Moeche

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°35′N 7°57′W / 43.583°N 7.950°W / 43.583; -7.950

Moeche
Escudo de Moeche
Casa do Concello de Moeche.JPG

Casa do Concello.
Situacion Moeche.PNG
Situación
Xentilicio[1] modestino
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca de Ferrol
Poboación 1358 hab. (2012)
Área 48,5 km²
Densidade 28 hab./km²
Entidades de poboación 5 parroquias
Política (2011)
Alcalde Xulio Cribeiro
Concelleiros BNG: 3
PPdeG: 3
PSdeG-PSOE: 0
Outros: 3
Eleccións municipais en Moeche
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 97,87%
Na rede
www.concellodemoeche.com
correo@moeche.dicoruna.es

Moeche é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE a súa poboación no 2012 era de 1.358 habitantes (1.401 no 2010, 1.437 no 2006, 1.469 no 2005, 1.461 no 2004, 1.478 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é modestino.

Evolución da poboación de Moeche (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 3.168  3.509  3.432  2.088  1.461  1.401    1.358  {{{9}}}
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros vestixios localizados no municipio de Moeche datan de Idade do Bronce, como así o demostran os restos atopados nos xacementos de Santa Cruz e no castro de Labacengos. Posteriormente os romanos tamén deixaron as súas pegadas.

Non é até o século VI cando aparecen os primeiros documentos escritos que nos falaban de unha das súas parroquias, Labacengos. Pénsase que o nome de Moeche provén dun cabaleiro coñecido como Modesto, antigo personaxe que viviu nestas terras por aqueles tempos nos que o municipio era coñecido como a Vila Modesti.

Na Idade Media teñen lugar dous dos acontecementos máis importantes para a historia de Moeche. O primeiro deles foi cando Henrique de Trastámara cedeu como señorío no século XIV os lugares de Santa Cruz e de San Xurxo ao señor das Pontes, García Rodríguez de Valcárcel, pero o máis famoso aconteceu no ano 1431, coa Primeira Revolución Irmandiña, na que os Irmandiños subleváronse contra o caciquismo de Nuno Freire de Andrade, o Mao, e ao non atopalo no castelo decidiron derrubalo.

Posteriormente no século XVI, trala derrota dos Irmandiños, o castelo de Moeche foi mandado reconstruír por Pedro Álvarez Osorio, Conde de Lemos, e utilizado como cárcere. Toda a historia deste municipio céntrase neste monumento, a partir do cal comezou a desenvolverse a actual poboación.

Goberno municipal[editar | editar a fonte]

Nas eleccións municipais de maio de 2007, o PP revalidou a súa condición de forza máis votada en Moeche e Xulio Cribeiro a de alcalde deste Concello. Porén, en abril de 2008, sospeitas de malversación de fondos produciron desavinzas no seo da formación gobernante, desembocando na renuncia forzada de Cribeiro ao seu cargo, asumindo así o edil Julio López Romeo a alcaldía.

