Saltar ao contido

Parroquia eclesiástica galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
División de Galiza en parroquias (administrativas), concellos e provincias

A parroquias eclesiásticas galegas son, tal como se defínese no Código de Dereito Canónico, a unidade básica de delimitación territorial da Igrexa católica neste territorio, e que están agrupadas xerarquicamente en arciprestados.

As parroquias galegas fóronse conformando antes do século VI a partir de comunidades cristiás organizadas arredor de igrexas nai, que actuaban como punto de reunión e administración, e de basílicas ou outros puntos privados de devocións a santos. A estrutura eclesiástica consolidouse entre o século X e XIII formando áreas definidas do territorio, que tamén actuaron como unidades administrativas e lugares de unión da sociedade local. As reformas do século XVIII non afectaron á distribución das parroquias galegas, numerosas estas, e foron de feito a base para creación dos municipios.

As parroquias galegas superan as 3600. Conforman a arquidiocese de Santiago e as dioceses de Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo, e as do leste ourensán son unha parte da diocese de Astorga.

O termo parroquia deriva do grego paroikía, que significa "habitación" ou "reunión de habitantes". Trocouse co tempo en paroecia e parochia.[1]

A orixe das protoparroquias

[editar | editar a fonte]

As parochia son figuras da lei do concilio que se citan por primeira vez no século VI, ben para mencionar ás ecclesiae como ao rural que estas artellaban arredor delas, e que estaban dentro de ou vencelladas a unha diocese.[2] O texto do tratado "Parochiale", ou "División de Teodomiro" (Divisio Theodemiri), recolle as decisións asinadas polos bispos do Reino Suevo celebrada nunha reunión en 569 en Lugo, asinada no II Concilio de Braga de 572, para acordar a reorganización da súa estrutura, creando novas dioceses e delimitando as parochia de canda unha delas. Os bispos presentes representaban as dioceses de Bracara, Portucale, Dumio, Lucus, Auria, Asturia, Iria, Tude e Brittonia.[3] Outros textos posteriores que documentan as parochia son o testamento de Odoario do ano 760 ou o diploma de Aloito do ano 745.

As ecclesiae foron comunidades cristiás organizadas arredor do bispo e dun lugar de culto e de diocese. Estas foron aqueles lugares onde si se podían dar o bautismos e ser o lugar de cemiterio da comunidade. Xurdiron arredor dos núcleos máis destacados do territorio, como eran as vici e as castella, inda que tamén arredor de distritos ou areas de territorio como as pagi, no rural disperso, e ocasionalmente en terreos propietarios, eclesiásticos ou non, e lugares laicos, os fundus.[2]

As ecclesiae xorden como un espazo público no que cando menos unha vez ao ano acudían os bispos. Non existe consenso sobre de se as ecclesiae nacen cun territorio ben definido ou simplemente para abranguer unha área aberta.[2] As ecclesiae das dioceses de Auria e Lugo formáronse arredor de conglomeracións da poboación romana, en xeral vertebradas arredor das vías de comunicación. Nas diocese de Tude e Iria semella que xurdiron case todas arredor dos vici de tamaño mediano, e algunhas nas villae, ou vilas e granxas do rural, e nos pagi, ou distritos rurais de poboación esparexida.[2]

Pola contra, as basílicas e mosteiros, xa numerosas no século VI, xurdiron como entidades privadas. Á contra das ecclesiae, as basílicas si eran lugares nados arredor do culto a unha figura santoral ou arredor dun lugar de referencia para a devoción. A súa fundación era de carácter privado e de dedicación santoral.[2]

Outra figura deste período son os pagi, cando menos das sedes de Tude, Bracara e Portogale. Estímase que estas eran comunidades relixiosas organizadas dentro da diocese mais que obraban máis no ámbito rural e dun xeito máis disperso que as ecclesiae. En xeral, en polo menos para Bracara e Portogale, caracterizáronse por estar máis lonxe das capitais que as ecclesiae.[2] Desde o século VII os pagis fragmentáronse e quedaron á par en influencia no territorio ás vici, villa e castelli.[2]

Do mesmo xeito, nas zonas totalmente do rural e terreo agrícola apareceron os fundus. Estas foron probablemente igrexas de persoas podentes con relación directa cos bispos ou mesmo propiedades particulares de bispos, pois eran tamén grandes terratenentes.[2]

