Teis, Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teis
Igrexa parroquial de San Salvador de Teis.[1]
ConcelloVigo[2]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°15′18″N 8°40′56″O / 42.255, -8.6822222222222Coordenadas: 42°15′18″N 8°40′56″O / 42.255, -8.6822222222222
Poboación2.227 hab. (2022)
Entidades de poboación41[2]
editar datos en Wikidata ]

San Salvador de Teis é unha parroquia do concello de Vigo, cuxa parte meridional forma parte do núcleo urbano. Segundo o IGE,[3] en 2022 tiña 2.227 habitantes (1.121 homes e 1.106 mulleres). Limita coas parroquias de Candeán, San Paio e a cidade de Vigo e pertence ó arciprestado de Vigo-Teis.

Entidades de poboación[editar | editar a fonte]

Ten 6 entidades de poboación (A Mouta, A Paradela, O Paraixal, A Presa, O Pugariño, e Rorís) e 35 lugares (Arnela, Cacharela, A Calzada, Cancelo, Os Caños, A Chumba, As Coutadas, O Espiñeiro, A Ferreira, As Flores, Foxos, Frián, A Guía, Guixar, A Igrexa, A Lagoa, O Laranxo, Maceiras, O Montecelo, A Oliveira, Padín, Poulo, A Punta, A Ribeira, Ríos, A Rotea, Santa Trega, Tizón, Tobel, O Toural, Trapa, Travesán, O Troncal, Valbarda e A Xorxa).

Está situada nas abas do monte da Guía e do monte da Madroa.

Historia[editar | editar a fonte]

Petróglifo en Teis (Gondesende).

No barrio de Teis atopáronse restos paleolíticos (bifaces) que datan a presenza de grupos de colleitadores e cazadores na zona. Tamén foron achados restos neolíticos (petróglifos datados no calcolítico). Non obstante, descoñécese exactamente cando se asentou permanentemente a poboación no lugar. Sábese de asentamentos castrexos (romanizados coma o da Guía) e romanos no barrio. Durante a década de 1950 atopáronse restos romanos, entre os que salienta unha prensa de aceite que probablemente pertencía a unha vila romana, localizada precisamente nun lugar chamado hoxe en día a Oliveira. Os primeiros datos históricos conservados son de 1145 d.C.

Guixar.

Nos séculos XVI e XVII, Teis vivía baixo o señorío de Pedro Fernández de Castro e Andrade, conde de Lemos. No século XIX pasaría ó Cabido de Tui.

Rúa Sanjurjo Badía.

Orixinariamente, Teis foi un barrio de pescadores localizado en Guixar. Pronto o lugar foi ocupado por estaleiros de barcos de madeira e outras manufacturas do mar. Aínda hoxe, malia o avance dos edificios, poden atoparse loxas derruídas onde se acubillaban aqueles estaleiros. Son casas e obradoiros construídos durante os séculos XVIII e XIX. Teis sufriu o embate da frota do pirata Drake no século XVI e foi asolado.

Instalación feita en 2007, no Troncal.

Dende o foco de Guixar, Teis estendeuse rapidamente pola faldra do monte da Madroa. Progresivamente, Teis foi abranguido por Vigo, perdendo toda posibilidade de crecemento autónomo. Converteuse axiña nunha barriada obreira e mariñeira. Durante o crecemento da cidade de Vigo ó longo dos séculos XIX e XX, Teis foi o barrio ó que acudían en aluvión os emigrantes procedentes maioritariamente de Ourense e, en menor medida, de León, que chegaban á cidade. Así, por exemplo, en 1914 construíuse o tranvía que unía Teis e Chapela con Vigo, co obxectivo declarado de transportar os traballadores ata Vigo.

Praza de abastos.

No século XX a franxa litoral de Teis foi invadida polos estaleiros, entre os que cabe salientar Vulcano, aberto en 1940 e dedicado principalmente á construción de buques pesqueiros, e Ascón (Astilleros y Construcciones), no lugar de Ríos, empresa fundada en 1969 e cuxo peche foi decretado polo Goberno de Felipe González (PSOE) en 1984, en plena crise do sector naval. Nas súas instalacións xurdiu o estaleiro Rodman, hoxe en actividade.

Centro Sociocomunitario.

A mediados do século XX naceu, na aba do monte da Guía, o arrabalde marxinal de Wichita, no Espiñeiro.

