Castelanización

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A castelanización (castelán: castellanización)[1] é o termo dado ao proceso polo cal un lugar ou unha persoa é influenciada pola cultura castelá ou un proceso de cariz cultural ou lingüístico polo cal algo ou alguén torna castelán. A castelanización maniféstase principalmente polo uso da lingua castelá. En España, o termo designa o feito de que un territorio, a súa cultura e os seus habitantes deveñan influenciados pola cultura castelá[2] ou por un proceso lingüístico diglósico no que a lingua formal ou socialmente percibida como preponderamte é a castelá, Por extensión, trala castelanización sociopolítica de España, a castelanización caracterízase polo consumo e adopción da comida, música e tradicións españolas fóra de España. Nas antigas colonias españolas, o termo tamén é usado no ámbito lingüístico para o proceso de substitución das linguas indíxenas de América polo castelán.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Ao principio, a castelanización foi un fenómeno puramente ibérico: tivo inicio no ámbito da reconquista, con feitos como a unión dos reinos de León e de Castela en 1230 na figura do rei Fernando III, a unión das Coroas de Castela e de Aragón polo matrimonio dos Reis Católicos e a toma de Granada, seguidas da expulsión dos xudeus, a incorporación de Navarra en 1512 e a expulsión dos mouriscos da península ibérica. Estendeuse tamén ás colonias, onde leva o nome de hispanización. Máis tarde, algúns dos países da denominada hispanidade americana deron lugar á castelanización (ás veces —como denuncia do colonialismo español, cómplice da lenda negra española— en clara oposición a iso), incluíndo a mexicanización e a colombianización.

En España, o termo castelanización pode referirse á absorción cultural e lingüística dos guanches, pobo bérber indíxena das illas Canarias,[4] que foron conquistadas polos españois no século XV.[5]

O termo tamén se utiliza para describir o proceso histórico mediante o cal os falantes de linguas minoritarias españolas como o éuscaro, o catalán, o asturiano, o aragonés ou o galego están lingüisticamente asimilados e abandonan progresivamente a súa lingua para comezar a falar castelán.[6][7][8] Este proceso foi e continúa sendo moito máis acentuado nos casos do asturleonés e ao aragonés.[9][10]

Castelanización en Galicia[editar | editar a fonte]

A distinción entre lingua e dialecto revela a súa problemática en casos como o do galego, que nalgún momento ao longo da historia foi considerado un dialecto por persoeiros intelectuais do talle de Juan Valera ou Pardo Bazán[11], non só no sentido de variante dun sistema lingüístico xunto co portugués, senón, nun senso político, de fala rexional, supeditada ao castelán para os usos formais[12]. A pretendida dialectalización do galego como fala propia dos españois de Galicia pretende profundar na separación entre o galego e o portugués e concederlle só unha proximidade anecdótica e testemuñal dun remoto pasado común.

Denantes de calquera proceso de castelanización, o galego, de ser considerado un dialecto no canto dun idioma de seu, seríao do portugués, concedendo a este a categoría de idioma como variante culta evolucionada do tronco común medieval galego-portugués, malia que o portugués naceu da fala romance xurdida no territorio da antiga Gallaecia[13]. Desa proximidade xeográfica, histórica e cultural provén a actual semellanza estrutural, en termos de intercomprensión entre o portugués e o galego modernos. Con todo, o propio portugués houbo ser absorbido pola lingua castelá, ou polo menos chegar á mesma consideración de dialecto que se lle ten dado ao galego, non fose o acaso histórico da fundación do reino de Portugal por Afonso Henriques, que deu inicio á conquista dos territorios do sur, ata o Algarve. Esta configuración do que se convertería no actual estado portugués deu forza política ao "dialecto portugués" fronte ao "galego-portugués" aquén do río Miño para impoñerse só a primeira como lingua culta. Con todo, o grao de intelixibilidade entre o portugués e o castelán (89%) é superior ao do castelán co catalán (85%),[14] mesmo formando parte ambas as dúas linguas do mesmo estado español.[15]

Debido á castelanización, o galego até hoxe segue a perder pulo en detrimento do castelán. Malia os esforzos para reavivar o gusto pola lingua entre os galegos, son cada vez máis os galegos monolingües en castelán. O galego, aínda que non estea en risco de extinción, está nunha clara situación de diglosia perante o castelán. Existe unha abondosa presenza de institucións e plataformas que loitan pola supervivencia desta lingua, como é o caso da plataforma Queremos Galego!, A Mesa pola Normalización Lingüística e da propia Real Academia Galega (RAG), que unen esforzos para difundir esta lingua que perde cada vez máis terreo fronte o castelán, en gran parte pola progresiva quebra na transmisión xeracional do galego, o que certifica a importancia do compromiso da poboación neofalante no futuro da lingua.[16]

Debido ao asentamento de colonos galegos no sur de da Coroa de Castela, algúns dos apelidos galegos máis frecuentes foron castelanizados e popularizáronse fóra do reino de Galicia.

