Lista de etimoloxías dos concellos de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nesta páxina recóllense as seccións de Toponimia que analizan a etimoloxía dos nomes dos concellos de Galicia.[1] Para outras localidades, que deberían estar agrupadas na Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía, esta información aparecerá nos seus respectivos artigos.

Abadín[editar | editar a fonte]

Segundo J. M. Piel, o topónimo procede de Abbatini, quizais relacionado coa súa pertenza afastada ás abadías de Meira ou Lourenzá. Fernando Cabeza Quiles[2] coincide con esta teoría de (vila) Abbatini, "vila de Abbatinus", nome persoal latino, localizándoo como testemuña dun documento de 1195 e tamén existe un documento dos monxes de Meira con data do 3 de decembro de 1254.

Outra teoría máis improbable é que puidese proceder dos descendentes do fundador do reino de Taifas en Sevilla, Abul Kasin al Abad I, creador da dinastía dos Abbásidas.[Cómpre referencia]

Abegondo[editar | editar a fonte]

Abegondo é un topónimo de orixe xermánica[3]. O topónimo está composto por abe- 'auga' e -gondo 'terra'[4][5] (outros autores indican que se compón de ave- e -gondo[6]). Amais da propia parroquia de Abegondo, que dá nome ao concello, tamén as de Cullergondo e Mabegondo teñen esa mesma orixe xermánica con remate en -gondo.

Agolada[editar | editar a fonte]

O topónimo Agolada procede do latín Āquam Lātam, combinando os lexemas aqua ("auga") e mais lata, participio do verbo fero ("levar"), referido a "auga levada", debido ás conducións hídricas que traían auga doutros lugares, posiblemente en relación con actividades mineiras.[7]

A errónea interpretación do topónimo como locución artigo + substantivo, supoñéndolle na etimoloxía popular un derivado de golada ou golete (unha indumentaria medieval), provocou a aférese do a inicial que deu pé ao topónimo *Golada ou á variante *La Golada, como resultado da oficialización dos topónimos en castelán no século XIX.[Cómpre referencia]

Antas de Ulla[editar | editar a fonte]

Entre a súa creación en 1836 e 1916 o concello recibiu simplemente o nome de Antas, pero nese ano pasou a ser chamado Antas de Ulla para distinguilo do concello de Antas (provincia de Almería).[8] O topónimo Antas de Ulla ten dous elementos: Antas do nome común anta (dolmen ou menhir), e Ulla polo río Ulla, que tamén lle dá nome á comarca da Ulloa onde está asentada.[9]

O rexistro máis antigo do topónimo Antas nun documento en galego data de 1390. Trátase dun foro do arquivo de Vilar de Donas en que se fai referencia ao actual Antas de Ulla como Sayoane das Antas,[10] forma abreviada de San Xoán das Antas. A forma moderna, Seoane das Antas, rexístrase por primeira vez en 1473, nunha relación de bens do tombo de Pergamiño do mosteiro de Oseira.[10]

Arbo[editar | editar a fonte]

Unha teoría defende que o topónimo Arbo ou Arvo ten unha orixe hidronímica prerromana. Edelmiro Bascuas sinala un diploma do rei de Galiza Afonso VII no que se mencionaría un ‘’Sanctus Petrus de Arauo’’ xa no século XII. Outras opcións falan do celta “ard bó” (alto da vaca). A última hipótese dálle unha orixe latina, de ARVUM 'campo ou rexión arable'. O lugar de Agrosagro (en Carboentes, Rodeiro) era Arvo Sagro (con similar significado) na Idade Media[11].

Arzúa[editar | editar a fonte]

Arzúa foi confundida coa cidade de Araduca, poboada por galaicos brácaros e situada preto do actual Porto, citada por Tolomeo na súa Xeografía do século II despois da era actual. Segundo Manuel C. Díaz y Díaz o topónimo tería orixe latina: argia, -mato-. En galego arxe, é palabra moi común na zona de Arzúa, Boimorto, Touro e Santiso, de certa profusión no noroeste peninsular do século VII. A orixe do actual nome de Arzúa estaría en argiola, zona máis ou menos extensa dominada por toxos, xestas, silveiras e carrasco. A forma máis antiga do nome de Arzúa sería Arçúa,(Arxúa en galego actual) co tempo castelanizaríase polo actual Arzúa[12]. Segundo Fernández López, Arzúa viría de A-Re-Sua ou aream sudam ("espazo soleado"), Ara-súa. Asentamento romano agrícola, leira en renda ou propiedade ben orientada ao sol que medraría vinculada ao Camiño Primitivo ou á Vía XIX[13].

Avión[editar | editar a fonte]

O seu nome procede do veciño río Avia. Porén popularmente asociouse o nome ao da Andoriña de cu branco, que tamén recibe o nome de avión, polo que no escudo do concello aparece este animal. Avia procede da raíz indoeuropea celta av- ou au-, fonte, corrente de auga. Comparte orixe co río Ave (chamado Avó na época da Gallaecia, hoxe Ave, ao norte do Porto) e con outros ríos franceses, españois e italianos[14].

Baiona[editar | editar a fonte]

A orixe do topónimo Baiona foi, historicamente, froito de innumerábeis controversias. Fernando Cabeza Quiles e Gonzalo Navaza, investigadores na onomástica e na toponimia, afirman que o topónimo é copia ou traslado da Baiona vasca no ano 1202 por iniciativa do rei Afonso VIII, o cal, cando lle concedeu unha carta de foro a esta vila galega, cambioulle o seu antigo nome de Irizán (latinizado en Erizana) polo actual de Baiona. A escolla real puido ter intencións de prestixio e propiciatorias, xa que, o porto da Baiona francesa era moi importante e próspero na Idade Media.[15]

Porén, outros estudos[quen?] parecen relacionar a orixe deste co próximo río Baíña.[Cómpre referencia] O seu primeiro elemento "bai" derivaría do indoeuropeo "ibai" que significa veiga ou río. O segundo elemento "onna" procede do celta e significa fonte ou río, ou ben pode tratarse dun sufixo prerromano aumentativo. Así pois, para estes estudos, o topónimo de Baiona sería unha voz híbrida e tautolóxica.[Cómpre referencia]

Bande[editar | editar a fonte]

Durante a romanización da Península Ibérica, Bande non pasou desapercibida. Bande, que etimoloxicamente provén de "Bandu", segundo algunhas teorías, ou de "Venatus", que evoluciona a "Vaneto", segundo afirma nos seus estudos o polígrafo Xocas.[Cómpre referencia]

Por outra parte, unha figuriña do Deus Bandua, recoñecido como "Marte galaico" foi encontrada no xacemento arqueolóxico de Aquis Querquernis. A posibilidade dunha relación entre o nome do deus e do topónimo parece clara.[Cómpre referencia]

A Baña[editar | editar a fonte]

O topónimo Avania aparece documentado xa en 1153 no Tombo de Toxos Outos[16], e no tombo B da catedral de Santiago de Compostela (1209), onde se menciona: ...San Iurgio in Transtamarem. cum tota terra sua quam maiorem ab antiquo habuit, videlicet cum Carnota, Entines, Jalles, Barcala, Auania et de Celtigos, quantum magis antiquitus habuit....

Xa na Idade Media moitos topónimos que comezaban con A- ou O- comezaron a reinterpretarse polos falantes como nomes de lugar formados por un artigo e un substantivo[17]. Estas reinterpretacións tamén se deron noutros topónimos galegos, como Ogrobe, ou Agolada, xa dende a Idade Media. É frecuente que, na literatura popular, se lle atribúa ao influxo do castelán esta reinterpretación[18].

Baralla[editar | editar a fonte]

Segundo Menéndez Pidal, o topónimo Baralla procede do latín vara, varale, varal e varalia 'sebe de traveseiros', cun significado toponímico comparable ó de Cerca, Cercado, Valada ou Valadares. En 1125 consta baixo as denominacións de [in valle de] Pineira, ripa de Neira, villa que vocitant Baralia, in ripa de Neira ou villa vocitata Baralia.

Begonte[editar | editar a fonte]

O topónimo Begonte procede (pasando por unha disimilación) dun antropónimo xermánico na locución (Villa) Vocontii ou Bogontii.[19] Aparece mencionado como Boconti nuns documentos de 966 e 971, e como Bogunti en 1187.

Bergondo[editar | editar a fonte]

A orixe e o significado do nome de Bergondo son controvertidos. Aínda que algúns autores cren que pode derivar dun nome persoal de orixe xermánica, outros inclúeno entre os topónimos prerromanos compostos cun segundo elemento -gondo (coma Abegondo, Beigondo, Mabegondo...).[20] Fai referencia ao rei Brigo ou a unha elevación montañosa: berg. O topónimo de Lubre, un dos lugares do concello, puidera ser o bosque sagrado dos celtas[21].

O primeiro documento no que se cita o topónimo Bergondo está datado en 1138 como 'Burgundium'. O abade Recendus de Burgundio confirma a doazón feita polo Conde de Traba á súa filla Urraca. Urraca no seu testamento de 1193 deixa o mosteiro chamado Bergondo.

Betanzos[editar | editar a fonte]

O topónimo Betanzos aparece para o actual lugar de Betanzos "O Vello", en Tiobre. Coa creación da vila en 1219 ese topónimo empregouse como substituto do nome do Castro de Untia, o castro onde se construíu a nova vila. Betanzos xorde do nome do pobo ou do lugar de residencia dos "Betantios" ou "Betancios". Ese xentilicio ou etnónimo (o nome dun pobo ou etnia) é de orixe celta e faría referencia á figura dun deus ou dun persoeiro chamado "Beto" ou "Bito". A raíz dese nome do pobo estaría no termo celta *bitu, que significa "mundo".[22][23][24][25][26] e tería aparecido antes do século III. Antes xa se tivera proposto a orixe no termo celta "briga",[27][28] inda que tamén o romano "habitancium" co significado de lugar onde se vive.[29][30][28]

O anterior topónimo de "Unctia" podería significar ou ben unha poboación onde se atopa auga de calidade ou ben "bubas", ganglios infartados.[30]

Nalgúns textos históricos a vila de Betanzos identificouse con Flavium Brigantium, Brigantium; un lugar na mariña coruñesa que se citou en obras romanas como o itinerario de Antonino. Porén, ese Brigantium ou Bracantia realmente facía referencia á actual cidade da Coruña.[23][31]

Co motivo da Feira Franca Medieval recibe o nome de Betanzos dos Cabaleiros.

Boimorto[editar | editar a fonte]

O topónimo Boimorto non é transparente, e non se refire ao mamífero bóvido.

