Saltar ao contido

Itinerario de Antonino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Itinerario de Antonino
Imaxe
 Instancia de
 Composto por
 Título
Itinerarium Antonini (la)
Itinerarium Provinciarum Antonini Augusti (la) Editar o valor en Wikidata
 Xénero artístico
 Lingua
Datas
 Data de publicación
século III Editar o valor en Wikidata
Códigos e identificadores
Freebase/m/058blb Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata
Vías hispánicas recollidas no Itinerario de Antonino

O denominado Itinerario Antonino ou Itinerario de Antonino ou Itinerario de Antonino Augusto Caracalla (en latín: Itinerarium Provinciarum Antonini Augusti) é unha recompilación de rutas do Imperio Romano. Deste itinerario soamente se conserva a copia procedente da época do emperador Diocleciano (século IV), mais suponse que foi redactado polo século III ou, segundo outros autores, a mediados do século IV.[1]

En cada ruta identificábanse mansio (paradas de postas)[2] coas súas correspondentes millas (sinaladas por un ou varios miliarios). Nun principio pensouse que era unha especie de guía de viaxes, mais polas súas características, semella ser feito co fin de facilitar a localización das mansións con fins recadatorios ou, quizais, con finalidade cultural ou literaria.[3]

Copias e datación

[editar | editar a fonte]

Aínda que o seu título alude a un dos emperadores da dinastía antonina (138-222) e foi atribuído regularmente a Antonino Pío ou Caracalla sen probas concluíntes,[4] as reavaliacións máis recentes sitúan a composición do documento, que abrangue un período de 75 anos,[5] cara a finais do século III ou mesmo mediados do século IV[6] xa que varios topónimos suxiren que non pode remontarse a antes das reformas administrativas de Diocleciano na década de 280.[5]

Malia o seu nome, non parece estar relacionado co emperador Antonino Pío, senón con Marco Aurelio Antonino, coñecido como Caracalla, quen gobernou entre o 211 e o 217, e durante este tempo comezaríase a compilar o itinerario, que sufriu varias modificacións posteriores polo que, deste itinerario, só se conserva a copia da época de Diocleciano (século IV); porén, hai uns vinte manuscritos entre o século VII e o XV no que se fai alusión ao itinerario.

Características

[editar | editar a fonte]

Forma parte dos itineraria adnotata, é dicir, que, a diferenza da Táboa de Peutinger, non inclúe unha representación cartográfica. Abrangue unha gran parte do mundo romano, pero non a súa totalidade, sen que se saiba por que. O documento indica as distancias entre os sitios mencionados,[5] xeralmente expresadas en milia pedium (milla romana, o equivalente a mil pasos, aproximadamente), agás na Galia onde é leuga (legua).[4]

Consta de 2 seccións que son independentes:[3]

  • o itinerarium provinciarum, no que se enumera e describe 255 rutas e itinerarios ao longo das principais vías romanas de todo o Imperio.[5] Están definidos por un título que indica os dous terminais (un lugar de saída e un de chegada) e a distancia total, así como a lista de etapas intermedias coas súas respectivas distancias parciais,[3] que van de oeste a leste dende Mauritania até as beiras do Éufrates e de norte a sur desde a Muralla de Hadrián até Asuán, e que cobren unha distancia total de aproximadamente 85.000 quilómetros.[4]
  • o Imperatoris Antonini Augusti Itinerarium maritinum, que inclúe unha breve sección sobre algunhas rutas marítimas e illas,[5] parte do itinerario marítimo de Roma a Arles.[4] Tampouco se sabe con certeza cal era o seu uso. Algunhas partes poderían corresponder a rutas do cursus publicus tomadas polas tropas imperiais e a ruta máis longa, que vai de Roma a Alexandría, podería corresponder á viaxe de Caracalla en 214-215.[5] Tamén podería ser un conxunto de mansións con celeiros onde se almacenaban subministracións.[7]

Malia os numerosos erros que conteñen as copias, sobre todo nos números, que dificultan o seu uso,[4] a rareza deste tipo de documento convérteo nunha fonte moi valiosa sobre a xeografía do Imperio, en particular para identificar localidades antigas ou vías desaparecidas.[4] Empregado polos cartógrafos medievais, inspirou notablemente ao autor do Mapa de Hereford.[4]

As vías na península

[editar | editar a fonte]

No documento sinálanse 372 camiños con 85.000 quilómetros percorrendo todo o imperio; 34 rutas correspóndense coas provincias de Hispania e 3 delas á provincia da Gallaecia.[8]

Vías Nome Principio Final Distancia

(en millas romanas)