En maio de 2011, o BNG resultou a forza máis votada das eleccións locais, seguido polo partido de nova creación Progresistas por Moeche (Propomo), que estaba encabezado polo anterior alcalde Xulio Cribeiro, e pechando a lista en último lugar o Partido Popular. Na sesión de investidura, malia ser a forza con menos votos, o PP revalidou a alcaldía, ao non abstérense e recibiren os apoios dos edís de Propomo.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Castelo de Moeche.
  • O castelo de Moeche é o monumento máis importante e símbolo do municipio. Foi construído no século XV e a súa planta é irregular de forma poligonal. Na actualidade atópase totalmente reconstruído pero pechado ao público. As súas partes mellor conservadas son a torre da Homenaxe, de planta cadrada e 18 metros de altitude e os seus muros de cachotería de lousa que alcanzan os 12 metros. Tódolos anos nas súas inmediacións realízase dende o ano 1980 o Festival Irmandiño de Moeche, que conmemora o asalto ao castelo.
  • A igrexa parroquial de San Xurxo de Moeche é un templo de estilo barroco con planta rectangular dunha soa nave, sacristía e capela maior con bóveda de nervadura estrelada. Destaca pola súa gran torre barroca de planta cadrada adosada a un dos lados da súa fachada principal e formada por tres corpos, sendo o central, rodeado dunha balconada, o lugar onde se sitúan as campás.
  • O cruceiro de San Xurxo, situado no atrio da Igrexa de San Xurxo de Moeche, foi levantado a principio do século XX. Está formado por un pedestal, o fuste e unha cruz que o coroa. Destaca pola súa elevada altitude.
  • A Casa do cura, situada nas inmediacións da igrexa de San Xurxo de Moeche, data de finais do XIX. É unha casa sen estilo definido, con planta rectangular, dous pisos e faiado, moi típicos por todo o concello. Tamén conta cunha fonte no xardín da parte de atrás e o forno fora da casa.
  • A igrexa parroquial de San Xoán de Moeche está situada nos arredores da estrada que leva ao concello. É un templo de estilo barroco rural, cousa frecuente nos templos da comarca, con planta rectangular de unha soa nave, sacristía e presbiterio cadrangular. Un dos elementos máis importantes que se gardan no seu interior é o chamado Peto das Ánimas situado na sacristía.
  • O peto de ánimas de San Xóan atópase na sacristía da igrexa de San Xoán. Está labrado en madeira e pénsase que foi elaborado no século XVIII.
  • A área recreativa Soutograndelocalízase no lugar coñecido como Souto da Vila, parroquia de San Xurxo de Moeche. Conta con grellas, mesas, bancos e cunha zona adicada aos máis pequenos con xogos infantís e populares, con campo amplo onde tradicionalmente se xogaba á billarda. Na área recreativa tamén se atopa a piscina municipal de Moeche, que non ser cuberta, só abre os meses de verán. Sen dúbida, a área recreativa é un bo lugar para pasar unha feliz xornada con toda a familia.
  • A ermida de san Xiao de Osos localízase no límite co municipio de Cerdido, no antigo camiño real que vai cara a Santo André de Teixido. Foi levantada no século XII e non seu interior, merece especial mención, un fermoso retablo barroco do século XVIII situado no seu altar maior.

Festas en Moeche[editar | editar a fonte]

  • Festival Irmandiño de Moeche: este festival é a festa máis famosa e máis popular do concello. Dende o ano 1980 vénse conmemorando o terceiro sábado do mes de agosto, nas dependencias e arredores do castelo de Moeche, as Revoltas Irmandiñas que tiveron lugar en toda a comarca nos albores do século XV, dirixidas polo líder irmandiño Roi Xordo. Ao longo de todo o día e toda a noite do venres e sábado, organízanse concertos de música popular con grupos de sona no panorama musical galego, comidas campestres, sardiñadas e queimada para espantar as meigas. Finalmente, na medianoite do sábado, ten lugar o "Asalto ao Castelo" conmemorando cunha procesión Irmandiña ao castelo con fachos e espectáculo de artificios para lembrar o ataque irmandiño contra os Andrade.[Cómpre referencia]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Moeche.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Moeche

Abade (Santiago) | Labacengos (Santa María) | San Xoán de Moeche (San Xoán) | San Xurxo de Moeche (San Xurxo) | Santa Cruz de Moeche (Santa Cruz)

Lugares de Moeche[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Moeche vexa: Lugares de Moeche.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeche Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Concellos da Comarca de Ferrol Comarca de Ferrol
Ares
Ares
Cedeira
Cedeira
Fene
Fene
Ferrol
Ferrol
Moeche
Moeche
Mugardos
Mugardos
Narón
Narón
Neda
Neda
San Sadurniño
San Sadurniño
As Somozas
As Somozas
Valdoviño
Valdoviño