Gondomar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°06′39″N 8°45′41″O / 42.110833333333, -8.7613888888889

Gondomar
Escudo de Gondomar
Casa do concello.
Situación
Xentilicio[1]gondomarés/gondomaresa
gondomarense
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca de Vigo
Poboación15.043 hab. (2023)[2][3]
Área74,5 km²[3]
Densidade201,92 hab./km²
Entidades de poboación10 parroquias[4]
Capital do concelloGondomar
Política (2023 [5])
AlcaldeJuan Francisco Ferreira González (PSdeG[6])
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 8
Outros: M.M.-E.M.: 2
Eleccións municipais en Gondomar
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes40,97%
Na rede
https://concellodegondomar.gal
editar datos en Wikidata ]
Igrexa parroquial de San Vicente de Mañufe.

Gondomar é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca histórica do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán). Dende o ano 1992 está administrativamente ligada á Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo[8] , á comarca de Vigo e integra a Área Metropolitana de Vigo. Segundo o IGE, en 2021 tiña 14 920 habitantes. O xentilicio é gondomarés[9] ou gondomarense.

Toponimia[editar | editar a fonte]

O topónimo Gondomar é unha evolución do antigo Gundemari, xenitivo relacionado co nome persoal de orixe xermánico Gundemarus ou Gundemaro.[10][11] Sustenta esta tese de xeito indirecto a Carta de demarcación do couto de Vilaza (1106), que menciona o lugar de Sancto Salvatorem de Gandari situado nas proximidades da actual vila de Gondomar. Pode interpretarse Gandari como un erro do copista ou escribán, no canto de Gondomari ou Gundemari.[11]

Para Prudencio de Sandoval o topónimo débese á fundación dalgún tipo de poboamento neste concello por parte do rei visigodo Flavio Gundemaro no século VII.[12] Hipótese vixente para varios investigadores[10][13] mais posta en dúbida por Gonzalo Navaza, quen concorda coa orixe do nome nun xenitivo de Gundemaro ou Gondemarus, mais sinala que non existe documentación que permita unha asociación definitiva co monarca suevo. Inda que afirma que será no século VII cando o nome Gundemaro ou Gundemarus se rexistre por primeira vez na Península Ibérica, matiza que entre os séculos IX e XI tamén tivo lugar un rexurdir ou moda de nomes xermánicos vinculados ao antigo reino visigodo de Toledo. O que si está claro para Navaza é que o actual topónimo Gondomar ten orixe nun antigo señor ou propietario chamado Gundemaro que puido ter vivido no século VII.[11]

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total 2021 14 920 habitantes
Menores de 15 anos 1 954 (13,10 %)
Entre 15 e 64 anos 10 120 (67,83 %)
Maiores de 64 anos 2 846 (19,08 %)
Evolución da poboación de Gondomar   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
7 842 8 219 9 037 10 009 12 121 13 890 13 973 13 954 14 005 14 051 14 056 14 192 14 233 14 236 14 286 14 702 14 920 {{{18}}} {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

Encóntrase no Val Miñor, entre a serra do Galiñeiro e a ribeira do río Miñor, preto de Vigo e das praias de Nigrán e Baiona. Dá cara á ría de Baiona, estando bordeado polo pico Castelo e o monte Couxo.

Máis da metade da superficie está destinada a uso forestal, destacando o cultivo de piñeiros, xunto coa flora autóctona en fragas de carballos e castiñeiros. O clima é de temperaturas suaves, con máximas en xullo e mínimas en xaneiro, así como precipitacións elevadas.

Eclesiasticamente, as súas parroquias pertencen ao arciprestado de Miñor.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros restos humanos datan do paleolítico inferior, coma os máis de 200 útiles de cuarcita tallada atopados en Chan do Cereixo. En Chaín hai un dolmen, e en Pedra Moura hai petróglifos podomorfos e naviculares. Tamén hai gravados no monte de Santo Antón. Da cultura castrexa data o castro de Xián. No lugar de Cristo María atopáronse machadas de bronce. No monte Galiñeiro están os petróglifos de Auga da Laxe, varias rochas gravadas nunha chaira aberta cara á ría de Vigo. A Pedra das Procesións ten na súa cara, inclinada cara ao sueste, un conxunto de figuras representando modelos concretos de armamento da primeira fase da metalurxia no territorio galaico, hai uns 4500 anos. Aparecen representadas coa punta cara a arriba e a maior escala do seu tamaño real[14].