Algúns apelidos patronímicos galegos
Nomes medievais e actuais Galego medieval (XII-XV) Galego moderno Castelanizado
Johan, Xoham, Xohán, Xoán Eanes Anes, Oanes, Yanes Yáñez, Ibáñez
Estevo Esteuaes, Esteuaez, Esteueez Estévez Estévanez
Froila Froes, Froez, Froilaniz Fróiz, Frois Flores, Flórez
Gião, Xiao, Xián, Xulián Giançe, Gianz, Gians Giance Juliánez
Mendo, Hermengildo, Hermenexildo Meendez, Meendes Méndez Menéndez, Meléndez
Martin Martiiz Martíns, Martís Martínez
Miguel Migueez Miguéns, Míguez Miguélez
Pelagius, Paio Paaez, Paaz Páes, Paiz, Paz Peláez
Vasco, Basco Veasques, Vaasquez Vázquez Velázquez, Blázquez
Benedicto, Bieito, Vieito Beeytez, Beeytes Viéitez, Vieites Benítez

Castelanización do aragonés e do asturiano[editar | editar a fonte]

O proceso de castelanización das linguas aragonesa e asturiana, é un exemplo paradigmático de dialectalización dun idioma, que consiste na adopción de formas, xiros e termos propios das linguas aragonesa ou asturiana, neste caso, pola castelá, polo que se produce unha perda de léxico autóctono, substituído polo castelán, paralela a un aumento de rexionalismos (aragonesismos ou asturianismos) que pasan a formar parte da propia lingua castelá falada en territorios de predominio histórico do aragonés ou do asturiano.

A castelanización destes idiomas é moi anterior á influencia do castelán no galego e no catalán, pero os distintos graos de protección das linguas minoritarias de España fan que a dialectalización do asturiano e o aragonés sexa aínda máis acusada ca no caso das linguas cooficiais do Estado: catalán, éuscaro e galego. Con todo, a castelanización das linguas cooficiais é un risco permanente, en ocasións consumado.

Mecanismos de substitución lingüística[editar | editar a fonte]

A substitución lingüística depende do cambio na frecuencia do emprego dos usos lingüísticos pertencentes a un sistema lingüístico polos doutro. As variables que inflúen nesta substitución son moitas e máis ou menos coercitivas, como a xeografía, a poboación (migracións e natalidade), a percepción de prestixio, a escola, os medios de comunicación, ou a imposición directa etc.), de difícil estudo e cuantificación.

A substitución é máis fácil entre idiomas da mesma familia lingüística e de fácil intercomprensión, caso do aragonés e do castelán, pero tamén pode atoparse entre diferentes familias. Calquera substitución pasa por unha comprensión previa. Só se pode adquirir o uso dunha lingua se se entende esa lingua, aínda que apenas se deba a ruídos (conxunto de interferencias físicas e psicolóxicas que deforman a mensaxe).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Real Academia Española (ed.). "Definición de castellanización". Consultado o 30 de agosto de 2017. 
  2. Real Academia Española (ed.). "Definición de castelanizar". Consultado o 30 de agosto de 2017. 
  3. Izquierdo, Milagros Aleza (1999). Universitat de València, ed. Estudios de Historia de la lengua española en América y España (en castelán). ISBN 9788437039350. 
  4. El Instituto, ed. (2011). Cuadernos de historia (en castelán). 
  5. NTI. "SÍNTESIS DE HISTORIA CANARIA". www.gobiernodecanarias.org. Consultado o 2017-05-31. 
  6. Martín de (1981). Cupsa, ed. Historia de Euskadi (en castelán). 
  7. Esteban, Alfonso Manjón (2014-04-07). Ediciones Universidad de Salamanca, ed. Las reconstrucciones de la pasado: Cataluña en el discurso de las historiografía de posguerra (1939-1959) (en castelán). ISBN 9788490122679. 
  8. Barreiro, Gustavo Fabra (1976). Ediciones AKAL, ed. Los Gallegos (en castelán). ISBN 9788470900068. 
  9. Compañía Internacional Editora (ed.). Enciclopedia temática ciesa: El lenguaje, literaturas hispánicas: castellana, catalana, gallega, vasca e hispano americana (en castelán). 
  10. Arroyo, José Luis Blas (2002). Publicacions de la Universitat Jaume I, ed. Estudios sobre lengua y sociedad (en castelán). ISBN 9788480213660. 
  11. Romero Tobar, Leonardo (2008). Literatura y nación: la emergencia de las literaturas nacionales. Prensas Universitarias de Zaragoza. pp. 360, 361. ISBN 9788492521142. 
  12. Pardo Bazán, Emilia (1888). De mi tierra. 
  13. Terra, A. Nosa (2019-08-31). "«Decepciona ver galegos difundindo mitos portugueses negadores do galego»". A Nosa Terra. Consultado o 2019-11-19. 
  14. Ethnologue, Languages of the World (15ª ed.). SIL International. 2005. 
  15. Honório do Couto, Hildo (2007). Thesaurus Editora, ed. Ecolingüística: estudo das relações entre língua e meio ambiente. Brasília. p. 323. ISBN 8570626037. 
  16. "A quebra na transmisión xeracional do galego certifica a importancia da poboación neofalante no futuro da lingua". Praza Pública. 2019-10-12. Consultado o 2019-11-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Beatriz Garza Cuaron and Doris Bartholomew. Languages of intercommunication in Mexico. In: Stephen Adolphe Wurm, Peter Mühlhäusler, Darrell T. Tyron (1996), Atlas of languages of intercultural communication in the Pacific (1622 pàgines), pp. 1254–1290. Chapter 2. Historical outline, p. 1258, 2.1.5: Replacement of the dominant indigenous languages by Spanish, pp. 1260–1262. Capítol 4: Spanish as a language of intercommunication, from the Conquest to present. pp. 1270–1271. (en inglés)
  • Rainer Enrique Hamel: Bilingual Education for Indigenous Communities in Mexico. Encyclopedia of Language and Education (2008), Part 5, Part 18, pp. 1747–1758. (en inglés)
  • Juan Carlos Godenzzi: Language Policy and Education in the Andes. Encyclopedia of Language and Education (2008), Part 1, Part 4, pp. 315–329. (en inglés)