Nicomedes Pastor Díaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nicomedes Pastor Díaz Corbelle, nado en Viveiro o 15 de setembro de 1811 e finado en Madrid o 22 de marzo de 1863, foi un escritor, xornalista e político galego do Romanticismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Creceu no seo dunha familia numerosa. Foi o terceiro de dez irmáns, oito mulleres e dous homes, e puxéronlle de nome o do santo do día, San Nicomedes, ao que lle engadiron o equivalente masculino do nome da súa madriña, Pastora. O seu pai, Antonio Díaz, desempeñaba un posto de oficial administrativo da Armada, e co tempo chegou a ser titular da contadoría de correos de Lugo. A nai era María Corbelle. Aínda que era pouco habitual para a época, todos os irmáns sobreviviron a infancia. O seu único irmán home, Felipe Benicio, foi interventor de pagos no Ministerio da Gobernación e Deputado a Cortes.

Nicomedes estudou no Seminario conciliar de Viveiro e despois cursou estudos de Filosofía no seminario de Mondoñedo (1823). Na Universidade de Santiago de Compostela comezou xurisprudencia, pero trasladouse á Universidade de Alcalá, onde se titula avogado en 1833. En 1836 noméano Secretario de Goberno político de Santander e posteriormente xefe político de Segovia. En 1843 foi deputado pola Coruña e un ano despois foi elixido por Cáceres e máis tarde por Navalmoral de la Mata. Tamén foi nomeado Secretario do Banco de Isabel II.

En 1847 aparece ao fronte do Real Consello de Agricultura, Industria e Comercio. Foi Secretario da Gobernación e numerario da RAE. Durante cinco meses foi Ministro de Comercio, Industria e Obras Públicas.


Obra[editar | editar a fonte]

Escribiu dous poemas en lingua galega. O 11 de marzo de 1828 publicou no Museo Artístico Literario unha alborada de carácter neoclásica, de liras e estancias de seis versos. En 1951 Álvarez Blázquez descubriu unha égloga súa, posiblemente escrita antes cá alborada e de carácter máis ben romántico[1].

Nicomedes ía ser o prologuista de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, mais faleceu antes de o facer.

Amais, escribiu numerosas obras en castelán sobre xurisprudencia e política.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. TARRÍO VARELA, A.: Literatura galega, Xerais, 1994, páx. 102.