I De Italia a Hispania Mediolanum (Milán) Legio VII Gemina (León) 1.257
II Item ab Arelato Narbone (Vía Augusta) Arelate (Arles) Castulo (Cástulo) 898
III Item a Corduba Castulone Corduba (Córdoba) Castulo (Cástulo) 99
IV Alio Itinere a Corduba Castulone Corduba (Córdoba) Castulo (Cástulo) 78
V Item a Castulone Malacam Castulo (Cástulo) Malaca (Málaga) 291
VI Item a Malaca Gadis Malaca (Málaga) Gades (Cádiz) 145
VII Item a Gadis Corduba Gades (Cádiz) Corduba (Córdoba) 294
VIII Item ab Hispali Corduba Hispalis (Sevilla) Corduba (Córdoba) 94
IX Ab Hispali Italicam Hispalis (Sevilla) Itálica 6
X Item a Hispali Emeritam Hispalis (Sevilla) Augusta Emerita (Mérida) 162
XI Item a Corduba Emeritam Corduba (Córdoba) Augusta Emerita (Mérida) 144
XII Item ab Olisippone Emeritam Olisipo (Lisboa) Augusta Emerita (Mérida) 161
XII A Salacia Ossonoba Salacia (Alcácer do Sal) Ossonoba (Faro) 16
XIV Alio Itinere ab Olisippone Emeritam Olisipo (Lisboa) Augusta Emerita (Mérida) 145
XV Item Alio ab Olisippone Emeritam Olisipo (Lisboa) Augusta Emerita (Mérida) 220
XVI Item ab Olisippone Bracaram Augusta Olisipo (Lisboa) Bracara Augusta (Braga) 244
XVII Item a Bracara Asturicam Bracara Augusta (Braga) Asturica Augusta (Astorga) 247
XVIII Item Alio itinere a Bracara Asturica Bracara Augusta (Braga) Asturica Augusta (Astorga) 215
XIX Item a Bracara Asturica Bracara Augusta (Braga) Asturica Augusta (Astorga) 299
XX Item per loca marítima a Bracara Asturicam usque Bracara Augusta (Braga) Asturica Augusta (Astorga) 207
XXI Item de Esuri Pace Iulia Esuris (Castro Marim) Pax Iulia (Beja) 267
XXII Item de Esuri per Comperium Pace Iulia Esuris (Castro Marim) Pax Iulia (Beja) 76
XXIII Item ab Ostio Fluminis Anae Emeritam usque Desembocadura do Ana (Guadiana) Augusta Emerita (Mérida) 313
XXIV Item ab Emerita Caesaraugusta Augusta Emerita (Mérida) Caesaraugusta (Zaragoza) 632
XXV Alio Itinere ab Emerita Caesara Augusta Augusta Emerita (Mérida) Caesaraugusta (Zaragoza) 348
XXVI Item ab Asturica Caesaraugusta Asturica Augusta (Astorga) Caesaraugusta (Zaragoza) 497
XXVII Item ab Asturica per Cantabria Caesaraugusta Asturica Augusta (Astorga) Caesaraugusta (Zaragoza) 301
XXVIII Item ab Turassone Caesaraugustam Turiaso (Tarazona) Caesaraugusta (Zaragoza) 56
XXIX Per Lusitaniam ab Emerita Caesaraugustam Augusta Emerita (Mérida) Caesaraugusta (Zaragoza) 458
XXX Item ab Liminio Toletum Laminium (Fuenllana) Toletum (Toledo) 95
XXXI Item a Lamio alio itinere Caesarea Augusta Laminium (Fuenllana) Toletum (Toledo) 249
XXXII Item ab Asturicam Terracone Asturica Augusta (Astorga) Tarraco (Tarragona) 482
XXXIII Item a Caesarea Augusta Beneharno Caesaraugusta (Zaragoza) Benearnum (Lescar) 112
XXXIV De Hispania in Aquitania, ab Asturica Burdigalam

(Vía Aquitania)

Asturica Augusta (Astorga) Burdigala (Bordeos) 421

As vías romanas na Gallaecia

[editar | editar a fonte]

A Gallaecia estaba atravesada por catro vías romanas que comunicaban Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) por varios itinerarios: a vía XVII (por Chaves), a vía XVIII ou vía Nova (por Sandiás), a vía XIX (por Caldas de Reis) e a vía XX (por Brigantium). Grazas ó itinerario localizáronse gran cantidade de mansións desaparecidas.

  1. VV.AA. (1991), p. 122
  2. As mansio (en plural, mansiones) eran lugares con parada e instalacións para os viaxeiros do servizo de correo romano, o Cursum publicus.
  3. 1 2 3 Rugnone, Elisa. Gruppo digilibLT - Università degli Studi del Piemonte Orientale, ed. "Itinerarium Antonini Augusti". digiliblt.uniupo.it (en italiano). Consultado o 20 de maio de 2025.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 Friedman & Figg (2013), p. 29
  5. 1 2 3 4 5 6 Adkins & Adkins (2014), p. 187
  6. Cadiou (2017), p. 280
  7. Chevallier (1997)
  8. Sáez Taboada (2002), p. 390

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]