Federación de Mocedades Galeguistas
A Federación de Mocedades Galeguistas foi a organización xuvenil do Partido Galeguista, que se constituíu en xaneiro de 1934, agrupando a diferentes mocidades galeguistas locais que se formaran dende 1932. Contaba con arredor de 1.000 afiliados, tiña como órgano de expresión Guieiro, e entre os seus dirixentes estiveron Xaime Illa Couto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo ou Ramón Piñeiro.
Dentro da FMG o independentismo contou con moita máis aceptación que entre o PG e así na súa III Asemblea (maio de 1936) 331 membros votaron polo arredismo e 439 en contra. Tamén se decidiu nesta asemblea mudarlle o nome á organización, pasando a denominarse Federación de Mocedades Nacionalistas.
Índice |
Historia [editar]
As mocedades galeguistas locais estaban vencellas ás agrupacións locais do Partido Galeguista pero apenas mantiñan contactos entre si. Foi Xaime Illa Couto, o secretario xeral da Mocedade Galeguista de Vigo, o primeiro que fixo un chamamento para constituír unha Unión de Mocedades Galeguistas nun escrito aparecido en setembro de 1933 e do que se fixo eco A Nosa Terra, ao pouco tempo recibiu o apoio do resto das mocedades galeguistas espalladas polo país, a constitución formal foi coincidindo coa III Asemblea do Partido Galeguista en Ourense, o 13 de xaneiro de 1934.
A primeira Asemblea celebrouse en maio en Ourense, nela resultou elixido Francisco Fernández del Riego o seu secretario xeral. Xaime Illa Couto, Xosé Luís Fontenla Méndez e Xoán Lois Ramos Colemán completaban a Secretaría Executiva. A II Asemblea tamén se celebrou en Ourense en abril de 1935, Xosé Velo pasou a ser o secretario xeral. Celso Emilio Ferreiro, Vicente Bóveda e Xosé Nogueiras completaban o directorio da organización, durante a súa dirección celebrouse o que foi a concentración máis numerosa das organizada pola FMG, celebrada en Celanova o 13 de outubro de 1935 e á que segundo o órgano da FMG, Guieiro, asistiron 4000 persoas. Na III Asemblea celebrada en maio de 1936 apróbanse uns novos Estatutos pero a Guerra Civil española impediu que se elixira a nova dirección.
Estrutura orgánica [editar]
O máximo órgano da FMG era a Asemblea Xeral (denominada Asemblea Nacional nos Estatutos de 1936) que se celebraba cada ano, era a encargada de elaborar o programa da organización e elixir os membros do Consello Nacional, que era o órgano directivo e o responsable de executar os acordos da Asemblea, tamén tiña a competencia para designar o representante da FMG no Consello do Partido Galeguista. A Secretaría Executiva era o órgano de goberno da FMG, compúñase de catro secretarios: Secretario Xeral, Secretario de Organización, Secretario Técnico e Secretario de Propaganda. Nos Estatutos de 1936 o Consello Nacional a Secretaría Executiva vanse unir nun só órgano, o Consello Executivo Nacional conformado polos sete secretarios xerais de cada unha das zonas nas que a FMG dividira Galicia.
As Mocedades Galeguistas de Bos Aires [editar]
O 22 de agosto de 1953 constituíronse en Bos Aires as Mocedades Galeguistas como "filial xuvenil da Irmandade Galega de Bos Aires" co obxectivo de retomar o ideario que guiara á Federación de Mocedades Galeguistas en Galicia. Entre os fundadores figuraban Xosé Neira Vilas, Vidal Pérez Graña, Carlos Abraira Cela, Antón Santamarina Delgado, Pilar Jeremías Cela, Denis Conles Tizado, Antón Moreda e Manuel Cordeiro Monteagudo.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Rojo, Arximiro (1987). As Mocedades Galeguistas (Historia dun compromiso). Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-579-9.