Lingua galesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galés
Cymraeg
Pronuncia:/kəmˈrɑːɨɡ/, /ə ɡəmˈrɑːɨɡ/
Outros nomes:y Gymraeg
Falado en: Reino Unido, Arxentina, Estados Unidos, Canadá
Rexións: Gales
Total de falantes: 700.000 (aprox.)
Posición: Non entre as cen máis faladas
Familia: Indoeuropea
 Céltica
  Britónico
   Galés
Estatuto oficial
Lingua oficial de: País de Gales (Reino Unido)
Códigos de lingua
ISO 639-1: cy
ISO 639-2: wel
ISO 639-3: cym
SIL: WLS
Mapa
Status

O galés está clasificado como "vulnerable" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

A lingua galesa ou galés (Cymraeg ou y Gymraeg en galés, pronunciado /kəmˈrɑːɨɡ/, /ə ɡəmˈrɑːɨɡ/), é a lingua falada polo pobo galés, que é membro da póla britónica das linguas célticas falada en Gales (Cymru), en Inglaterra, nalgúns sitios preto da fronteira galesa, e na colonia de inmigrantes galeses no val de Chubut, na Patagonia arxentina.

Hai tamén falantes de galés ao redor do mundo, especialmente no resto da Gran Bretaña, os Estados Unidos, o Canadá, a Arxentina e Australia.

Debido ao crecente uso do inglés, o número de falantes de galés ten ido descendendo desde hai décadas. Con todo, de resultas dun número de medidas, entre elas a introdución da Acta da lingua galesa de 1993, o galés vén gozando dun forte rexurdimento nos últimos anos e ten un status de igualdade co inglés no sector público en Gales. É a lingua céltica máis falada.

Ver lingua inglesa de Gales en relación coa lingua inglesa tal e como se fala en Gales.

Status[editar | editar a fonte]

Letreiro bilingüe en Caernarfon.
Sinal de tráfico bilingüe en Cardiff.

O estudo de uso da lingua galesa de 2004 amosa que o 21.7% da poboación de Gales é falante de galés. Isto supón un aumento desde o 20.5% no censo de 2001 e desde o 18.5% in 1991. O censo de 2001 tamén mostra que sobre o 25% dos residentes en Gales naceran fóra de Gales. Descoñécese o número de falantes de galés no resto da Gran Bretaña. En 1993, S4C, o canal televisivo en lingua galesa, publicou os resultados dun estudo sobre o número de xente que falaba ou entendía galés e nel estimábase que había preto de 133.000 falantes de galés vivindo en Inglaterra, deles sobre 50.000 na área do Gran Londres e en cidades e aldeas fronteirizas nas Welsh Marches como Oswestry.[2]

Historicamente, gran número de galeses só falaban galés, pero hoxe en día, os falantes monoglóticos de galés son hoxe practicamente inexistentes. Case sen excepción os falantes de galés falan tamén inglés (ou, no caso dos da provincia de Chubut, castelán). Con todo, unha gran cantidade de falantes de galés exprésase con máis comodidade nesa lingua que en inglés. O uso dunha ou doutra lingua pode variar segundo o contexto social ou o tema do que se fale.

Malia ser o galés unha lingua minorizada, o apoio á lingua incrementouse durante a segunda metade do século XX, ao lado do aumento de organizacións como o partido nacionalista Plaid Cymru e a Sociedade da Lingua Galesa, Cymdeithas yr Iaith Gymraeg.

Como primeira lingua, o galés está máis estendido en zonas menos urbanas, como o norte e o oeste, especialmente Gwynedd, Denbighshire (Sir Ddinbych), Anglesey (Ynys Môn), Carmarthenshire (Sir Gaerfyrddin), o norte de Pembrokeshire (Sir Benfro), Ceredigion, partes do oeste de Glamorgan (Morgannwg), noroeste e extremo suroeste de Powys, malia poderse atopar falantes de galés como primeira lingua ou persoas que o falan con fluidez por todas partes en Gales.

