Curtis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°08′20″N 08°02′09″W / 43.13889°N 8.03583°W / 43.13889; -8.03583

Curtis
Bandeira de Curtis---Escudo de Curtis
Casa do Concello de Curtis.JPG

Casa do Concello, en Teixeiro.
Situacion Curtis.PNG
Situación
Xentilicio[1] curtiense
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca de Betanzos
Poboación 4.048 hab. (2014)
Área 116,6 km²
Densidade 34,72 hab./km²
Entidades de poboación 4 parroquias
142 lugares
Capital do concello Teixeiro
Política (2015)
Alcalde Javier Francisco Caínzos Vázquez
Concelleiros BNG: 4
PPdeG: 7

Eleccións municipais en Curtis
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 65,89%
Na rede
concellodecurtis.org
concellodecurtis@hotmail.com

Curtis é un concello da comarca de Betanzos, na provincia da Coruña limítrofe coa provincia de Lugo. Segundo o IGE no 2014 tiña unha poboación de 4.048 habitantes (4.159 no 2012, 4.214 no 2011, 4.228 no 2010). O concello ten dous importantes núcleos de poboación separados 12 km: Teixeiro, onde está a casa do concello, e Curtis que tamén é o nome histórico do concello. O seu xentilicio é curtiense.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situación[editar | editar a fonte]

Avenida Principal, en Curtis.

O concello está situado no interior de Galiza, no límite oriental da provincia da Coruña limitando coa provincia de Lugo. Forma parte xunto con outros dez concellos da comarca de Betanzos de quen depende xudicial e administrativamente. As parroquias católicas dependen da arquidiocese de Santiago de Compostela. O concello, de 116,6 km², limita ao norte co concello de Aranga, ao leste co concello de Guitiriz xa en Lugo, ao sur con Sobrado e Vilasantar e ao oeste con Mesía e Oza-Cesuras.

Orografía[editar | editar a fonte]

Curtis é unha extensa superficie de chaira que vai elevándose cara ao leste. Nesta zona atópase a Serra da Cova da Serpe, límite xeográfico coa provincia de Lugo. Outros cumios son o monte da Graña e o Monte Enxameado. Estas zonas montañosas dividen as tres cuncas hidrográficas do concello: a do río Mandeo, a do Tambre e a do Mendo. A altitude en todo o concello está entre os 450 e 554 metros sobre o nivel do mar e o lugar máis alto é o Monte Enxameado de 602 metros de altitude.

A paisaxe é típica da Galiza do interior: vexetación inzada de pequenos prados, valados, chousas, pequenos camiños e corredoiras, e pequenas granxas de gando vacún pacendo. Hai moitos montes de eucaliptos e piñeiros, e entre uns e outros hai soutos e carballeiras.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Río Mandeo (esquerda) e Mendo na ría de Betanzos.

Os tres ríos principais do concello son o Mandeo, o Mendo e o Deo.

O río Mandeo percorre boa parte dos seus 53 km polo concello. Nace no alto das Pías (a 720 msnm en Sobrado) ó lombo da Cova da Serpe e desemboca na ría de Betanzos. Teixeiro e Curtis, xunto con Sobrado forman a cunca alta deste río. No río dáse a troita común.

O río Mendo nace no monte da Graña (580 msnm). Logo de pasar por San Mamede e Bandoxa (Oza-Cesuras) recibe as augas do Minator. A partir de Souto (Coirós) vólvese máis sinuoso, e descende rapidamente, para discorrer paralelo ó Mandeo e desembocar coma este na ría de Betanzos.

O río Deo, de 16 km, é un afluente do Mandeo. Nace nos montes da Carriceira (548 msnm) e desemboca no Mandeo á altura da Castellana. Agás no seu tramo final no que se une ó Mandeo, o Deo discorre por terreos máis ou menos homoxéneos en altitude, producindo no seu curso abundantes brañas.

Clima[editar | editar a fonte]

Nuvola apps kweather.png Temperaturas e precipitacións mensuais
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura media (°C) 7,4 8,0 9,7 10,2 12,9 15,4 17,5 18,7 16,4 13,2 9,4 7,8
12,2
Temperatura mínima (°C)
Temperatura máxima (°C)
Precipitacións (mm)
1 280
Fonte: Climate-Data.org

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación total é de 4.048 habitantes en 2014 aínda que hai un alto número de poboación emigrada ou que por traballo reside noutros concellos.

Evolución da poboación de Curtis   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014
4.335 5.678 6.723 5.084 4.421 4.246 4.214 4.159 4.112 4.048
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Censo total 2014 4.048 habitantes
Menores de 15 anos 421 (10.4 %)
Entre 15 e 64 anos 2.537 (62.67 %)
Maiores de 65 anos 1.090 (26.93 %)

A poboación distribúese entre as súas catro parroquias do seguinte xeito:

Parroquias do Concello de Curtis A Coruña Galiza Spain.jpg
Parroquias Lurdes Fisteus Santaia Foxado Total
Área (en km²) 2,3 45 31,6 38.5 117,5
Entidades de poboación 6 51 54 31 142
Poboación 2013 1.371 546 1.786 409 4.112
 % da poboación 33,34 % 13,28 % 43,43 % 9,95 % 100 %


A evolución da poboación estivo moi relacionado coa chegada do ferrocarril no final do século XIX, manténdose o crecemento de poboación ata mediados do século XX. Este aumento da poboación rematou coa chegada do ferrocarril a Santiago de Compostela e a perda desa situación de Curtis como nó de comunicacións. Dende os anos 1950 a baixada de poboación foi progresiva. Nos anos 1960 e 1970 a emigración foi ás cidades galegas máis próximas abandonando a explotación do agro como medio de vida. Actualmente está estabilizada esa poboación. A mellora das comunicacións permitiu que moita xente que antes tiña que emigrar ou pasar boa parte do ano fora agora teñan como segunda residencia o concello, ou que este sexa un lugar onde pasar a xubilación e non só os meses de verán.

Historia[editar | editar a fonte]

Os concellos de Curtis, Vilasantar, Sobrado e algunhas terras máis formaban o condado de Présaras, un dos máis importantes dende a época sueva ata o século X. Curtis pasou a depender do mosteiro de Sobrado cando os condes Hermenexildo e Paterna o fundaron.

As catro parroquias que integran o actual concello pertencían a tres xurisdicións: Curtis, Fisteus e Sobrado. En 1812 creáronse os concellos de Curtis e Fisteus, vixentes ata 1814. En 1834 Curtis pasou a formar parte do partido xudicial de Arzúa, e os lindes actuais quedaron establecidos en 1836.

Estación de ferrocarril.

Outra data importante na historia de Curtis, e a que achegaría un troco na estrutura agraria do concello, foi a construción da liña férrea Palencia-A Coruña inaugurada en 1883. A construción da estación de tren converteu a pequena aldea (o barrio de Bodeus) nun nó importante de comunicacións entre a meseta e Santiago de Compostela. Ata alí chegaban e saían os viaxeiros en tren. Facíase o transbordo cara Compostela en carros e máis tarde en coche de liña. Dese crecemento xurdiu a necesidade de crear unha nova parroquia: Santa María de Lurdes creada en 1925, segregada da de Fisteus a iniciativa dos propios veciños.

Casa tradicional.

A principios dos anos 1920 o escritor mexicano Manuel Toussaint foi un viaxeiro abandonado na estación que publicou: "... el pueblo, si es que puede entrar en la categoría de pueblo una calle formada por casas pobres y feas: eso es Curtis. El polvo del camino, el polvo de esta calle nos tenía blancos"[3]. Esta situación de nó de comunicacións entre a Galiza da costa e a España do interior fixo do lugar un enclave importante, un fervedoiro político e sindical. Ao inicio da Guerra Civil un grupo de personalidades republicanas que ían de Madrid para A Coruña foron retidas na estación de Curtis, e foron fusiladas[4]. O constante paso de trens cheos de militares para a fronte fixo do lugar un lugar non seguro. Os labregos deixaban as terras sen cultivar por medo a que lles disparasen desde os trens. Foi en plena Guerra Civil cando a casa do concello foi trasladada a Teixeiro. Rematada a Guerra Civil, a posguerra estivo marcada polos escapados que se refuxiaban na zona. O mítico guerrilleiro Benigno Andrade, Foucellas, que ata a súa captura e condena a morte mantivo a loita contra a Garda Civil, tiña a súa familia alí e era acosada a diario polas autoridades. Curtis era un cuartel tomado pola Garda Civil. Ata o 2008 mantivéronse o nome de rúas e prazas vinculadas á ditadura franquista. Curtis mantivo o nome da avenida Generalísimo ata que foi trocado por avenida Principal[5].

