Xosé María Álvarez Blázquez

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Fotografía de Xosé María Álvarez Blázquez feita por Celso Álvarez Cáccamo.
Fonte: http://www.udc.es/dep/lx/cac/xmab/fotografias.htm, páxina dedicada a Álvarez Blázquez por Celso Álvarez Cáccamo.

Xosé María Álvarez Blázquez, nado en Tui o 5 de febreiro de 1915 e finado en Vigo o 2 de marzo de 1985, foi un escritor galego de poesía, narrativa e ensaio, arqueólogo, investigador e editor galeguista. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 2008.

Índice

[editar] Traxectoria

Xosé María Álvarez Blázquez pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio Álvarez Blázquez. O encarceramento e posterior fusilamento do seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses, o 30 de outubro de 1936 por parte das forzas golpistas contra a II República, marcárano de por vida (como ao resto dos seus irmáns, Darío, Celso, Alfonso, Emilio e Álvaro), sendo sancionado en 1937 polo goberno de Franco coa suspensión de emprego e soldo como mestre da escola de Coia (onde nunca chegou a exercer) e co traslado á de Coreses, en Zamora. Estudara o bacharelato en Tui e maxisterio en Pontevedra.

É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, cunha grande actividade que chega dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación como arqueólogo e a súa tarefa como editor e galeguista, militando na Federación de Mocedades Galeguistas e no Partido Galeguista.

É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa.

Placa de homenaxe na vivenda onde residiu Xosé María Álvarez Blázquez, na Gran Vía viguesa.

En 1950 fundou con Luís Viñas Cortegoso a Editorial Monterrey. En 1962 ingresou na Real Academia Galega. En 1964 fundou, xunto aos seus irmáns Álvaro e Emilo Edicións Castrelos, da que foi director xerente, e na que destacan a súa colección O Moucho, de libros do pobo pra o pobo, uns libriños de baixo prezo e gran difusión que marcaron época nos anos 60 e 70 do pasado século que contaron con unha grande aceptación por parte dos lectores, como destaca as reedicións d'O catecismo do labrego (de Valentín Lamas Carvajal). Neste mesmo ano de 1964 recibiu o premio Club de Ribadavia. En 1967 é premio Noriega Varela. En 1968 é premio das Letras da Deputación Provincial da Coruña, e nese mesmo ano volve á ensinanza como mestre no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo, do que se xubilaría en 1983. Foi cronista oficial da cidade de Vigo.

Canto á súa actividade no estudo da arqueoloxía, foi membro do Padroado do Museo Municipal de Vigo. Participou no descubrimento de laudas sepulcrais da época romana en Vigo e das industrias paleolíticas do Baixo Miño e das Gándaras de Budiño. Así mesmo, tamén foi copartícipe das seguintes descubertas: unha fábrica romana para a elaboración de aceite de oliva en Teis (Pontevedra), unha cisterna con enxoval funerario da época do bronce en Atios (Pontevedra), etc.

Na investigación literaria descubriu a égloga Belmiro e Benigno de Nicomedes Pastor Díaz, e realizou contribucións á época chamada da Decadencia (Escolma de Poesía Galega t. II), con investigacións que alcanzan ao teatro, as panxoliñas, a poesía lírica, a prosa político-social, a poesía panfletaria, o romanceiro, etc., da citada época.

Xosé María Álvarez Blázquez colaborou en diversos medios (BBC de Londres, Radio Vigo, prensa de Galiza, Portugal e América, etc.) e pronunciou moitas conferencias en España e no mundo. Algúns dos seus poemas teñen sido musicados polos mestres Freitas Branco, Rodolfo Halffter, Groba Groba e Ignacio Iglesias. Mostras da súa obra poética figuran en antoloxías de Enrique de Arcoaga, Varela Jácome, Fernández del Riego, González Alegre, etc. A súa novela En el pueblo hay caras nuevas foi traducida ao francés (Nogent-sur-Marne, 1969).

Os seus fillos Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo, escritores os tres, advirten que a figura do seu pai ten máis relevancia na historia cultural recente de Galiza que o lugar que ocupa na historiografía. Os tres coinciden en sinalar que «a súa actitude modesta marcou o seu desinterese por figurar».

[editar] Obras

[editar] Narrativa

  • Os ruíns, 1936 (relatos)
  • El crimen de la isla verde, 1941
  • En el pueblo hay caras nuevas, 1945 (novela en castelán, finalista do Premio Nadal)
  • Una cabaña en el cielo, 1952
  • Las estatuas no hablan, 1955
  • Crecen las aguas, 1956
  • A pega rabilonga e outras historias de tesouros, 1971 (narrativa infantil)

[editar] Poesía

[editar] Ensaio

  • El libro del por qué?, 1945
  • Arquitectura rural gallega. Un plano de Fray Manuel Caeiro, 1948
  • Industria paleolítica de la comarca de Tuy, 1949
  • Vigo, 1950
  • Romerías gallegas, 1951
  • Poesías galegas de Nicomedes Pastor Díaz, 1951
  • O vencello espiritual dos Fisterres Atlánticos, 1951
  • Industrias paleolíticas do Baixo Miño, 1952
  • Escolma de poesía galega I: Escola medieval galego-portuguesa, 1952
  • Hallazgo de estelas funerarias en Vigo, 1955
  • Galería de gallegos Ilustres, 1956
  • Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX, 1959
  • O libro na tradición popular galega, 1963
  • Gil Vicente e Galicia: o conto das dúas lousas, 1964
  • Escolma de poesía medieval, 1975
  • Os nomes da terra, 1976 (baixo o pseudónimo de Celso de Baión)
  • Alexandre Bóveda. Apunte biográfico, 1982 (non distribuído ata 1992)
  • Luís Amado Carballo. Vida e obra, 1982

[editar] Teatro

  • El zapato de cristal, 1947
  • Los pazos altivos, 1947

[editar] Premios

  • Finalista do premio Nadal en 1945, coa novela En el pueblo hay caras nuevas.
  • Premio Historia dos Xogos Florais de Vigo (1950).
  • Primeiro premio de poesía no Concurso dentro de Fillos de Vigo (1954).
  • Premio Pondal de poesía do CEBA (1954).
  • Premio Peréz Galdós de novela (1955).
  • Premio Biografía da Asociación da Prensa de Vigo (1958).
  • Premio Ramón Mourente (1960).
  • Premio Valle Inclán nos Xogos Florais Minho-Galaicos (1960).
  • Premio de novela López Cuevillas no I Certame Literario do Miño celebrado en Lugo (1960).
  • Premio especial Blas Agra sobre a historia do periodismo vigués (1960).
  • Premio Álvares García de biografía (1961).
  • Premio Josefina de Lema (1961).
  • Premio Enrique Lorenzo Docampo (1962).
  • Premio Club de Ribadavia (1964).
  • Premio Noriega Varela (1967).
  • Premio das Letras da Deputación Provincial da Coruña (1968).
  • Premio Cidade de Vigo (1971).
  • Pedrón de Ouro (1977).

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Outras linguas