Xentilicio
O xentilicio é un adxectivo relativo, sobre todo, ó lugar de nacemento e, en menor medida, á liñaxe ou raza á que alguén pertence (estes serían etnónimos).
En Galicia existe tradicionalmente unha tendencia ó uso de xentilicios hipocorísticos para entidades menores, non derivados do nome do lugar e si de características e alcumes, normalmente despectivos. Na actualidade, a linguaxe xornalística está a crear e inventalos para moitas pequenas poboacións galegas, con moi desigual calidade.[1]
Sufixos habituais
[editar | editar a fonte]Sufixos de territorios de lingua galega
[editar | editar a fonte]Os sufixos máis habituais para construír xentilicios en galego son:[1]
- -és / esa: lugués/luguesa, santiagués/santiaguesa
- -án / -á (zonas occidentais e centrais) ou -ao / -á (zona oriental): compostelán/compostelá, ribeirao/ribeirá
- -ego / -ega: naviego/naviega
- -eiro / -eira: rosaleiro/rosaleira
- -iño / -iña, -íu / -ía ou -ín / -ina: troncosiño/troncosiña, franquíu/franquía, vilafranquín/vilafranquina
- -exo / -exa: portexo/portexa
- -oto / -ota:[2] miñoto/miñota
Empréganse tamén algúns sufixos cultos que forman xentilicios co étimo do topónimo:[1]
- -ense: mindoniense
- -ino / -ina: monterrosino/monterrosina
Sufixos de exónimos
[editar | editar a fonte]Os principais sufixos para a formación léxica de xentilicios nos exónimos son:
- -ano / -ana e -iano / -iana: venezolano/venezolana, iraniano/iraniana que é o máis habitual[2]
- -án / -á e -ón / -oa: alemán/alemá, bretón/bretoa, que aparecen en poucos casos
- -és / esa: chinés/chinesa
- -ense: londiniense
- -ino / -ina: alacantino/alacantina
- -o / -a, posiblemente por derivación regresiva de lugares rematados en -IA(S) átono: polaco/polaca, sueco/sueca
Nalgúns casos os sufixos teñen relación coa área xeográfica:[2]
- -ún(o) / -una, de orixe vasca, non é propio da lingua galega pero foi introducido incorrectamente polos medios de comunicación: euscaldún/euscalduna,[3] batasuno/batasuna
- -arra, de orixe vasca, non é propio da lingua galega: donostiarra é a única palabra aceptada por motivos tradicionais recentes. Non se di "bilbotarra, irundarra, eibotarra...", pois existen as terminacións propias de orixe latina
- -í, nas áreas árabes e musulmás: marroquí
- -eño / -eña e -eno / -ena, na área hispana: panameño/panameña, chileno/chilena
- -eiro / -eira, na área lusobrasileira e como adaptación de xentilicios iberoamericanos: brasileiro/brasileira, santiagueiro/santiagueira
- -enco / -enca, nas áreas catalás: eivisenco/eivisenca
Por último, existen moitos xentilicios que empregan terminacións menos habituais:
- -ático / -ática: asiático/asiática
- -ita: vietnamita
- -al: provenzal
- -ol / -ola: español/española
- -ar: balear
- -asco(n) / -asc(on)a, de orixe francomeridional: monegasco/monegasca
- -iño / -iña: biscaíño/biscaíña
De todos os xeitos, cómpre reiterar que a tradición marca popularmente o uso de xentilicios non derivados: gavacho, chamaco, che, paio.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Costas González 2016, p. 34.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Dosil López, Benxamín; Riveiro Costa, Xesús (2004). Dicionario de ortografía da lingua galega. A Coruña: Galinova Editorial. ISBN 84-9737-040-6.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para euscaldún.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e doutros territorios de lingua galega (PDF). Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lista de xentilicios de países
- Xentilicios dos concellos galegos
- Xentilicios de concellos do galego exterior
- Xentilicios da Unión Europea
Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |