Escudo de Rusia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo actual de Rusia.
Escudo de Armas sinxelo do Imperio ruso.
Escudo de Armas completo do Imperio ruso, 1882.

O escudo de Rusia ten as súas orixes no antigo Imperio Ruso, e foi restablecido despois da caída da Unión Soviética. A pesar de que sufriu varias modificacións dende o reinado de Iván III (1462-1505), como o cambio da cor da aguia de negro a ouro e a eliminación dos escudos dos territorios dominados por Rusia que rodeaban ó brasón central, o escudo actual deriva directamente das diferentes versións anteriores. O deseño cromático xeral corresponde ó do estandarte usado no século XV, e a forma da aguia remóntase á época de Pedro o Grande (Pedro I).

Consiste nun campo de goles cunha aguia bicéfala de ouro, coas ás despregadas. Sobre o seu peito atópase o escudo de Moscova, o cal tamén presenta un campo de goles onde se sitúa un xinete de prata cunha capa de azur, montado sobre un cabalo tamén de prata, matando coa súa lanza a un dragón de cor sabre. Tradicionalmente, o xinete representa a San Xurxo. A aguia sostén nas súas gadoupas un orbe e un cetro, e as súas testas están coroadas cada unha con coroas imperiais, e entre estas, sitúase outra meirande, unidas as tres por unha cinta.

Os dous maiores elementos representativos dos símbolos do Estado ruso (a aguia bicéfala e San Xurxo matando ó dragón) son anteriores a Pedro o Grande. O Selo de Estado de Iván III, Duque de Moscova, presentaba un xinete matando (ou loitando) a un dragón. A figura non foi identificada oficialmente como San Xurxo até 1730, cando foi descrito como tal nun decreto imperial. A forma antiga (un asasino de dragóns montado coñecido como San Xurxo o Vitorioso, en ruso Победоносец) sempre estivo asociada co Gran Ducado de Moscova, converténdose máis tarde no escudo de armas oficial da cidade de Moscova. A representación gráfica máis antiga dun xinete con lanza (1390) figura nun selo do príncipe Vasiliy Dmitriyevich. A serpe ou dragón foi engadida durante o mandato de Iván III. San Xurxo converteuse dende aquela no patrón de Moscova (e, por extensión, de Rusia).

Evolución histórica[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]