Durante un breve período no ano 1936, Teis acadou a condición de concello, segregándose do concello de Lavadores. Non obstante, a finais de 1936 foi restituído a Lavadores. Precisamente, Teis, xunto a Lavadores, foron os derradeiros redutos de resistencia ao golpe de estado de 1936, o cal orixinou en ambos barrios unha forte represión que duraría toda a guerra e gran parte da posguerra. A progresiva proletarización do barrio converteuno en foco das loitas obreiras contra o franquismo. Acosado pola crise de petróleo de 1972 e polo previsible fin do franquismo, xurdiron diversas organizacións de xénese marxista-leninista que se enfrontaron ao réxime. Os GRAPO, Organización Obreira (OO) e outros sindicatos ilegais contaban con afiliados no barrio e influían poderosamente sobre os traballadores do metal. Algúns dos militantes clandestinos, coma Moncho Reboiras, Abelardo Collazo e o seu irmán Anxo, Alonso Riveiro ou Xosé González (Pepiño), vivían ou traballaban en Teis. Abelardo Collazo e Alejandro López Vilas crearon a Asociación Cultural de Teis por eses anos. Neste cadro de contestación social e política constitúese en 1976 a Asociación de Veciños de Teis, sendo a primeira asociación veciñal de Vigo legalmente establecida.

Auditorio municipal de Teis.

Coa chegada da restitución democrática, a loita obreira devalou no seu sentido político. Así e todo, continuou a conflitividade laboral. Os estaleiros de Vigo, e entre eles, Vulcano e Ascón, sufriron unha dura reconversión ordenada en 1982 polo goberno dirixido polo PSOE. As protestas e manifestacións repetíronse no barrio durante anos. Finalmente, pouco se conseguiu e os estaleiros de Teis foron practicamente desartellados.

ETEA.

Todas estas reivindicacións, tanto durante o franquismo como durante a restauración borbónica, crearon no ánimo dos habitantes de Teis o convencemento de seren un barrio marxinado e esquecido, no que abondaban instalacións perigosas como os depósitos da CAMPSA, en Guixar, ou enclaves como os extensos terreos ocupados pola Armada española na Escuela de Transmisiones y electricidad de la Armada (ETEA) ó tempo que existía unha manifesta carencia de servizos e instalacións públicas. Esta soterrada conflitividade estoupou violentamente cando o concello de Vigo, presidido por Carlos González Príncipe (PSOE), ordenou, en contra do parecer dos veciños, a instalación dunha planta compactadora de lixo no peirao de Guixar. Era 1994, e pronto o conflito converteuse nunha revolta veciñal que se prolongou durante meses e que provocou unha forte represión policial, que espertou nos veciños o recordo dos peores tempos. Finalmente, a revolta desgastou o prestixio do PSOE local e trouxo o goberno municipal do PP, partido que prometeu retirar a planta compactadora. Esta promesa nunca se cumpriu.

Fonte da Fenosa.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Trátase dun dos barrios históricos de Vigo. Teis alóngase dende o comezo da rúa Sanjurjo Badía ata a parroquia redondelá de Chapela de oeste a leste e dende a beiramar, en Guixar, ata a Travesía de Vigo de norte a sur. O barrio de Teis espállase por uns 5,80 quilómetros cadrados costeiros e ten unha poboación duns 25.000 habitantes. É un dos barrios vigueses máis densamente poboados.

O barrio artellouse arredor do mercado de abastos, situado no lugar do Toural. Consta dun casco urbano antigo practicamente desaparecido e unha aglomeración urbana caótica e desordenada arredor da avenida Sanjurjo Badía, que divide o barrio en dúas metades. A súa orografía é ben complicada e está atrapado entre a beiramar e o voluminoso monte da Madroa. O barrio, deitado nesta estreita franxa, presenta un elevado desnivel, pois pasa do nivel do mar aos 350 metros de altitude da Madroa en escasos quilómetros. O monte da Guía, que descende ata o mar, ten 100 metros de altura.

Infraestruturas e urbanismo[editar | editar a fonte]

Malia estar plenamente integrada no casco urbano da cidade máis populosa de Galicia, Teis conserva trazos dunha distante orixe rural e mariñeira. A carón de modernas edificacións e de vías públicas tan importantes no territorio, como as liñas férreas e as autoestradas AP-9 e Rande-Puxeiros, conviven vivendas unifamiliares, minúsculas explotacións agrarias, leiras e hortas, chalés e descampados. A zona de Guixar, por exemplo, non tiña sumidoiros ata finais da década de 1990. Ademais o barrio, principalmente a rúa Sanjurjo Badía, sofre un intenso tráfico, tanto de turismos coma de camións, por ser ruta cara a Pontevedra así como a situación de zonas industriais na súa costa. Sanjurjo Badía está considerada unha das rúas máis ruidosas, por mor do tráfico rodado, tanto de Galicia como de España.[Cómpre referencia]

Teis na literatura galega[editar | editar a fonte]

Xosé Luís Méndez Ferrín sitúa ao seu heterónimo Dosinda Areses, veterana galeguista fundadora da UPG, en Espiñeiro. As crónicas de Dosinda Areses, asinadas en Teis, foron publicadas entre 1979 e 1983 en El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes e A Nosa Terra, sendo compiladas por Xerais en 1998.

O Teis dos anos 70 e 80 do século XX é escenario e protagonista da novela publicada en 2004 por Galaxia, Xeración Perdida, de Francisco Castro.

Teis e a Igrexa Católica[editar | editar a fonte]

Teis pertence a diocese de Tui-Vigo e ao arciprestado de Vigo-Teis. De feito, en Teis está situada a sé do Bispado, concretamente, na rúa Doutor Corbal. A parte, Teis ten algúns dos templos máis interesantes de Vigo. Entre eles, destacan a ermida da Nosa Señora das Neves, un pequeno templo proxectado por Manuel Gómez Román en 1951 e erixido no curuto do monte da Guía, e a igrexa da Nosa Señora das Neves, da que depende a ermida. Esta igrexa organicista de 1968 é obra do arquitecto galego Xosé Bar Boo sendo un magnífico exemplo da arquitectura funcional.

No barrio atópanse tamén as parroquias de Santo Ignacio de Loyola, a de Santo Cura de Ars, de recente construción, ou a de San Francisco Xavier. Destaca igualmente o mosteiro das Salesas Reais, sorprendente obra do arquitecto Antonio Palacios. Camiño de Chapela, encóntrase o fogar dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres, que naceu en 1967 e acolle a vagabundos e marxinados.

Espazos naturais[editar | editar a fonte]

Teis tamén ten áreas verdes moi importantes e, nalgún caso, conservadas nun estado semisalvaxe. No barrio poden visitarse a centenaria carballeira da Guía, o parque da Riouxa, deseñado polo arquitecto Ricardo Bofill, o parque da Madroa cun inmenso piñeiral e exemplos de sobreiras, carballos, bidueiros, castiñeiros etc. Teis tamén ten algúns dos miradoiros máis fermosos sobre a ría de Vigo, como o da ermida do monte da Guía, o faro situado no mesmo monte ou o monte da Madroa.

En cambio, o litoral de Teis está moi deteriorado. Dende mediados da década de 1990 diversos colectivos, entre eles a Asociación de Veciños do barrio, reivindican a recuperación e conservación dos escasos areais que aínda perduran. O resto de litoral de Teis xace baixo recheos e peiraos, principalmente o peirao de Guixar, construído a finais da década de 1980 e actualmente infrautilizado. En 2005 o litoral de Teis sufriu unha importante agresión cos aterramentos ilegais e construción, coa oposición de boa parte da veciñanza,[Cómpre referencia] dun macroporto deportivo na Lagoa promovido pola Autoridade Portuaria. A máis sonada praia do barrio, A Punta, fora xa alterada na súa morfoloxía, a finais de 1990, logo da controvertida construción dun paseo marítimo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Teis[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Teis no concello de Vigo (Pontevedra)

Arnela | Cacharela | A Calzada | Cancelo | Os Caños | A Chumba | As Coutadas | O Espiñeiro | A Ferreira | As Flores | Foxos | Frián | A Guía | Guixar | A Igrexa | A Lagoa | O Laranxo | Maceiras | O Montecelo | A Mouta | A Oliveira | Padín | A Paradela | O Paraixal | Poulo | A Presa | O Pugariño | A Punta | A Ribeira | Ríos | Rorís | A Rotea | Santa Trega | Tizón | Tobel | O Toural | Trapa | Travesán | O Troncal | O Valbarda | A Xorxa

Parroquias de Vigo[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Vigo

Alcabre (Santa Baia) | Beade (Santo Estevo) | Bembrive (Santiago) | Bouzas (San Miguel) | Cabral (Santa Mariña) | Candeán (San Cristovo) | Castrelos (Santa María) | Cíes | Coia (San Martiño) | Santo André de Comesaña (Santo André) | Coruxo (San Salvador) | A Florida (Santo Antonio) | Freixeiro (San Tomé) | Lavadores (Santa Cristina) | Matamá (San Pedro) | Navia (San Paio) | Oia (San Miguel) | Saiáns (San Xurxo) | San Paio (San Paio de Fóra) | Sárdoma (San Pedro) | Teis (San Salvador) | Valadares (Santo André) | Vigo | Zamáns (San Mamede)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mosquera, Javier; Cameselle, Gillermo (1995). Vigo a través de sus barrios (en castelán). Faro de Vigo. ISBN 84-87657-90-7. 
  • Mosquera, Javier; Franco, Fernando (2002). Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana (en castelán). Fundación Caixa Galicia, Faro de Vigo. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]