Canle segredo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Canle segredo [sic]
Autor/aXosé María Álvarez Blázquez
Ilustrador/aAntón Rivas Briones
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Poesía
EditorialEdicións Castrelos
Data de pub.1976
Precedido porEscolma de epigramas
editar datos en Wikidata ]

Canle segredo [sic] é un libro de poesía en lingua galega escrito por Xosé María Álvarez Blázquez. Adicado á súa dona, María Luísa Cáccamo Frieben, gañou o Premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires en 1953, se ben non saíu publicado até 1976.

Características[editar | editar a fonte]

O poemario está dividido en tres seccións: Canle segredo, co amor como un dos temas principais, inclúe as composicións "Canle segredo", "Sin voz", "Panida", "Fervenza", "Dona", "Naufraxio", "Cruz de dous", "Maternidade", "O neno" e "Meu moneco"; Camiños de sol, con certo ton de nostalxia pola infancia perdida, inclúe "Aquil neno que fun", "Baión" (pola parroquia de Baión, en Vilanova de Arousa, onde pasaba os veráns de pequeno), "Saudade", "Pesadelo", "Pedra viva", "Camiños", "Descoberta da terra", "Lembranza", "O tolo"; "A cometa", "O carro dos nenos", "O medo", "O cabalo"; "Os ácios" e "O mundo"; As mágoas, con certo aire de denuncia social, inclúe "Elexía a unha muller do campo", "Ise neno da rúa", "Os importantes", "Visión" e "Soedá".

Nalgunha edición incluíronse tres poemas máis, cos que gañou premios nos Jogos Florais Galego-Portugueses celebrados en Guimarães en 1958: "Xohaniña", "Lembranza e Loubor da Terra" e "Poema sen voz". Noutra edición aparecen incluídos outros tres poemas escritos entre 1951 e 1954: "Nao", "Vello cancioneiro" e "Otero Pedrayo, home".

Estilo[editar | editar a fonte]

O libro alterna poemas con estrofa libre e outros con estrofas clásicas como o soneto ("Saudade") ou a cuarteta ("Dona"). Respecto á rima, é libre e polirrítmica, alternando versos de arte menor e arte maior.

Hai restos de poesía trobadoresca, que o autor xa practicara co neotrobadorismo de Cancioneiro de Monfero. Aparece tamén mostras de paisaxismo e popularismo.

Edicións[editar | editar a fonte]

O libro gañou o Premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires, que incluía a publicación do texto gañador da man de Edicións Galicia. Porén, o autor rexeitou esta oferta porque naquel momento, en 1953, dirixía a colección Leixado do vento de Edicións Monterrey, e pensaba publicalo alí. Así, non saíu publicado até 1976 por Edicións Castrelos como número 2 da colección Pico Sagro, cun prólogo do autor e gravados de Antón Rivas Briones. En 1987 os textos apareceron na súa Poesía galega completa (Ed. Xerais), e o poemario foi editado en 2002 por La Voz de Galicia na colección Biblioteca Galega 120. En 2008, ano en que se lle dedicou ao autor o Día das Letras Galegas, foi reeditado por Editorial Galaxia na colección Dombate, cun prólogo do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo.

Con todo, algún dos poemas fora xa publicado en 1948 na revista Alba, e outros apareceron nas revistas portugesas Céltica e Quatro Ventos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]