O galés é unha lingua viva, empregada na conversación por miles de persoas como se pode ver nas rúas de Gales. A Lei da Lingua Galesa de 1993 e a Lei de Goberno de Gales de 1998 estipulan que as linguas galesa e inglesa deben ser tratadas por igual. Os organismos públicos deberán preparar e implementar un Plano de Lingua Galesa. Os concellos e a Asemblea de Gales empregan o galés como lingua oficial, producindo os textos oficiais e a publicidade en versión galesa (por exemplo, cartas aos pais da escola, información da biblioteca e información do concello) e todos os sinais de tráfico de gales deben estar en inglés e en galés, incluíndo a versión galesa dos topónimos. O ensino do galés é agora obrigatorio en todas as escolas de gales ata os dezaseis anos: isto tivo un grande efecto na estabilización da lingua e axuda a reverter a tendencia no declive da lingua. Isto significa, por exemplo, que mesmo os fillos de emigrantes monoglóticos ingleses a Gales medran cun coñecemento da lingua. Con todo a gran maioría da xente das cidades do sur de Gales non usan a lingua na vida diaria.

O goberno do Reino Unido ratificou a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias con respecto ao galés.

A importancia da lingua medrou desde a creación do canal de televisión S4C en novembro de 1982, que emite exclusivamente en galés durante as horas de máxima audiencia. O principal informativo da tarde producido pola BBC en galés é dispoñíbel para descarga (Real Media).

Desde decembro de 2001 o goberno británico planea que todos os inmigrantes coñezan o inglés. Queda por ver se o galés vai ser considerado un caso á parte. Hoxe, un coñecemento de inglés, galés ou gaélico escocés é suficiente para obter a naturalización e pénsase que esta política ha continuar malia os cambios da lei.

Historia[editar | editar a fonte]

Lingua galesa mediaLingua galesa antiga

Como a maioría das linguas, na historia do galés existen períodos identificábeis, malia a s fronteiras entre eles seren a miúdo moi fluídas.

Galés antigo[editar | editar a fonte]

As máis antigas fontes dunha lingua identificábel como galés remóntanse ata aproximadamente o século VI, e a lingua deste período coñécese como Galés primitivo. Queda moi pouco deste período. O seguinte período principal, algo mellor testemuñado, é o galés antigo (Hen Gymraeg) (séculos IX a XI); conservamos poesía tanto de Gales como Escocia nesta forma da lingua. Cando a colonización xermánica e gaélica de Gran Bretaña progresou, os falantes britónicos en gales ficaron separados dos da Inglaterra setentrional, falantes de cúmbrico, e dos do suroeste, falantes da lingua que despois se converteu en córnico, e deste xeito as linguas diverxeron. A esta época pertence tanto o Canu Aneirin como o Canu Taliesin.

Galés medio[editar | editar a fonte]

Galés medio (ou Cymraeg Canol) é a etiqueta posta ao galés dos séculos XII a XIV, período do que nos quedan máis restos ca no anterior. Esta é a lingua de case todos os manuscritos antigos sobreviventes dos Mabinogion, malia os contos mesmos seren moito máis vellos. É tamén a lingua dos manuscritos existentes da Lei galesa. O galés medio é razoabelmente intelixíbel para un falante de galés moderno cun pouco de traballo.

Galés moderno[editar | editar a fonte]

O galés moderno poden dividirse en dous períodos. O primeiro, Galés moderno inicial vai desde o século XIV ata aproximadamente o final do século XVI e foi a lingua usada por Dafydd ap Gwilym.

Galés moderno posterior[editar | editar a fonte]

Esta etapa comeza coa publicación da tradución da Biblia de William Morgan en 1588. Como no caso da tradución ao inglés, a versión do rei Xaime, isto demostrou ter un efecto de estabilización na lingua. Por suposto, ten habido moito cambio menor na lingua desde aquela.

O século XIX[editar | editar a fonte]

A lingua tivo un novo pulo no século XIX coa publicación dalgúns dos primeiros dicionarios completos do galés. O traballo anterior dos pioneiros lexicógrafos galeses, tales como Daniel Silvan Evans, aseguráronse da correcta documentación da lingua, e os dicionarios modernos como o Geiriadur Prifysgol Cymru (o Dicionario da Universidade de Gales), son descendentes directos destes dicionarios.