Este topónimo podería ter a súa orixe na palabra bado, que nomearía un paso non usado hoxe en día. Outra posibilidade é a de que Boi faga referencia a penas, xa que aparece en varios topónimos con ese sentido, e morto teña un significado semellante e indique un lugar con abundantes pedras.[32]

Segundo Fernando Cabeza Quiles, posiblemente proceda da voz celta mor, referida a un lugar pedregoso.[33]

Cotarelo Valledor recolleu a seguinte etimoloxía popular e fantástica sobre a orixe do topónimo:

O orixe de tales nomes está pra os veciños de Boimorto en que vindo certa vez por estas terras un ganadeiro con moita récua ('Boi-mil') desmandóuselle unha das cabezas ('Boi-ido'), que foi perseguido polos mozos hastra que o mataran ('Boi-morto') [34]

Posteriormente, Xosé María Álvarez Blázquez desenvolveu máis esta lenda:

En tempos antergos, cando aquelas terras aínda non tiñan nome, pasóu por alí un rico propietario de moito gando -mil ou máis cabezas, asegúrase-. E como quer que o pasto era bo, parouse alí de asento pra que a facenda pastara nos fartos herbales. As xentes que tal viron asombrábanse de tanta riqueza, e quedoulle ao lugar o nome de Boi-mil. Nesto acontecéu que un dos bois moscouse e botóu a fuxir. Andaba o animal un pouco arredado da manada, e aquil sitio chamóuse Boi-ido. Mandóu o amo aos mozos pastores que fosen recadalo; correron en pos del, pero non conseguiron botarlle man porque era moi bravo. Entón determinaron de darlle morte, pra aproveitar polo menos a carne e máis o pelexo. O remate da historia deu orixe ao nome do lugar: Boi-morto [35]

Boiro[editar | editar a fonte]

Segundo J. M. Piel, o topónimo Boiro ten orixe xermánica, a través de burio, borio, referíndose a un recinto pechado, alpendre ou curral para o gando,[36] relacionado co nome do pobo xermánico dos burios,[37] os cales entraron na Gallaecia xunta os suevos.

A Bola[editar | editar a fonte]

O Concello da Bola débelle o seu nome á bóla granítica situada no lugar da Bola. Foi alterada por unha serie de fracturas perpendiculares á superficie, formándose barrocais de bólas amoreadas unhas sobre as outras, en equilibrio natural sobre unha das súas superficies máis pequenas.

Cambre[editar | editar a fonte]

O topónimo da vila que dá nome ao concello, Cambre, podería ser prerromano e terse orixinado antes do século III. O seu significado referiríase a unha poboación ligada a unha altura, unha fortificación ou a un límite entre territorios.[38][39][40]

A Cañiza[editar | editar a fonte]

A Cañiza é un dos poucos topónimos castelanizados[41] de Galicia aínda vixente e que así consta no Nomenclátor de Galicia. Desta forma deriva o xentilicio (véxase no Galizionario) cañicense. A Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia estableceu que o nome correcto e orixinal era A Caniza[42], forma aínda viva entre algúns habitantes das parroquias do concello[43]. Non obstante, aínda non se executou a aprobación por parte do Consello da Xunta de dita modificación.[44]

O topónimo orixinal fai referencia ás primeiras construcións na zona: casetas[43] ou canastros feitas de canas entrelazadas e colmados (coñecidos na zona coma canizos ou canizas[45]) e ergueitas polos veciños de Valeixe.[46]

Carballedo[editar | editar a fonte]

O topónimo fai referencia a unha terra de moitos carballos, fitónimo anterior ao latín.[47]

Carballedo é un concello de nomes singulares. Todos estes son topónimos exclusivos de Carballedo, que non se repiten en Galicia: Acilleiros, Aguada, Agrexán, Alén do Río, O Alto das Lamas, Ambasmestas, O Barrio de Puga, Buciños, Buxelle, Cambillán, Carballidiño, Cas de Moure, Cas de Pedro, Casqueixeiro, O Castro de Morgade, Ceides, Chouzán, O Curuxeiro, A Enfonxa, Esmolfe, Faíl, A Grixoá, A Lama de Fente, Lixibán, A Lobagueira, Lobelle, Lulaíños, Lulás, Papelle, Pepes, A Placería, Puvieiros, Quintá do Monte, Sergudiño, Surrego, Val do Arado, Veascós, Vilaguillulfe, Vilar de Mulleres, Temes, Trasar, Trasmontes, Xibiriz.[48]

Carral[editar | editar a fonte]

O topónimo procede do núcleo de poboación que serve de capital, situado no camiño entre Santiago de Compostela e A Coruña, polo que circulaba a Carrilana.

Castrelo de Miño[editar | editar a fonte]

O nome de Castrelo procede do latín castellum e castrum, "cidade alta e fortificada"[49]. O xenitivo de Miño fai referencia ó río Miño.

Cee[editar | editar a fonte]

O topónimo Cee viría dun hidrónomo prerromano céltico-galaico cunha raíz indoeuropea *kei‑ co significado de ‘augas en movemento’ segundo documenta Edelmiro Bascuas e viría dun medieval Cea ou Ceia como se atopa nun documento de 1178 como villas de Ceia in Nemancis. Outra hipótese menos probábel baséanse no seseo do topónimo, polo que See derivaría dunha forma latina sinus ‘seo’ (palabra que aínda se utiliza na actualidade polos mariñeiros para designar unha enseada)[50].

Cerdedo-Cotobade[editar | editar a fonte]

O topónimo procede da combinación dos do concello de Cerdedo e do concello de Cotobade trala súa fusión.

Cerdedo[editar | editar a fonte]

Cerdedo, como Cerdido, é un fitotopónimo abundancial: podería proceder tanto de quercetum, debido á presenza de carballos da zona, como de cer(e)setum, neste caso de cerdeiras[51].

Cotobade[editar | editar a fonte]

En ocasións pensouse que o topónimo Cotobade derivaba de couto do abade, dado que toda a comarca pertencía á antiga xurisdición que exercía o superior do convento de bieitos de Tenorio, e como tamén mal referenciara o Padre Sarmiento. O nome aparece referenciado ao logo da historia coma: Castro Cutubade cum tota terra sua (ano 1180); Terra que dicitur Montes in qua est castellum Cutubadi (ano 1182), Terra que dicitur Montes in qua est castellum Cutubadi (ano 1188); castrum quod dicitur Cotobadi cum pertinentiis suis (ano 1199), castrum quod dicitur Cotobade (ano 1225). Cotobade débese descompoñer en coto, palabra galaica de orixe prerromana *Cotto (…) e un nome persoal en xenitivo Bade, o cal se repite illado na toponimia galega e parece que non é aférese de abbas -atis, "abade", senón o antropónimo Vatis (Ares 2001:74). [52]

Cerdido[editar | editar a fonte]

O topónimo deriva do latín quercetum, debido á abundancia de carballos da zona, ou de cer(e)setum, neste caso de cerdeiras[53].

A Coruña[editar | editar a fonte]

Brigantium[editar | editar a fonte]

O topónimo máis antigo, Brigantium, usado polos romanos a partir da denominación local, considérase xeralmente de orixe celta[54], onde se identifica un derivado da raíz indoeuropea *bher- ‘levar’, ‘elevar’, ‘altura’[55] (véxase o irlandés antigo brí, galés bre, bretón bre, córnico bre, todos co significado de ‘outeiro’, e nas linguas xermánicas berg ‘monte’, burg ‘cidade’). Este topónimo relaciónase co substrato celta hispano -briga (Conimbriga, Mirobriga, Vollobriga, Nemetobriga)[56] e -bre, presente en topónimos galegos como Sillobre, Barallobre, O Grove etc.[57][58]

Faro[editar | editar a fonte]

A Brigantium seguiuno Faro, topónimo procedente do senlleiro faro romano, que provén do latín pharum e este do grego, con orixe no nome da illa de Pharos. Este novo topónimo debeu de comezar a rivalizar co prerromano de Brigantium pouco despois de erguer a torre e tras un tempo de convivencia rematou por substituílo.[58]

A Coruña[editar | editar a fonte]

Gonzalo Navaza defende que o topónimo A Coruña naceu no século XIII. En 1208 o rei de Galicia e León Afonso IX fixo concesión dunha carta foral á veciñanza de Faro, nome da vila, que substituíra anteriormente a Brigantium. Nesa época as motivacións dos reis para elixiren un novo topónimo debíanse a criterios augurais ou de prestixio. O topónimo aparece rexistrado na carta foral en latín como Crunia, aparentemente tomado da Historia Turpini, o libro IV do Códice Calixtino.[58]

Porén, Fernando Cabeza Quiles defende que o topónimo podería vir dunha raíz indoeuropea *k-r 'pedra', 'rocha', en alusión ás características rochosas do contorno da Torre de Hércules, torre construída sobre unha pena ou unha rocha. Tampouco se pode desbotar a hipótese de que derive dun substantivo celta igual ou parecido ao de *clunia 'pradería', 'lugar húmido', 'fonte', topónimo similar ao francés Cluny.[59]

O topónimo histórico e tradicional da cidade é A Cruña[60][61], sendo a forma aceptada e empregada pola Real Academia Galega no pasado.[62][63] A forma A Coruña, oficial e de uso habitual, é unha evolución epentética da forma A Cruña.[64]

En Galicia, no estado español e na Unión Europea a única denominación oficial é A Coruña, independentemente da lingua empregada.[65][66]

O 21 de decembro de 1989 o Tribunal Constitucional ditaminou que a aprobación da alteración ou cambio de nome dos concellos é a típica competencia de execución en materia de réxime local que, conforme co marco constitucional de distribución de competencias, os Estatutos de Galicia e de Cataluña atribúen ás súas respectivas Comunidades Autónomas. O 2 de novembro de 2004 o Concello da Coruña aprobou a cooficialidade da forma La Coruña amparándose na Lei de grandes cidades. No outono de 2005 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulos estes acordos do concello sobre toponimia[67].

Finalmente, o Concello da Coruña decidiu adoptar o topónimo A Coruña para tódalas xestións e como nome oficial da cidade, abandonando así os seus intentos de conservar o topónimo en castelán[68].

Entre os exónimos da cidade destacan La Corogne en francés, o inglés arcaico The Groyne e o máis recente Corunna. O habitante da Coruña recibe o xentilicio de «coruñés/coruñesa» alén dos alternativos «herculino/herculina» ou «brigantino/brigantina»,[69] e tamén de xeito popular e informal «cascarilleiro/cascarilleira».[70]

Cualedro[editar | editar a fonte]

As primeiras fontes oficiais falan[71] de Qualedro ou Cualedro, pero o catastro de Ensenada recolle Coledro, e así ou con variantes (Coaledro) aparece en textos anteriores. Máis atrás, tanto en textos galegos como latinos (Tombo de Celanova) aparece Corledo e Corleto, que Gonzalo Navaza liga[71] co latín corylus (abelaira).

Curtis[editar | editar a fonte]

A orixe do topónimo de Curtis é incerta, podería vir de cohortis, pola lexión que había no campamento romano da Ciadella en Sobrado.[72] De feito, A Ciadella era coñecida como Cidadelie de Curtis.[73] Curtis aparece citado en 1199:

in terminis de Guarguiane de voce de villa de Covas et de Quintanas per viam que unde de faro per Villarulu, et inde Sancta Eulalia de Curtis, et inde quomodo vadit ad montem de Enara
Tombo I fol 79 v. de Sobrado.

Na zona, contigua á Ciadella, hai tamén outra parroquia con igual topónimo: San Vicenzo de Curtis (no concello de Vilasantar). En 1873 coa chegada do ferrocarril a Curtis e Teixeiro publicouse un mapa no que aparecen citadas as dúas estacións, e Osbodeus (Bodeus). A corporación municipal o 17 de agosto de 1957 fixou o nome do lugar como Curtis-Estación. Xa a finais do século XX foise impoñendo por uso a forma Curtis, sen Estación. O 19 de setembro de 1983 a asociación de veciños de Curtis pediu a segregación. En xullo de 1998 o concello de Curtis puxo nos accesos ao lugar carteis co nome da parroquia: Concello de Curtis, Lourdes. Os veciños percorreron os camiños modificando os carteis colocando sobre o texto Lourdes o nome de Curtis[74]. No ano 2000 a Xunta de Galicia coa Lei 3/1983 de Normalización Lingüística publicou no Diario Oficial de Galicia o 11 de abril como nome oficial A Estación, sen Curtis. Tres meses despois por xestións do Concello, a Comisión de Toponimia revisou e publicou no DOG o topónimo oficial como Curtis sen máis engadidos[75].

Estela funeraria (S. I-V).
Inscrición: "D[iis] M[anibus] S[acrum] / Iulio Seve / riano. Anno[rum] / XLVII memo / riam posuit / coniugi karissimo Pl / acidia Lupa / defuncto in valle Minei" (Consagración aos deuses romanos. Placidia Loba puxo este recordo en honor do seu queridísimo esposo, Xulio Severiano, morto aos 47 anos de idade no val do Miño).
San Vicente de Fisteus (Curtis, A Coruña), exposto no Museo da Catedral de Santiago de Compostela.

Dodro[editar | editar a fonte]

Canto á etimoloxía de Dodro, que lle dá nome ó concello e a unha das súas parroquias, hai pouca certeza. Joaquín Torres del Río (2000) considera que Dodro e Dordo son diferentes grafías da mesma palabra. No Dicionario Etimológico da Lingua Portuguesa (1952) de José Pedro Machado, dordo procedería de dorsum, "cima", "crista de montaña".

Co significado de auga existe a base hidronímica preindoeuropea dor (Douro) e a raíz céltica durro (Dubra, Dover), próximas foneticamente.

Carlos Búa (2002) indica que Dodro podería derivar de doro, "lugar/praza cerrada", en relación co foro latino, a partir dun radical d'wer, "(en)cerrar".[76]

A Estrada[editar | editar a fonte]

O nome procede[77] do latín strata ("terra pisada por onde se anda; camiño")[78]. Neste lugar cruzábanse dous camiños: o que ía de sur a norte, desde a Terra de Montes, Ourense e Portugal, que seguían os arrieiros e peregrinos cara Santiago de Compostela, e de leste a oeste, desde o Deza, Trasdeza e o interior de Galiza, por onde arrieiros e, máis tarde, carrilanas, se dirixían á costa.

Como premisa dunha hipótese máis complexa, Cabeza Quiles [79] baséase na escaseza documental da voz estrada (fronte a strata) nos tombos de Sobrado dos Monxes, Samos ou Oseira observada por Pensado Tomé, así como a súa ausencia tamén de datos en Mondoñedo, Celanova, San Pedro de Ramirás ou San Pedro de Rocas e na antiga lexicografía do padre Sarmiento, do padre Sobreira, Xoán Manuel Pintos, Cornide e Cuveiro. A súa teoría supón a perda do uso común deste lexema para máis tarde recuperarse co significado actual de estrada, hipótese compartida por Benigno Fernández Salgado. Como topónimo da actual capital de concello, utilizábase inicialmente Tabeirolos (que deu Tabeirós) e logo contra 1600 San Paio de Figueroa, ata a época de Sarmiento que documenta A Estrada contra 1750. Polo tanto, e sempre segundo Cabeza Quiles, a data de aparición é demasiado serodia para que o topónimo proceda do latín (via) strata (participio do verbo sternere, "espallar, botar pedra por riba do chan; empedrar") e propón un étimo alternativo no participio do verbo galego estrar ("botar estrume nas corredoiras con lama, sobre todo en inverno").

Ferrol[editar | editar a fonte]

A denominación oficial recoñecida dende 1982 é Ferrol, ben documentada xa no século XV.[80] O emprego do artigo nas formas en castelán El Ferrol, con maiúscula, ou el Ferrol, en minúscula, reflíctese respectivamente no Diccionario de topónimos españoles y sus gentilicios, de Pancracio Celdrán, e no DRAE. Con todo, actualmente as formas con artigo (El Ferrol ou O Ferrol) non son correctas legalmente, malia documentarse en castelán no século XVII, por exemplo, no romance «Despuntado he mil agujas» de Luis de Góngora,[81] ou no texto impreso da Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos (1634) do xeógrafo real Pedro Texeira.[82] Durante a guerra civil española, en 1938 as autoridades franquistas decretaron o uso da denominación de El Ferrol del Caudillo, que se mantivo ata a década de 1980.

Tapa de sumidoiro co nome de El Ferrol del C. (Caudillo) en 2013

Sobre a orixe do nome existe a lenda dun santo bretón chamado Ferreol, quen supostamente chegou ás costas de Ferrol nun barco entre un coro de sete sereas. Outra tradición di que Ferrol provén de farol, en alusión á figura heráldica que aparece no escudo de armas da cidade.[83] Porén, isto non é posible, porque a orixe do escudo de Ferrol remóntase tan só ao século XVIII, así como diversas variantes empregadas ao longo do tempo. A composición heráldica non foi fixada de xeito oficial ata a década de 1990.[84]

A hipótese máis probable[85] sitúa a orixe de Ferrol na toponimia altomedieval a partir dun nome persoal, *Ferrolus, variante do latino Ferreolus ou derivado de Ferrus. Este procedemento de denominación foi moi frecuente na toponimia galega: formábase a partir do xenitivo, nunha secuencia do tipo villa *Ferroli. As referencias máis antigas son do século XI, coa mesma forma que ten na actualidade: Veyga de Ferrol (1085), "per terminos de sancto Juliano de Ferrol" (1087), "medietatem de mea villa de Ferrol" (1111), Ferrol (1212), "Petro Fernandit de Ferrol" (1222), "Petrus Martini, iudicem de Ferrol" (1226).[Cómpre referencia]

Fisterra[editar | editar a fonte]

O topónimo ten orixe latina, de finis terrae 'fin da terra'. Antigamente pensábase que o cabo Fisterra era o punto máis occidental do mundo coñecido, ao veren as lexións romanas o afundimento do sol nas augas do océano Atlántico.

A Fonsagrada[editar | editar a fonte]

O nome da Fonsagrada procede do latín fontem sacratam 'fonte sagrada' [86]).

Gondomar[editar | editar a fonte]

O topónimo Gondomar é unha evolución do antigo Gundemari, xenitivo relacionado co nome persoal de orixe xermánico Gundemarus ou Gundemaro.[87][88] Sustenta esta tese de xeito indirecto a Carta de demarcación do couto de Vilaza (1106), que menciona o lugar de Sancto Salvatorem de Gandari situado nas proximidades da actual vila de Gondomar. Pode interpretarse Gandari como un erro do copista ou escribán, no canto de Gondomari ou Gundemari.[88]

Para Prudencio de Sandoval o topónimo débese á fundación dalgún tipo de poboamento neste concello por parte do rei visigodo Flavio Gundemaro no século VII.[89] Hipótese vixente para varios investigadores[87][90] mais posta en dúbida por Gonzalo Navaza, quen concorda coa orixe do nome nun xenitivo de Gundemaro ou Gondemarus, mais sinala que non existe documentación que permita unha asociación definitiva co monarca suevo. Inda que afirma que será no século VII cando o nome Gundemaro ou Gundemarus se rexistre por primeira vez na Península Ibérica, matiza que entre os séculos IX e XI tamén tivo lugar un rexurdir ou moda de nomes xermánicos vinculados ao antigo reino visigodo de Toledo. O que si está claro para Navaza é que o actual topónimo Gondomar ten orixe nun antigo señor ou propietario chamado Gundemaro que puido ter vivido no século VII.[88]

Guitiriz[editar | editar a fonte]

O topónimo Guitiriz ten orixe xermánica. Vén do nome do rei suevo Witerico, a quen se lle atribúe a fundación do lugar no século VI.[91]

Foz[editar | editar a fonte]

Foz procede do latín vulgar focem, que en latín clásico era faucem 'gorxa, paso estreito, fauces', un lugar por onde un río desemboca no mar, tamén é un paso estreito entre montañas.

O Grove[editar | editar a fonte]

O topónimo O Grove procede dunha falsa segmentación de Ogrobe, que vén de Ocobre tras unha sonorización da oclusiva velar xorda intervocálica orixinal e posteriormente unha metátese da vibrante. Está ben documentado desde antigo: et ecclesiam Sancti Uincentii in insula Ocobre cum dextris suis (899, San Vicente do Grove). Outras formas testemuñadas son insulam Ocobre (911), sanctum Vicentium de Ogobre (912), Ogoure (1109) ou San Vicente de Ogrove (1115). A terminación en -bre, presente en moitos outros topónimos (Añobre, Barallobre, Canzobre etc.) fai referencia a unha elevación de terreo (relacionada con -briga), mentres que a primeira parte do topónimo podería ser a raíz indoeuropea ok- que significaría "punta".[92]

Parece evidente a evolución de Ocobre a Ogrove, manténdose como unha única palabra, e así corría xa na Idade Media. En épocas máis recentes, como froito dun proceso de castelanización de topónimos totalmente alleo á evolución natural etimolóxica, produciuse a segmentación da vogal inicial "O", ó confundirse esta cun artigo singular masculino en galego (como foi o caso de As Maus) e ser traducida por "El". A deglutinación do artigo aparece rexistrada xa dende o século XIV.[92] Non é o único caso de segmentación e hai casos que é imposible que se deban á influencia do castelán: As Maus, Agolada etc.[Cómpre referencia]

De todos xeitos, existe unha disputa nunca resolta entre os partidarios da toponimia oficial (O Grove) e os defensores das formas Ogrove e Ogrobe. Os primeiros deféndeno baseándose, precisamente, na súa oficialidade e no hábito escrito, e os segundos alegan que son estas as formas non deturpadas do topónimo.

Así mesmo, tampouco se chega a acordo sobre se debe estar escrito con "b" ou con "v". Por unha banda, alégase que o topónimo procede da palaba prerromana Ocobre ou Ocóbriga, debendo por este motivo ser escrito con "b". Os defensores do "v" baséanse, pola contra, en que a evolución do galego dende o latín é a única causante desta liorta, extremo sempre negado polos defensores do "b".[Cómpre referencia]

A Gudiña[editar | editar a fonte]

Topónimo derivado do antropónimo xermánico Gotina.[93]

O Incio[editar | editar a fonte]

O Incio procede da forma medieval Onitio, rexistrada dende o século IX.[94]

Lalín[editar | editar a fonte]

O nome de Lalín vén de "Lalino", un colono do Conde de Deza que tivo ao seu cargo as terras nas que, anos máis tarde (980), se erixiu o mosteiro de San Martiño de Lalín de Arriba.

