Valdoviño
| Valdoviño | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||
Valdoviño é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE no 2014 contaba con 6.796 habitantes (6.978 no 2009, 6.896 no 2006, 6.888 no 2005, 6.854 no 2004, 6.877 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valdoviñés».
Ocupa unha franxa costeira desde a praia de Campelo ata a entrada da ría de Cedeira. Nesta poboación leváronse a cabo no século XVIII (1767) os primeiros cultivos de patacas traídas desde América[1]. As praias do termo municipal de Valdoviño son moi populares polo seu paisaxe natural e entre os afeccionados ao surf. Entre elas, destacan o areal da Frouxeira, duns 3,6 km de lonxitude, e a praia de Pantín, onde anualmente cada mes de setembro se celebra o Pantín Classic, campionato internacional de surf que comezou a súa andaina en 1988.
A lagoa da Frouxeira é un destacado ecosistema de gran valor ornitolóxico por ser lugar de descanso de aves migratorias e de cría dalgunhas especies de aves.
Toponimia
[editar | editar a fonte]O nome do concello fai pensar a algúns nunha agricultura baseada na vide, así val do viño sería a orixe do topónimo. Tamén hai quen manexa outra hipótese: val do Aviño, rego que atravesa o chan do municipio, se ben as últimas investigacións indican que o nome provén do propietario dunha pequena explotación agraria, chamado Baldovino, Baldoviño ou Balduino, do cal hai abondosa documentación nos textos medievais.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]Valdoviño formou parte da Terra de Trasancos, desta época son os castros de[3][4]:
O actual concello de Valdoviño foi formado coa unión de varias parroquias das xurisdicións da Terra de Trasancos e de Cedeira. A creación do novo concello e o seu nome aparecen aprobados no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 20 de xuño de 1836. Ao novo concello déuselle o nome de Valdoviño porque nesa parroquia non existía ningunha entidade singular de poboación con ese mesmo nome. Ás veces, apareceu escrito en antigas actas e outros documentos con "b" (Baldoviño), pero foi unicamente debido a erros ortográficos.
Previamente, producíranse varios intentos de creación de concellos en toda España, a gran maioría infrutuosos debido aos cambios políticos; así, en 1821 e en 1822, aparecen nomeados os concellos de Valdoviño e Pantín no repartimento de impostos, aínda que, probablemente, non chegasen a funcionar como tales.
A primeira casa consistorial estivo en San Bartolomeu de Lourido nun edificio que se viña utilizando como lugar de reunións da xurisdición de Trasancos e que máis tarde pasaría a ser cárcere municipal.
En 1856, a Coroa Española pon a poxa a lagoa de Valdoviño e os terreos que a arrodean. É adquirida por José Pardo Bazán, pai da escritora Emilia Pardo Bazán, por 91.000 reais.
En 1930 comezan as obras da estrada á praia da Frouxeira. Este mesmo ano comeza a extracción en Valdoviño de pirita arsenical de prata e aurífera para a produción de ouro.
En 1940 procédese ao desartellado dos dous canóns Vickers United do calibre 38,1 sitos en Meirás; procedéndose ao seu traslado a Alxeciras. Estes canóns foron substituídos por baterías antiaéreas. En novembro de 1974, comeza o servizo de traída de augas dende o encoro das Forcadas.
O 8 de xullo de 1993 concedéuselle por vez primeira a Bandeira Azul á praia da Frouxeira, símbolo do importantísimo desenvolvemento turístico vivido no concello nas últimas décadas. En xullo de 1993, a lagoa da Frouxeira inscríbese no convenio Ramsar. Entre 1993 e 1994 constrúese o faro de Punta Frouxeira.
Goberno municipal
[editar | editar a fonte]
O alcalde máis antigo do que existe documentación é José Sanjurjo e aparece citado o 23 de xullo de 1840.
Dende a súa creación en 1836, e nos cen anos seguintes, a historia política de Valdoviño foi convulsa, con suspensións da corporación local, encarceramento de políticos e persoal municipal ou manipulacións nas eleccións. As irregularidades seguiríanse a producir durante moitos anos, incluso durante o réxime de Francisco Franco, cando déronse casos de rebeldía de concelleiros contra os alcaldes nomeados pola ditadura.