Con todo, o influxo dos traballadores ingleses durante a Revolución Industrial en Gales desde aproximadamente o 1800 levou a unha adulteración substancial da poboación de fala galesa de Gales. Os inmigrantes ingleses rara vez aprendían galés e os seus colegas galeses tendían a falaren inglés cando había algún inglés, e o bilingüismo fíxose case total. O status legal do galés era inferior ao do inglés, e, dese xeito, o inglés pouco e pouco comezou a prevalecer, agás nas áreas máis rurais, particularmente no noroeste e no Gales central. Unha excepción importante, con todo, foron as igrexas non conformistas, que estaban fortemente asociadas coa lingua galesa.

Séculos XX e XXI[editar | editar a fonte]

No século XX o número de falantes de galés baixou a un punto que facía prever a extinción da lingua en poucas xeracións. A primeira vez que o censo decenal comezou a preguntar cuestións lingüísticas foi en 1891, nesta época o 54% da poboación aínda falaba gales. A porcentaxe descendía con cada censo, ata acadar a taxa máis baixa en 1981 (19%). En 1991 a posición era estábel (19% como en 1981) e no censo máis recente, 2001, subira ata un 21% que pode falar galés. O censo de 2001 tamén rexistra que o 20% podía ler galés, o 18% podíao escribir e o 24% podíao comprender. Ademais, a porcentaxe máis elevada de falantes de galés estaba entre a mocidade, cousa que presaxia algo bo para o futuro do galés. En 2001, o 39% dos nenos de entre 10 e 15 anos eran quen de falar, ler e escribir galés (moitos aprendérono na escola), comparado co 25% dos de 16 a 19 anos. Con todo, a porcentaxe de falantes de galés en áreas onde é falado pola maioría está aínda en declive.

Semella que o aumento do nacionalismo galés atraeu axudas á lingua, e o establecemento da radio e televisión galesas atopou unha masa de audiencia que estaba preocupada pola retención do seu galés. O que se cadra é o máis importante de todo é que a finais do século XX o estudo do galés se fixo obrigatorio para todos os alumnos de ata 16 anos, e isto tanto reforzou a lingua das áreas de fala galesa como reintroduciu polo menos un coñecemento elemental da lingua en áreas que se converteran case completamente en anglófonas. Detívose a caída da porcentaxe de galeses que sabe falar galés e mesmo hai signos dunha modesta recuperación. Con todo, malia ser o galés a lingua cotiá nalgunha partes de Gales, o inglés é comprendido por todo o mundo.

Ortografía[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: o alfabeto galés.

O galés escríbese nunha versión do alfabeto latino que consta de 28 letras, das que oito son dígrafos tratados como letras simples para os efectos de cotexo:

a, b, c, ch, d, dd, e, f, ff, g, ng, h, i, l, ll, m, n, o, p, ph, r, rh, s, t, th, u, w, y

As letras j e v, malia non empregárense orixinariamente para escribir galés, tomáronse prestadas do alfabeto inglés, e, cunhas poucas excepcións, son usadas só en nomes propios.

O diacrítico máis usual é o circunflexo, que se usa nalgúns casos para marcar unha vogal longa.

Gramática[editar | editar a fonte]

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

Consoantes[editar | editar a fonte]

o galés ten os seguintes fonemas consonánticos:

  Bilabial Labiodental Labiovelar Dental Alveolar Alveolar
lateral
Postalveolar Palatal Velar Glotal
Oclusiva p  b       t  d       k  g  
Africada             (tʃ)  (dʒ)      
Nasal (m̥)  m       (n̥)  n       (ŋ̊)  ŋ  
Fricativa   f  v   θ  ð s  (z) ɬ ʃ   x h
vibrante         r̥  r          
Aproximante     w     l   j    

/z/ só aparece en préstamos non asimilados. /tʃ/ e /dʒ/ aparecen especialmente en préstamos, pero tamén nalgúns dialectos como evolución de /tj/ e /dj/; as nasais xordas /m̥/, /n̥/, /ŋ̊/ só aparecen como consecuencia de mutación nasal.

Vogais[editar | editar a fonte]

Táboa que representa os formantes vocálicos dun falante de galés de Bangor.
Monotongos Posteriores Central Anteriores
Pechada ɨː
Semipechada ɪ ɨ̞ ʊ
Media pechada ə
Media aberta ɛ ɔ
Aberta a   ɑː

As vogais /ɨ̞/ e /ɨː/ só aparecen nos dialectos do norte; nos do sur son substituídas por /ɪ/ e /iː/ respectivamente. Nos dialectos meridionais, o contraste entre vogais longas e breves só se atopa en sílaba tónica; nos dialectos setentrionais, o contraste só se atopa en sílabas finais acentuadas (incluíndo monosílabos).

A vogal /ə/ non aparece en sílaba final de palabra (agás nuns poucos monosílabos).

Ditongos O segundo compoñente
é posterior
O segundo compoñente
é central
O segundo compoñente
é anterior
O primeiro compoñente é pechado   ʊɨ ɪu, ɨu
O primeiro compoñente é medio əi, ɔi əɨ, ɔɨ ɛu, əu
O primeiro compoñente é aberto ai aɨ, ɑːɨ au

Os ditongos que conteñen /ɨ/ só aparecen nos dialectos setentrionais; nos dialectos meridionais /ʊɨ/ é substituído por /ʊi/, /ɨu, əɨ, ɔɨ/ converxen en /ɪu, əi, ɔi/, e /aɨ, ɑːɨ/ converxen en /ai/.

O acento[editar | editar a fonte]

O acento en polisílabos aparece normalmente na penúltima sílaba, moi raramente na última.

A colocación do acento significa que palabras e conceptos relacionados (ou mesmo plurais) poden soar bastante diferentes, cando se lle engaden sílabas ao final dunha palabra e o acento se move en correspondencia, e.g.:

ysgrif — /ˈəsgriv/ — un artigo ou ensaio.
ysgrifen — /əsˈgriven/ — escritura.
ysgrifennydd — /əsgriˈvenɨð/ — un secretario.
ysgrifenyddes — /əsgriveˈnəðes/ — unha secretaria.

(Notar tamén que ao engadirmos unha sílaba a ysgrifennydd para formar ysgrifenyddes cambia a pronunciación do segundo "y". Isto débese a que a pronunciación do "y" depende de se está na sílaba final ou non.)

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Morfoloxía do galés.

A morfoloxía do galés ten moito en común coa das outras linguas célticas insulares modernas, como o uso das mutacións consonánticas iniciais, e o uso das chamadas "preposicións conxugadas" (preposicións fusionadas con pronomes persoais). Os substantivos poden ser masculinos ou femininos e carecen de declinación. En galés existen toda unha variedade de terminacións que expresan o plural, e dúas para indicar o singular dalgúns substantivos. No galés coloquial o a conxugación verbal indícase principalmente a través do emprego de verbos auxiliares máis que coa conxugación do propio verbo. En galés literario, por outra banda, é usual a conxugación do verbo propio.

Outros trazos da gramática galesa[editar | editar a fonte]

Posesivos como pronomes obxectos[editar | editar a fonte]

En galés "Gústame Rhodri" é "Dw i'n hoffi Rhodri" ("Estou a gustar [de] Rhodri"), pero "el gústame" é "Dw i'n ei hoffi fe" — literalmente, "estou no seu gustar a el"; "ti gústasme" é "Dw i'n dy hoffi di" ("estou no teu gustar a ti") etc.

O uso dos verbos auxiliares[editar | editar a fonte]

O galés non literario inclínase moi fortemente ao emprego de verbos auxiliares. En presente, todos os verbos fórmanse co auxiliar "bod" ("ser"), así "dw i'n mynd" é literalmente "estou a ir", pero tamén significa simplemente "eu vou". En pasado e futuro, hai formas conxugadas de todos os verbos (que son invariabelmente usadas na lingua escrita), pero hoxe na fala é moito máis común usar o substantivo verbal (berfenw, moi parecido ao infinitivo do galego) xunto coa forma conxugada de "gwneud" ("facer"), así "eu fun" pode ser "mi es i" ou "mi wnes i fynd" e "eu irei" pode ser "mi a' i" ou "mi wna i fynd". Hai tamén unha forma futura co auxiliar bod, dando "fydda i'n mynd" (se cadra mellor traducido como "estarei indo") e un imperfecto (un tempo pasado continuo/habitual) que tamén usa "bod", con "roeddwn i'n mynd" significando "eu adoitaba ir/estaba indo".

