Concello de Cotobade
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 4.290 (2016) (31,73 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 135,2 km² | ||||
Altitude | 392 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Disolución | 22 de setembro de 2016 | ||||
Sucedido por | Cerdedo-Cotobade | ||||
Organización política | |||||
Eleccións municipais en Cotobade | |||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36012 | ||||
Sitio web | concellodecotobade.org |
Cotobade foi un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. En 2016 fusionouse co concello de Cerdedo, dando orixe ao concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2014 tiña 4327 habitantes (2079 homes e 2248 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cotobadés.
Toponimia
[editar | editar a fonte]En ocasións pensouse que o topónimo Cotobade derivaba de couto do abade, dado que toda a comarca pertencía á antiga xurisdición que exercía o superior do convento de bieitos de Tenorio, e como tamén mal referenciara o Padre Sarmiento. O nome aparece referenciado ao logo da historia coma: Castro Cutubade cum tota terra sua (ano 1180); Terra que dicitur Montes in qua est castellum Cutubadi (ano 1182), Terra que dicitur Montes in qua est castellum Cutubadi (ano 1188); castrum quod dicitur Cotobadi cum pertinentiis suis (ano 1199), castrum quod dicitur Cotobade (ano 1225). Cotobade débese descompoñer en coto, palabra galaica de orixe prerromana *Cotto (…) e un nome persoal en xenitivo Bade, o cal se repite illado na toponimia galega e parece que non é aférese de abbas -atis, "abade", senón o antropónimo Vatis (Ares 2001:74). [1]
Xeografía
[editar | editar a fonte]Estaba situado ao oeste da provincia de Pontevedra. Limitaba ao norte co concello de Campo Lameiro, ao nordeste con Cerdedo, ao leste con Forcarei, ao sueste coa Lama, ao sur con Ponte Caldelas e ao oeste con Pontevedra.
Tiña unha extensión de 135,2 km², e contaba con 13 parroquias e 135 entidades de poboación. A capital do municipio atopábase no lugar da Chan, na parroquia de Carballedo, sen que o seu topónimo correspondese a ningunha entidade de poboación, o cal non é moi frecuente.
Tiña dúas zonas diferenciadas: As "Terras Altas", as situadas no val do río Almofrei, cara ao sueste. O río nace no monte do Seixo e desde Caroi discorre limpo por vales frondosos onde abundan as carballeiras e outras masas forestais. Ademais, nos montes de Valongo nace o río Calvelle, que xunto co río Barbeira flúen ao río Verdugo, que formará a ría de Vigo.
As chamadas "Terras Baixas", que abarcan o val do río Lérez, que recibe os ríos Cabanelas, Calvelo e o propio Almofrei, o seu afluente máis importante. O Lérez servíalle de límite ao concello, excepto na parroquia de San Xurxo de Sacos, na que o bordo viña marcado polo río Calvos. Tamén sobresaía o monte Seixo, que con 990 metros de altitude era a cota máxima do concello.
Demografía
[editar | editar a fonte]Poboación no ano 2014:
Censo total 2014 | 4.327 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 431 (9.96 %) |
Entre 15 e 64 anos | 2.654 (61.33 %) |
Maiores de 65 anos | 1.242 (28.7 %) |
Historia
[editar | editar a fonte]Prehistoria e Idade antiga
[editar | editar a fonte]O poboamento das terras de Cotobade comezou en época bastante antiga, como testemuñan a abundancia de restos arqueolóxicos (mámoas, castros e insculturas rupestres) repartidos por toda a súa xeografía. Así mesmo quedan restos da época romana na calzada do monte Pé da Múa.
Ata o século VII a rexión era coñecida como "terra de Escutarios", como consta no Cronicón Iriense. Afírmase que no Concilio de Lugo, celebrado a instancias de Teodomiro (rei dos Suevos) en 569, agregouse á Diocese de Iria Flavia, entre outras, a circunscrición de Escutarios.
Scutarius en latín é o que fai escudos. No século IV Amiano Marcelino, na Historia dos Emperadores Romanos, afirma que son os soldados armados de escudos. O antigo nome de Cotobade vén polos moitos escudeiros (scutigerullus, de scutum-gero) da terra. Estes fidalgos eran cobizados por nobres e cabaleiros de toda a península polo seu valor e destreza no combate.[Cómpre referencia]
Idade Media
[editar | editar a fonte]Entre os antigos monumentos históricos atópase no monte Castelo, que se estende polos límites de Borela, Carballedo, Tenorio e Viascón, a torre que noutrora se chamaba Couto do abade, da que quedan apenas vestixios.