Maceda[editar | editar a fonte]

Maceda está relacionada con mazá, do latín Mattiāna [mala] '[mazás] de Matio', derivado de Caius Matius, tratadista de agricultura do século I a. C..[95][96] Outras fontes citan a palabra latina MATTIANETA (lat. vulgar MATTIANA, maceira). Un fitotopónimo abundante en maceiras, (Manzaneda é a forma castelanizante).[97]

Manzaneda[editar | editar a fonte]

Manzaneda é un dos poucos topónimos castelanizados en Galicia aceptado coma forma oficial. Gonzalo Navaza, investigador especializado na onomástica galega, considerou que a forma Manzaneda apareceu a partir do século XVIII. O nome tradicional é Maceda, e proponse Maceda de Trives como topónimo oficial ao haber xa outro municipio ourensán homónimo, pola alta abundancia de maceiras na zona[98].

A Mezquita[editar | editar a fonte]

O seu nome ten unha orixe incerta. Para Benito Xerónimo Feijoo deriva de mesquita, un senónimo de xibarda, en tanto para Gonzalo Navaza sería unha denominación burlesca para referirse ao lugar de San Pedro de Ecclesiola (forma medieval de Grixoa).[99]

Moeche[editar | editar a fonte]

O nome de Moeche provén dun posesor chamado Modestus, polo que a súa localidade sería [Villa] Modesti.[Cómpre referencia]

Mondariz[editar | editar a fonte]

O topónimo Mondariz semella ter orixe xermánica. Porén, existen varias hipóteses sobre a súa orixe: antropónimo xermano en xenitivo Munderici; Mondariz < composto “monte + de + antropónimo xermano en xenitivo Alarici”; ou Mondariz < composto “monte + de + topónimo prerromano en xenitivo Ariti”[100].

Mondoñedo[editar | editar a fonte]

O topónimo Mondoñedo procede probablemente do termo preindoeuropeo *mund (que significa 'monte'), mais a forma celta onna ('fonte' o 'río', como en Oñate, Santoña o Garona) co engadido do sufixo de reforzo -etu, o que se correspondería coa abundancia de ríos e fontes na zona.[101]

Monforte de Lemos[editar | editar a fonte]

Da época romana provén a palabra Monforte, do latín mont(e)[m] forte[m] "monte fortificado", que é a orixe doutros topónimos similares noutras linguas, principalmente en Europa occidental, como Monfort, Monteforte, Monfort ou Montfoort. No caso de Monforte, o topónimo aparece xa documentado na época romana.[102]

En 1916 o estado aprobou denominar oficialmente o municipios como Monforte de Lemos a petición de Correos, para así diferencialo doutras poboacións españolas e do resto do mundo. Lemos significaría, segundo Manuel Murguía, Padín ou Bullete, "chan húmido". Murguía asociaría a súa etimoloxía ás de Lym, Leman, etc. Un dos primeiros pobos que se asentou no territorio do actual concello de Monforte de Lemos foron os lemavos, citados por Plinio, Estrabón, Tolomeo, entre outros, e tamén chamados lemavi, lemavus, lemorvios, lemabus e lemaborus. Na súa obra España Sagrada, Enrique Flórez apunta a que foron os celtas os que introduciron este nome. Tamén Cuevillas apunta a esta orixe celta do termo Lemos.[103]

Mos[editar | editar a fonte]

O topónimo Mos [‘mɔs] é unha variante dialectal do substantivo moa (do MOLAM latino, 'moa de muíño', derivado de MOLERE), procedente dunha crase en –ò da secuencia –òa do galego común[104]. Este fenómeno fonético observase nas dúas bandas da Ría de Arousa, no occidente e sur de Pontevedra e máis no suroeste de Ourense [105]. O topónimo fai alusión á existencia nestas terras de pedras que semellan moas de muíño ou xigantescas moas dentais, pedras que se atopan non só no dito concello senón tamén espalladas mesmo na estrada do Porriño a Redondela[104]. Con este mesmo fenómeno fonético temos outros topónimos no concello como Campo de Eiró (Eiroa>Eiró) en Pereiras[104]. Esta é a etimoloxía máis seguida, que procede do profesor alemán Joseph-Maria Piel [106].

Mugardos[editar | editar a fonte]

O primeiro documento referido a Mugardos (Mogardos) data de 1105, cando a metade da vila pertencía ao mosteiro de Caaveiro a Cristóbal de Seguedís. Noutro documento de 1235 aparece o abade Tedón como posuidor da outra metade. Segundo Cabeza Quiles, seguindo a Rivas Quintas, Mugardos podería provir da raíz indoeuropea *mok- / *muk-, "altura, pico, prominencia". Un morgado ou mogardo, segundo Eladio Rodríguez vén sendo un "morgado", e segundo Leandro Carré Alvarellos forman un grupo de "bens ou propiedades que non poderían venderse e as cales á morte do posuidor, pasaban a un único herdeiro". Como topónimo Mugardos designaría o lugar onde se asenta unha ou máis propiedades terreas indivisibles.[107]

Narón[editar | editar a fonte]

O topónimo «Narón» sería da raíz preindoeuropea “nar-“ que significa auga, curso de auga. San Xiao de Narón por onde pasa o río Salgueiro deu nome ao concello ao ser onde se reunía o concello no século XIX, dende 1837 na Pena de Embade[108]. En 1960 construíuse en Xuvia a Casa do Concello deseñada polo arquitecto ferrolán García Lastra. Xa no século XXI a Casa do Concello trasládase ao Alto do Castiñero sendo dende entón o centro administrativo do concello.

Ata a constitución do Concello de Narón en 1837 o territorio que hoxe ocupan Narón, Ferrol, San Sadurniño, Valdoviño e Neda era coñecido como «Trasancos»: os que queiman o monte para cultivar. En lingua antigoeuropea: “Trs-“ = "queimar", "tostar", lat. torreo, "facer rozas para cultivar"[109].

Nigrán[editar | editar a fonte]

As atestacións documentais máis antigas deste topónimo son serodias, do século XIII, e nelas aparece coma nome dunha freguesía pertencente ao arciprestado e xurisdición de Miñor, diocese de Tui.

Segundo o estudo realizado polo catedrático da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, o topónimo Nigrán vén do termo latino "niger" (negro en galego) máis a terminación patronímica -án.[110]

Oia[editar | editar a fonte]

O topónimo Oia está documentado dende época medieval, ligado ao mosteiro de Santa María. O documento máis antigo cita esta localidade no pergameo solto datado en 1137[111]

"...pectet regie parti mille morabetinos et ecclesie Sancte Marie de Oia iam dicte et fratribus ibi existentibus in duplo restituat."

A etimoloxía segundo o toponimista Edelmiro Bascuas faría referencia á auga (hidrotopónimo), e viría de formas paleoeuropeas *ugwia ou *udia, derivadas á súa vez dunha raíz *wegw‑ co significado de ‘húmido’. Polo tanto, estariamos ante un topónimo prerromano que faría referencia a ‘lugares húmidos” ou “con abundancia de auga’[112].

Oleiros[editar | editar a fonte]

Segundo o Padre Sarmiento[113] o topónimo Oleiros fai referencia ás olas en que se celebraban antigamente os soterramentos[114].

Ortigueira[editar | editar a fonte]

Ortigueira orixínase no latín urticariam, de urtica 'ortiga' + ariam, sufixo abundancial, 'lugar onde hai ortigas'[115]).

Ourense[editar | editar a fonte]

Bautizada polos romanos como "A cidade de ouro" (Auriense) pola súa abundancia neste metal precioso, foi unha importante cidade de Hispania ata que se esgotaron as súas reservas deste mineral, que se atopaba no río Miño. Un topónimo relacionado é o da próxima praia fluvial de Oira, que segundo outra hipótese é a orixe da forma latinizada Auriense por engadirlle o sufixo -(e)nse a un posible prerromano Oira.

Tamén se cre que o nome da cidade vén do latín aquae urente ("augas abrasadoras"), ou do xermánico Warmse ("lago quente"), polas coñecidas fontes de augas termais, As Burgas, (nome derivado do latín burca que significa "pía"), unha das moitas que existen no concello.

Padrón[editar | editar a fonte]

O topónimo da vila procede de "pedrón"[116] (do latín "Petronem"), do altar de orixe romana adicado ao deus Neptuno, localizado orixinalmente na beira esquerda do río Sar e levado no século XV ao interior da igrexa parroquial de Santiago de Padrón.

Palas de Rei[editar | editar a fonte]

O lugar aparece mencionado nun documento de 1153 como pallatium Regis[117][118] por ser Witiza, o rei visigodo que, segundo a tradición, mataría a Fáfila, duque de Galicia e pai de Don Pelaio (Paio de Asturias),[119] nestas terras de Palas de Rei, onde, ao mesmo tempo, tería o seu pazo. Con todo, podería non derivar de pazo senón do topónimo Palas, referido a covas de lugares calcarios.[120] Son máis as voces que ven no Palas unha orixe non latina. Así,[121] Vázquez Rodríguez destaca que a orixe do termo podería estar nas palabras do galego común pala e, polo tanto, preindoeuropea, mentres que Edelmiro Bascuas considera que o primeiro elemento podería ser un derivado da raíz indoeuropea *pel-, "encher, verter, fluír", polo que podería ser, na realidade, un Río de Rei.

Pedrafita do Cebreiro[editar | editar a fonte]

Pedrafita do Cebreiro procede do latín petra ficta, 'pedra cravada, miliario ou monumento megalítico, consistente nunha gran pedra colocada verticalmente' e cebrarium, 'lugar onde hai moitos asnos bravos', tamén chamados onagros e 'cebros' < (e)quos feros + -arium (sufixo abundancial).[122].

O Pino[editar | editar a fonte]

Os rexistros escritos coñecidos do topónimo remontan ao século IX, cando o rei Ordoño II amplía en 12 millas o circuíto das posesións da igrexa de Compostela, desde San Vicenzo do Pino ata Iria Flavia: de Sancto Vicencio de Pino usque in Iriam, ano 915.O nome contén un adxectivo, 'pino' (‘empinado, elevado’), que fai referencia á localización da igrexa de San Vicenzo, na parroquia do Pino. O antigo nome de Monforte de Lemos, antes de que llo cambiase o rei Afonso VIII, era tamén O Pino e respondía á mesma motivación orográfica.[123]

Ponteareas[editar | editar a fonte]

O topónimo actual Ponteareas é o resultado da fusión do nome composto Ponte de Areas e as súas variantes dos séculos XV-XIX que tendían a fusionar e logo eliminar a preposición "de". Toma o seu primeiro nome da medieval ponte dos Remedios. Cruza o río Tea continuando un antigo camiño que comunica coas parroquias veciñas, da que procede o segundo nome: Areas. Esta foi identificada por algún autor[124] como a "Aureas" recollida en latín na listaxe do Parochiale Suevorum[125] do século VI, da cal é difícil extraer a súa correspondencia cos topónimos actuais. No s. IX, o rei Afonso III anótaa tamén en latín como "Sancta Maria (...) Arenosium" e anotado a marxe "sancta maria de arenis"[126], moito antes da aparición da poboación de Ponteareas. Así, o significado da partícula que deu lugar a Areas é incerto aínda só consideranto o latín (areas, áureas, áreas coas súas distintas acepcións etimolóxicas) e á súa vez confúndese na historia coa veciña Arnoso (San Lourenzo) o cal leva máis tarde a propoñer unha raíz prerromana hidronímica en arn-[127] que completa as hipóteses consideradas (o culto ao Ares grego foi presentado tamén como unha posible etimoloxía hai décadas, mais logo foi refugada[124]).