A afirmación[editar | editar a fonte]

Mi ou fe sitúanse frecuentemente antes dos verbos conxugados para indicar que son enunciativos. No presente e imperfecto do verbo bod (ser), emprégase yr no canto daquelas. Mi está máis restrinxido ao galés setentrional coloquial, mentres que fe predomina no sur e no rexistro formal ou literario. Tal marca da enunciación é, en todo caso, moito menos común en rexistros elevados.

Sistema de cómputo[editar | editar a fonte]

O sistema de cómputo tradicional usado pola lingua galesa é o vixesimal, i.e. baseado nas vintenas, como nos numerais franceses desde o 80 ao 99, onde os números do 11 ao 14 son "x sobre dez", do 16 ao 19 son "x sobre quince" (malia o 18 ser normalmente "dous noves"); os números do 21 ao 39 son "1–19 sobre vinte", 40 é "dúas vintenas", 60 é "tres vintenas" etc.

Hai tamén un sistema de cómputo decimal, do gusto da mocidade, máis común no Gales do sur, e que parece ser o máis empregado no galés de Patagonia, onde os números son "x dez y", e.g. trinta e cinco neste sistema é tri deg pump (tres dez cinco) mentres que en vixesimal é pymtheg ar hugain (quince – en realidade "cinco-dez" – sobre vinte).

Outra fonte de complicación é que mentres que só hai unha palabra para "un" (un), existen formas diferentes para o masculino e o feminino nos números "dous" (dau e dwy), "tres" (tri e tair) e "catro" (pedwar e pedair), que van concordar en xénero co substantivo contado, aínda que esta regra é observada menos estritamente co sistema de cómputo decimal.

Número Sistema vixesimal Sistema decimal
1 un
2 dau (m), dwy (f)
3 tri (m), tair (f)
4 pedwar (m), pedair (f)
5 pump
6 chwech
7 saith
8 wyth
9 naw
10 deg
11 un ar ddeg un deg un
12 deuddeg un deg dau
13 tri/tair ar ddeg un deg tri
14 pedwar/pedair ar ddeg un deg pedwar
15 pymtheg un deg pump
16 un ar bymtheg un deg chwech
17 dau/dwy ar bymtheg un deg saith
18 deunaw ("dous noves") un deg wyth
19 pedwar/pedair ar bymtheg un deg naw
20 ugain dau ddeg
21 un ar hugain dau ddeg un
22 dau/dwy ar hugain dau ddeg dau
23 tri/tair ar hugain dau ddeg tri
24 pedwar/pedair ar hugain dau ddeg pedwar
25 pump ar hugain dau ddeg pump
26 chwech ar hugain dau ddeg chwech
27 saith ar hugain dau ddeg saith
28 wyth ar hugain dau ddeg wyth
29 naw ar hugain dau ddeg naw
30 deg ar hugain tri deg
31 un ar ddeg ar hugain tri deg un
32 deuddeg ar hugain tri deg dau
etc.
40 deugain ("dúas vintenas") pedwar deg
41 deugain ac un pedwar deg un
50 hanner cant ("medio cento") pump deg
51 hanner cant ac un pum deg un
60 trigain chwe deg
61 trigain ac un chwe deg un
70 deg a thrigain saith deg
71 un ar ddeg a thrigain saith deg un
80 pedwar ugain wyth deg
81 pedwar ugain ac un wyth deg un
90 deg a phedwar ugain naw deg
91 un ar ddeg a phedwar ugain naw deg un
100 cant
200 dau gant
300 tri chant
400 pedwar cant
500 pum cant
600 chwe chant
1000 mil
2000 dwy fil
1,000,000 miliwn
1,000,000,000 biliwn

Notas:

  • As palabras deg (dez), deuddeg (doce) e pymtheg (quince) a miúdo vólvense deng, deuddeng e pymtheng respectivamente cando van antes dunha palabra que comeza por "m", e.g. deng munud (dez minutos), deuddeng milltir (doce millas), pymtheng mlynedd (quince anos).
  • Os números pump (cinco), chwech (seis) e cant (cen) perden a consoante final cando van inmediatamente antes dun substantivo, e.g. pum potel (cinco botellas), chwe llwy (seis culleres), can punt (cen libras).
  • Os números altos tenden a usaren o sistema decimal, e.g. 1,965 mil, naw cant chwe deg pump. Unha excepción a esta regra é ao se referir aos anos, onde tras o número do millar dinse as cifras individuais, e.g. 1965 mil naw chwe(ch) pump (mil nove seis cinco). Este sistema parece que desapareceu ao pasar ao ano 2000, e.g. 2005 é dwy fil a phump (dous mil e cinco).
  • O número miliwn é feminino, e biliwn é masculino. Isto é bo sabelo porque en determinadas circunstancias ambas formas poden mutar en filiwn. Así Dous millóns é dwy filiwn (dwy é feminino), e dous billóns é dau filiwn (dau é masculino).

Dialectos[editar | editar a fonte]

As diferenzas dialectais son máis evidentes na lingua falada que na escrita. Unha clasificación, aínda que simplista, é entre as formas do galés setentrional e galés meridional (ou "Gog" e "Hwntw" baseada na palabra para norte, gogledd, e a palabra galesa meridional para "os de alí"). As diferenzas entre os dialectos inclúen vocabulario, pronunciación e gramática, aínda que neste eido as diferenzas son de feito relativamente menores. Alén da diferenza norte-sur hai clasificacións que fían máis fino: o libro Cymraeg, Cymrâg, Cymrêg: cyflwyno'r tafodieithoedd,[3] sobre os dialectos galeses estaba acompañado dunha casete que contiña gravacións de catorce falantes diferentes que mostraban aspectos dos distintos dialectos. O libro refírese ao máis antigo Linguistic Geography of Wales[4] onde se describían seis rexións diferentes que se identificaban por teren palabras específicas desa rexión.

Outro dialecto é o galés de Patagonia, que se vén desenvolvendo desde o inicio do asentamento galés na Arxentina en 1865; inclúe castelanismos e termos para realidades locais.

Un exemplo da diferenza entre o galés do norte e do sur pode ser a frase "Quere vostede unha cunca de te?" No norte isto sería "Dach chi isio panad?", mentres que no sur esperariamos escoitar "Dych chi moyn dishgled?". Un exemplo da diferenza de pronunciación entre galés setentrional e meridional é a tendencia dos dialectos do sur a palatalizaren a letra "s", e.g. mis (mes), tendería a pronunciarse [miːs] no norte, e [miːʃ] no sur.

De feito, a diferenza entre dialectos do galés falado moderno non é nada comparado coa diferenza entre a lingua falada e a literaria. Esta última é moito máis formal e é a lingua das traducións galesas da Biblia, entre outras cousas (a pesar de que a Beibl Cymraeg Newydd — Nova Biblia Galesa — é bastante menos formal que a tradicional Biblia de 1588). Gareth King, autor dunha gramática galesa, observa que "A diferenza entre estas dúas é moito maior que a que hai entre as formas coloquiais virtualmente idénticas e as formas literarias do inglés" e chega a constatar "que hai boas bases como para as considerar linguas diferentes". Comenta que mentres o galés coloquial é unha lingua materna que non precisa dun ensino especial para a súa adquisición, o galés literario non é a lingua materna de ninguén e cómpre aprendérllela á xente.[5]

Malia que a cuestión "Quere vostede unha cunca de te?" non é probábel que apareza no uso do galés literario, se fose tal sería algo así como "A oes arnoch eisiau cwpanaid o de?"

Entre as características que diferencian a lingua literaria da falada están unha maior dependencia das formas verbais conxugadas, un cambio no emprego dalgúns tempos, unha redución no uso explícito de pronomes (posto que a información está normalmente contida na flexión do verbo ou das preposicións) e unha tendencia moi reducida a substituír anglicismos por palabras galesas nativas.

Diglosia: galés literario / galés coloquial[editar | editar a fonte]

O galés moderno pode ser escrito en dúas variedades - galés coloquial (Cymraeg llafar) ou galés literario (Cymraeg llenyddol). A gramática descrita nesta páxina é a do galés coloquial, que se emprega para a fala e a escrita informal. O galés literario é máis próximo á forma de galés empregada na tradución da Biblia de 1588 e atópase en documentos oficiais e outros rexistros formais, incluída moita literatura. Como forma estándar que é o galés literario case non presenta a variación dialectal que existe no galés coloquial.