Preto desta están os restos do castelo de Tenorio, que, a finais do século XV, pertencía a Pedro Madruga, señor de Soutomaior e conde de Camiña, e que foi conquistado polos irmandiños. Trala súa estadía en Portugal, Pedro Álvarez de Soutomaior reconquistou o castelo, malia ser defendido tenazmente por Gómez Pazos de Probén ó mando de 3.000 ou 4.000 viláns. A derrota irmandiña debeuse á traizón dun escravo mouro que revelou os puntos febles da defensa, polo que Manuel de Brito, ó mando de cen lanceiros e 2.000 peóns, conseguiu entrar no castelo, dando morte ós seus defensores. Segundo Vasco da Ponte, na época o castro recibía o nome de "Famela" ou "Framela".[Cómpre referencia]
O concello tivo a súa propia xurisdición, na que o Duque de Soutomaior nomeaba xuíz ordinario, e que comprendía todas as súas parroquias agás a de Caroi.
No século X fundouse o convento de beneditinos de Tenorio. A boa posición estratéxica deste causou que caese nas mans de Pedro Madruga, quen substituíu o seu abade, Pedro Tenorio, por un monxe de Lérez. Este nomeamento, ó non ser acatado pola comunidade, trouxo como consecuencia o abandono do convento. Posteriormente utilizouse como reduto defensivo polos guerrilleiros durante a Guerra da Independencia, e acabou destruído ó ser incendiado polos franceses.
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]Século XIX
[editar | editar a fonte]Na loita contra os franceses pode dicirse que Cotobade abriu a guerra, ó ataca-los seus habitantes ás guarnicións francesas de Borela, San Xurxo de Sacos e Tenorio, o 19 de febreiro de 1809, obrigando a estas a renderse. Así mesmo o día 20 fan baterse en retirada ás tropas francesas de Pontevedra que acudían a se desquitaren da acción do día anterior. Posteriormente, o 28 do mesmo mes e ano, atacan a guarnición francesa de Pontevedra e o 7 de xuño toman parte na Batalla de Ponte Sampaio contribuíndo á derrota das forzas do Xeneral Ney.[Cómpre referencia]
Nestes feitos destaca a utilización polos veciños de Cotobade do "canón de pau", que consistía nun tronco furado e suxeito con argolas de ferro, e que resistía ata doce canonazos.[Cómpre referencia]
Destes feitos, que fan que se coñeza Cotobade coma terra do "canón de pau", hai varias recensións históricas que están profusamente recollidas nun libro, editado polo concello, do que é autor Salustiano Portela Pazos.[Cómpre referencia]
Segundo a tradición, Cotobade era berce de afamados canteiros. Traballaban por toda España, e coñecíanse coa denominación popular de "barrocos"; semella que esta denominación ten relación co estilo arquitectónico do mesmo nome. Entre estes cabe destacar o mestre Cerviño, natural de Augasantas e autor dos cruceiros do Hío, Covelo, Ponteareas e outros, e do que di Castelao que "foi xenial, revolucionario, capaz de transforma-los pequenos cruceiros en grandes calvarios ó estilo dos que se levantan na Bretaña".[Cómpre referencia]
No monte do Seixo, preto do nacemento do río Almofrei, atópase unha antiga neveira, onde se aprisionaba a neve que, transportada en cabalarías, vendíase no porto de Marín.
Século XX
[editar | editar a fonte]Desde os anos 20 do século XX, o concello viviu unha profunda regresión demográfica produto da emigración (na súa maior parte ao Brasil, México e a Arxentina) que non foi corrixida ata o ano 2005. Nesa data, por primeira vez en case un século, o crecemento vexetativo da poboación foi positivo (isto é, por primeira vez houbo un crecemento do número de habitantes).
