Saltar ao contido

Sillobre, Fene

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parroquia de Santa Mariña de Sillobre
Igrexa de Santa Mariña de Sillobre.
ConcelloFene[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43.47777584325939, -8.14654921674294
Poboación1091 hab. (2023)
Entidades de poboación31[1]
editar datos en Wikidata ]
Sillobre en 1945. Fotografía feita dende "O Revolto".

A parroquia de Santa Mariña de Sillobre, situada no concello de Fene (A Coruña), ten unha superficie de aproximadamente 9,74 km², sendo así a máis extensa das oito parroquias que conforman o municipio. Segundo o IGE en 2024 tiña 1.091 habitantes (550 mulleres e 541 homes) distribuídos en 31 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.286 habitantes.

Historia e Patrimonio

[editar | editar a fonte]

A primeira mención documental coñecida da parroquia de Sillobre remóntase ao ano 1100. Neste documento, recóllese un litixio entre as dioceses de Santiago e Mondoñedo pola posesión do arciprestado de Bezoucos, no cal se menciona a "Xoan", párroco de Sillobre, e a Ordoño de Fene. Este feito indica que xa no século XII Sillobre contaba cunha estrutura eclesiástica establecida, o que reflicte a súa relevancia na organización relixiosa e territorial da época.[2]

No 1601 é o primeiro ano no que temos noticias sobre o numero de personas que habitaban na parroquia; en total había "40 feligreses", que mais ou menos, viñan a ser 200 persoas. No Seculo XVII a parroquía do actual concello de Fene era a que máis habitantes posuía. As referencias que temos das parroquías de: San Estevo de Perlio "10 feligreses"; Divino Salvador de Fene "25 feligreses"; Santiago de Barallobre "20 feligreses" e Divino Salvador de Maniños "31 feligreses". [3]

O topónimo Sillobre, segundo Henrique Dacosta, está formado por dúas raíces Sill- que procede do nome persoal latino Silius/Sillius ou do substrato céltico (galo) sil/-is `ocre´, `prixel silvestre´; e -obre: procedente do céltico *bhrgh `altura fortificada como cidadela de refuxio´,`castro´, (>*brig-s>-brix>-bre).[4]

O Patrimonio da parroquia é o seguinte:

  • Igrexa de Santa Mariña de Sillobre: Este templo barroco do século XVII, de planta en cruz latina, destaca polo seu retablo maior dourado e o seu campanario coroado por unha cúpula semiesférica. É un dos principais referentes arquitectónicos da parroquia.
  • Fábrica de papel do Carballal[5]: No século XIX, Sillobre acolleu unha importante fábrica de papel propiedade de Nicasio Taxonera. Esta industria aproveitaba as augas do río Belelle e chegou a empregar unhas 20 persoas. O papel producido empregouse, entre outros usos, para imprimir a "Historia de Galicia" de Benito Vicetto.
  • Mámoa do Coto do Rei no monte Marraxón: Mámoas agrupadas en dous conxuntos no monte Marraxón. En total suman uns 19 túmulos. As súas medidas oscilan entre os 3 e 5 metros de diámetro, a maior situada no lugar de "O Couto do Rei". Estas mámoas erguéronse hai uns 5.500 anos. Trátase de construcións líticas que naceron cun fin estritamente funerario; hoxe serven como elemento de sinalización topográfica. O máis característico é que esta mámoa en Sillobre pódese ver dun xeito doado e atópase nun lugar privilexiado. O lugar é un miradoiro, dende onde se poden observar as rías da Coruña, Betanzos, Pontedeume, e por suposto a Ría de Ferrol, ademais dos montes de Narón e Valdoviño.[6]
  • Fonte dos Mouros: É un elemento patrimonial e lendario situado na parroquia de Sillobre, no concello de Fene (A Coruña). Trátase dunha fonte de orixe descoñecida, posiblemente vinculada a algunha antiga construción relixiosa da zona. Destaca pola súa estrutura singular: presenta un lintel pentagonal cunha cruz gravada e unha pequena xanela pola que mana a auga. No chan, atópase un sarcófago de granito antropomorfo, o que lle confire un carácter enigmático e simbólico[7]. A Fonte dos Mouros forma parte do patrimonio cultural e etnográfico de Galicia, sendo un exemplo das fontes tradicionais que se atopan ao longo do Camiño Inglés a Santiago. A súa denominación suxire unha conexión coas lendas dos mouros, seres mitolóxicos do folclore galego e portugués, asociados a lugares antigos e misteriosos.[8] A lenda recollida por María Rivera no libro "Sillobre ven de antigo" relata que un mouro foi visto no interior da fonte, dentro da pequena xanela situada no muro posterior. Esta visión alimenta a crenza de que o lugar está encantado e que agocha segredos do pasado.[9]
  • O Castro de Orra: É un asentamento castrexo situado na parroquia de Sillobre, no concello de Fene (A Coruña), que reflicte a intensa ocupación humana da zona durante a Idade de Ferro.
  • Cruceiro de Ameneiro: Do século XIX, é un dos elementos relixiosos máis destacados.
  • Capela de San Marcos: Situada no lugar do mesmo nome. Antes de existir ésta, temos noticias de que a capela principal do lugar estaba sita no lugar do Belelle, ao lado da casa señorial da Familia Piñeiro, esta era a Capela de San Xiao [Desaparecida na actualidade].

Tradición e festas

[editar | editar a fonte]
  1. Santa Mariña e Virxe do Carme: Do 18 ao 19 de xullo con misas, procesións e verbenas populares.
  2. Festividade de San Ramón: Celebrada anualmente o 31 de agosto e 1 de setembro, esta festa mantén viva unha tradición con varios séculos de antigüidade na parroquia.[10]
  3. Encontro das Lavandeiras[11]: Dende o ano 2015, Sillobre celebra este evento que homenaxea ás antigas lavandeiras, con recreacións históricas, obradoiros e música tradicional.[12]
  4. Romaría de San Marco e San Telmo: No lugar de San Marco o 25 de abril.
  5. Sardiñada Popular: En xullo, a parroquia celebra no atrio da igrexa de Santa Mariña, organizada pola Asociación de Veciños. O evento inclúe degustación de sardiñas con cachelos, pan e viño.

Sociedade Unión Recreativa de Sillobre

[editar | editar a fonte]

O primeiro "Casino" que se creo na parroquia estaba situado nun local contruído no solar que o señor Francisco Anca (Paco), mercara ao voltar de Cuba, onde estivera por mor da emigración. Este lugar acolleu a chamada "Sociedade Unión Recreativa de Sillobre". Era un local social no que a celebración de bailes estaba á orde do día, sendo o máis populares os "Bailes da Piñata" e os de "San Xosé". Neste local existía unha radio, que era a única de Sillobre neses intres.

No ano 1936, por mor do comezo da Guerra Civil española, o local foi clausurado, levando a Garda Civil todo o que nel se atopaba (radio, libros...) para o concello.

A xente que ía a el anteriormente continuara acudindo a este lugar, porque ao lado do local, o xenro de Francisco Anca, o señor Marcelo Galdo, levantou unha zapataría, que sería durante uns anos o punto clave de reunión para a mocidade. [3]

Zapatería de Marcelo

[editar | editar a fonte]

A Zapatería de Marcelo abriu as súas portas pouco antes dos anos 50. Foi alí onde, no mes de outubro de 1968, os mozos da parroquía comenzaron a falar para construirén unha nova "Sociedade" en Sillobre. Ao mesmo tempo foi un lugar onde enviaban a súa correspondencia os rapaces que ían facer o servicio militar fóra da comarca.

S.C.R.D. Agarimo

[editar | editar a fonte]
Colocación primera piedra del Local Social

No mes de novembro do ano 1968 tivo lugar a primeira xuntanza, no desaparecido Bar Casa Doro, para concretar as bases. E a través de distintas reunións, chegouse a un acordo sobre o nome, escudo, estatutos... que conformarían o futuro Casino, e a principios de 1969 quedou constituída a Comisión Xestora. O 6 de abril dese mesmo ano é cando se fundou a Sociedade Agarimo, por iniciativa de veciños comprometidos coa dinamización da parroquia. Entre os impulsores destacaron persoas como Galdo Fachal (1º Presidente da Sociedade). O obxectivo era crear un espazo que fomentase a participación veciñal e o desenvolvemento de actividades culturais, recreativas e deportivas.

O 19 de abril de 1969, a xunta decide alugar un local no Souto (antiga carpintería dos Vilares) a Fernando Saavedra por cinco anos para instalar alí a Sociedade. Acórdase facer certas reparacións, adquirir libros e legalizar a entidade. Na xuntanza do 18 de xullo de 1969, fíxase a data do 3 de agosto para a inauguración oficial do local. Xa o día 4 de xaneiro de 1970, acórdase realizar xestións para a adquisición de terreos para un campo de fútbol, así como a formación dun grupo de teatro e dunha rondalla, sendo elixido o día 18 de xaneiro de 1970 Andrés Picallo como director do Grupo de Teatro, e Manuel Rodríguez (Lolito o Rubio) e Antonio Villanueva (Tucho) como directores da Rondalla. A actividade neste tempo é importante, celebrándose bailes, conferencias, o Día das Letras Galegas, campionatos de dominó, entroidos, etc. Todo isto a pesar das reducidas dimensións do local.

Data memorable foi o 5 de xuño de 1977, xa que se colocou a primeira pedra do Local Social e, por fin, chegou o día máis agardado por todas as persoas que formaban parte da sociedade: o 18 de marzo de 1984 inaugurouse o novo Local Social, no que pasaron a celebrarse todas as actividades da entidade.

Ao longo dos anos, o local social de Sillobre converteuse nun espazo clave para a vida comunitaria da parroquia, ofrecendo numerosos servizos para os seus socios. Alí chegaron a ofertarse, entre outros, un ximnasio, rutas cicloturísticas, ceas-baile, sala de informática, unha biblioteca, unha sala de xogos, grupos de gaitas, corais de canto, teatro infantil e de adultos, sesións de cine no verán e campionatos de tute e dominó. Tamén dispoñía dun bar-cafetería, xestionado nun inicio pola propia asociación, que completaba esta oferta de lecer e servizos.

Durante as décadas dos 80 aos anos 10, o local gozou dunha gran vitalidade e participación veciñal, froito da boa organización e implicación dos veciños responsables da súa xestión. Con todo, co paso do tempo e a xestión das derradeiras directivas, a actividade foi minguando. Isto provocou que o local permanecese pechado durante algúns períodos, abríndose unicamente en momentos moi puntuais do día.

Os obxectivos principais da S.C.R.D. Agarimo foron:

  • Defender a cultura galega.
  • Promover actividades recreativas, educativas e artísticas.
  • Fomentar a participación social.

E as figuras máis destacadas da SCRD Agarimo son:

  • Juan J. Galdo Fachal (Presidente Fundador)
  • Tomás Corral Miraz (Promotor cultural)
  • Andrés Picallo Maceiras (Promotor cultural, dramaturgo e director teatral amador galego)
  • Julio López Allegue (Presidente e promotor cultural)
  • Alberto Doce Sueiras (Presidente e promotor cultural)
  • Juan López Allegue (Presidente e promotor cultural)
  • Carmen Ramos Ansede (Primeira muller Presidenta)
  • Demetrio Sixto Mauriz (Presidente e doctor)

Tenda de Cupeiro

[editar | editar a fonte]

Foi outro centro de reunión da xente do lugar. Abriu as súas portas a principios da década dos 50. Era unha tenda-bar á que os veciños ían xogar a partida, parolar, ler a prensa...[3]

Salón Galicia

Salón de Baile de Sillobre

[editar | editar a fonte]

O día 25 de abril de 1936 inaugurouse o "Salón Galicia". Este edificio de estilo indiano destaca pola súa planta rectangular e sinxela volumetría. A súa fachada presenta ventás rectangulares dispostas simetricamente, e a cuberta a dúas augas está rematada con tella curva. Durante as primeiras décadas do século XX, o salón funcionou como un espazo de reunión e lecer, promovendo actividades similares ás dos casinos da época. Era habitual que os veciños de Sillobre e das parroquias próximas se xuntaran alí para gozar de bailes e eventos sociais.

Durante a posguerra e os anos seguintes os bailes en Sillobre eran un dos poucos momentos de lecer para a mocidade. O salón funcionaba como un centro social alternativo ás festas relixiosas, con actuacións de orquestras locais, grupos de gaitas ou músicos da comarca. Os bailes eran normalmente os domingos, festas patronais ou datas sinaladas (como o Entroido). No ano 1950, é dicir 14 anos despois o salón foi adaptándose: instaláronse equipos de son, mellorouse a iluminación e celebrábanse tamén sesións de cine, reunións veciñais e incluso asembleas da recén creada asociación veciñal Agarimo.

Tamén foi espazo de festas xuvenís, discotecas móbiles e incluso pequenos concertos. Co tempo, os costumes foron mudando, xurdiron discotecas nas vilas próximas (como Fene, Perlío ou Ferrol), e o salón de baile foi perdendo uso. Finalmente, moitos dos seus usos foron trasladados ao local social de Agarimo, máis moderno e polivalente. O edificio quedou en desuso ou reconvertido, dependendo do período.[13]

Escolas de Sillobre

[editar | editar a fonte]
Pedre - Sillobre

A primeira escola da que temos referencia é unha que se abriu o 1 de marzo do ano 1851, a cal estaba rexentada por un home chamado Don Antonio Barreiro, e estaba situada en Orra, indo a ela unicamente nenos, pero de todos os lugares de Sillobre, é dicir: Belelle, San Marcos, Buio, Lubían, Marraxón, Orra e Pedre.

Os nomes dalgunhas asignaturas que se cursaban nela son:

  1. Douctrina cristiana
  2. Historia Sagrada
  3. Lectura
  4. Escritura
  5. Gramática Castelá
  6. Exercicios de ortografía
  7. Aritmética
  8. Sistema legal de pesos, medidas e moedas
  9. Agricultura
  10. Xeografía

No ano 1890, temos constancia de que había outra escola mixta a súa mestra chamábase Xulia Casais.

Ata 1908 temos outra "Escola", esta "privada", convivía coas anteriores. Estaba dirixida por Don Xosé Novo Barreiro, e neste ano ordearan pechala, por non cumprir os requisitos legais, pero sabemos que no ano 1927 aínda seguía aberta contando con 61 nenos.

A partir de 1924 quedou establecida en Orra unha "Escola Nacional de nenas", nun salón coñecido como "Salón de Regla". Carmen Lamas Macías era a mestra desde centro. Era unha mulle moi emprendedora e con ideas; isto queda amosado en que, como naqueles tempos non había cartos para que as nenas marcasen os seus vestidos para facer a Primeria Comunión, ela conseguira varios e tíñaos gardados na escola; asi, cada ano, as nenas ás que lles tocaba de facer a comunión podían usar os traxes, devolvéndoos despois. Preparaba un chocolate con churros; os cartos para facelo obtiñao organizando, unha vez ao ano no Salón Galicia, unha obra de teatro coas nenas, e os cartos que recadaba gardábaos para o ano seguinte, facer o chocolate das nenas que fixeran a Comunión.

En novembro de 1927, concédeselle tamén á parroquía a creación dunha "Escola de nenos", xuntándose coa "Escola das Nenas". Neste intre, con estas

A Escola Unitaria de Sillobre foi construída durante a Segunda República Española, como parte dun proxecto de expansión educativa para atender á poboación infantil da parroquia. A escola foi centro de aprendizaxe básica, pero tamén de socialización e vida comunitaria. Moitas xeracións de veciños e veciñas de Sillobre aprenderon alí a ler, escribir, sumar e coñecer o mundo. As clases combinaban o ensino de materias básicas coa transmisión de valores e costumes. Non había calefacción moderna, e moitas veces os nenos traían o seu propio pau para quentar o aula.