Velaquí algunhas das diferenzas:

Galés literario Galés coloquial
Omisión do pronome suxeito posíbel. Pronomes suxeitos rara vez omitidos.
Amplo uso de formas verbais simples. Amplo uso de formas verbais perifrásticas.
Non distinción entre o presente e o futuro simple (e.g. gwelaf "eu vexo"/"eu verei"). A forma simple expresa só futuro (e.g. gwela i "eu verei") .
Formas verbais de subxuntivo. Subxuntivo en frases feitas
Desinencia de 3ª persoa do plural: -nt Desinencia de 3ª persoa do plural: -n

ademais pódense observar pronomes e tipos de mutación máis arcaicos no galés literario. Unha gramática completa do galés literario pode ser A Grammar of Welsh (1980) por Stephen J. Williams.

Actualmente a maioría do que se escribe en galés, especialmente en Internet ou nas revistas é máis próximo ao galés coloquial. Isto tamén está a incrementarse na literatura artística.

Exemplos de frases en galés literario e coloquial[editar | editar a fonte]

Galego Galés literario Galés coloquial
Érgome cedo cada día Codaf yn gynnar bob dydd Dw i'n codi'n gynnar bob dydd
Erguereime cedo mañá Codaf yn gynnar yfory Coda i'n gynnar fory/wna i godi'n gynnar fory
El/ela non parou moito aquí Ni safasai yno'n hir Doedd hi/o ddim wedi sefyll yno'n hir
Só han durmir cando sexa necesario Ni chysgant ond pan fo angen Byddan nhw ddim ond yn cysgu pan fydd angen

O galés na educación[editar | editar a fonte]

A década de 1840 foi un período de grande movemento social en Gales, que se manifestou no movemento cartista, que culminou na marcha de 20.000 persoas a Newport en 1839 que desembocou nun tumulto cando vinte persoas foron mortas por soldados que defendían o Westgate Hotel, e os disturbios das Rebecas, cando foron destruídas sistematicamente as portaxes das estradas de pago. Este malestar atraeu a atención do poder británico sobre o estado da educación en Gales, pois os reformadores sociais da época consideraban a educación como un medio para tratar enfermidades sociais. O xornal The Times destacou entre os que consideraban que a carencia de educación dos galeses fora a raiceira da maioría dos problemas, malia ser a maior parte da poboación instruída en galés grazas ás actividades da escola dominical e a necesidade de ler a Biblia. En xullo de 1846, tres comisionados, R. R. W. Lingen, Jellynger C. Symons e H. R. Vaughan Johnson, foron enviados para investigar o estado da educación en Gales; os comisionados eran todos anglicanos, e, polo tanto, non lle tiñan simpatía á maioría Non conformista de Gales ademais eran falantes monoglóticos de inglés.

Os comisionados presentaron o seu informe ao goberno o 1 de xullo de 1847 en tres voluminosos tomos azuis. Este informe logo foi coñecido como Brad y Llyfrau Gleision (A Traizón dos libros azuis) pois, á parte de documentar o estado da educación en Gales, os comisionados cos seus comentarios menosprezaban a lingua, o Non conformismo, e a moralidade dos galeses en xeral. Un efecto inmediato do informe foi que se enraizou na mente do pobo que o único xeito que tiñan para saíren ao mundo era por medio do inglés, e naceu un complexo de inferioridade sobre o galés cuns efectos que aínda non se dan erradicado. O historiador Pr. Kenneth O. Morgan referiuse ao significado do informe e as súas consecuencias como "o Glencoe e o Amritsar da historia galesa".

A finais do século XIX case todo o ensino nas escolas de Gales era en inglés, mesmo en áreas onde os alumnos case non daban entendido o inglés. Algunhas escolas usaban o Welsh Not, un cacho de pau, que levaba a miúdo as letras "WN", que se penduraba do pescozo dos alumnos aos que sorprenderan falando galés. O alumno debía pasarllo a algún compañeiro ao que collese falando galés: o rapaz que o levase ao cabo do día había ser golpeado con el. A principios do século XX esta política comezou lentamente a mudar, en parte debido aos esforzos de Owen Morgan Edwards cando chegou a inspector xefe das escolas de Gales en 1907.

