Krai de Krasnodar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O krai de Krasnodar (en ruso Краснодарский край) é un suxeito federal de Rusia, un krai, localizado no Distrito Federal Sur. Posúe un territorio de tamaño modesto, 76.000 km², sendo o número 23 na lista de territorios rusos ordenados pola súa extensión. Este krai é o máis poboado do Distrito Federal Sur e o terceiro máis poboado de Rusia. o seu centro administrativo é a cidade de Krasnodar.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Prados alpinos no raión de Apsheronsk.
Solpor no mar Negro, Gelendzhik.

O krai de Krasnodar arrodea a parte occidental da Ciscaucasia e parte das ladeiras setentrionais do Gran Cáucaso. As súas fronteiras, no sentido do reloxo desde o oeste, son Ucraína—da cal está separada polo estreito de Kerch e o mar de Azovóblast de Rostov de Rusia, krai de Stavropol e a República de Karacheyevo-Cherkesia e a República de Abkhazia, disidente do país de Xeorxia. O territorio deste krai, rodea a República de Adiguesia. A fronteira austral do krai de Krasnodar está formada polo que queda da costa do mar Negro de Rusia, co porto máis importante (Novorossiysk) e o balneario (Sochi) nesta parte do país.

Xeograficamente, a área está dividida en dúas partes polo río Kuban. A parte norte, designada moitas veces co nome Kuban, representa dous terzos da área do krai e está composta por chairas correspondentes á estepa póntica, e o terzo sur, historicamente coñecido como Circasia, é a extremidade occidental do sistema montañoso do Cáucaso (o pico máis alto é o Tsajvoa, 3345 m), dentro da ecorrexión do complexo forestal submediterráneo de Crimea.

O maior lago da rexión é o lago Abrau, na zona vinícola de Abrau-Djurso.

Clima[editar | editar a fonte]

Os dous terzos norte do territorio teñen un clima continental con invernos relativamente fríos (no 2006 rexistráronse -33.7 graos en Krasnodar) e veráns calorosos. Á beira do mar Negro, ao norte de Tuapse, ten un clima mediterráneo, e polo sur, un clima subtropical húmido.

Recursos naturais[editar | editar a fonte]

O territorio do krai de Krasnodar posúe numerosos recursos naturais. Concéntranse sobre todo nas zonas de montaña e nas súas abas. Atopáronse depósitos de petróleo, gas natural, marga, calcarios, area, grava, ferro, apatito e halita. O krai de Krasnodar foi a primeira rexión de Rusia en explotar os seus xacementos de petróleo. A extracción comezou en 1864.

Do mesmo modo, o krai posúe a máis importante reserva de auga doce subterránea de Europa, a cunca de Kuban-Azov, como tamén posúe reservas de augas termais e minerais.

A madeira constitúe outro importante recurso para o krai. O bosque recobre unha superficie de 18 000 km² e ten unha grande importancia ambiental. O carballo e a faia ocupan respectivamente o 49% e o 19% da superficie forestal.

Zona horaria[editar | editar a fonte]

RTZ2.png

O krai de Krasnodar localízase na Zona Horaria de Moscova (MSK/MSD). UTC +0300 (MSK)/+0400 (MSD).

Historia[editar | editar a fonte]

Antes da revolución de Outubro de 1917, a maior parte do territorio do krai de Krasnodar moderno era parte da óblast de Kuban, creada en 1860 nos terreos dominados pola hoste de Cosacos do Mar Negro, o sector occidental da liña de defensa fortificada do Cáucaso. A óblast de Kuban era o territorio da hoste dos cosacos do Kuban. En 1900, a óblast contaba con cerca de dous millóns de habitantes. En 1913, a óblast de Kuban ocupaba a segunda posición en Rusia en canto á produción de gran e a primeira en canto á produción de pan. Tamén se fomentou a industria activamente en canto á elaboración de produtos agrícolas e a industria química, favorecidas pola construción do ferrocarril. Tras varias reformas administrativas, o krai de Krasnodar foi establecido o 13 de setembro de 1937.

Demografía[editar | editar a fonte]

Vista de Sochi desde o mar Negro.
O Kubán, cerca de Ust-Labinsk.
Vista do litoral en Gelendzhik.
Lago Kardyvach e val do Mzymta, na cordilleira de Kutejeku, ókrug urbano da cidade de Sochi.

A poboación concéntrase na cunca do río Kuban, que tradicionalmente era terra dos cosacos . Os cosacos de Kuban hoxe en día son considerados como parte dunha etnia rusa, aínda que aínda son unha minoría importante cos seus dereitos nesta área. Outros grupos étnicos notables son os armenios (a maioría hamshenis cristiáns) que se estableceron alí desde o século XVIII.