Ponte Caldelas[editar | editar a fonte]

Probablemente, o municipio recibiu o seu nome pola antiga ponte sobre o río Verdugo, combinado co dos seus mananciais termais sulfuroso-sódicos ("caldas", do latín calida, calidae, quente). Aínda así, unha parte da xente do concello distingue entre Caldelas (núcleo principal) e Ponte Caldelas (municipio).

Ponteceso[editar | editar a fonte]

O topónimo da vila provén do latín Ponte caesa (que significa Ponte pechada ou cortada). Algúns historiadores afirman que o topónimo débese a que a ponte orixinal, de orixe romana que unía os actuais municipios de Cabana de Bergantiños e Ponteceso, se derrubou dando lugar ao nome ponte caesa (ponte cortada).[Cómpre referencia]

O primeiro censo no que se nomea o concello co nome de Ponteceso é o de 1877. Anteriormente o concello foi coñecido co nome de Bugalleira.[128]

Pontedeume[editar | editar a fonte]

Evidentemente o nome do concello fai referencia á ponte sobre o Eume. Sobre o topónimo do río, o historiador Luís Monteagudo García[129] considera que o termo Eume deriva de Uma, xentilicio etrusco que designaría ao Procurator metallorum do val do Eume e a súa zona aurífera. É dicir, o topónimo viría do nome do procurador responsábel das extraccións auríferas no val do Eume, xa que, segundo algúns historiadores, o Eume era un río aurífero.

Isidoro Millán, na súa obra sobre a toponimia eumesa[130], afirma que Eume procede da forma hidronímica céltica Ume, da cal procederán tamén os nomes do río Umia en Pontevedra, do Mao (antigamente Humanum) en Ourense e dos dous ríos Homem existentes no N. de Portugal.

No que respecta ao nome Pontedeume, este existía anteriormente á concesión real para fundar vila de reguengo en 1270. Pódese deducir dos termos da redación do diploma pola chancelería do rei: "...pueblen en el lugar que dizen ponte deume...", mais tamén porque existen documentos anteriores que o mencionan: "...per terminos de Ponte de Eume usque ad flumen de Conido..." nunha doazón dos Condes de Trava en 1162; "...Johan Goth, et Pedro de Deus, todos das Pontes de Eume..." nun documento notarial varios meses anterior no mesmo 1270.[130]

As Pontes de García Rodríguez[editar | editar a fonte]

As orixes do nome do concello remóntanse ao ano 1376, cando o conde García Rodríguez de Valcarce tomou posesión das terras do val no que se asenta o concello, tralo decreto do rei Henrique II de Castela. Este comezou entón a construción dun castelo e unha ponte seguindo o camiño real Lugo-Ferrol (a actual Ponte da Perfolla), dando lugar ao nome da vila das "Pontes d’Uyme", que posteriormente derivaría no actual nome do concello.[131][132]

En canto os lugares do concello, varios dos topónimos teñen a súa orixe en termos célticos, como por exemplo A Cuíña ("Costa empinada"), O Catarou ("Mirador") ou O Reboredo ("Carballeira").[133] Outros destes lugares teñen a orixe do seu topónimo no latín, como O Caneiro (canna), A Ermida (eremita), O Chao (planus), Espiñaredo (epina) ou O Castro (castrum).[134]

Pontevedra[editar | editar a fonte]

Pontevedra procede do latín pontem veteram 'ponte vella', que fai referencia á primeira ponte que os romanos construíron para cruzar o río Lérez e a Ría de Pontevedra.

Portomarín[editar | editar a fonte]

O nome do concello procede do latín portumarini, "porto ou paso fluvial de pouca profundidade"[Cómpre referencia].

Redondela[editar | editar a fonte]

Segundo varios autores, na actual vila os gregos formaron un asentamento coñecido na antigüidade coma Búrbida.[135]

O topónimo vixente de Redondela provén do latín Rotunda (redonda). Este topónimo evolucionou a Retondus en latín vulgar e ulteriormente, coa adición do sufixo diminutivo -ulus, a Retondulus, dando lugar ao topónimo definitivo de Redondela.

Esta denominación estaría sustentada na morfoloxía de crecemento da vila en torno ao mar, así como da situación xeográfica na que se atopa, ao estar formando un meandro semicircular que forma o esteiro de Redondela, na ría de Vigo.

Rianxo[editar | editar a fonte]

O topónimo de Rianxo provén seguramente do latín rivus angulus, «a curvatura do río» (Rivu(m) Ángulu(m) > Riv'ang'lo > Rianxo) dada a forma que describe a ría ao seu paso pola vila. Porén, tamén se especula con que provén de rivus amplus, «río ancho».

Ribas de Sil[editar | editar a fonte]

Este topónimo procede de estar localizado á beira (riparia en latín) do río Sil, aínda que a súa formación analítica pode levar a pensar que se formou posteriormente a outros análogos sintéticos (Ribadavia, Ribadeume, Ribadeo).

Ribeira[editar | editar a fonte]

Ribeira é palabra galega procedente do latín RIPARIA, 'franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar'.[136] Esta forma documentase por vez primeira nun testamento dado en 1387: Item mando a Sta. Ougea de Ribeira hua libra de cera en huun frolal et outra libra de azeite.[137] As formas escritas con b son xerais para este topónimo até 1607,[138] cando se documenta a grafía Santa Eugenia de Riveira.[139] Desde ese momento, nas mencións (en castelán) a este porto e freguesía, altérnanse formas escritas con b, como no Diccionario Madoz,[140][141] e con v.

Santa Uxía fai referencia á santa patroa da parroquia, Santa Uxía de Alexandría. Por outra banda, Uxía é a evolución do galego antigo Ougia, á súa vez evolución do nome greco-latino Eugenia. A igrexa parroquial é citada por primeira vez en 1200, na forma Sancte Eugenie de Carraria: "de tota nostra hereditate quantam habemus in villa que uocatur Dayam in concurrencia Sancte Eugenie de Carraria que est in terra Pistomarchos".[142]

O pleno do concello aprobou[143] o 11 de novembro de 1984 unha moción para denominar o concello "Santa Uxía de Riveira", con v, previo informe do cronista oficial Carlos García Bayón. O concello basea nese acto a súa utilización da forma Riveira malia que a única forma oficial é Ribeira, tal como aprobou a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

O 3 de marzo de 2020 o concello aceptou o topónimo oficial nun acto institucional coa participación do alcalde, Manuel Ruiz, de representantes dos diferentes grupos políticos do concello, do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e do director da Comisión de Onomástica e Toponimia da RAG, Antón Santamarina.[144]

Riós[editar | editar a fonte]

Actualmente o nomenclátor de Galicia trae rexistrado Riós como nome do concello e da súa capitalidade. En documentos medievais, este nome aparece documentado noutras formas como O Riós, Ríos ou Os Ríos. Na primeira metade do século X, nun documento do mosteiro de Celanova, aparece rexistrado como Orriolos; Villaurriola (capitalidade) no 1031[Cómpre referencia]; Urriós en 1466[Cómpre referencia]; Orriós no Catastro de Ensenada (a mediados do século XVIII); Orriós por 1763. Por 1777 Pedro González de Ulloa[Cómpre referencia] cita “Jurisdicción del Riós” e tamén “Montañas del Riós”, aínda que se ve Orriós no ano 1845 na cartografía de Fontana[Cómpre referencia] e tamén en 1851 en documentos eclesiásticos[Cómpre referencia].

Fernando Cabeza Quiles (1992:398) deixa constancia da posible procedencia do diminutivo latino “riviolos” (ríos pequenos) e outros autores[quen?] tamén constatan a mesma opinión. Pola contra tampouco se desbota[quen?] a posible procedencia do topónimo dunha raíz prerromana Orr-[Cómpre referencia] que significa “alturas, cumes” ou “vales entre montes”; en base ás formas antigas que se documentan sobre o topónimo: Urriola, Orriolos, Urriós, Orriós, en semellanza ou parecido a outros localizados en Ourense, en Galicia, en Seabra ou no veciño Portugal, como Orras (Val de Orras), Urros, Urrós, Urroa, Orra, Orro, Orros, Órrea, Trasorras (Castroverde, Lugo), Valdorros (Burgos), Urrieta (Sanabria) ou con Orreta que na veciña zona portuguesa de Trás-os-Montes é palabra con significado de “val entre montañas”[Cómpre referencia] e con Urreta (Vimioso), que tamén se refire a “val ou monte con moitos vales”[Cómpre referencia]. Arrieta, Urieta, Ourreta, Orreta, son nomes duns trinta pequenos vales entre Portugal e Zamora, e a palabra debe querer significar[Cómpre referencia] o mesmo en Valdurro (Asturias) ou Valdorria (provincia de León).

O Rosal[editar | editar a fonte]

O nome da vila procede de Roçal, forma derivada do verbo ruptiare, que no latín serodio significaba 'romper', no sentido de axeitar unha terra para o cultivo, e que evolucionou ao moderno 'rozar', limpar de maleza a terra. A escrita moderna Rosal é o resultado dunha grafía non consciente do seseo propio da fala local, no canto do esperable Rozal, sen prexuízo da pronuncia con /s/.[145]

Malia que en Galicia a rosa cultívase de vello, a vinculación tradicional do nome deste concello coa flor[146] non é etimolóxica, senón que responde á coincidencia entre o topónimo deturpado e o termo castelán para designar a roseira.

A Rúa[editar | editar a fonte]

O nome do concello vén do substantivo común rúa (camiño dentro dunha poboación), que vén do latín vulgar via ruga (camiño entre casas), xa que ruga significa no latín clásico engurra. O termo rúa é compartido noutras linguas próximas como no portugués rua, en albanés rrugë, en bretón ruioù ou en francés rue[147].

Sada[editar | editar a fonte]

Sada é un topónimo do cal se descoñece a súa orixe mais enténdese que é de orixe latina. Está constatado que aparece no século XIII. [148]

San Cristovo de Cea[editar | editar a fonte]

O nome da vila aparece escrito ao longo da súa historia como Cea, Çea, Ceia e Zea, posiblemente é un topónimo de orixe celta. Tería dous posibles significados "muralla" ou "pradeira"[149].

A inicios do século XIX foron creados os concellos de Oseira, Cea e Mandrás, fusionados trala división territorial de España en 1833.

Até 1916 recibía simplemente o nome de Cea, pero nese ano pasou a ser chamado San Cristovo de Cea para distinguilo do concello de Cea (León).[150]

Sarreaus[editar | editar a fonte]

O nome de Sarreaus procede do latino Sarrianus, "os que veñen de Sarria", debido a que no seu momento se repoboaría con habitantes desta vila luguesa.

O Saviñao[editar | editar a fonte]

A súa etimoloxía ven de Sabinianum, á súa vez de Sabinus, cognome romano derivado dun nome étnico que se refería a unha antiga tribo rival dos primeiros habitantes de Roma, os sabinos. Sería entón un antropónimo que alude a un antigo posuidor. Nas fontes medievais non se recolle o artigo.[151]

Anta de Abuíme.

Taboada[editar | editar a fonte]

Etimoloxicamente, o topónimo procede probablemente do adxectivo latino tabulatus, -a, -um, "chán", que podería ser asignado á terra, -ae, "terra" (por iso derivaría da forma feminina) co significado de plana[152] ou cadrada[153].