O concello aprobou un novo logotipo o 30 de xaneiro de 2008, unha icona cas iniciais de Teixeiro e Curtis xunto á idealización das catro parroquias que compoñen o concello todo en cor laranxa. O nome do concello aparece en dúas tipografías de cor gris[6].

Cartel de Curtis sobre o nome de Lourdes.

Cultura[editar | editar a fonte]

Toponimia[editar | editar a fonte]

A orixe do topónimo de Curtis é incerta, podería vir de cohorte, a lexión que había no campamento romano da Ciadella en Sobrado. Curtis aparece citado en 1199:

in terminis de Guarguiane de voce de villa de Covas et de Quintanas per viam que unde de faro per Villarulu, et inde Sancta Eulalia de Curtis, et inde quomodo vadit ad montem de Enara
Tombo I fol 79 v. de Sobrado.

Na zona hai outro lugar con igual topónimo: San Vicenzo de Curtis, (no concello de Vilasantar). En 1873 coa chegada do ferrocarril a Curtis e Teixeiro publicouse un mapa no que aparecen citadas as dúas estacións, e Osbodeus (Bodeus). A corporación municipal o 17 de agosto de 1957 fixou o nome do lugar como Curtis-Estación. Xa a finais do século XX vaise impoñendo por uso a forma Curtis, sen Estación. O 19 de setembro de 1983 a asociación de veciños de Curtis pide a segregación. En xullo de 1998 o concello de Curtis puxo nos accesos ao lugar carteis co nome da parroquia: Concello de Curtis, Lourdes. Os veciños percorreron os camiños modificando os carteis colocando sobre o texto Lourdes o nome de Curtis[7]. No ano 2000 a Xunta de Galicia coa Lei 3/1983 de Normalización Lingüística publica no Diario Oficial de Galicia o 11 de abril como nome oficial A Estación, sen Curtis. Tres meses despois por xestións do Concello, a Comisión de Toponimia revisa e publica no DOG o topónimo oficial como Curtis sen máis engadidos[8].

Estela funeraria (S. I-V).
Inscrición: "D[iis] M[amibus] S[acrum] / Iulio Seve / riano. Anno[rum] / XLVII memo / riam posuit / coniugi karissimo Pl / acidia Lupa / defuncto in valle Minei" (Consagración aos deuses romanos. Placidia Loba puxo este recordo en honor do seu queridísimo esposo, Xulio Severiano, morto aos 47 anos de idade no val do Miño).
San Vicente de Fisteus (Curtis, A Coruña), exposto no Museo da Catedral de Santiago de Compostela.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Patrimonio arqueolóxico[editar | editar a fonte]

Detalle dun dos torques de Foxado.

De tempos anteriores á conquista romana localizáronse varios campos de mámoas e castros. Na zona de Curtis, Sobrado e terras próximas foron catalogadas un total de 211 mámoas, 67 das cales están no actual concello. As terras de Curtis estaban poboadas pola tribo dos ártabros, e desa época atopáronse no Cordal de Paradela e nas estribacións* do monte de Montouto (entre Aranga e Guitiriz) lousas marcadas con incisións semellando figuras humanas dándose a man[9]. No castro do Castelo atopáronse importantes xacementos arqueolóxicos e xoias de ouro, o Tesouro de Foxado exposto no Museo de Pontevedra.

Os castros localizados no concello son os seguintes[10]:

  • Estremil
  • Fisteus
  • As Merelas
  • O Porto
  • A Roda (Fisteus)
  • Pedreiro

Da época romana atópase preto de Curtis o campamento romano da Ciadella.

Patrimonio arquitectónico[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santa María de Lourdes.

As catro parroquias do concello contan co seguinte patrimonio arquitectónico relixioso:

Santa Maria de Lurdes

A parroquia civil ten o nome de Lurdes, segundo di o Nomenclátor de Galicia[11]. A igrexa católica, de recente construción, leva a advocación da Virxe de Lourdes e foi construída no mesmo lugar en que había unha capela xa derruída. O vello cemiterio foi trasladado á Ronda da Coruña, onde está agora o novo.

Santa María de Fisteus

Nesta parroquia hai tres igrexas: a de Santa María de Fisteus, do século XIII, a de San Roque de Xabriño, do século XVIII en perpiaño de cachotería, e a da Illana de recente construción.

Santaia de Curtis

Conta con dúas igrexas importantes. Por unha banda a da Nosa Señora dos Remedios (Teixeiro), orixinalmente do século X, foi construída probablemente para sacralizar un lugar de ritos célticos. Conta cun carballo de mais de 200 anos e unha fonte próxima. A igrexa orixinal sufriu numerosas remodelacións nos séculos XVII, XVIII, XIX e XX.

A outra igrexa é a de Santaia, un templo primitivo construído no século X por Plasencio, avó do célebre San Pedro de Mezonzo. O templo está vinculado a este personaxe fundamental na historia de Galicia, que naceu no lugar de Chacente no ano 930.

Santa María de Foxado

A igrexa principal de Foxado data do século XVIII. É de tipoloxía barroca. A súa fachada é de perpiaños de granito e destaca a torre do seu campanario rematada en espadana.

Casas reitorais
  • A casa reitoral da Nosa Señora de Lurdes, é unha edificación modernista de principios do século XX que está situada no centro do núcleo urbano, con galería e balcón de madeira.
  • A casa reitoral de Nosa Señora dos Remedios, foi recentemente restaurada e está situada fronte da igrexa, ás aforas do núcleo urbano.
  • A casa reitoral de Santaia, anterior ó século XVIII, tamén foi recentemente restaurada pola asociación de veciños pero sempre respectando a súa estrutura orixinal.
  • A casa reitoral da Illana, do século XX, edificio representativo da arquitectura rural.

Patrimonio natural[editar | editar a fonte]

Flora e fauna

O tipo de solo que caracteriza a este concello é granítico nas súas dúas variantes: granitos de biotita e granitos de dúas micas. Cara ó oeste aparece unha reducida zona de xistos e cara ó sur unha área de rochas básicas.

Coexiste unha gran diversidade de vexetación. As fragas contan con carballos, castiñeiros e bidueiros; cabe destacar a existencia de acivros e sanguiños así como gramíneas e herbáceas.
As brañas, na actualidade, aprovéitanse forestalmente introducindo eucaliptos e piñeiros, e tamén para o aproveitamento gandeiro, sendo frecuentes os cabalos en liberdade.

A fauna atópase moi relacionada co tipo de clima e vexetación. Dentro da fauna cinexética destacan entre os mamíferos o raposo, corzo, xabarín, coello e a lebre. Entre as aves pode atoparse o paspallás, a perdiz e o faisán. Tamén se dá o lobo, unha especie protexida.

Zonas verdes, rutas e sendeirismo

Curtis, mantén un Patrimonio Natural de grande valor ecolóxico e paisaxístico, debendo estar a súa conservación na contemplación dunha estratexia de desenvolvemento integral vertebrada en torno á Axenda Local-21, proxecto de desenvolvemento económico e humano sostible impulsado pola ONU e da que Curtis é pioneiro na provincia da Coruña.

Curtis conta con 10 rutas de carácter local-2 (SL), ofrecendo cada un deles non só un atractivo paisaxístico senón que discorren por núcleos rurais onde se pode observar a arquitectura tradicional. Trátanse duns percorridos onde o rústico acada unha grande relevancia e, para non perder a sensación de unidade, é moi recomendable culminar todo o camiño dunha soa vez.

A primavera e o outono son os mellores momentos para atravesar cada un deles xa que a diversidade de colores e olores que sorprenderán ós camiñantes, como se pode observar na Guía de Recursos Naturais publicada polo Concello no ano 2001.

Tres rutas cumpren os requisitos para ser homologados pola Federación Galega de Montañismo.

Etnografía[editar | editar a fonte]

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

O concello conta cunha grande tradición de feira e hoxe en día mantén dúas feiras periódicas que teñen lugar en Curtis e Teixeiro. Nelas pódense atopar postos de todo tipo, roupa e alimentos locais, cesteiros e artesáns e gando.

