Emilio Álvarez Giménez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Emilio Álvarez Giménez, nado en Pobra de Seabra o 21 de marzo de 1830 e falecido en Pontevedra o 12 de xuño de 1911, foi un dramaturgo, rexionalista e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emilio Álvarez Giménez naceu en Pobra de Seabra no ano 1830. En 1857 foi destinado en Pontevedra para levar a Cátedra de Estudos Clásicos e Casteláns do instituto local. Dende aquel momento quedaría moi ligado á cidade do río Lérez, onde se asentou definitivamente. Tomou contacto con integrantes do movemento do Rexionalismo. Como militante liberal, integrouse no Comité Revolucionario de Pontevedra en 1868. Participou activamente no xornalismo pontevedrés colaborando en Galicia Humorística, El Iris, El Eco de Pontevedra, La Reforma, El Voto Popular, Los Maestros de España, La Crónica, La Revista Popular, e dirixindo El Fénix, El Alerta, El Dictamen, La Paz e El Eco de Tambo.

No instituto onde exerceu o seu labor docente creou un cadro teatral. Álvarez Giménez é autor da primeira peza teatral de temática histórica escrita en lingua galega, cuxo título é Mari-Castaña. Unha Revolta Popular (1884), que non chegou a ver a luz naquela época. Tamén é autor dunha biografía do padre Sarmiento, un Refranero Gallego e varias composicións poéticas.

Ocupou igualmente cargos políticos como a vicepresidencia da Deputación Provincial de Pontevedra. Tamén foi Xefe Superior Honorario da Administración Civil e conselleiro de instrución pública. Ocupou igualmente cargos non políticos de importancia, como a presidencia da Sociedad Económica de Pontevedra.

Casado en primeiras nupcias con Natalia Novoa Limeses e logo do seu falecemento coa curmá da súa primeira muller, Amalia Limeses Iglesias, del descenderán importantes escritores e intelectuais galegos, como Xerardo Álvarez Limeses, Darío Álvarez Limeses, Emilio Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Celso Álvarez Cáccamo e Emilio Álvarez Negreira.

Álvarez Giménez finalizou os días en Pontevedra no ano 1911.

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

  • A casamenteira, 1984, Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • Mari-Castaña, 1984, Cadernos da Escola Dramática Galega.

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

  • Blas el armero, 1855.
  • Payo Gómez Chariño, 1867.
  • El manojo de espigas, 1878, premiado no Certame Literario de Lugo.
  • A bordo de la Numancia, 1878.
  • En la piedra de toque, 1878.
  • Judit o la heroína de Betulia, 1906.
  • A rajatabla, 1908.

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • Estudio sobre las faltas del lenguaje que se cometen en Galicia, 1870, reeditado e ampliado en 1872 co título Los defectos del lenguaje en Galicia, y en la provincia de León.
  • Estudio gramatical basado en la doctrina de la Academia y en el uso de los buenos escritores.
  • Biografía de Fray Martín Sarmiento y noticia de sus obras, 1884.
  • Literatura Preceptiva o Retórica y Poética.
  • Refranero agrícola y metereológico gallego, 1904.

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Humildes, 1900.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]