A Cañiza
| Localización | |||||
|---|---|---|---|---|---|
| |||||
| Estado | España | ||||
| Comunidade autónoma | Galicia | ||||
| Provincia | provincia de Pontevedra | ||||
| Capital | A Cañiza | ||||
| Poboación | |||||
| Poboación | 4.990 (2025) | ||||
| Xeografía | |||||
| Parte de | |||||
| Superficie | 108,1 km² | ||||
| Altitude | 570 m | ||||
| Comparte fronteira con | |||||
| Organización política | |||||
| • Alcalde da Cañiza | Luis Antonio Gómez Piña | ||||
| Eleccións municipais na Cañiza | |||||
| Identificador descritivo | |||||
| Código postal | 36880 | ||||
| Fuso horario | |||||
| Código INE | 36009 | ||||
| Sitio web | caniza.org | ||||
A Cañiza (á espera da oficialización da forma A Caniza[1]) é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca da Paradanta. Segundo o IGE no 2020 tiña 5122 habitantes (6719 en 2003). O xentilicio é (véxase no Galizionario) canizán[2] ou canicense.[2]
Toponimia
[editar | editar a fonte]A Cañiza é un dos poucos topónimos castelanizados[3] de Galicia aínda vixente e que así consta no Nomenclátor de Galicia. Desta forma deriva o xentilicio (véxase no Galizionario) cañicense. A Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia estableceu que o nome correcto e orixinal era A Caniza[2], forma aínda viva entre algúns habitantes das parroquias do concello[4]. Non obstante, aínda non se executou a aprobación por parte do Consello da Xunta da dita modificación.[5]
O topónimo orixinal fai referencia ás primeiras construcións na zona: casetas[4] ou canastros feitas de canas entrelazadas e colmados (coñecidos na zona coma canizos ou canizas[6]) e ergueitas polos veciños de Valeixe.[7]
Poboación
[editar | editar a fonte]| Censo total (habitantes) | 5342 (2014) |
| Menores de 15 anos | 632 (11,83 %) |
| Entre 15 e 64 anos | 3159 (59,13 %) |
| Maiores de 65 anos | 1551 (29,03 %) |

| Evolución da poboación da Cañiza Fontes: INE e IGE. | |||||||||||||||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 | 2024 |
| 7923 | 7655 | 8186 | 7810 | 6782 | 6583 | 6461 | 5511 | 5416 | 5342 | 5230 | 5234 | 5233 | 5173 | 5180 | 5122 | 5115 | |||
| (Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) | |||||||||||||||||||
Xeografía
[editar | editar a fonte]Limita ao norte cos concellos de Covelo e Melón (leste da provincia de Ourense), ao sur con Crecente, Arbo e As Neves, e ao oeste con Salvaterra de Miño, Mondariz e Covelo.
O seu relevo é accidentado, pois está situado entre unha zona de monte baixo da serra do Faro de Avión (situada ao nordeste) e o val do río Deva (ao sur). A maior altitude acádase no Alto da Cruz (1095 m).
A súa rede hidrográfica está formada polos ríos Uma (afluente do Tea), Ribadil e Deva (afluentes do Miño).
Climatoloxicamente está situada en transición entre o clima oceánico e o mediterráneo, segundo a zona.
Historia
[editar | editar a fonte]Na zona habitou a tribo dos oestrimnios, que foron expulsados polos celtas. Da cultura megalítica quedan diversos restos, como os complexos rupestres de Laxiña das Cruces, Coto da Regueira do Valiño e Casiñas dos Mouros, os complexos megalíticos con gravados de Tomada de Estremadoiro e Coto da Vella, e os complexos megalíticos de Guntín, Aráns, Casiñas dos Mouros e A Cañiza.
Durante a Idade de Ferro o lugar estivo posiblemente habitado polos grovios. Daquela época quedan o castro de Grades, o castro de Monte Coto do Castro, o castro de Coto das Cavadas e o castro de Barreiros.
Logo da romanización as terras do concello foron enmarcadas no conventus Bracarensis. Na Idade Antiga, tralo I Concilio de Braga, as terras quedaron adscritas á diocese de Tui. O mosteiro da Franqueira posiblemente teña a súa orixe nunha ermida do século VI, da época de Martiño de Dumio.