A escola galesa de Aberystwyth (Ysgol Gymraeg Aberystwyth) fundouse en 1939 por Sir Ifan ap Owen Edwards, o fillo de O.M. Edwards, como a primeira escola primaria galesa. A profesora principal foi Norah Isaac. Ysgol Gymraeg é aínda agora unha escola con éxito e hoxe hai escolas de primaria galesas por todo o país. Ysgol Glan Clwyd estableceuse en Rhyl en 1955 como a primeira escola en lingua galesa que impartía a secundaria.

Hoxe o galés emprégase amplamente na educación. Todas as universidades galesas imparten algún curso en galés (especialmente a Universidade de Gales, Bangor e a Universidade de Gales, Aberystwyth) pero a súa lingua principal é o inglés. Os rapaces deben estudar galés ata os dezaseis anos. Aproximadamente a cuarta parte dos nenos asisten a escolas que ensinan predominantemente en galés.[6]. O resto estuda galés como segunda lingua en escolas que teñen como principal lingua vehicular o inglés.

O galés na tecnoloxía da información[editar | editar a fonte]

O galés ten unha presenza substancial en Internet, que vai desde listas formais de terminoloxía nunha variedade de campos [7] a interfaces en galés de partes do Microsoft Windows XP, unha cantidade de distribucións de Linux, e algúns servizos en liña para blogs redactados en galés.[8]

O galés na guerra[editar | editar a fonte]

Na guerra é complicado establecer comunicacións seguras. Pódese empregar a criptografía para tentar protexer mensaxes, pero os códigos sempre poden ser rotos. Por iso, as linguas pouco coñecidas son a miúdo codificadas, pois se se rompe o código, o contido da mensaxe segue a ser comprensíbel para pouca xente. Por exemplo, o exército americano empregou falantes de navajo durante a segunda guerra mundial. Igualmente, os Royal Welch Fusiliers, un rexemento galés que servía en Bosnia, usou o galés para comunicacións de emerxencia que debían ser seguras.[9]

Durante a Guerra das Malvinas entre Arxentina e o Reino Unido correron historias de soldados británicos que falaban en galés con soldados prisioneiros arxentinos que descendían dos inmigrantes galeses do Val de Chubut en Patagonia.

O galés na cultura popular[editar | editar a fonte]

No verán de 2006, Glyn Wise e Imogen Thomas entraron na casa do programa televisivo Grande Irmán. Os dous falaban galés con fluidez e con frecuencia falaban entre eles nesta lingua. Isto fixo subir considerabelmente a conciencia da lingua galesa na mocidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Summary of 1993 S4C survey
  3. Thomas, B. and Thomas, P. W. Cymraeg, Cymrâg, Cymrêg: cyflwyno'r tafodieithoedd, publicado por Gwasg Taf, ISBN 0-948469-14-5. Out of print
  4. Thomas, A. R. 1973 Linguistic Geography of Wales
  5. King, G. Modern Welsh: a comprehensive grammar, published by Routledge, ISBN 0-415-09269-8 p3
  6. Cifras para 2002-03: Welsh medium or bilingual provision Arquivado 19 de febreiro de 2007 en Wayback Machine., Mesa da Lingua Galesa
  7. O Welsh National Database of Standardised Terminology foi foi creado en marzo de 2006 Arquivado 25 de setembro de 2006 en Wayback Machine..
  8. Unha escolma de blogs en galés aparecen nas páxinas Y Rhithfro Arquivado 13 de setembro de 2017 en Wayback Machine. e Blogiadur Arquivado 07 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine..
  9. Heath, Tony: Welsh speak up for their ancient tongue. in The Independent, páxina 6 do 1996-08-26

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • J.W.Aitchison e H.Carter. Language,Economy and Society. The changing fortunes of the Welsh Language in the Twentieth Century. Cardiff. University of Wales Press. 2000.
  • J.W.Aitchison e H.Carter. Spreading the Word. The Welsh Language 2001. Y Lolfa. 2004

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]