Porén, outra explicación é a de que procede do nome dun propietario, Arias Petri de Tabulata, establecido nas terras da actual parroquia de Taboada dos Freires (de onde derivaría igualmente o topónimo). Isto indicaría que o seu soar orixinal estaría na parroquia de Ponte Taboada, en Silleda. Este Tabulata consolidaríase como patronímico nas terras do municipio. A partir de inicios do século XV, os señores e despois condes de Taboada (co soar en San Pedro de Bembibre), reunirían as parroquias da súa xurisdición baixo o nome de Taboada, que lle daría nome ao seu título nobiliario.[154]

Teo[editar | editar a fonte]

"Teo" atópase escrito na documentación da Idade Media como Sancta Maria de Talegio e como Santa Maria de Teeio. Partindo disto Edelmiro Bascuas considera que estamos ante un hidrotopónimo procedente dunha raíz indoeuropea *tala‑, co significado de "fluír" (a mesma que Tui, mediante < *ta+la‑); Isidoro Millán relaciónao co río Tea, partindo tamén dunha raíz hidronímica *tekw‑, co mesmo significado de "fluír"; mentres que Joseph Piel cre que se trata dun nome de posesor de orixe xermánica *Teodone, isto é, o propietario das terras.[155]

Trabada[editar | editar a fonte]

O topónimo Trabada (do latín Tabŭlāta) fai referencia ao río Trabada, que desauga no río Eo.[156] Menciónase no Diploma do rei Silo, documento datado o 23 de agosto do 775 e conservado no arquivo da catedral de León), no que o rei Silo doa terreos de dominio real situados entre os ríos Eo e Masma para que se constrúa neles un lugar de oración ou mosteiro, a través do abade Sperautano.

Triacastela[editar | editar a fonte]

A orixe do topónimo non está clara aínda que no escudo municipal aparezan tres castelos dos que non hai noticia que houbese nunca polos arredores. Algúns interpretan que Triacastela pode derivar de tres castros (castellum) que forman unha especie de triángulo e que son o de Triacastela, o de Tras do Castro (ou o de San Adrián) e o de Lagares.[157]

Tui[editar | editar a fonte]

As orixes do topónimo Tui non están plenamente claras. Investigacións arqueolóxicas relaccionan a cidade coa romana mansio Tūde ("lugar de parada nos camiños"). Ptolomeo usou o nome grego Τουδαι (Tudai) para referirse á vila, mentres que Plinio o Vello utilizou o topónimo helenizante Tyde. Unha das propostas etimolóxicas é a de Edelmiro Bascuas, que asocia o topónimo ao radical TŪD- (da raíz indoeuropea TĀ- "erreterse, fluír"), posiblemente un hidrónimo relaccionado co Río Miño.[158] Outra explicación é a que relacciona o prelatino Toûdai coa base "teuta", común nas linguas indoeuropeas occidentais, incluíndo as celtas, e que significa pobo ou comunidade.[159]

Val do Dubra[editar | editar a fonte]

Dubra viría do plural dubra, do céltico dubron (auga), ou dunha forma feminina dubra, co mesmo significado. Tería a mesma etimoloxía o río Dobra, río situado en Asturias[160], concretamente nos PIcos de Europa, río de augas procedentes do desxeo e moi frías[161] e tamén, outros topónimos franceses (Douvres, río Douvre), ingleses (Dover), irlandeses e escoceses (Dobhar), alemáns (Tauber, antes Dubra) ou neerlandeses (Doveren)[162].

Da parroquia de Buxán en Dubra coñecemos rexistros escritos desde a Idade Media[163]: inter Busiani et Nevarium, 1134; in terra Dubrie ecclesiam sancti Iacobi de Busiam, 1152; Santiago de Bugian, que he en terra de Duvra, 1306... Buxán é o resultado do xenitivo busiani dun nome persoal de orixe latina Busianus. A documentación medieval mostra que en Galicia houbo persoas con ese nome ata o século XI.O nome escollido para o concello en 1960 tiña longa tradición como nome do territorio: in terra Dubrie, 1152; in tota terra de Trastamar et de Duvria et in Bregantinos, 1237; Salvador Martins notario de Duvra et de Montaos, 1306; terra de Duvra, 1326; en Benvivre et en toda terra de Duvra, 1330.

Valdoviño[editar | editar a fonte]

O nome do concello fai pensar a algúns nunha agricultura baseada na vide, así val do viño sería a orixe do topónimo. Tamén hai quen manexa outra hipótese: val do Aviño, rego que atravesa o chan do municipio, se ben as últimas investigacións indican que o nome provén do propietario dunha pequena explotación agraria, chamado Baldovino, Baldoviño ou Balduino, do cal hai abondosa documentación nos textos medievais.[164]

Viana do Bolo[editar | editar a fonte]

Algúns estudosos consideran que o nome de Viana lle foi dado nunha carta foral arredor de 1206 e faría referencia á cidade francesa de Vienne (en occitano Viana), localidade que aparece na Historia Turpini, do Códice Calixtino. Ese mesmo nome foille concedido despois ás localidades de Viana en 1219 e Viana do Castelo en 1262.[165] O segundo elemento do nome: Bolo (do latín bullum 'outeiro' ou indicando a proximidade ao veciño concello do Bolo), consolídase na documentación escrita no século XVIII.[166]

Vigo[editar | editar a fonte]

Vigo é un topónimo latino frecuente para aqueles pequenos poboamentos semiurbanos ou rurais sen fortificar, ou "aldeas".[27][167][168] Neste caso xorde do "Vicus" altomedieval, entre os séculos IX e X.[169][170][167] No actual sur galego as "villae" xorden ligadas aos castros; mentres que no norte galego, no centro lucense e no asturiano, as "uillae" estiveron ligadas aos asentamentos romanos.[171]

A orixe do Vigo actual atópase no asentamento da vila, empedrada e estruturada, que nace aos pés do Castro tralo declive nos séculos VI-VII da cidade romana que alí se atopaba,[169][172][173] e que seguramente se denominaba Burbida.[169][174]

Téñense barallado as orixes do topónimo en Vicus Spacorum e Vicus Helleni pero ningunha ten fundamentos históricos.[169][172][174][170] Postulouse que Spacorum (xenitivo plural de Spacori) era a tribo das terras próximas.[Cómpre referencia] A identificación da cidade con eses dous Vicus non se sustenta co que se coñece do percorrido da Vía XIX, e na cal se fundamentaban. Suporía unha desviación irrealista no percorrido da vía que conectou Compostela ou Iria Flavia con Tui[175][169], inda que si que encaixa coa Burbida desa vía[169]. Burbida sería un importante porto comercial e con industrias de salga que se asentaba nas inmediacións da actual colexiata[Cómpre referencia].

Vilagarcía de Arousa[editar | editar a fonte]

O topónimo está composto por un elemento orixinario do latín Villam, 'explotación agropecuaria', e polo nome do seu fundador, García de Caamaño.[176]

Viveiro[editar | editar a fonte]

O nome Viveiro procede do idioma latín, Vivarium. Dende un punto de vista etimolóxico, Vivarium significa un terreo onde se cultivan árbores e plantas ou un lugar onde se manteñen ou se crían dentro da auga peixes, moluscos e outros animais. Co paso dos séculos, este foise transformando en Vivario, Vivairo e Viveiro.

Non obstante, existen algúns historiadores, coma Boulet, que consideran que o nome Viveiro non procede do latín senón das linguas célticas, sendo unha composición das palabras Bi (montaña) e Ber (empinada), teoría esta que se reforza ó estar a localidade na saia de montañas empinadas.[177]

Galicia estremeira[editar | editar a fonte]

A Ponte de Domingos Flórez[editar | editar a fonte]

A ponte vella que dá nome á vila.

Porén, non é ningunha destas pontes a que dá nome ó lugar. O topónimo está documentado desde o século XIII, grazas á construción dunha pequena ponte sobre as augas do río Cabreira, aínda en pé no núcleo máis antigo da vila, e algo afastada da estrada nacional.

As terras do Bierzo e Valdeorras dependían desde o século XI dos Flórez, pertencentes á poderosa familia Froilaz. Un deses señores, Domingos Flórez tiña colleitas e herdades na rexión, polo que precisaba moverse a ambos os lados do río Cabreira. Mandou contruír a ponte, que permitía que o gando dunha beira do río pastase na outra e, por extensión, facilitou a comunicación coa contorna. Como era tradición naquela altura, a vila da Ponte adoptou o nome dun dos seus rexedores.[178][179]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mentres cumpran a condición de que o seu encabezado se titule así, segundo se estipula no modelo de referencia para concellos. A 29 de agosto de 2019 as excepcións a estrutura (que non ó nome da epígrafe) eran:
  2. Fernando Cabeza Quiles (2008:341) Toponimia de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia.
  3. xenealoxia.org, eds. (5 de xullo de 2005). "Topónimos xermánicos que rematan en -GONDO". Consultado o 24 de agosto de 2017. 
  4. Concello de Abegondo. "Historia: Concello de Abegondo". Consultado o 13/9/2015. 
  5. Albaiges Olivart, Josep María (1997): Enciclopedia de los topónimos españoles. Planeta.
  6. Cabeza Quiles, Fernando (2014). A toponimia celta de Galicia. Toxosoutos. 
  7. Méndez, Luz (2016). Toponimia de Agolada. A Coruña: Real Academia Galega. p. 19-20. ISBN 978-84-946005-4-8. 
  8. Méndez Fernández, Luz (2016). Real Academia Galega, ed. "Galicia no Decreto de 1916". Boletín da Real Academia Galega (377): 365–383. ISSN 1576-8767. 
  9. Santiso Arias, Andrea (2023). Toponimia de Antas de Ulla. A Coruña: Real Academia Galega. p. 22-23. ISBN 978-84-17807-36-8. 
  10. 10,0 10,1 Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG)
  11. Costa, M. (31 de outubro de 2009). "Los nombres de los concellos galegos: A)". Verba escrita. 
  12. Porén aparece escrito Arzua nun documento de 1245, segundo o Inventario Toponímico da Galicia Medieval
  13. Arzúa non foi Araduca, no blog A Nosa Historia (3-6-2009).
  14. Notas acerca de Hidronimia Gallega Abelardo Moralejo Laso, Universidade de Santiago de Compostela
  15. "Nós Diario". hemeroteca.nosdiario.gal. Consultado o 2023-04-15. 
  16. Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía (12): 11–35. ISSN 1576-2661. 
  17. González Balasch, M.T.: El Tumbo B de la Catedral de Santiago (Edición y Estudio). Universidade de Granada (tese de doutoramento), 1987.
  18. Cabeza Quiles, F.: Os nomes da terra. Topónimos galegos; Editorial Toxosoutos, p. 201.
  19. Martínez Lema, Paulo (2018). Toponimia de Begonte e Rábade. A Coruña: Real Academia Galega. p. 21-22. ISBN 978-84-947823-2-9. 
  20. Navaza, Gonzalo (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. p. 18. ISBN 978-84-17807-09-2. 
  21. "Historia, Concello de Bergondo". Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  22. En irlandés antigo bith, betho (xenitivo) ou en bretón bet significan "vida", "da vida"
  23. 23,0 23,1 Caridad Arias, Joaquín (Directora: Alayón, Carmen Díaz ) (2003/2004). "6.11. Betanzos < ¿Brigantium?, Betanzos-o-vello, antigua Tiobre". En Humanidades e Ciencias Sociais, Universidade de La Laguna. Los fenómenos de homonimia y homofonía en la toponomástica y su repercusión en las etimologías cultistas y populares de la Europa Occidental (Tese Doutoral). 
  24. Pena Graña, Andrés (Xuño de 2008). "O Misterio do trisquel na relixión celta ancestral, Monoteismo trinitario antecedente do presente cristián." (PDF). CÁTEDRA. Revista eumesa de estudios (Pontedeume) (15): 167-236. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de xuño de 2013. Consultado o 16 de agosto de 2018. 
  25. "Os mitos do 800 aniversario: o 800 aniversario da fundación da cidade". Xornal de Betanzos. 14/5/2018. Arquivado dende o orixinal o 17/08/2018. Consultado o 16/08/2018. 
  26. Alonso Ávila, Ángeles (1999 páxinas = 848). Secretariado de Publicaciones e Intercambio Editorial, Universidad de Valladolid, eds. Homenaje al profesor Montenegro: estudios de historia antigua. ISBN 84-7762-985-4. En un trabajo posterior ya se hablaba de un radical Bet- de probable origen ibérico y que estaría presente en otros hidrónimos y topónimos peninsulares Baetis, Betán, Betanzos... 
  27. 27,0 27,1 Cabeza Quiles, F. (1992). Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a sua orixe e o seu significado. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. 
  28. 28,0 28,1 Sánchez Pardo, JC.; Andrade Cernadas, JM (Dirección) (2008). "Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media (Tese)". Universidade de Santiago de Compostela: 1051. 
  29. Landín Carrasco, A. (1995). "Notas de toponimia gallega". Museo de Pontevedra (Pontevedra) (T. XLIX): 499–539. 
  30. 30,0 30,1 Monteagudo García, L. (1984). "Etimologías de topónimos coruñeses (II)". Anuario Brigantino (Betanzos) (7): 33–46. 
  31. Ravenate 4, 26, páx. 231
  32. "Boimorto@NET | Toponimia". www.boimorto.org. Consultado o 2019-06-27. 
  33. Cabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar, p. 73-74. Ed. Xerais, Vigo 1992.
  34. Armando Cotarelo: "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 48, 15 de Nadal de 1927.
  35. Celso de Baión (pseudónimo de Álvarez Blázquez): Os nomes da terra recollidos do pobo. Editorial Castrelos, 1976.
  36. Cabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar, p. 244. Ed. Xerais, Vigo 1992.
  37. "Concello de Boiro - Historia". boiro.gal. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2021. Consultado o 2021-02-05. 
  38. Moralejo, Abelardo (1977). Pico Sacro, ed. Toponimia gallega y leonesa. Biblioteca de Bolsillo - Pico Sacro, 14. Santiago de Compostela. ISBN 84-85170-20-2. 
  39. Búa Carballo, J. C.; Lois Silva, S. (1994-1995). "Los topónimos gallegos en -bre de orígen prerromano". Beiträge zur namenforschung. Neue Folge (Heidelberg) (Band 29/30): 13–41. 
  40. Sánchez Pardo, JC.; Andrade Cernadas, JM (Dirección) (2008). "Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media (Tese)". Universidade de Santiago de Compostela: 1051. 
  41. "A Cañiza e Riveira". dubidasdogalego.wordpress.com. 26 de xaneiro de 2015. Consultado o 13 de xaneiro de 2021. 
  42. Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 44. ISBN 978-84-8158-706-7. 
  43. 43,0 43,1 Navaza Blanco, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega (PDF). A Coruña: Fundación Barrié. p. 137. ISBN 84-95892-53-7. 
  44. "A Cañiza e Riveira". Dúbidas do galego. Consultado o 26 de agosto de 2016. 
  45. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para canizo.
  46. "Historia da vila na web do Concello" (en castelán). Consultado o 26 de agosto de 2016. 
  47. "Carballedo - Antón Palacio - Detrás do nome - O Seminario de Onomástica responde". Consultado o 2023-04-01. 
  48. "Toponimia do Concello de Carballedo". ogalego.eu. Consultado o 05/10/2017. 
  49. Moralejo Lasso, A.: Toponimia gallega y leonesa. Santiago de Compostela. Editorial Pico Sacro. 1977, páxs. 22, 25 e 281. ISBN 84-85170-20-2
  50. Artigo sobre Cee no Portal das Palabras da RAG.
  51. Navaza Blanco, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega (PDF). A Coruña: Fundación Barrié. p. 208. ISBN 84-95892-53-7. 
  52. Gonzalo Navaza: "Cotobade. Nin couto nin abade" Arquivado 10 de maio de 2019 en Wayback Machine. Portal das Palabras, RAG.
  53. Navaza Blanco, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega (PDF). A Coruña: Fundación Barrié. p. 208. ISBN 84-95892-53-7. 
  54. Nieto Ballester, Emilio (1997). Breve diccionario de topónimos españoles. Alianza Editorial. ISBN 9788420694870. 
  55. Pokorny, Julius (1959). Indogermanisches Etymologisches Wörterbuch. Francke. 
  56. Gorrochategui Churruca, Joaquín (1997). Gallaecia e as linguas prerromanas da Península Ibérica. Museo do Pobo Galego. 
  57. Moralejo Lasso, Abelardo (1977). Toponimia gallega y leonesa. Editorial Pico Sacro. ISBN 9788485170203. 
  58. 58,0 58,1 58,2 Navaza, Gonzalo (2016). Universidade da Coruña, eds. "A orixe literaria do nome da Coruña". Revista Galega de Filoloxía 17: 119–164. ISSN 1576-2661. doi:10.17979/rgf.2016.17.0.1873. 
  59. Cabeza Quiles, F. (2008): Toponimia de Galicia. Vigo. Galaxia. ISBN 978-84-9865-092-1.
  60. Xosé Ramón Freixeiro Mato. "O topónimo A Coruña" (PDF). A recuperación da topoantroponimia e a perda de referentes culturais para a mocidade. p. 203. 
  61. Consello da Cultura Galega. "O topónimo A Coruña" (PDF). 
  62. Real Academia Galega (1913-1928). "Alma". Diccionario gallego-castellano. A Cruña ten mais de 60.000 almas 
  63. Real Academia Galega (1970). Normas Ortográficas do Idioma Galego. 
  64. Xunta de Galicia. Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolemento Rural. "A toponimia en Galicia: Nomenclátor de Galicia, Proxecto Toponimia de Galicia". p. 52. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2012. Consultado o 10 de marzo de 2014. *Coruña < Cruña (epéntese) 
  65. "La Comisión Europea cambia textos para incluir el topónimo A Coruña". La Opinión (en castelán). 16 de decembro de 2011. Consultado o 1 de maio de 2020. 
  66. "Ley 2/1998, 3 de marzo, sobre el cambio de denominación de las provincias de La Coruña y Orense." (en castelán). BOE. 4 de marzo de 1998. Consultado o 1 de maio de 2020. 
  67. "Véxase a resolución do Tribunal Superior de Xustiza sobre o topónimo". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2008. Consultado o 24 de marzo de 2008. 
  68. "El Ayuntamiento renuncia a la vía judicial para defender el topónimo "La Coruña"". Faro de Vigo (en español). 8 de xullo de 2008. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2011. Consultado o 08 de xullo de 2008. 
  69. "Brigantino no Dicionario de Dicionarios". Instituto da Lingua Galega. Consultado o 24 de outubro de 2015. 
  70. "Cascarilleiro, el apodo con aroma a cacao". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de febreiro de 2002. Consultado o 1 de maio de 2020. 
  71. 71,0 71,1 "Gonzalo Navaza: Novas achegas de toponimia galega. Simposio ILG 2021 - Sesión 2". YouTube. Consultado o 2021-10-22. 
  72. Rodríguez Colmenero, Antonio; Ferrer Sierra, Santiago; Álvarez Asorey, Rubén D. (2004). Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (conventos bracarense, lucense e asturicense) (PDF). Gran Formato. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. p. 725. ISBN 84-95415-87-9. 
  73. Tombo de Sobrado, folios 56r-58r (c. 995), en Flórez, Henrique (1765). España Sagrada (en latín) 19. Madrid. p. 386. Ecclesiæ Sanctæ Mariæ Cidadelie de Curtis 
  74. Mariño Sanmartín, Andrés (2010). Asociación Amigos de Curtis "Os Quenllos", ed. Memoria gráfica de Curtis: fondo fotográfico de la Asociación Amigos de Curtis "Os Quenllos" (en castelán). p. 255. 
  75. Rodríguez, Nuria (2 de agosto de 2009). La Opinión (A Coruña), ed. "Simplemente Curtis". 
  76. Lorenzo Baleirón 2008, p. 114
  77. (Costas González 2016, p. 19)
  78. Cabeza Quiles, Fernando (2006). Algúns topónimos das parroquias da Estrada, Matalobos, Ouzande e Toedo (PDF). A estrada, Miscelánea histórica e cultural 9. p. 115. 
  79. Fernando Cabeza Quiles (2008:257, 258, 260, 263) Toponimia de Galicia. Vigo:Editorial Galaxia
  80. Lope García de Salazar, Libro de las bienandanzas e fortunas, 1471 - 1476, libro XXV, ed. lit. Ana María Marín Sánchez, Universidade de Valencia, Parnaseo-Lemir.
  81. Cfr. Luis de Góngora y Argote, «Despuntado he mil agujas» (romance), vv. 49-52. «A las armas, mozalbitos, / que un navío filipote / os espera en El Ferrol: / ¡plega a Dios que se derrote!», vv. 49-52
