Mosteiro de Santa María de Oseira
Mosteiro de Santa María de Oseira | |
---|---|
Vista do conxunto | |
País | España |
Localización | Oseira (San Cristovo de Cea) |
Coordenadas | 42°32′18″N 7°57′04″O / 42.538418, -7.951055 |
Diocese | diocese de Ourense |
Orde relixiosa | Orde do Císter |
Estilo | arquitectura románica e arquitectura barroca |
Páxina web | http://www.mosteirodeoseira.org |
[ editar datos en Wikidata ] |
O mosteiro de Santa María de Oseira é un mosteiro medieval da parroquia de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea. De fundación bieita, no século XII incorporouse ao Císter, e ao longo da súa historia tivo unha grande importancia económica e social para a comarca e terras máis afastadas.[1][2][3] Desamortizado no século XIX, foi reocupado no XX por monxes da Orde da Trapa.
Toponimia
[editar | editar a fonte]Ursaria era o nome co que se coñecía Oseira, cuxo significado é país ou terra de osos (ursus en latín).[4] Especulaba Yáñez Neira que a súa orixe podería estar na presenza deste animal na zona en épocas remotas.[5] De alí a presenza deste mamífero no escudo de armas do mosteiro.[1] Outra interpretación é que o topónimo Ursaria fixese alusión ao lugar abrupto onde está situado o mosteiro, nun val alto da serra de Martiñá. Idea exposta orixinalmente por frei Tomás de Peralta no século XVII: "O sitio é unha montaña, cuxas inaccesibles costas, e empinados riscos cansa horror ao que as mira".[6]
Polas súas dimensións o mosteiro foi tamén coñecido como "O Escorial dos Bernaldos" ou "O Escorial de Galicia".[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Coñécese da súa existencia desde 1137, pero aos poucos anos converteuse nun mosteiro dependente da Orde do Císter e no ano 1141 estableceuse unha colonia de monxes franceses enviados por San Bernaldo.[7]
No século XII viviu o anacoreta alemán San Famiano ou Quardo, o primeiro membro canonizado do Císter.[1][8]
Segundo Otero Pedrayo "Os dominios de Oseira comprendían as montañas e as súas abas da Serra de Martiñá, Pena de Francia, Vales de Oseira en Carballedo de Chantada, as vilas de Cea (onde era conde o abade do mosteiro), e Carbaliño, o couto de Santa Cruz de Arrabaldo, beiras do Miño e a vila de Marín, na ría de Pontevedra."[1]
En agosto de 1552 un incendio destruíu case toda a obra románica e oxival, salvouse a cabecera e a nave da igrexa. Volveuse a levantar entre os séculos XVI e XVII.[1]
No ano 1835, como consecuencia da desamortización de Mendizábal, os freires deixaron o convento, que quedou totalmente abandonado propiciando o espolio do lugar. Os monxes volveron de novo en 1929, comezando a súa reconstrución. O entón bispo de Ourense, Florencio Cerviño, fomentou a súa reapertura coa instalación dunha comunidade de monxes trapistas procedentes da abadía da Nosa Señora das Neves en Saint-Laurent-les-Bains-Laval-d'Aurelle (Francia).[9]
En 1909 na resistencia á retirada do seu baldaquino mataron 6 persoas.[10][11]
Na Guerra Civil confinaron nel presos políticos.[12]
En 2020, o mosteiro acollía a 11 relixiosos dos que 6 eran tamén sacerdotes.[13] Manteñen aberta unha hospedaxe e elaboran pastas, chocolates e licores.
Descrición
[editar | editar a fonte]A igrexa abacial, foi construída entre os anos 1200 e 1239, aproximadamente, e é considerada unha das obras cume da arquitectura cisterciense da Península Ibérica, cun característico estilo románico oxival, e está claramente influenciada polas igrexas de peregrinación.[14] A sala capitular do mosteiro data de fins do século XV e está sustentada por catro columnas centrais de fustes tortos rematando nunha orixinal bóveda.[15]
No antigo refectorio do mosteiro pode visitarse o Lapidarium ou Museo da Pedra, unha colección de obxectos e restos de pedra obtidos durante as restauracións feitas no mosteiro e as escavacións arqueolóxicas: lápidas, capiteis, columnas, elementos decorativos etc.[16]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes do mosteiro de Santa María de Oseira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Otero Pedrayo et al. 1980, p. 372.
- ↑ Yáñez Neira et al. 1999, p. 218.
- ↑ Villares et al. 2004, p. 225.
- ↑ "Monasterio de Oseira". Concello de San Cristovo de Cea (en Castelán). Consultado o 08/07/2020.
- ↑ Yáñez Neira et al. 2019, p. 3.
- ↑ Peralta et al. 1677, p. 3.
- ↑ Yáñez Neira et al. 2019, p. 3-4.
- ↑ Muñiz et al. 1784, p. 318.
- ↑ "Reseña Histórica – Monasterio de Oseira" (en castelán). Consultado o 2021-11-08.
- ↑ Torna, Cilia. "Gumersindo Salinas: De asasino en Oseira a verdugo en Vigo". Nós Diario. Consultado o 2021-04-28.
- ↑ Escuredo, A. "Ana Pedrouzo, mestra: "Se non hai vínculos co patrimonio, calquera veciño pode facer un merendeiro cunha mámoa"". Nós Diario. Consultado o 2021-04-28.
- ↑ Torna, Cilia. "O campo de concentración do mosteiro de Oseira". Nós Diario. Consultado o 2021-04-28.
- ↑ "STATISTICA Monks 31/12/2021" (PDF). ocso.org.
- ↑ Yáñez Neira et al. 2019, p. 15.
- ↑ Yáñez Neira et al. 2019, p. 32.
- ↑ Yáñez Neira et al. 2019, p. 37 - 44.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mosteiro de Santa María de Oseira |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Muñiz, Roberto (1784). Medula historica cistercience.3. (en Castelán). Valladolid: De Santander.
- Otero Pedrayo, Ramón (1980). Guía de Galicia (en Castelán) (5ª ed.). Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-365-6. OCLC 24671831.
- Peralta, Tomás (1677). Fundacion, antiguedad y progressos del Imperial Monasterio de Nuestra Señora de Ossera, de la Orden de Cister. (en Castelán). Madrid. ISBN 9788445318874. OCLC 433020421.
- Romaní Martínez, Miguel; El Monasterio Cisterciense de Santa María de Oseira (Ourense): Estudio Histórico (1137-1310), USC, 335 p., 1989.
- Valle Pérez, José Carlos; artigo "OSEIRA, Mosteiro de" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- Yáñez Neira, Damián (1999). El Camino de Santiago y los monasterios. 1ª (en Castelán). Santiago de Compostela: Follas Novas - Monte Casino. ISBN 84-86407-50-8. OCLC 41469010.
- Yáñez Neira, Damián (2019). Monasterio de Oseira: un oasis del Císter (en Castelán) (3ª ed.). Edilesa. ISBN 978-84-8012-450-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mosteirodeoseira.org (en castelán).
- Mosteiro de Santa María de Oseira na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- Ficha e fotografías de 360º Arquivado 27 de xuño de 2011 en Wayback Machine. de Santa María de Oseira en TurGalicia.