Edicións Xerais de Galicia, S.A. é unha empresa editorialgalega con sede na rúa Dr. Marañón de Vigo. Dende 1988 pertence ao grupo empresarial Anaya[1], integrado en 2004 no Grupo Lagardère[2].
Publica fundamentalmente libros en galego, de tódolos xéneros literarios, así como libros de texto e de divulgación. Publicou dous dicionarios que se encontran entre os máis difundidos da lingua galega, marcando un fito na difusión editorial da lexicografía xeral: coa primeira edición en 1986 do Diccionario Xerais da Lingua (de capas laranxas),[3] con algunhas etimoloxías e pronuncias e co que estudaron xeracións enteiras de galegos, e o Gran Diccionario Xerais da Lingua do ano 2000, con 2.027 páxinas e de carácter inclusivo, aínda que tamén discrimina as prescricións normativas (na norma daquela, previa á reforma normativa de 2003).[4] Posteriormente, en 2009, publicarían o Gran Dicionario Xerais da Lingua en dous tomos e con 2.464 páxinas actualizado coas normas publicadas ata aquel momento.[5] Convoca anualmente o Premio Xerais de novela, así como o Premio Merlín de literatura infantil e dende 2006 o Premio Caixa Galicia de literatura xuvenil, que en 2014 pasaría a ser coñecido como Premio Jules Verne[6].
O fondo editorial chegaba ós 3.300 títulos o 1 de xuño de 2012, dos que 1.600 forman parte do seu catálogo vivo. A maior parte dos títulos editados realizáronse en lingua galega, mais tamén se publicaron algúns en castelán, portugués e inglés. Xerais edita, fundamentalmente, en soporte papel.