En abril de 1931 proclámase a Segunda República en Valdoviño. O primeiro alcalde do novo sistema político foi José López Rodríguez. As eleccións celebradas en 1931 deparan os seguintes resultados: 10 concelleiros do Partido Republicano Radical contra os 6 obtidos pola ORGA. Entre outubro e decembro de 1934 houbo dous alcaldes, dúas corporacións e dúas casas consistoriais. Tivo que intervir o gobernador civil. Nas eleccións de 1935 pasan a ser de 8 Republicanos Radicais e 6 Republicanos Independentes - había dúas vacantes -. En 1936 a corporación municipal quedou constituída por 14 concelleiros de Izquierda Republicana, un Galeguista e un socialista.
O último alcalde da ditadura foi José Morales, que dirixiu a alcaldía ata o 19 de abril de 1979, data na que é nomeado Manuel Villarnovo. A primeira alcaldesa foi María Elisa Garrido Cantarero (PSdeG-PSOE), que accedeu ao cargo o 17 de xuño de 1995.
Tralas eleccións de maio de 2007, resultou elixida alcaldesa de Valdoviño María Isabel Álvarez Diéguez (2007-2011), de Terra Galega. Na noite anterior ao pleno de constitución, asinouse un pacto de goberno entre Terra Galega, Partido Popular e a Unión de Independentes de Valdoviño.
José Antonio Vigo Lago foi elixiso alcalde, nas eleccións de 2011 encabezando a candidatura do PPdeG, sendo a lista máis votada pero sen maioría absoluta e grazas ao apoio dos dous representantes de Centristas de Valdoviño. No 2013 pactou un tripartito con Converxencia Galega e Unidos por Valdoviño.[5]
En 2015 Alberto González Fernández foi o gañador das eleccións municipais encabezando a candidatura do PSdeG-PSOE, acadando a con 6 concelleiros, a 1 da maioría absoluta, polo que foi elixido alcalde co apoio do edil de Centristas de Valdoviño e gobernou en minoría. Nas municipais de 2019 foi reelixido alcalde ó lograr unha ampla maioría absoluta (9 concelleiros de 13 e un 61% dos votos), sendo o primeiro alcalde valdoviñés da democracia que logrou tanto ser reelixido como maioría absoluta.[6]
Poboación
[editar | editar a fonte]
|
Censo total 2014 | 6.796 habitantes | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Menores de 15 anos | 713 (10.49 %) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Entre 15 e 64 anos | 4.141 (60.93 %) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Maiores de 65 anos | 1.942 (28.57 %) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Patrimonio
[editar | editar a fonte]
A Casa Consistorial atópase aloxada no interior dun edificio sito na Porta do Sol, construído polo arquitecto modernista ferrolán Rodolfo Ucha Piñeiro en 1945. É un edificio de planta rectangular e tres alturas, que destaca polo corpo de planta cadrada, que sobresae do seu tellado en forma de torre, lugar onde sitúanse o reloxo e o escudo do Concello.
O pazo de Riva atópase localizado no lugar que lle dá nome, na parroquia de Valdoviño. É un pazo tradicional de arquitectura galega, de planta irregular formada por varios corpos e dúas alturas, onde merecen especial mención, na súa entrada principal, os seus balcóns de madeira pintados de cor verde e vermella. Ademais, ten dous hórreos, un reloxo de sol e o escudo da familia dos Ponce de León, que fan lembrar o pasado señorial deste edificio.
O pazo de Timiraos é outro dos exemplos destas casas señoriais que salpican todo o concello de Valdoviño. Na actualidade, despois dun longo proceso de restauración, consérvase en moi bo estado. Merecen especial mención os escudos modernos da súa fachada principal, que nos aclara a orixe deste edificio.
A capela de San Mamede é un pequeno templo sen un estilo claramente definido. A súa planta rectangular dunha soa nave remata no presbiterio, onde destaca a decoración do seu altar maior.
A igrexa de Santa Eulalia de Valdoviño atópase localizada no alto dun outeiro, dende onde domínase toda a zona e gran parte da praia e da lagoa da Frouxeira. É un templo de estilo ecléctico e planta rectangular dunha soa nave, á que se acaroan catro corpos utilizados como capelas laterais, ábsida hexagonal e coro alto.
A lagoa da Frouxeira é unha das zonas húmidas máis importantes de todo o Concello. Localízase ao pé da praia da Frouxeira. Constitúe un ecosistema de gran valor, no que habitan milleiros de aves, en especial, migratorias, que atopan na lagoa o lugar ideal para descansar e aniñar. Foi declarada como Espazo Natural Protexido polo Convenio Ramsar.
