Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, en Santiago de Compostela.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento é unha institución cultural, constituída o 16 de febreiro de 1944 en Santiago de Compostela, especializada actualmente en estudos científicos sobre arqueoloxía e historia, nomeado en honor ó Padre Sarmiento.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1923 un grupo de universitarios preocupados pola falta de estudos sobre Galiza fundaron o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Esta institución multidisciplinar e punteira realizou estudos e divulgacións sobre o patrimonio cultural galego, mais a Guerra Civil e o posterior réxime franquista acabou con todos os proxectos.

No ano 1944 créase un instituto chamado Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, adscrito ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e que dalgún xeito era herdeiro daquel pioneiro SEG. Este novo instituto reuniu na xuntanza fundacional a maioría dos intelectuais que sobreviviron á guerra: Francisco Javier Sánchez Cantón, Fermín Bouza Brey, Paulino Pedret Casado, Jesús Carro García, Abelardo Moralejo Laso e Felipe Ramón Cordero Carrete (primeiro secretario da institución) ; pouco tempo despois tamén se integran Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino Cuevillas. Outros colaboradores nas primeiras etapas tamén foron Antón Fraguas, Xesús Ferro Couselo, Couceiro Freijomil, Xesús Taboada Chivite e Aquilino Iglesia Alvariño, entre outros.

O novo Instituto mantivo nos seus primeiros anos a estrutura en dez seccións: Arqueoloxía, Etnografía, Xeografía, Prehistoria, Historia, Filoloxía, Literatura, Arte, Estudos Composteláns e Peregrinacións e Bibliografía e Publicacións. Ademais, a institución recolleu a parte dos fondos sobreviventes do SEG, feito que creou certa polémica nalgúns sectores do galeguismo ao consideraren que o IEG Padre Sarmiento era unha institución franquista e non era herdeira do antigo SEG. A ditadura non lle permitiu usar a lingua galega ao novo instituto até a década de 1960, e a partir desta data empregouno de maneira ocasional. O primeiro director do IEG Padre Sarmiento foi Francisco Javier Sánchez Cantón.

O IEG Padre Sarmiento mantivo unha actividade salientábel até aproximadamente 1975. Nesta primeira etapa realizáronse catálogos de castros, análises da romanización de Galiza, estudos de cancioneiros medievais galego-portugueses e tamén a elaboración dunha extensa bibliografía de Galiza. Nos anos oitenta houbo unha etapa de crise no IEG, con menor actividade. Mais a partir de 1994 hai un novo rexurdir, producíndose tamén unha mudanza como director, asumindo este cargo Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. O instituto volve a centrarse especialmente na investigación, e no ano 2000 o Padre Sarmiento reconvértese nun centro mixto entre a Xunta de Galicia e o CSIC. O IEG Padre Sarmiento especializouse nos últimos anos principalmente en arqueoloxía e historia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]