Adiguesia
A República de Adiguesia (Республика Адыгея en ruso; Адыгэ Республик en adigueo) é un suxeito federal (unidade administrativa) da Federación Rusa, unha república enclavada dentro do krai de Krasnodar. O nome da república también se pode escribir como Adigueia, Adygeya, Adygueya, Adigueya, Adygea ou Adyghea.
A República de Adiguesia está situada nas montañas do norte do Cáucaso, descendendo cara á fértil chaira do Kuban. A súa extensión é de 7.800 km² e a súa poboación é de 440.327 habitantes (2011). Os principais grupos étnicos na actualidade son o adigueo e o ruso. A república está organizada en 2 cidades, 7 distritos, 5 comunidades urbanas e 55 distritos rurais. A capital da república é Maikop e as principais cidades ou asentamentos de tipo urbano son Adygueisk, Enem e Yablonovski. Os ríos Kuban, Laba, Belaya e o conxunto de Adiguesia forman parte importante da tradición histórica da república que formaba parte da Gran ruta da seda cara a Asia, durante a Idade Media. A cultura de Maikop, estudada polos arqueólogos, representa o legado prehistórico da zona.
Os adigueos, que lle dan o nome á república, son os habitantes máis antigos do nordeste do Cáucaso e foron coñecidos en Europa como os circasianos a partir do século XIII. O circasiano (occidental) é idioma oficial da república (canda o ruso), e forma parte do grupo abkhazo-adigueo das linguas do Cáucaso.
Índice |
Xeografía [editar]
A república de Adiguesia está no sueste de Europa, nas vertentes setentrionais do Gran Cáucaso, que cruzan a república polo sur, e nas chairas aluviais do Kuban. O 40 % do seu territorio está cuberto de bosque temperado de caducifolios (faia, carballo, carpe, pradairo).
O territorio encóntrase sucado de ríos da cunca do Kuban, río que debuxa co seu curso parte da fronteira setentrional da república co veciño krai de Krasnodar. Entre eles cabe destacar:
- O río Belaya.
- O río Chojrak.
- O río Daj.
- O río Fars.
- O río Jodz.
- O río Kisha.
- O río Laba (que forma parte da fronteira oriental da república).
- O río Psekups.
- O río Pshish.
- O río Sajrai.
- O río Kurdzhips.
Non existen na república lagos de importancia, aínda que si que existen varios embalses a destacar: o embalse de Krasnodar (a parte que queda semiillada antes da desembocadura do Belaya chámase Tshiski, era un embalse previo), o embalse Shapsug, o embalse de Oktiabrski e o de Shendzhi.
A república é atravesada na súa zona meridional polo Gran Cáucaso, polo que se encontran nesta zona varios picos de importancia: o monte Chugush (3.238 m.), o monte Fisht (2.868 m.), o monte Oshten, o monte Pseashjo e o monte Shepsi.
División administrativa [editar]
1.Cidade de Maikop.
2.Cidade de Adygeisk.
3.Raión de Guiaguinskaya.
4.Raión de Koshejabl
5.Raión de Krasnogvardeiskoye
6.Raión de Maikop
7.Raión de Tajtamukai
8.Raión de Teuchezh
9.Raión de Shovgenovski.
Divídese en 2 ókrug urbanos (Maikop e Adygeisk) e 7 raións:
- Raión de Guiaguinskaya
- Raión de Koshejabl
- Raión de Krasnogvardeiskoye
- Raión de Maikop
- Raión de Tajtamukai
- Raión de Teuchezh
- Raión de Shovguenovski
Principais localidades (2010) [editar]
- Maikop: 144.249 hab.
- Yablonovski: 25.500 hab.
- Enem: 18.200 hab.
- Guiaguinskaya: 15.000 hab. (2008)
- Adygeisk: 12.200 hab.
- Janskaya: 11.100 hab. (2008)
- Tulski: 10.600 hab.
- Krasnogvardeiskoye: 9.000 hab. (2008)
- Koshejabl: 7.700 hab. (2008)
- Kamennomostski: 7.500 hab.
- Dondukovskaya: 6.500 hab. (2008)
- Krasnooktiabrski: 5.400 hab. (2008)
- Tajtamukai: 5.200 hab. (2008)
Historia [editar]
O territorio formaba parte da antiga Circasia até que foi incorporado a Rusia en 1864. Isto provocou emigración cara ao Imperio otomán de numerosos circasianos e a colonización por parte de poboación rusa. Os que se quedaron asentáronse nas chairas da beira esquerda do Kubán.
En maio de 1917 ambas etnias uníronse na "Alianza do Cáucaso Setentrional e Daguestán", reuníndose un Comité Central en Vladikavkaz. Non obstante, o país sería campo de batalla entre os menxeviques xeorxianos, os rusos brancos de Aleksandr Kolchak e os bolxeviques. O 15 de decembro constituíse en república laica e en maio de 1918 proclamouse independente.
En 1919-1920, os cabardianos e algúns adigueos uníronse á revolta de Uzun Hadji, pero os cosacos do Terek deron apoio a Anton Denikin, que asolou o país. Os exiliados apoiaron a Unión de Repúblicas do Cáucaso, creada en París o 10 de xuño de 1921, pero Iosif Stalin creou no interior, en agosto de 1921, a Federación de Repúblicas do Cáucaso ou Gorskaya ASSR, da que formarían parte os cabardianos e os "circasianos do alto Kuban", mentres que os do baixo Kubán pasaron a territorio de Krasnodar.