Co paso do tempo, especialmente a partir dos anos 70-80, a caída da natalidade e a reorganización do ensino público levaron á centralización do alumnado en centros maiores, como os CEIP de Fene. Iso fixo que as pequenas escolas do rural, coma a de Sillobre, fosen pechando. A escola de Sillobre seguiu operativa durante bastante tempo, pero finalmente foi pechada oficialmente en 2022, tras anos con moi poucos alumnos matriculados.[14]

Figuras destacadas

[editar | editar a fonte]

Unha das figuras máis destacadas nacidas en Sillobre é o xornalista e escritor Ramón Loureiro, nado nesta parroquia do concello de Fene en 1965. Loureiro compaxina o seu labor xornalístico en La Voz de Galicia coa literatura, sendo autor de diversas obras que teñen como epicentro a imaxinaria "Terra de Escandoi", un territorio situado entre o mundo dos vivos e dos mortos, inspirado na Galicia do norte, entre Mondoñedo e Ferrol. Entre as súas obras destacan Morgado (1997) e O corazón portugués (2000), esta última finalista do Premio Eixo Atlántico. Tamén publicou ensaios fotográficos como Aceiro sobre a auga (1992), dedicado ao mundo da construción naval, e As Pontes (2003), sobre as transformacións sociais e paisaxísticas das minas de carbón a ceo aberto. En 2001, recibiu o Premio Caminhos da Memoria das Universidades do Minho polo seu ensaio fotográfico A escura terra de Escandoi.[15]

Contorna natural

[editar | editar a fonte]
  1. Monte Marraxón e Coto do Rei: O Monte Marraxón, co seu punto máis alto no Coto do Rei (354 metros), ofrece unhas vistas panorámicas impresionantes sobre a ría de Ferrol e é un lugar emblemático da parroquia.
  2. O Belelle: O Belelle nace no barranco da Cernada, en San Martiño de Goente (As Pontes de García Rodríguez), e percorre os concellos da Capela, Fene e Neda antes de desembocar na ría de Ferrol. No seu tramo por Sillobre, o río atravesa un val encaixado, formando un espazo de gran interese natural.
  3. Fraga do Belelle: É un lugar de gran beleza natural e tamén de misterio. A súa contorna está asociada a lendas que falan de mouras encantadas e de tesouros ocultos. A tradición oral recolle historias de persoas que, ao adentrarse na fraga, escoitaron cantos misteriosos ou viron luces estrañas, interpretadas como sinais do mundo máxico que habita no lugar.[16]
  4. Fervenza do río Belelle: Unha espectacular fervenza de máis de 40 metros de altura, considerada unha das máis impresionantes de Galicia. Situada preto de Viladonelle, é un destino popular para sendeiristas e amantes da natureza.[17]
  5. Os asentos máis duros do mundo: Catro asentos de pedra colocados estratexicamente no Coto do Rei, no monte Marraxón, no punto máis alto do Concello de Fene, 354 m.[18]
Lume en Marraxón

Presenta un clima oceánico húmido, característico da costa noroeste de Galicia. Este tipo de clima está influenciado pola proximidade ao océano Atlántico caracterizado por temperaturas suaves durante todo o ano e precipitacións abundantes e ben repartidas. Temperatura media anual: aproximadamente 13,8 °C, segundo datos de Ferrol, localidade próxima a Sillobre. O mes máis cálido é agosto, con máximas medias arredor dos 23 °C e mínimas de 15 °C e precipitación media anual duns 1.225 mm.

Límites xeográficos

[editar | editar a fonte]
  • Ao norte: Linda coa parroquia de Limodre, tamén pertencente ao concello de Fene.
  • Ao leste: Limita co concello de Neda, especialmente coas súas parroquias de Anca e Neda.
  • Ao sur: Contacta co río Belelle, que serve de límite natural con parte do territorio de Neda. Ao outro lado da ría atópase o concello de Narón, visible desde o Coto do Rei.
  • Ao oeste: Limita coa parroquia de Magalofes (Fene) e máis aló, co concello de Cabanas.
Foto do Torneo de Futbol

O equipo de fútbol da SCRD Agarimo de Sillobre, coñecido como Agarimo S.D., foi fundado o 3 de decembro de 1971. A súa creación marcou un fito na vida social e deportiva da parroquia, consolidando a identidade da sociedade como entidade cultural, recreativa e deportiva o 8 de xullo de 1972 acórdase arrendar un terreo en Río de Sá (O Cepiño) para que poida adestrar e xogar o equipo de fútbol. Posteriormente Ao longo dos anos, o equipo participou en diversas competicións de fútbol afeccionado na comarca de Ferrolterra, sendo un referente local no deporte base e na promoción do fútbol entre a mocidade. Aínda que na actualidade non se atopan referencias recentes sobre a súa actividade deportiva, a SCRD Agarimo continúa a desenvolver iniciativas culturais e sociais en Sillobre, mantendo vivo o espírito comunitario que deu orixe ao equipo de fútbol.

