Círculo de Belas Artes de Madrid

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 40°25′06″N 3°41′47″O / 40.41833, -3.69639

Edificio do CBA, obra do arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo.

O Círculo de Belas Artes (CBA) de Madrid é unha entidade cultural privada sen ánimo de lucro localizada na rúa Alcalá e fundada en 1880. Desde 1921 está declarado Centro de Protección das Belas Artes e de Utilidade Pública. É un centro multidisciplinar, no que se desenvolven actividades que abranguen desde as artes plásticas ata a literatura, pasando pola ciencia, a filosofía, o cine ou as artes escénicas.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Evolución[editar | editar a fonte]

O CBA fundouse en 1880 grazas aos esforzos dun reducido grupo de artistas. Durante os primeiros anos do século XX pasaron pola directiva da institución personaxes salientables da vida social e cultural da época, como o premio Nobel Jacinto Benavente ou o dramaturgo Carlos Arniches, mentres o rapaz Picasso asistía como alumno ás súas clases de pintura e Ramón María del Valle-Inclán frecuentaba os seus salóns.

En 1983 produciuse un auténtico proceso de refundación do CBA, grazas ao impulso da Asociación de Artistas Plásticos, que agrupaba algúns dos máis importantes creadores españois. O CBA abriuse ao público madrileño e ás correntes culturais internacionais e iniciou un proceso de expansión e reorganización.

Desde a súa creación, desenvolveu un importante labor de alcance internacional no campo da creación, a difusión e a xestión cultural, e considérase un dos centros culturais privados máis importantes de Europa.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

As diversas actividades que ao longo do tempo tiveron lugar no CBA xeraron un importante e variado fondo patrimonial.

A sede do CBA  posúe en si mesma un senlleiro valor arquitectónico. Salienta entre os edificios lindeiros pola súa imaxe urbana e monumental, a súa ecléctica volumetría e o espectacular tratamento das súas fachadas, cuxa ornamentación correu a cargo de coñecidos artistas da época.

Doutra banda, o CBA conta cun considerable patrimonio artístico: máis de 1.200 pezas de pintura, escultura, gravado, debuxo e cerámica, así como numerosos obxectos de moblaxe. Pola súa vez, o fondo bibliográfico e documental do CBA contén o legado da galerista Juana Mordó, con máis de 3.000 libros e unha colección de 150 libros autógrafos. Ademais, o CBA conta cun gran fondo de revistas de temática artística e unha notable colección de documentos históricos.

Azotea CBA
Eirado do edificio do Círculo de Belas Artes.

O edificio[editar | editar a fonte]

O edificio, situado na confluencia das rúas Alcalá e Gran Vía, é obra do arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo e foi construído a comezos da década de 1920. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1981. Ademais do Círculo de Belas Artes, ao longo da súa historia o edificio foi sede doutras instuticións: no comezo da Guerra Civil Española no seu soto instalouse un centro de detención pertencente ao Comité Provincial de Investigación Pública (CPIP)[3]; tras o final da contenda, acolleu durante algún tempo a sede do Servizo Exterior da Falanxe, antes de recuperar a súa función orixinal[4]. O eirado do edificio do Círculo de Belas Artes amosa unha perspectiva única de Madrid. Situado a 56 metros de altura, ofrece aos seus visitantes unha das máis espectaculares vistas da cidade. É posible acceder ao eirado desde o vestíbulo: un ascensor con portas de cristal permite o acceso a este privilexiado espazo.[5]

O edificio está coroado pola escultura Minerva, de Juan Luís Vassallo, unha peza que representa a deusa romana da sabedoría e a arte, símbolo do Círculo desde a súa fundación.[6]

A espectacularidade do edificio foi aproveitada en diversas ocasións pola industria audiovisual:

  • Unha das fotografías do primeiro álbum do grupo Mecano foi tomada nas columnas do Círculo de Belas Artes.[7]
  • A película española Beltenebros, dirixida por Pilar Miró, emprega a fachada do CBA nunha das súas escenas máis sorprendentes.[8]
  • Na serie Los misterios de Laura, o desenvolvemento final do seu capítulo 18 prodúcese no eirado do edificio.

Programación cultural[editar | editar a fonte]

Tertulia de creadores na sala Minerva do Círculo de Belas Artes de Madrid, na programación do curso 1983-1984.

O obxectivo principal do CBA é difundir as principais manifestacións artísticas e culturais desde unha perspectiva plural. No centro teñen lugar arredor dun milleiro de actos anuais, coordinados por diferentes áreas: exposicións, conferencias, seminarios, obradoiros, concertos, representacións de teatro e danza, publicacións, cine, etc.