A igrexa de Santiago de Lago é un templo de estilo barroco levantado no século XVIII, con planta rectangular, dúas capelas laterais, ábsida e sancristía. Na súa fachada principal, merece especial atención a fornela sita sobre a súa portada, coa imaxe do Santo e, no seu interior, sito no seu altar maior, gárdase un retablo barroco.
A igrexa de San Vicente de Meirás é un pequeno templo de planta rectangular cunha soa nave, dúas capelas laterais, presbiterio e sancristía, que destaca pola súa torre campanario de planta cadrada sita no centro da súa fachada principal e rematada en forma piramidal. O seu elemento de maior interese é o retablo gótico do seu altar maior.
A igrexa de Santiago de Pantín é un templo de estilo ecléctico con planta de cruz latina, unha soa nave, presbiterio e dúas capelas laterais. Na súa fachada principal, á que se atopa acaroada a unha das súas bandas unha torre campanario de planta cadrada e coroada por unha cúpula, destaca, sita sobre a súa portada, un fornelo coa imaxe de Santiago. No seu interior gárdanse, sitos nas súas capelas laterais, retablos neogóticos.
A igrexa de San Martiño de Vilarrube atópase localizada sobre unha ladeira, arrodeada de árbores no lugar de Adro. É un templo de estilo barroco con planta rectangular dunha soa nave cuberta con bóveda de canón, ábsida, dúas capelas laterais e sancristía. Destaca pola cor branca da súa fachada, que presenta unha torre campanario de planta circular e rematada por unha cúpula. Merece especial mención o retablo neogótico do seu altar maior, coas imaxes da Sagrada Familia e de San Martiño, patrón da igrexa.
O pazo de Vilarrube atópase sito nos arredores da igrexa de San Martiño, sobre o cumio dun monte dominando toda a enseada de Esteiro. É un edificio de grandes dimensións e planta irregular fundado polas familias Piñeiro e Maseda, cuxos escudos consérvanse na súa fachada. Merecen especial mención os xardíns que arrodean todo o edificio e a pequena ermida sita no seu interior, que garda un interesante retablo barroco. Na actualidade, é de propiedade privada, non podendo ser visitado.
A ponte de Porto de Cabo localízase na parroquia de San Martiño de Vilarrube. Foi construída na época medieval e utilizada dende as súas orixes para salvar o río Porto de Cabo, do que recibe o seu nome. Posúe dous arcos de medio punto, un deles de menor medida, utilizado nos medres do río.
Economía
[editar | editar a fonte]Valdoviño é un concello con importante base agrícola, forestal e en menor medida gandeira. Nos últimos anos instalouse un parque eólico no límite con Narón. O concello tamén ten unha grande importancia como lugar residencial e nos meses de verán unha importante ocupación turística pola súa fermosa natureza. As empresas máis importantes existentes en Valdoviño son a química Gairesa orixinaria do concello e a carpintaría Cándido Hermida. Hai tamén unha piscifactoria de Isidro de la Cal.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Valdoviño.
- Praia da Frouxeira
- Praia do Río (Meirás)
- Igrexa de San Vicente de Meirás
- Placa altimétrica do concello.
Parroquias
[editar | editar a fonte]| Antigas parroquias de Valdoviño | |
|---|---|
Lugares de Valdoviño
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Valdoviño vexa: Lugares de Valdoviño.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Valdoviño reivindiva o ter sido o lugar de orixe da primeira pataca europea. Diario de Ferrol". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2013. Consultado o 11 de setembro de 2013.
- ↑ Porto Dapena, José Alvaro (2015). "Sobre o topónimo "Valdoviño"". Estudios mindonienses: Anuario de estudios histórico-teológicos de la diócesis de Mondoñedo-Ferrol. (31): 437–462. ISSN 0213-4357.
- ↑ "Castros da Terra de Trasancos". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2011. Consultado o 14 de agosto de 2014.
- ↑ Catálogo de Edificaciones Concello de Valdoviño. Xunta de Galicia (en PDF)
- ↑ Valiño, Natalia. "PP, Converxencia Galega y Unidos por Valdoviño pactan un gobierno tripartito". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2025-09-10.
- ↑ "González: «Nunca antes repitió un alcalde en Valdoviño»". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-05-27. Consultado o 2025-09-10.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Valdoviño |
