Río Masma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Masma
PuenteMasmacRccp.jpg
Desembocadura do río Masma na ría de Foz.
País Galicia Galicia
Nacemento Serra do Xistral
Lonxitude 46,2 km
Conca Río Masma
Desembocadura Ría de Foz

O río Masma é un río da provincia de Lugo. Pertence polo tanto á vertente cantábrica.

Nace na serra do Xistral, no concello do Valadouro. Percorre os concellos de Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz. Despois de 46 km de percorrido desemboca na ría de Foz, xunto á praia da Rapadoira e á praia de Altar no mar Cantábrico.

A superficie da súa conca supera escasamente os 290 quilómetros cadrados.

Percorrido[editar | editar a fonte]

O lugar exacto do seu nacemento está na parroquia valadouresa do Cadramón a uns 920 metros de altitude, entre o cumio do Xistral e o do Cadramón. Inicialmente toma o nome de rego Pedrido ou río Pedrido, que pasa bordeando a parroquia alfocesa do Pereiro, atravesa as parroquias abadinenses de Montouto, Labrada e Romariz até entrar na parroquia mindoniense dos Remedios. Toma entón o nome de Río do Porto da Cal ao pasar preto da aldea de Estelo. Un pouco máis adiante, preto da aldea de Tronceda de Abaixo pasa a denominarse río Tronceda, entrando despois na parroquia de Viloalle, na que toma o seu nome definitivo de río Masma ao seu paso pola aldea da Igrexa, tras un breve treito no que coincide co rego Gontán. Cruza posteriormente as parroquias de Vilamor e Masma en Mondoñedo, Santa María de Lourenzá en Lourenzá, Cabarcos, Celeiro de Mariñaos e San Cosme en Barreiros e finalmente Vilaronte no concello de Foz.

Afluentes[editar | editar a fonte]

Os seus principais afluentes son o rego de Figueiras e o río Oirán pola esquerda, e o río Valiñadares e o rego do Batán pola dereita.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]