  • Feira tradicional de Curtis - o día 9 e 23 de cada mes, no campo do mercado comarcal
  • Feira tradicional de Teixeiro - o 5 e 18 de cada mes, na praza do Concello

Símbolos[editar | editar a fonte]

O escudo e maila bandeira foron aprobados por senllos decretos da Xunta de Galicia, publicados no Diario Oficial:

Escudo de Curtis.svg

Decreto 160/1998, do 22 de maio: Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Curtis (A Coruña), que quedará organizado do seguinte xeito: de ouro (amarelo), un carballo da súa cor flanqueada de dúas crucetas de gules (vermello); xefe de sinople (verde) con catro estrelas de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.[12]


Decreto 258/2007, do 20 de decembro: Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Curtis, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito: En pano verde, unha franxa horizontal de amarelo cun carballo verde no centro e dúas crucetas vermellas colocadas xunto ao seu tronco, unha a cada lado; no pano de verde catro estrelas de amarelo, dúas no terzo do hasta e dúas no do batente.[13]

Bandeira Curtis.png

Cidades irmandadas[editar | editar a fonte]

Curtis está irmandado dende o 10 de xuño de 2014 con sete concellos europeos[14].

Bioetanol Galicia, Polígono de Curtis-Teixeiro.

Economía[editar | editar a fonte]

Restaurante Expres.

Curtis é un concello no que o sector terciario pesa sobre o resto, destaca a produción de leite e de queixo con Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. O concello ten unha importante base gandeira e forestal. No sector secundario destaca a industria da fabricación de taboleiro de madeira pola presenza do Grupo Losán orixinario de Curtis.

En Teixeiro está situado o polígono industrial de Curtis-Teixeiro, con terminal de carga ferroviaria propia e onde estaba situada a fábrica de Sidegasa[15]. Construída nos anos 1970 e pechada a inicios dos anos 1980[16]. A empresa máis importante do polígono é Bioetanol Galicia[17].

A situación xeográfica do concello mantén un pequeno sector de servizos de hostalería, restauración e aloxamento.

CEIP Teixeiro.

Infraestruturas[editar | editar a fonte]

Centros de ensino

O sistema educativo do concello baséase en dous centros de ensino primario e un centro de ensino secundario.

  • CEIP de Teixeiro
  • CEIP de Curtis
  • IES Curtis[18]
Centro penitenciario

En Teixeiro construíuse o centro penitenciario de Teixeiro.

EDAR de Curtis.
Outros servizos

Curtis depende administrativamente de Betanzos e en materia sanitaria da Coruña. Hai un centro de saúde de atención primaria en Curtis. No concello existe un cuartel da Garda Civil que tamén atende ás zonas de máis preto. O servizo de recollida de lixo está asociado a Sogama e existen servizos de recollida selectiva de lixo para reciclaxe. O servizo de auga potable ten dúas captacións, unha en Teixeiro, preto da penitenciaría, que se abastece do río Mandeo, e outra en Curtis. A un cento de metros río abaixo está a EDAR.

Distancias a outras
cidades galegas
km
Escudo de Betanzos.svg Betanzos 35
Escudo de A Coruña.svg A Coruña 51
Escudo de Santiago de Compostela.svg Santiago de Compostela 51
Escudo de Lugo 3.svg Lugo 61
Escudo de Ferrol.svg Ferrol 62
Escudo de Pontevedra.svg Pontevedra 108
Escudo de Ourense.svg Ourense 112
Coat of Arms of Vigo.svg Vigo 133
Dende a capital do concello.

Infraestruturas de transporte[editar | editar a fonte]

Curtis é un importante nó de comunicacións viarias. Preto de Teixeiro pasa a autovía A-6 e a nacional N-VI. A N-634 cruza todo o concello de este a oeste facendo de comunicación con Santiago de Compostela e coa meseta. Dende esta estrada parte a AC-840 que vai á Coruña, Lalín e Ourense. Curtis está a uns 60 km de Lugo capital.

A liña de Adif atravesa de oeste a nordeste o concello, e comunica con Monforte de Lemos e coa Coruña e Ferrol. Un ramal desta liña comunica co terminal de carga do polígono Curtis-Teixeiro. Hai dúas estacións: a de Curtis e a de Teixeiro.