No século IX, durante o reinado de Afonso II de Asturias, as terras do castelo de Sobroso, ao que pertencía o val de Achas, foron incluídas no reino de Galicia.
En 1056 Fernando I dá un privilexio do mosteiro da Franqueira, as súas terras e moradores ao abade Alvito e os monxes beneditinos. En 1147 Afonso VII outorga ao abade Odoario e aos monxes o dereito de coto. En 1293 a orde do Císter constrúe a igrexa de Santa María. Paio de Soutomaior, señor de Salvaterra, doou as terras dos cotos da Franqueira, O Cebreiro, Uma, Sendín e Pintelos, doazón que confirmaron Xoán I e Henrique III. O mosteiro desapareceu como tal en 1835, trala desamortización de Mendizábal.
A vila da Cañiza aparece documentada por primeira vez en 1583. As primeiras edificacións foron canastros (que nesta zona reciben o nome de canizos) feitas polos veciños de Valeixe para atender os cultivos da zona. Logo de construírse a capela do Doce Nome de Xesús, en 1790 o bispo de Tui, Domingo Fernández Angulo, erixiu A Cañiza como parroquia adxunta á de Valeixe, separándose definitivamente en 1815.

No ministerio de Defensa consérvase un bosquexo da vila en 1838 por Fernando de Castro
Na Cañiza editáronse os periódicos Nueva Cañiza (1927-1933) e La Cañiza (1932-1934).
Símbolos
[editar | editar a fonte]O escudo heráldico oficial do concello da Cañiza foi aprobado mediante decreto en 2007, e ten o seguinte brasonamento:
De prata, un carballo sobre terreiro de sinople, follado e froitado de nove landras de goles; bordura xadrezada de goles e prata.[8]
Ademais, na mesma data aprobouse tamén a bandeira do concello, pano de verde cunha franxa vertical de branco no terzo do centro e, nesta, un carballo de verde follado e froitado de nove landras de vermello.[9]
A Cañiza na literatura popular
[editar | editar a fonte]- Batalláns xa chega/ coa súa santiña,/ e cara a Franqueira/ connosco camiña [10].
- Vinme triste en Ponteareas,/ e da Cañiza a Melón,/ mais cheguei a Ribadavia/ e ensanchouse o corazón.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da Cañiza.
-
Mosteiro de Santa María da Franqueira
-
Fonte de San Luís
-
Vista aérea.
-
Pazo.
-
Xamón, típico da Cañiza.
-
Muíño tradicional.
-
Muíño.
-
Capela dos arredores.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares da Cañiza
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Cañiza vexa: Lugares da Cañiza.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A Real Academia Galega celebra a aprobación da proposta de actualización do Nomenclátor por parte da Comisión de Toponimia". Real Academia Galega. 2025-07-18. Consultado o 2025-07-19.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 44. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ "A Cañiza e Riveira". dubidasdogalego.wordpress.com. 26 de xaneiro de 2015. Consultado o 13 de xaneiro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 Navaza Blanco, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega (PDF). A Coruña: Fundación Barrié. p. 137. ISBN 84-95892-53-7.
- ↑ "A Cañiza e Riveira". Dúbidas do galego. Consultado o 26 de agosto de 2016.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para canizo.
- ↑ "Historia da vila na web do Concello" (en castelán). Consultado o 26 de agosto de 2016.
- ↑ DOG, ed. (24 de maio de 2007). "DECRETO 110/2007, do 24 de maio, polo que se aproba o escudo do Concello da Cañiza (Pontevedra).". Consultado o 9 de abril de 2014.
- ↑ DOG, ed. (24 de maio de 2007). "DECRETO 111/2007, do 24 de maio, polo que se aproba a bandeira do Concello da Cañiza (Pontevedra).". Consultado o 9 de abril de 2014.
- ↑ Santa Eulalia de Batalláns é parroquia das Neves lindeira coa da Franqueira, na Cañiza. Vicente Risco: "Cultura espritual", en Historia de Galiza I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777, px. 393.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Cañiza |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Rodríguez Gómez, G. (coord.) (2002). A Cañiza. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 84-8457-123-8.
