik Indonesia), é un extenso país insular do sueste asiático, ocupando boa parte do territorio do máis grande arquipélago do mundo, de 17.508 illas, as illas da Sonda, e máis a metade occidental da illa da Nova Guinea, posuíndo un total dun 237 millóns de habitantes, convertendo a Indonesia no cuarto país máis grande do mundo. Indonesia é unha república, cun poder lexislativo e un presidente escolleitos por sufraxio e o goberno ten a súa sede central na cidade de Iacarta, a capital.

Pese a ser un arquipélago, ten fronteiras terrestres con Malaisia na illa de Borneo, con Timor Leste na illa de Timor, e con Papúa Nova Guinea, na illa de Nova Guinea. O país está bañado polos océanos Pacífico e Índico. Algunhas das illas do arquipélago son Xava (a máis densamente poboada), Borneo, Sumatra, Célebes, Timor ou Nova Guinea.

O arquipélago indonesio ten sido unha rexión importante para o comercio dende o século VII, dende que o reino de Srivijaya comezou a comerciar coa China e coa India. Gradualmente, os gobernantes locais adoptaron a cultura, relixión e o modelo político dos indios, e no século I d. C. apareceron varios reinos hindús e budistas na rexión. A historia indonesia foi influenciada polas potencias foráneas que buscaron explotar os seus recursos naturais. Despois de que os comerciantes musulmáns introduciran o Islam, e durante a era dos descubrimentos, as potencias europeas comezaron a disputarse o monopolio do comercio de especias nas Molucas. Tras tres séculos e medio de colonialismo neerlandés, Indonesia obtivo a súa independencia pouco despois da Segunda Guerra Mundial.

Dende aquela a historia de Indonesia foi turbulenta, enfrontándose a desastres naturais, corrupcións, o separatismo, o proceso de democratización e períodos de cambios económicos. A traveso das súas numerosas illas, o pobo indonesio está conformado por distintos grupos étnicos, lingüísticos e relixiosos. Os xavaneses son o grupo étnico máis grande e politicamente o dominante. Indonesia desenvolveu unha identidade compartida definida por un idioma nacional, pola diversidade étnica, o pluralismo relixioso dentro dunha poboación de maioría musulmá e unha historia de colonialismo constante e a súa loita contra el. O lema nacional de Indonesia, "Bhinneka Tunggal Ika" ("Unidade na diversidade"), articula a diversidade que conforma á nación. Non obstante, as tensións sectarias e o separatismo conduciron a violentos enfrontamentos que minaron a estabilidade política e económica do país. A pesar da súa gran poboación e as rexións densamente poboadas, en Indonesia atópanse vastas terras inhabitadas que o fan un dos países do mundo con maior biodiversidade, integrándose á lista dos países megadiversos.[1]

Pese a ter moitos recursos naturais, a pobreza é unha característica que define á Indonesia contemporánea.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A verba "Indonesia" deriva dp latín Indus, que significa "India" e do grego νῆσος nesos, que significa "illa".[2] O nome data do século XVIII, precedendo á formación da Indonesia independente.[3] En 1850, George Earl, un etnólogo inglés, propuxo os termos Indunesians, ou tamén Malayunesians, para referirse aos habitantes do "arquipélago indio" ou do "arquipélago malaio". Na mesma publicación, un estudante de Earls, James Richardson Logan, utiliza a palabra "Indonesia" como sinónimo para "arquipélago indio". Mais os académicos neerlandeses que escribían publicacións nas Indias Orientais non utilizaban a verba "Indonesia", utilizaron termos como Maleische Archipel ("Arquipélago Malaio"); Nederlandsch Oost Indië (Indias Orientais Neerlandesas); de Oost (o Leste); ou incluso Insulinde.

Desde 1900, o nome "Indonesia" tornouse máis común nos círculos académicos de fóra dos Países Baixos, e grupos nacionalistas indonesios adoptárono para a súa expresión política. Adolf Bastian, da Universidade de Berlín, popularizou o nome a través do seu libro Indonesien oder die Islas des Malayischen Archipels, 1884–1894. O primeiro erudito indonesio en utilizar o nome foi Suwardi Suryaningrat (Ki Hajar Dewantara), cando en 1913 estableceu unha imprenta nos Países Baixos co nome Indonesisch Pers-mesa'.

Organización político-administrativa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Provincias de Indonesia.
Provincias de Indonesia.

Indonesia está dividida en 33 provincias e distritos: Aceh, Bali, Bantam, Bangka-Belitung, Bengkulu, Célebes Central, Célebes Setentrional, Célebes Meridional, Célebes Suroriental, Celebes Occidental, Iacarta, Gorontalo, Jambi, Yogyakarta, Xava Central, Xava Oriental, Xava Occidental, Kalimantan Central, Kalimantan Oriental, Kalimantan Meridional, Kalimantan Occidental, Lampung, Maluku (ou Molucas), Maluku Setentrional, Nusatenggara Oriental, Nusatenggara Occidental, Riau, Riau arquipélago, Sumatra Setentrional, Sumatra Meridional, Sumatra Occidental, a provincia de Papúa, Papúa Occidental e Timor Occidental .

Cinco das provincias teñen un carácter especial e cada provincia ten a súa propia lexislatura e gobernador. As provincias subdivídense en rexencias (kabupaten) e cidades (kota), que á súa vez se subdividen en subdistritos (kecamatan) e pobos (desa ou kelurahan). Trala implementación de medidas de autonomía rexional en 2001, as rexencias e as cidades convertéronse nas unidades administrativas claves, responsables de proporcionar a maioría dos servizos gobernamentais.



Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa de Indonesia

Con 1.919.440 km², Indonesia é o décimo sexto país do mundo por superficie e a súa densidade de poboación de 120,5 hab/km² sitúao no 98 no mundo.

As 18.108 illas de Indonesia, das cales unas 6.000 están habitadas, están esparexidas cerca do ecuador, dándolle ao país un clima tropical. As illas máis poboadas son Xava, Sumatra, Borneo (compartida con Malaisia e Brunei) e Célebes. Indonesia fai fronteira con Malaisia na illa de Borneo (indonesio: Kalimantan), Papua Nova Guinea na illa de Nova Guinea e Timor Oriental na illa de Timor. Ademais da capital Iacarta, as cidades principais inclúen Surabaya, Bandung, Medan, Palembang e Semarang.

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Indonesia.

Indonesia sufriu de grandes problemas económicos a finais dos anos noventa, pero a economía hase reestabilizado recentemente.

O país conta con extensos recursos naturais como petróleo, gas natural, cobre e ouro. A súa agricultura produce principalmente arroz, , café, especias e goma. Tamén son moi importantes as madeiras tropicais, das que Indonesia é un gran produtor e exportador. Desgraciadamente, gran parte da talla non está controlada, coas consecuencias que iso carrexa.

A industria de bens de consumo é tamén moi importante, producindo a gran escala produtos para exportación. Destacan o sector téxtil e o da electrónica.

Os maiores socios comerciais de Indonesia son Xapón, os Estados Unidos e nacións veciñas como Singapur, Malaisia e Australia.

Demografía[editar | editar a fonte]

No ano 2007, Indonesia tiña unha poboación de 245.452.739 habitantes. A esperanza de vida é de 70 anos. O 87,9% da poboación esta alfabetizada. A media de fillos por muller é de 2,38.

As dúas cidades máis grandes de Indonesia están en Xava: Iacarta, cunha poboación de 8.222.515 habitantes (censo de 1990), é a capital e o principal centro comercial. Outras cidades importantes de Xava son Surabaya (2.473.272 hab.), Bandung (2.056.915) e Semarang (1.249.230).

En Sumatra, atópase a cidade de Medan, a capital da provincia de Sumatra setentrional, cunha poboación (1990) de 1.730.052 habitantes, e Palembang, no sur, con 1.140.918 habitantes. Ujung Pandang (antiga Makasar), en Célebes, conta con 944.372 habitantes e Banjarmasin, en Borneo, con 480.737 habitantes.

A illa de Xava cun área de soamente 132.000 km², está habitada por 114 millóns de persoas o cal representa unha densidade de poboación de 864 persoas por quilómetro cadrado e convértea nun dos lugares máis densamente poboados do mundo. Se Xava fose un país independente, sería o segundo país máis denso do mundo, logo de Bangladesh.

Cultura[editar | editar a fonte]

Korwar de Irian Jaya

As formas de arte en Indonesia foron influenciadas por diversas culturas. As famosas danzas javanesas e balinesas, por exemplo, conteñen aspectos da cultura e mitoloxía hindú.

Tamén resultan coñecidas os espectáculos de teatro de sombras wayang kulit de Xava, onde se representan diversos eventos mitológicos.

No libro Max Havelaar, o autor holandés Multatuli criticou o trato holandés cara aos indonesios, o que lle outorgou atención en todo o mundo.

Relixión[editar | editar a fonte]

Aproximadamente un 80% da poboación indonesia profesa a relixión islámica, o que converte a Indonesia na maior nación musulmá do mundo. O 20% restante divídese entre católicos, protestantes, budistas e hinduístas. En números marxinais, sobre todo en zonas remotas de Borneo e a Papúa Indonesia, existen crenzas animistas.

Mapas e imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Member Countries" (en inglés). Publicado por "Like Minded Megadiverse Countries" (LMMC). http://www.lmmc.nic.in/index.php. Consultado o 13 de xaneiro de 2010.
  2. Tomascik, T.; Mah, J.A., Nontji, A., Moosa, M.K. (1996). The Ecology of the Indonesian Seas. Volume 1. Periplus Editions Ltd.. ISBN 962-593-078-7.
  3. Irfan Anshory (2004). "Asal Usut Nama Indonesia" (en indonesio). Rikiran Rakyat.com. Arquivado do orixinal o 9 de xaneiro de 2008. http://web.archive.org/web/20080109204601/http://www.pikiran-rakyat.com/cetak/0804/16/0802.htm. Consultado o 13 de xaneiro de 2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Indonesia

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]