  82. Pedro Texeira, Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos, 1634, fol. 32v. y 33r., ed. de Felipe Pereda y Fernando Marías, El atlas del rey Planeta [Texto impreso], Hondarribia, Nerea, 2002. ISBN 978-84-89569-86-7. Cfr. especialmente para o porto e a vila de Ferrol a páx. 327.
  83. "Guía Xeral da Cidade. Concello de Ferrol" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2010. Consultado o 08 de outubro de 2011. 
  84. "Carlos de Aracil – Juan J. Burgoa . El Escudo de Armas de Ferrol de la Ilustración. FerrolAnálisis nº 21.". Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2008. Consultado o 08 de outubro de 2011. 
  85. Navaza, Gonzalo (2011). "1. Galicia", en Toponimia hispánica. Origen y evolución de nuestros topónimos más importantes, pp. 13-14. Denes. ISBN 978-84-92768-75-2. 
  86. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. Páx 107. ISBN 978-84-9865-892-1
  87. 87,0 87,1 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 12. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  88. 88,0 88,1 88,2 Varios Autores (2012). Retallos de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. pp. 12–15. ISBN 978-84-616-1271-0. 
  89. Sandoval, Prudencio (1893). Antigüedad de la ciudad é iglesia catedral de Tuy (en castelán). Tui: Tipografía Gallega. p. 20. 
  90. Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y Cosas del Valle Miñor (en castelán). Imprenta Gutenberg. p. 57. 
  91. Concello de Guitiriz (ed.). "Guitiriz, Historia". Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2013. Consultado o 15 de agosto de 2013. 
  92. 92,0 92,1 Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía. ISSN 1576-2661. 
  93. Real Academia Galega (Vicente Feijoo) (22/11/2021). O Seminario de Onomástica responde: A Gudiña (Youtube). 
  94. Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía. ISSN 1576-2661. 
  95. http://www.edu.xunta.gal/centros/iesblancoamorculleredo/system/files/TOPONIMIA.pdf
  96. https://www.lne.es/oviedo/2013/11/22/manzaneda-20529647.html
  97. http://centros.edu.xunta.es/iesmanuelgarciabarros/latin_grego/descargas/latin/listaxe_toponimia_paau.pdf
  98. Lorenzo Gil, César (20/10/2015). "Manzaneda". Dúbidas de galego. Consultado o 3/07/2018. 
  99. Real Academia Galega (Vicente Feijoo) (25/11/2021). O Seminario de Onomástica responde: A Mezquita (Youtube). 
  100. Celtiberos
  101. *VV.AA. (2000). Real Academia de la Historia, ed. "Boletín de la Real Academia de la Historia. TOMO CXCVII. NÚMERO I.": 37. 
  102. Rodríguez, Luis A. (2 de abril de 2010). "Diez pueblos comparten el nombre de Monforte". El Progreso (en castelán). Consultado o 23 de agosto de 2019. 
  103. Aira Pardo, Felipe. "FAMILIAS JUDÍAS SEFARDITAS DE APELLIDO “LEMOS” O “DE LEMOS”" (en castelán). jrcasan.com. Consultado o 23 de agosto de 2019. 
  104. 104,0 104,1 104,2 Cabeza Quiles 2000, p. 265
  105. Fernández Rei 2003, p. 51
  106. Ben Falado (20/5/2015). Toponimia Mos. 
  107. "Mugardos". 
  108. Segundo Fernando Cabeza Quiles, IvanFernandezCoba.blogspot.com
  109. "1º Prehistoria. Neolítico". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 01 de agosto de 2012. 
  110. Navaza, Gonzalo. Homenaxe á profesora Camiño Noia. 
  111. RECUERO ASTRAY, M., GONZÁLEZ VÁZQUEZ, M., ROMERO PORTILLA, P., Documentos Medievales del Reino de Galicia: Alfonso VII (1116-1157)., pg. 66-67.
  112. Orixe do topónimo no artigo do Portal das Palabras da RAG>
  113. Padre Sarmiento (1754-55): Viaje a Galicia, páxs. 67 e 68.
  114. Cabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar, p. 3145. Ed. Xerais, Vigo 1992.
  115. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páx. 447.
  116. Historia de Padrón Arquivado 14 de novembro de 2014 en Wayback Machine., na web oficial do Concello de Padrón.
  117. González Garcés (1987), p. 462.
  118. Langtry Caínzos & Barajas Martínez (1996), pp. 187-195
  119. Risco, Vicente (1952). Historia de Galicia. Galaxia. p. 60. 
  120. Cabeza Quiles (1992), p. 328
  121. "Origen de Palas de Rei". Toponimia de Galicia. 
  122. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páxs. 326, 428, 492.
  123. Navaza Blanco, Gonzalo (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Seminario de Onomástica. Real Academia Galega. p. 78. ISBN 978-84-17807-09-2. 
  124. 124,0 124,1 Piñeiro Groba, Mariano; González Pérez, Clodio (1983). Historia de Puenteareas. Centro Cultural Municipal. ISBN 84-500-9173-X. 
  125. "callaecia: parrochiale%20suevum". Consultado o 2015-12-08. 
  126. López Ferreiro, Antonio (1983). "Documentos XXI a XXV". Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela. Imprenta del Seminario Conciliar Central de Santiago de Compostela. 
  127. Bascuas López, Edelmiro (2006). Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 9788497500265. 
  128. Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de España. "Variaciones de los municipios de España desde 1842." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xaneiro de 2015. Consultado o 30 de abril de 2014. (en castelán)
  129. Monteagudo 1999, Hidronimia gallega (Anuario Brigantino nº 22)(en castelán)
  130. 130,0 130,1 Millán 1987, Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz (Deputación da Coruña)(en castelán)
  131. Lamigueiro Fernández, Xosé L. (2006). "Ascendencia e familia próxima de García Rodríguez de Valcarce o das Pontes" (PDF). Revista Cátedra (13). ISSN 1133-9608. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de marzo de 2016. Consultado o 22 de decembro de 2017. 
  132. (Rivera Rouco 1976, pp. 73-75)
  133. (Rivera Rouco 1976, p. 47)
  134. (Rivera Rouco 1976, pp. 67-68)
  135. Barciela, Alberto (5/4/2019). "Redondela de Galicia" Galicia única (en castelán).
  136. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ribeira.
  137. López Ferreiro, Antonio (1901). Colección Diplomática de Galicia Histórica. Santiago: Tipografía Galaica. p. 417. 
  138. AGON. "A falacia da forma *Riveira". Consultado o 6 de agosto de 2012. 
  139. del Hoyo, Jerónimo (1607). Memorias del arzobispado de Santiago. 
  140. Madoz, Pascual (1847). "CASTIÑEIRAS". Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) VI. Madrid. p. 194. 
  141. Gaceta de Madrid de 13 de xullo de 1822
  142. Pérez Rodríguez, Francisco Javier (2004). Os documentos do tombo de Toxos Outos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Sección de Patrimonio Histórico. p. 654. ISBN 84-95415-82-8. 
  143. Que fue de la v de Ribeira
  144. Marcos Pérez Pena (3 de marzo de 2002). "O Concello de Ribeira acepta, despois de catro décadas, o topónimo legal da localidade". Praza.com. 
  145. Cabeza Quiles, Fernando (2008). Toponimia de Galicia. Guías AZ. Galaxia. p. 57. ISBN 9788498650921. 
  146. "O ROSAL XA CONTA CO SEU ESCUDO E BANDEIRA MUNICIPAIS LEGALIZADOS". Noticias O Rosal (en castelán). 2012-09-04. Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2020. Consultado o 2020-03-26. 
  147. Etimoloxía da Rúa no Portal das Palabras da RAG.
  148. Sánchez Pardo, JC.; Andrade Cernadas, JM (Dirección) (2008). "Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media (Tese)". Universidade de Santiago de Compostela: 1051. 
  149. Historia. concellodecea.com
  150. Méndez Fernández, Luz (2016). Real Academia Galega, ed. "Galicia no Decreto de 1916". Boletín da Real Academia Galega (377): 365–383. ISSN 1576-8767. 
  151. Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía. ISSN 1576-2661. 
  152. Cabeza Quiles, Fernando Toponimia de Galicia, páxina 595.
  153. Ares, Nicandro Estudos de toponimia galega.
  154. Delgado Gómez, Jaime (2006). Origen del topónimo y luego apellido "Taboada": el célebre "Arias Petri de Tabulata" y la románica iglesia de Taboada dos Freires. 
  155. Artigo sobre o topónimo Teo en Portal das palabras da RAG
  156. Marqués Valea, Xulia (2018). Toponimia de Trabada. A Coruña: Real Academia Galega. p. 148-152. ISBN 978-84-947823-3-6. 
  157. Galicia Encantada. "Triacastela, orixe do topónimo".
  158. Tui - Allos con bugallos. Portal das Palabras.
  159. Ben Falado - Topónimo Tui. CRTVG. (dispoñíbel en YouTube).
  160. Kremer, Dieter (2007). La toponimia reconstruye el indoeuropeo. El origen de los hidrónimos. Servicio Publicacións da Universidade de Santiago. p. 111. ISBN 978-84-9750-794-3. 
  161. Cabeza Quiles, Fernando (2008). Toponimia de Galicia. Galaxia. p. 240. ISBN 978-84-9865-092-1. 
  162. Notas acerca de Hidronimia Gallega Abelardo Moralejo Laso, Universidade de Santiago de Compostela
  163. Navaza, Gonzalo (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. p. 99. ISBN 978-84-17807-09-2. 
  164. Porto Dapena, José Alvaro (2015). "Sobre o topónimo "Valdoviño"". Estudios mindonienses: Anuario de estudios histórico-teológicos de la diócesis de Mondoñedo-Ferrol. (31): 437–462. ISSN 0213-4357. 
  165. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome navaza2016
  166. Real Academia Galega (Vicente Feijoo) (20/07/22). Viana do Bolo - O Seminario de Onomástica responde (Youtube). 
  167. 167,0 167,1 Pérez Losada, F. (2002). Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña, eds. "Entre a Cidade e a Aldea. Estudio arqueohistórico dos “aglomerados secundarios” romanos en Galicia". Brigantium (13). 
  168. Sánchez Pardo, JC.; Andrade Cernadas, JM (Dirección) (2008). "Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media (Tese)". Universidade de Santiago de Compostela: 1051. 
  169. 169,0 169,1 169,2 169,3 169,4 169,5 Santos Estévez, Manuel (2012). Universidade de Santiago de Compostela, eds. "Arqueoloxía dun topónimo: o nome do Vigo romano - Archaeology of a place name: the name of the roman Vigo". Galaecia - Revista de Arqueoloxía e Antigüidade (31): 121–138. ISSN 0211-8653. 
  170. 170,0 170,1 "O topónimo da cidade probablemente derive do "Vicus" altomedieval". Faro de Vigo. 12/12/2015. 
  171. Menéndez Blanco, Andrés. "Toponimia ya arqueoloxía: dalgunos apuntes sobre’l sou usu complementariu a partir d’experiencias investigadoras na Asturias occidental por Universidá d’Uviéu". En Ramón, D'Andrés Díaz. Manuel Menéndez Y L’Asturies Occidental. 
  172. 172,0 172,1 E. R. (28/02/2013). "Un puerto tan importante no podía ser una aldea". La Voz de Galicia (Vigo). 
  173. Pérez Losada, F. (2007). Faro de Vigo, eds. "El Vicus Romano". Historia de Vigo (Vigo): 25–36. 
  174. 174,0 174,1 Eduardo Rolland (28/02/2013). "Un investigador del CSIC revela que el Vigo romano no era Vicus sino Burbida". Vigo. El historiador Manuel Santos reinterpreta el origen de la ciudad y dice que su nombre es de la Edad Media 
  175. Moralejo, Juan J. (2009). "Toponímia de las vías romanas de Galicia". Palaeohispanica. Acta X (en castelán) (9): 189–202. ISSN 1578-5386. 
  176. LA FAMILIA DE D. GARCÍA DE CAAMAÑO, FUNDADOR DE LA VILLA, DESDE SU ORIGEN. en Turvilagarcia.
  177. de Saralegui y Medina, Leandro (1867). Estudios sobre la época céltica en Galicia. 
  178. "Puente Domingo Florez: HISTORIA". Puente Domingo Florez. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2020. Consultado o 2019-11-14. 
  179. Arias, J. (2018-03-08). "El topónimo de El Puente de Domingo Flórez, ¿con artículo «el» o sin él?". La fueya cabreiresa (en castelán). Consultado o 2019-11-14. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Para cada concello, véxase na súa sección de referencias. En xeral, os autores máis relevantes ou repetidos son:

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]