A parroquía dende o ano 1986, ten outro lugar para a práctica de actividades deportivas como é a "Pista Polideportiva"; nela pódense poñer en práctica deporte de diversa índole e tan dispares coma tenis, baloncesto, balonmán, futból sala ou baloncesto. Na actualidade a "Pista" ten lugar o partido "Solteiros contra os Casados da parroquía" ou o "Torneo Comisión de Festas"

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Sillobre

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Sillobre no concello de Fene (A Coruña)

O Ameneiro | A Arriba | Aúlfe | As Bardallas | O Barreiro | Belelle | A Brea de Sillobre | Buio | A Calzada | A Corveira | A Gándara | Gunduriz | A Gurita | A Lagarteira | Lubián | Marraxón | Orra | A Pallota | Pedre | A Pegariña | A Rabadeña | A Rañoa | O Reboredo | O Revolto | A Ribeira | San Marcos | O Souto | Taboado | O Valado | Vilanova

Parroquias de Fene

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Fene

Barallobre (Santiago) | Fene (San Salvador) | Limodre (Santa Eulalia) | Magalofes (San Xurxo) | Maniños (San Salvador) | Perlío (Santo Estevo) | San Valentín (San Valentín) | Sillobre (Santa Mariña)

  1. 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
  2. "Fene". Vacaciones en las Rías Altas | Turismo en las Rías Altas | Guía oficial de las Rías Altas (en castelán). Consultado o 2025-05-18. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Rivera Rodríguez, María (2000). Sillobre ven de Antigo [Momentos Asociativos en Sillobre]. Concello de Fene. p. 108-112. ISBN 84-607-0755-5. 
  4. "Información sobre as parroquias de Fene: Sillobre, Magalofes, Fene, San Valentín, Perlio, Barallobre, Maniños e Limodre.". fene.gal. Consultado o 2025-05-18. 
  5. "A Historia de Galicia empezou en Sillobre". Radiofusion - A programación das Emisoras Municipais Galegas. 2016-07-18. Consultado o 2025-05-18. 
  6. "Fene é un concello no que son abondosos os restos arqueolóxicos.". fene.gal. Consultado o 2025-05-18. 
  7. "Fonte dos Mouros". 
  8. "Moura (mitología)" (en castelán). 2025-04-20. 
  9. "Os misterios da Fonte dos Mouros de Sillobre. Mitos, lendas e contos galegos". galiciaencantada.com. Consultado o 2025-05-18. 
  10. "Información sobre as parroquias de Fene: Sillobre, Magalofes, Fene, San Valentín, Perlio, Barallobre, Maniños e Limodre.". fene.gal. Consultado o 2025-05-18. 
  11. "Sillobre pone en valor sus tradiciones y rinde homenaje este sábado a sus lavandeiras". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2025-05-18. 
  12. "Festas e festivais celebrados en Fene ao longo do ano.". fene.gal. Consultado o 2025-05-18. 
  13. "Mozos xunta o salón Galicia de Sillobre" (en castelán). 2014-10-03. Consultado o 2025-06-08. 
  14. "La Xunta cierra el colegio de Sillobre el próximo curso por la “falta de matrículas”". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2025-05-24. 
  15. "Libros de Ramón Loureiro | Casa del Libro". casadellibro (en castelán). Consultado o 2025-05-18. 
  16. "La Fraga del Belelle, tan misteriosa...". La Voz de Galicia (en castelán). 2024-07-20. Consultado o 2025-05-18. 
  17. Máxica, Galicia (2016-03-03). "Fervenza do Belelle | GALICIA MÁXICA". Galicia Máxica | Algo más que ver en Galicia (en castelán). Consultado o 2025-05-18. 
  18. "Fene é un concello no que son abondosos os restos arqueolóxicos.". fene.gal. Consultado o 2025-05-18. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]