As ecclesiae comezaron a ter unha advocación só desde finais do século VI e comezos do século VII. En xeral as primeiras advocacións foron á santa María e ao san Pedro, pola súa relevancia no cristianismo.[2]

Con isto, as antigas parroquias xurdiron fundamentalmente das ecclesiae arredor do seu territorio case fixo, no cal un reitor denominado abba cobraba décimos para o sustento da obra. Con todo, dentro desas parroquias primixenias puideron existir máis igrexas, mesmo con baptisterios, mais suxeitas a unha "igrexa nai". Entre o século VI-VII as parroquias foron creándose e dividíndose. A súa fundación, ora ben das privadas ora ben das parroquiais, estaba claramente regulada. Os Concilios V e XVI de Toledo estableceron que se precisaba de ter de cando menos dez escravos ou servos e unha extensión suficiente de labrada e monte, ou que as igrexas tivesen dotación dabondo, como libros ou persoa para servir. A vixilancia destes requirimentos, que non se sempre se cumprían, vixiábanos os bispos nas súas viaxes de cobro das "terzas".[2]

As ecclesiae pódense comprender desde o seu inicio como circunscricións civís tardorromanas, inda que existisen os pagis e fundus, que continuaron a organización romana e tardorromana previa. Consolidáronse en poucos séculos como entidades comarcais tanto administrativas no civil como no eclesiástico[4][5]. Consta que no século VII estas actuaban como cecas.[2]

Séculos X-XIII

[editar | editar a fonte]

Unha evolución común durante o século X foi a transición entre os asentamentos das villae (ou tamén os fundus), pasando a territorios delimitados e comunicados arredor dese núcleo de poboación orixinario onde estaba presente un lugar de culto (como foron por caso as basílicas), para finalmente derivar en parroquias. Ese proceso reflicte o cambio na estrutura dos asentamentos da poboación, que pasaron das vilas clásicas, ou concentradas, ás estruturas dispersas de asentamento. En esencia ese proceso foi por mor da expansión agraria, que comezou antes do século X.[6]

Ademais, a estrutura parroquial viuse fortalecida grazas ás freguesías e á súa política de doazóns en territorios xurisdicionais. Un elemento esencial das parroquias durante o seu asentamento, e que chegou ao seu apoxeo no período altomedieval, foron os "cotos". Estes espazos foron fundados grazas a atribucións xurisdicionais e á colonización da igrexa. Os cotos representaban áreas ben definidas nas que os poderes señoriais rexían disposicións xurisdicionais civís e penais sobre dos residentes. Así é, de feito moitas parroquias naceron como resultado dos cotos rexidos, entre outros, polos mosteiros.[6]

Desde o século X ata o XIII o modelo de vilas anterior perdeu presenza e poder, gañándoa o de poboacións máis pequenas (aldeas) e máis dispersas polo territorio. Cando menos desde o século XIII a estrutura de poboamento quedou definida pola dispersión xeográfica e os casais (casas coas súas pertenzas e terras). Así, dúas composicións comúns foron, primeiro, por unha banda as parroquias cos seus cotos, e, segundo, as vilas ou aldeas e os seus casais, sendo estes últimos máis propios das zonas rurais. No século XIII diferéncianse casais illados e poboados por varias familias, que resultarían despois en aldeas, e casais apegados entre si formando aldeas. Esa estrutura social, administrativa e de freguesía é a que fundou o actual modelo parroquial.[6] De feito, a rede de parroquias quedou totalmente artellada a partir do século XI e consolidada desde o século XIII, sendo a matriz da estrutura social e eclesiástica galega.[7][8]

Século XV-XIX

[editar | editar a fonte]

A numerosa cantidade de parroquias que se configurou na baixa idade media apenas mudou desde o século XV. O "censo de bispos" da década de 1580 estimou que existían 3571 parroquias galegas, incluíndo as súas "matrices" e "anexos". O censo de Floridablanca, de entre o 1785 e 1787, cuantificounas en 3678.[9]

As parroquias sobrepasaron incluso o Concilio de Trento, os concordatos de 1753 e 1851 e as reformas do final do Antigo Réxime. Mesmo eses eventos acentuaron o seu rol eclesiástico e de estruturación social. O aumento da poboación galega nestes séculos supuxo un aumento no recadado cos décimos. O aumento das poboacións de cada parroquia e a implantación da reforma tridentina, na que os curas asentaban residencias nas parroquias, así como a constitución de confrarías, a presenza de capeláns, ou as imposicións da relixión; fixeron que se consolidade a presenza das parroquias desde o século XVI en diante. Como exemplo, o maior número de creación de confrarías aconteceu entre os anos 1630 e 1740. Así mesmo, a identificación da poboación coas súas parroquias incrementouse ata o século XIX.[9]

Parroquias civís (esquerda) e parroquias eclesiásticas (dereita) do concello da Coruña no ano 1999.

Dúas disposicións da Cámara de 1758 e 1769 instaron aos bispos a compilar e informar dos seus beneficios en cada diocese e propor unións ou eliminacións, despois dunha audiencia aos patróns das parroquias. Porén, xa que máis das tres cuartas partes das parroquias pertencían á nobreza, aos mosteiros, aos cabidos das catedrais ou similar, houbo un freo en Galicia a esas unións. Un concordato de 1851 facultou aos bispos a arranxar a distribucións de parroquias e outro de 1854 instounos a limitar as parroquias nas áreas urbanas a cando menos 4 mil persoas por parroquia, inda que deixando fóra dese límite ás do eido rural. Así, na diocese de Santiago os cambios que se aplicaron só reduciu o número de parroquias en 22, xa que recolocaron múltiples lugares noutras parroquias co obxectivo de fortalecer aquelas de pouca poboación. En Lugo e Mondoñedo o bispado recibiu múltiples críticas dos curas e tan só se reduciron en 50 en Lugo e incluso se aumentaron en 20 parroquias na diocese de Mondoñedo.[9]

Desde o século XIX

[editar | editar a fonte]

Mediante a agrupación destas entidades parroquiais foron creados administrativamente os concellos en 1835. Aínda que xurdiron das parroquias eclesiásticas daquela, as parroquias administrativas actuais non coinciden con elas, nin os concellos cos arciprestados, pois por unha banda as eclesiásticas modificáronse (normalmente agregáronse no rural e subdividíronse no urbano[9][10]), mentres que por outra as administrativas seguiron unha evolución independente.

  1. Fariña Jamardo, Xosé (1996). A parroquia rural en Galicia. EGAP (Santiago de Compostela). 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Sánchez Pardo, José Carlos (2014). "Organización eclesiástica y social en la Galicia tardoantigua. Una perspectiva geográfico-arqueológica del Parroquial Suevo". Hispania Sacra 66 (134): 439–480. doi:10.3989/hs.2014.058. 
  3. Alarcão, Jorge de (2015). "Os limites das dioceses suevas de Bracara e de Portucale". Portugalia (Porto). Nova Série, 36: 35–48. 
  4. Díaz Martínez, P. C. (1998). "El Parrochiale suevum: organización eclesiástica, poder político y poblamiento en la Gallaecia tardoantigua". En Mangas, J. e Alvar, J. (Eds.) Ediciones Clásicas. Homenaje a José María Blázquez. Madrid. 
  5. Díaz Martínez, P. C. (2004). "Acuñación monetaria y organización administrativa en la Gallaecia tardoantigua". Zephyrus (57): 367–375. 
  6. 6,0 6,1 6,2 López Sabatel, José Antonio (xaneiro-decembro de 2018). "Patón como ejemplo de la organización y el poblamiento en la Galicia Medieval: la parroquia, el coto, la aldea, el casal y la vivienda (Siglos XIII-XV)". Cuadernos de Estudios Gallegos LXV (131): 133–169. ISSN 0210-847X. doi:10.3989/ceg.2018.131.05. 
  7. López Alsina, Fernando (2009). "Da protoparroquia ou parroquia antiga altomedieval á parroquia clásica en Galicia". En Fernando García Pazoos (coord). Xunta de Galicia. A parroquia en Galicia. Pasado, presente e futuro. pp. 57–76. 
  8. Souto González, Xosé María (1982). "Encol do hábitat e do poboamento: o caso de Galicia". Cuadernos de Estudios Gallegos (98): 7.63. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Pegerto Saavedra, Hortensio; Sobrado Correa; Presedo Garazo, Antonio (Outuro de 2013). "La red parroquial y el clero rural en la Galicia de los siglos XVI-XIX: resultados de una investigación en curso.". Obradoiro de Historia Moderna (22): 93–128. ISSN 2340-0013. doi:10.15304/ohm.221140. 
  10. AA. VV. 2009, p. 399.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]