Grupos étnicos[editar | editar a fonte]

O censo ruso do ano 2002 declaraba a existencia de 33 grupos étnicos de máis de 2.000 integrantes cada un, facendo deste Suxeito Federal un dos máis multiculturais de Rusia. Os habitante identificáronse como membros de máis de 140 grupos étnicos, que inclúen os seguintes:

Habitantes Grupo étnico Porcentaxe
4.418.715 rusos 86,2%
274.566 armenios 5,36%
131.774 ucraínos 2,57%
26.540 gregos 0,52%
26.260 bielorrusos 0,51%
25.575 tártaros 0,50%
20.225 xeorxianos 0,40%
18.469 alemáns 0,36%
17.542 cosacos 0,34%
15.821 adigueos 0,31%
13.496 turcos 0,26%
11.944 azarís 0,23%
10.873 romaneses 0,21%
6.537 moldavos 0,13%
5.022 kurdos 0,10%
4.835 mordovinos 0,10%
4.446 circasianos 0,09%
4.441 yazidi 0,09%
4.141 chuvasos 0,08%
4.133 osetios 0,08%
3.764 asirios 0,07%
3.752 lezguios 0,07%
3.425 udmurtos 0,07%
3.289 coreanos 0,06%
3.213 shapsugs 0,06%
3.138 búlgaros 0,06%
2.958 polacos 0,06%
2.945 xudeus 0,06%
2.857 chechenos 0,06%
2.723 maris 0,05%
2.609 tártaro-crimeos 0,05%
2.210 usbecos 0,04%
2.061 bashkires 0,04%

Un 0,26% dos habitantes declinou declarar a súa nacionalidade no cuestionario do censo.[1]

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

O krai de Krasnodar e as súas subdivisións (os números do mapa corresponden cos indicados á esquerda na lista de divisións).

O krai de Krasnodar está dividido en sete ókrugs urbanos e 37 raións:

  • Raións e os seus centros administrativos:

Principais localidades[editar | editar a fonte]

Principais cidades
Nome En ruso Poboación
(2010)
Krasnodar Краснодар 744.995
Sochi Сочи 343.334
Noworossijsk Новороссийск 241.952
Armawir Армавир 188.832
Jeisk Ейск 87.769
Kropotkin Кропоткин 80.765
Slaviansk-na-Kubani Славянск-на-Кубани 63.768
Tuapse Туапсе 63.233
Tikhoretsk Тихорецк 61.825

Economía[editar | editar a fonte]

En relación á realización na cidade de Sochi dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014, espéranse grandes investimentos en canto á infraestrutura na costa do mar Negro do krai de Krasnodar.

Destacan na estrutura do PIB do krai o transporte (16.2 %, fronte ao 8.2% de toda Rusia) e a agricultura (16 % contra 7.8 % en Rusia). O peso específico da industria en comparación coas porcentaxes medias da Federación é da metade (16 % respecto ao 33 % na Federación Rusa e o 23 % no Distrito Federal Sur.

A industria está centrada na transformación das producións locais. O sector alimenticio ocupa o 42,8 % do volume xeral da produción industrial; por detrás del van a industria electroenerxética (13.4 %), a produción de combustible (10,5 %), a enxeñaría mecánica e a industria metalúrxica (9,4 %) e a industria dos materiais de construción (7,9 %). Os sectores químico e da madeira representan un 3—4 % da produción industrial.

O turismo é un sector crecentemente importante no krai, tanto na costa como nas zonas de montaña e estepa. Sochi, Gelendzhik e Anapa son centros turísticos a nivel nacional. A nivel rexional son importantes neste sentido Tuapse, Yeisk e Goriachi Kliuch. Destacan, ademais o raión de Abinsk, o raión de Apsheronsk, o raión de Yeisk, o raión de Mostovskoi, o raión de Slaviansk, o raión de Temriuk e os arredores de Novorossisk.

Transporte[editar | editar a fonte]

O krai de Krasnodar conta con cinco aeroportos, operados por Basel Aero (Базэл Аэро). Os de Krasnodar, Anapa e Sochi son aeroportos internacionais. Gelendzhik e Yeisk son para voos nacionais.

Polo krai de Krasnodar pasan a estrada federal M4 Moscova-Novorossisk (parte da ruta europea E115), a autoestrada M29 Cáucaso (parte da ruta europea E50), a autoestrada M25 Novorossisk-estreito de Kerch (parte da ruta europea E97), a autoestrada M27 Dzhubga-fronteira con Abckhazia (parte da ruta europea E97) e as estradas A146, A148 e P253. Hai proxectos para construír unha ponte entre a península de Crimea e o krai, entre Ucraína e Rusia.

Os ferrocarrís da rexión son propiedade de RZhD e están vinculados ao ferrocarril do Cáucaso Norte. As liñas que pasan polo krai diríxense cara ao krai de Stavropol, Abckazia e Ucraína (por Crimea, mediante un ferry para trens).

As cidades portuarias no mar de Azov son Yeisk e Temriuk. No mar Negro atópanse Port Kavkaz, Taman, Anapa, Novorossisk, Gelendzhik, Tuapse e Sochi.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (XLS) National Composition of Population for Regions of the Russian Federation. 2002 Russian All-Population Census. 2002. http://www.perepis2002.ru/ct/doc/English/4-2.xls. Consultado o 27 de maio de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Krai de Krasnodar