Evolución da poboación de Concello de Cotobade Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
7.978 | 7.969 | 7.671 | 6.031 | 4.644 | 4.658 | 4.432 | ||||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
A raíz do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que provocou a guerra civil española, sufriron represión 27 persoas naturais ou veciños de Cotobade[2]:
Século XXI
[editar | editar a fonte]A principios de 2016 iniciouse un proceso de fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade.[3] O 7 de xullo do mesmo ano os dous concellos desestimaron as alegacións sobre a fusión completando os trámites municipais.[4] A pesar dos rexeitamentos,[5][6][7][8] a fusión fíxose oficial o 18 de outubro de 2016.[9]
Goberno e política
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Eleccións municipais en Cotobade.
Na historia democrática, Cotobade tivo tan só tres alcaldes. Jose Ramón Abal Varela (do Partido Popular), que xa era rexedor baixo o réxime franquista, gobernou ata o 2003.
Nas eleccións de 2003 Manoel Loureiro (do PSdeG-PSOE) foi o candidato máis votado, chegando a un acordo co BNG para a formación dun goberno de coalición. Esta situación repetiuse tralas eleccións de 2007.
Nas eleccións de 2011 a anterior candidata do BNG, Lina Garrido, pasou a ser a nº 2 da lista do PSdeG. Pola súa parte, o PPdG presentou como candidato a Jorge Cubela López, de 22 anos. O PPdG acadou a maioría absoluta con 6 concellarías, por 5 do PSdeG.
Patrimonio histórico e artístico
[editar | editar a fonte]Patrimonio arqueolóxico[10]
[editar | editar a fonte]- Calzada do monte Pé da Múa.
Petróglifos
[editar | editar a fonte]- Pedra das Ferraduras, na parroquia de San Xurxo de Sacos.
- Portela da Laxe, na parroquia de Viascón.
Patrimonio arquitectónico[11]
[editar | editar a fonte]- Igrexa de San Martiño de Rebordelo.
- Igrexa de San Xurxo de Sacos.
- Igrexa de Santa María de Sacos.
- Mosteiro de San Pedro de Tenorio.
Festas populares
[editar | editar a fonte]Son varias as festas que se celebraban en todo o territorio de Cotobade ó longo do ano, pero hai tres que destacaban sobre o resto:
- A rapa das bestas, celebrada no mes de agosto en Cuspedriños;
- A festa do requeixo, celebrada en xuño en Corredoira;
- A festa da filloa, celebrada en setembro en Valongo.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Cotobade.
-
Placa altimétrica.
-
Igrexa Parroquial de San Martiño de Borela.
-
Igrexa parroquial de Santa María de Aguasantas.
-
Muíño con acueduto no rego de Chan das Latas.
Parroquias do antigo concello
[editar | editar a fonte]Lugares de Cotobade
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cotobade vexa: Lugares de Cotobade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gonzalo Navaza: "Cotobade. Nin couto nin abade" Arquivado 10 de maio de 2019 en Wayback Machine. Portal das Palabras, RAG.
- ↑ "www.vitimas.nomesevoces.net". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2016. Consultado o 26 de agosto de 2009.
- ↑ Cerdedo-Cotobade recibirá 1,6 millones de la Xunta si culminan la fusión antes del 30 de octubre
- ↑ Cerdedo y Cotobade completan el último trámite municipal para su fusión al aprobar en pleno el dictamen de alegaciones
- ↑ Rechazo frontal de la Diputación a la fusión de Cotobade y Cerdedo
- ↑ ¿Deben fusionarse Cotobade y Cerdedo?
- ↑ Em maos incompetentes: sobre a fusom Cerdedo-Cotobade
- ↑ Palestra sobre o projeto de fusom Cerdedo-Cotobade
- ↑ La Xunta oficializa la fusión de Cerdedo-Cotobade y la Galicia de los 313 concellos
- ↑ Sitios arqueolóxicos en Cotobade[Ligazón morta] (en castelán).
- ↑ Patrimonio arquitectónico de Cotobade[Ligazón morta]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concello de Cotobade |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barros Justo, R. (2015) Materiais de literatura oral da Terra de Cotobade. ISBN 978-84-606-8394-0
- Fortes Bouzán, X. (2015): Terra de Cotobade. Ed. Guiverny. ISBN 978-84-939449-9-5
- Fraguas Fraguas, A. (1985) Aportacións ó cancioneiro de Cotobade. Fundación Otero Pedrayo. ISBN 978-84-398-4218-X
- Portela Pazos, S. (1976): O cañón de pau. Concello de Cotobade. ISBN 978-84-500-7370-7