O 27 de xullo de 1922 foi creado a óblast autónoma Cherquesa dentro da República Socialista Federativa Soviética de Rusia, nos territorios da óblast de Kuban-Mar Negro. O 24 de agosto o seu nome mudou a Óblast Autónoma Adiguea Cherquesa. O 17 de outubro de 1924 foi transferida ao recentemente creado krai do Cáucaso Norte.
Foi renomeado como Óblast Autónoma Adiguea en xullo de 1928. O 10 de xaneiro de 1934 foi separada do krai do Cáucaso Norte ao crearse o krai de Azov-Mar Negro, no que se incluíu. En 1936, Maikop foi declarada centro administrativo da óblast autónoma, co que se ampliou o seu territorio. En 1962 incluíuse o actual raión de Maikop. A óblast foi incluído na krai de Krasnodar ao crearse este o 13 de setembro de 1937.
O 3 de xullo de 1991 foille concedido o status de república socialista soviética e a partir do 24 de marzo de 1992 converteuse na República de Adiguesia.
Política [editar]
Adiguesia converteuse nunha república da Federación Rusa en 1991. O seu primeiro presidente foi Aslan Alievich Dzharimov. A constitución da república foi adoptada en maio de 1995 e está baseada en principios fundamentais de pertenza voluntaria á Federación Rusa, a preservación da unidade e integridade do país, a defensa dos intereses dos diferentes grupos de poboación da república, e a paz e a harmonía das diferentes etnias de Adiguesia.
O xefe de goberno en Adiguesia é o Xefe (chamado Presidente até maio de 2011), quen é nomeado para un período de cinco anos. O dominio da lingua adiguea é un requisito previo para o candidato.[1]
O Xefe en 2011, Aslan Tjakushinov (desde o 13 de xaneiro de 2007), sucedeu a Hazret Sovmen, nomeado por Vladimir Putin, aínda que unicamente lograra o 2% dos votos en 2002. Non obstante, existe tamén un Consello de Estado (Jase) elixido directamente. A república envía tres representantes ao parlamento da Federación Rusa, un á Duma Estatal e dous ao Consello da Federación.
Composición étnica (2002) [editar]
A poboación da república está composta polos seguintes grupos étnicos:
- rusos: 64.5 %
- adigueos: 24.2 %
- armenios: 3.4 %
- ucraínos: 2 %
- O 5.9 % restante está composto principalmente por kurdos, tártaros, bielorrusos, xitanos, gregos, azerís, alemáns, chechenos, etc.
Relixión [editar]
A maioría da poboación é cristiá ortodoxa, arredor do 70 %. O 25 % son musulmáns, entre eles a maioría dos adigueos, que son sunnitas.
Educación e cultura [editar]
O adigueo (Adyghabze) é un dos membros do grupo das linguas caucásicas do noroeste. É idioma oficial da república canda o ruso.
Hai 8 museos estatais e 23 públicos na república. O maior deles é o Museo Nacional da República de Adiguesia en Maikop.
A Universidade Estatal Adiguea e a Universidade Tecnolóxica Estatal Adiguea, ambas en Maikop, son as dúas entidades de educación máis importantes de Adiguesia.
Economía [editar]
A agricultura é o principal recurso económico (xirasol e tabaco), ademais do sector das manufacturas. Maikop é un centro industrial, destaca a industria alimentaria, principalmente, muíños de gran e aceite. Non obstante, as principais industrias da rexión atópanse no veciño Krasnodar (ferramentas, instrumentos de precisión, compresores e refinería de petróleo). En canto aos recursos naturais, cabe destacar as súas reservas de petróleo e gas natural. Tamén son importantes os depósitos de ouro, prata, ferro e tungsteno.
Transporte [editar]
A rede ferroviaria entre Armavir e Sochi pasa ao norte de Maikop. Á altura de Belorechensk, no veciño krai de Krasnodar, nace un ramal que se dirixe a Maikop e Kamennomostski (estación Jadzhoj). A liña que une Krasnodar e Crimea atravesa a sección noroeste da república por Yablonovski e Enem.
Hai un pequeno aeroporto en Maikop (código ICAO: UKRM) e un en Enem (URKS).
Personalidades [editar]
- Kirimize Jadzhemusovich Zhane (1919-1983), novelista e poeta adigué e soviético.
- Tembot Magometovich Kerashov, escritor adigué, galardoado co Premio Estatal da URSS.
- Asia Aslanovna Yeutyj (1962-), ourive.
Notas [editar]
- ↑ Казенин, Константин (2009) (en ruso). «ТИХИЕ» КОНФЛИКТЫ НА СЕВЕРНОМ КАВКАЗЕ. Moscova: Regnum. pp. 17. ISBN 9785911500306.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Páxina oficial da República de Adiguesia
- Estatísticas demográficas de Adiguesia (en ruso)
- Páxina Oficial da Universidade Estatal de Adiguesia. (en ruso)
- Páxina Oficial da Universidade Estatal de Adiguesia. (en ruso)
- Páxina Oficial del Museo Nacional de Adiguesia. (en ruso)
- Natureza de Adigueya (en inglés)
- Sitio web de noticias sobre Adigeya (en ruso)