  • Humanidades e ciencia. O CBA organiza encontros, conferencias, mesas redondas, congresos e presentacións de libros sobre temas relacionados coa literatura, a política, a ciencia e o pensamento.
  • Artes escénicas: teatro, música e danza. O CBA organiza concertos, mostras de teatro e danza, certames, lecturas dramatizadas e recitais, entre outras expresións artísticas.
  • Artes plásticas. As exposicións de debuxo, pintura, escultura, gravado, instalacións, fotografía, arte dixital, cerámica, performances e outras manifestacións actuais das artes plásticas teñen lugar nas súas catro salas de exposicións: Picasso, Minerva, Goya e Juana Mordó.
  • Cine-estudio. Neste espazo proxéctanse ciclos de películas de variados xéneros e procedencias, e celébranse coloquios con personalidades relacionadas co mundo do cine.
  • Edición e producións audiovisuais. O CBA edita os catálogos que acompañan as exposicións de artes plásticas que organiza, e tamén publica obras de produción propia e outras baseadas en conferencias, recitais ou encontros celebrados na súa sede. Ademais, edita a revista Minerva, que trata de compilar as manifestacións culturais que van acontecendo no CBA con entrevistas e reportaxes, e documentais de produción propia. En febreiro de 2007, o CBA editou o primeiro documental e o primeiro libro con licenza 2.5 Creative Commons. A revista Minerva tamén se edita parcialmente con esta licenza.[9]
  • Formación e obradoiros. Desde 1983, o CBA organiza obradoiros de arte actual, ademais de seminarios e outros obradoiros especializados para nenos e adultos.
  • Centro de documentación. O CBA traballa en recuperar a súa memoria histórica e o seu patrimonio, así como en xestionar os fondos da súa biblioteca especializada en materias artísticas, historia e literatura.
  • Radio Círculo[10]. O CBA conta coa súa propia emisora de radio, onde se retrasmiten programas propios que realiza o equipo do centro e programas de colaboradores externos, que tratan sobre as actividades do CBA e sobre a actualidade do mundo da cultura.

Organización e financiamento[editar | editar a fonte]

O presidente e a xunta directiva encárganse da escolla do cadro de persoal, á fronte da cal se atopa o director da institución.

O financiamento do CBA é mixto. Por unha banda existe un consorcio, cuxos membros realizan achegas económicas á entidade e que na actualidade está integrado pola Comunidade de Madrid, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o Concello de Madrid e Iberia Liñas Aéreas de España. Doutra banda, o CBA acorda colaboracións e convenios específicos con outras institucións públicas e empresas privadas españolas e internacionais.

Galardóns[editar | editar a fonte]

Premios concedidos[editar | editar a fonte]

Premios recibidos[editar | editar a fonte]

  • 1921. Asociación declarada Centro de Protección ás Belas Artes e de Utilidade Pública.
  • 1980. Medalla de ouro ao Mérito nas Belas Artes, do Ministerio de Cultura e da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.[14]
  • 1981. Edificio social declarado Ben de Interese Cultural.
  • 1981. Medalla de ouro de Unicef.
  • 1999. Premio Liber á promoción do libro e da lectura (Federación do Gremio de Editores de España).
  • 2002. Medalla de ouro do Concello de Madrid.
  • 2005 Medalla de ouro da Comunidade de Madrid pola súa traxectoria cultural, no seu 125 aniversario.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Diez historias desconocidas sobre el Círculo de Bellas Artes". En abc.es
  2. López Méndez, Luis. El Círculo de Bellas Artes. Instituto Nacional de Cultura y Bellas Artes, 1976.
  3. Preston, Paul. El holocausto español. Círculo de Lectores. Barcelona, 2011. Páxinas 374-376 e 404-405. [ISBN 978-84-672-4533-2]
  4. González Calleja, Eduardo. «El servicio exterior de Falange y la política exterior del primer franquismo: consideraciones previas para su investigación». En Hispania. Revista española de historia (Madrid: CSIC) 54. 1994. Páxinas 279 a 301.
  5. Círculo de Bellas Artes. En Arquitectura de Madrid, base de datos do Colexio de Arquitectos de Madrid.
  6. Edificio Círculo de Bellas Artes. En Madrid, villa y corte (www.madrdvillaycorte.es). Información e fotografías de todas as plantas do edificio do CBA.
  7. Adrados, Javier. Los tesoros de Mecano (...). Ed. Timun Mas, 2011. Páxina 33. [ISBN 978-8448069520]
  8. Beltenebros. En Internet Movie Database (IMDb).
  9. A revista Minerva está accesible a través de internet no enderezo http://www.circulobellasartes.com/revistaminerva/
  10. A radio emite a través de internet no enderezo http://www.radiocirculo.es
  11. "Antonio Bonet Correa, recibe la Medalla de Oro del Círculo de Bellas Artes". En InfoENPUNTO. 18 de novembro de 2010.
  12. "Carlos Oroza, Medalla de Ouro do Círculo de Bellas Artes de Madrid". En Corporación Radio e Televisión de Galicia. 22 de outubro de 2014.
  13. Listaxe de medallas de ouro do CBA, cos datos biográficos esencias dos galardoados.
  14. Real decreto 510/1980, do 7 de marzo, polo que se concede a Medalla ao Mérito nas Belas Artes, na súa categoría de ouro, ao Círculo de Belas Artes de Madrid. BOE número 69,‎ 20 de marzo de 1980. Páxina 6.253.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]