Abelardo Moralejo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Abelardo Moralejo Laso")

Abelardo Moralejo Laso, nado en Argujillo (Zamora) o 28 de xaneiro de 1898 e finado en Santiago de Compostela o 10 de abril de 1983, foi un latinista e lingüista galego, que destacou, entre outros aspectos, no estudo da toponimia de Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou o bacharelato en Zamora, e ingresou logo na Universidade de Salamanca, onde iniciou estudos na facultade de Filosofía e Letras, onde tivo como profesor a Miguel de Unamuno e onde obtivo a licenciatura en 1921. Pasou entón á Universidade Central de Madrid para realizar o doutoramento, á vez que ampliaba estudos e colaboraba con o Centro de Estudios Históricos que dirixía Ramón Menéndez Pidal. Durante certo tempo foi incorporado ao exército e serviu durante o período da Guerra de Marrocos. En 1926 presentou a tese doutoral, dirixida polo profesor e académico Julio Cejador, que versaba sobre as oclusivas sonoras aspiradas do latín. Nese mesmo ano opositou a cátedras universitarias de latín, e obtivo a correspondente á Universidade de Santiago de Compostela, da que tomou posesión a comezos de 1927.

Abelardo Moralejo estivo durante o resto da súa vida laboral a cargo desa cátedra. A súa condición de profesor numerario residente, en anos en que era corrente usar o posto en Santiago como trampolín para optar a outros destinos, fixo que estivese case sempre en cargos, como decano ou secretario da facultade de Filosofía e Letras, ou ben noutros cargos directivos da universidade. Outras carencias, como a de profesorado especializado, levárono a impartir clases de materias que estaban nos programas de estudios, pero que non eran da súa especialidade, aínda que as coñecese ben, como podía ser lingua árabe.

Moralejo Laso xubilouse no ano 1968, aínda que, precisamente, publicou a partir dese momento con maior frecuencia. O campo de investigación de Abelardo Moralejo era a lingüística, mais dentro dela os seus estudos ramifícanse, grosso modo, entre a lingüística clásica e a romance, e dentro desta cómpre destacar o desenvolvemento do estudo da investigación da toponimia galega e leonesa. Pero os seus traballos poden espallarse a outros campos: indoeuropeo, literatura, o mundo xacobeo, traducións etc. Foi pai dunha esplendorosa pléiade de profesores e investigadores universitarios en diversos campos: os Moralejo Álvarez.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Las oclusivas sonoras aspiradas en latín (Madrid: Hernando, 1926) - tese de doutoramento.
  • Los nombre propios personales con referencia a los españoles principalmente (Santiago: Universidade de Santiago, 1933).
  • Toponimia gallega y leonesa. Santiago de Compostela. Pico Sacro. 1977, 382 páxs - ISBN 84-85170-20-2 , recolle artigos publicados con anterioridade. O autor figura como Abelardo Moralejo Lasso, con dobre s.

Traducións[editar | editar a fonte]

  • En colaboración con Casimiro Torres e Julio Feo, Liber Sancti Jacobi Codex Calixtinus. Santiago. Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. 1951, 646 páxs, hai reedición a cargo de Xesús Carro Otero, 1992 ISBN 84-453-0564-6
  • Walter Porzig, El maravillos mundo del lenguaje: problemas, métodos y resultados de la lingüística moderna. Madrid. Gredos. 1964, 507 páxs, reeditado varias veces (título orixinal: Das Wunder der Sprache).
  • Leo Pollmann, La épica en las literaturas románicas: pérdidas y cambios. Planeta. Barcelona. 1973 (título orixinal Das Epos in den romanischen Literaturen: Verlust und Wandlungen).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • In Memoriam D. Abelardo Moralejo Laso, na revista Verba nº 11, 1984.
  • Necrolóxica por dous dos seus fillos na revista Estudos Clásicos, t. XXV, Madrid, 1981-83.

Outros artigos[editar | editar a fonte]