Deporte[editar | editar a fonte]

A Sociedade Deportiva Teixeiro e o CCD Curtis son os principais equipos de fútbol do concello con campos de xogo en Teixeiro e Curtis respectivamente.

Política e goberno[editar | editar a fonte]

Javier Francisco Caínzos Vázquez (PPdeG) é o alcalde dende xullo de 2001 grazas a un pacto de goberno co PSdeG-PSOE. Volveu ser alcalde nas seguintes eleccións ó gañar por maioría absoluta e que volveu ter en 2015.

Eleccións municipais de 2015 [19]
Partido Votos  % Concelleiros
PPdeG 1 669 64,09 % 7
BNG 903 34,68 % 4
Alcaldes
Javier Francisco Caínzos Vázquez, dende xullo de 2001
Eduardo Pérez Manteiga, de febreiro de 1974 a marzo de 1976
Alfonso Torres Vázquez, do verán de 1958 a abril de 1969
Camilo García Méndez, de 1957 a 1958 e de 1969 a febreiro de 1974

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Curtis.
Pedro de Mezonzo (930-1003).  
Libro de Honra do Concello.  
Centro de saúde.  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. «Evolución do uso do galego por concellos». Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. Manuel Toussaint: "Obra literaria" Universidad Nacional Autónoma de México. ISBN 968-36-2017-5 1992, páx 236 Publicado primeiramente en Viajes alucinados. Rincones de España (1924).
  4. Suárez Picallo, Ramón: La feria del mundo. Crónicas desde Chile (1942-1956) Escolma de artigos. Consello da Cultura Galega. 2008, pax. 261 ISBN 978-84-96530-61-4.
  5. "El alcalde del PP en Curtis suprimirá los nombres franquistas del callejero local" El País, 30 de outubro de 2008 (en castelán).
  6. Concello de Curtis (ed.). «Logotipo de Curtis». Consultado o 16 de outubro de 2013. 
  7. Mariño Sanmartín, Andrés (2010). Asociación Amigos de Curtis "Os Quenllos", ed. Memoria gráfica de Curtis: fondo fotográfico de la Asociación Amigos de Curtis "Os Quenllos" (en castelán). p. 255. 
  8. Rodríguez, Nuria (2 de agosto de 2009). La Opinión (A Coruña), ed. «Simplemente Curtis». 
  9. Teixeiro – Prehistoria - Toponimia Fernando Cabanas López.
  10. Moure Salgado, Xabier: Castros da Provincia da Coruña onosopatrimonio.blogspot.com.es xullo de 2011.
  11. Nomenclátor de Galicia da Xunta de Galicia
  12. «Decreto 160/1998, do 22 de maio, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Curtis (A Coruña).» (PDF). DOG. Xunta de Galicia. 8/6/1998. 
  13. «Decreto 258/2007, do 20 de decembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Curtis (A Coruña).» (PDF). DOG. Xunta de Galicia. 10/1/2008. 
  14. "Curtis firma el hermanamiento con 7 municipios europeos" 10/6/2014 (en castelán)
  15. "Sidegasa resucita en Malasia" El País, 1/3/2009.
  16. "Siderúrgica de Galicia, SA suspende pagos" El País, 29/3/1981.
  17. Bioetanol Galicia (en varias linguas).
  18. IES Curtis
  19. Eleccións municipais de 2015 la Voz de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Curtis Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Criado Boado, F. (1980): "Catalogación de mámoas en los municipios de Curtis, Sobrado y tierras adyacentes". Separata de Brigantium, boletín do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. 40 pp.
  • Criado Boado, F. e Grajal, M. (1981): "Relación entre la distribución de mámoas y el medio físico en la zona de Sobrado-Curtis". Separata de Brigantium, boletín do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. 26 pp.
  • Mariño Sanmartín, Andrés (1998): Curtis, virando no tempo. Asociación Amigos de Curtis Os Quenllos. 111 pp.
  • Mariño Sanmartín, Andrés (1992): Bodeus, Curtis-Estación, Curtis: hechos, datos y personajes para la historia de un pueblo joven. 169 pp.
  • Mariño Sanmartín, Andrés (2010): Memoria gráfica de Curtis: fondo fotográfico de la Asociación Amigos de Curtis "Os Quenllos". Asociación de Amigos de Curtis Os Quenllos. 261 pp

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]