Hai restos da calzada romana Per loca maritima, mencionada no itinerario de Antonino. Na idade Antiga estableceuse o poboado de Gundemaro, que segundo o Padre Sarmiento e outros autores, deulle nome ao concello. En 1149 Áurea Bellida doou unhas terras nas que Afonso VII autorizou a construción do mosteiro de Santa Baia das Donas, convento feminino da orde de San Bieito.

En 1616 Diego Sarmiento de Acuña comandou a defensa de Baiona e do Val Miñor ante os ataques do pirata Drake, polo que Filipe III lle concedeu o título de conde de Gondomar. En 1623 intercedeu, xunto con outros nobres, na adxudicación por parte do rei do voto do reino de Galicia nas Cortes de Castela. Así mesmo, axudou a lograr a concesión da Escuadra de Galicia, que defendía a costa do ataque de piratas e apoiaba a frota do Cantábrico.

Na guerra contra Portugal durante o reinado dos Austrias a vila de Gondomar foi arrasada polos exércitos vecinos. Durante a guerra da Independencia española os habitantes de Gondomar colaboraron na reconquista de Vigo.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

A Ponte de Mañufe

Artigo principal: Ponte de Mañufe.

A ponte de Mañufe é a máis antiga das existentes na comarca do Val Miñor. A obra ten unha probable orixe romana e unha posterior reconstrución datada no ano 1140 segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón[15]. Sitúase na actual estrada provincial PO-2035 ao seu paso polo río Miñor, e segue a ser a principal porta de entrada e saída á parroquia de Mañufe tanto do tráfico peonil como vehicular no século XXI. Une os lugares da Texosa (norte) e A Ponte (sur), na devandita parroquia situada no concello de Gondomar. Está catalogada como Ben de Interese Cultural dentro do espazo de protección delimitado no decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.[16]

Cruceiro do Acordo

Artigo principal: Cruceiro de Mañufe.

Coñecido como do Acordo ou de Mañufe, este cruceiro salienta polo seu peto de ánimas policromado e unha alegoría do pecado orixinal representada por unha serpe que gabea polo fuste. Non hai data acreditada da súa construción, pero sábese que entre os séculos XVI e XVIII ao pé deste monumento relixioso tiveron lugar as reunións do Partido do Miñor integrante da antiga provincia de Tui, durante o Antigo Réxime. A peza tivo varias reconstrucións  a última en 2017, quedando da orixinal só a base e parte do peto de ánimas. Trátase dun ben de interese patrimonial protexido polo decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.

Igrexario de San Vicente de Mañufe

A igrexa de San Vicente de Mañufe é un templo cristián situado no lugar da Moreira. Data do século XII, pero a maior parte da obra actual é barroca, consecuencia dunha gran reforma no século XVIII. Ten como celebración principal a do santo patrón da parroquia, san Vicente, o día 22 de xaneiro. Forma parte da diocese católica romana de Tui-Vigo[10].

A igrexa de Santa Baia de Donas ten a súa orixe no mosteiro de Santa Baia das Donas. A igrexa de Peitieros é de orixe románica, pero foi reformada nos séculos XVIII e XIX, mantendo da construción orixinal os muros e a fachada. Nesta mesma parroquia hai un cruceiro, onde se reunían os representantes das distintas parroquias da comarca para parlamentar.

Pazo de Mendoza ou pazo da Escola
Artigo principal: Pazo da Escola.

O pazo da Escola (orixinariamente pazo de Mendoza) é unha casa grande galega da segunda metade do século XVIII fundada polo Pilcarpo de Mendoza. Existe outro pazo de Mendoza tamén fundado por Policarpo de Mendoza en Baiona.

Pazo de Fontán

Artigo principal: Pazo de Fontán.

O pazo e pousa de Fontán é unha casa señorial (hoxe en ruínas) situada no lugar e camiño do mesmo nome, na parroquia de San Vicente de Mañufe. Levantada entre os séculos XV ou XVI, as súas terras eran confinantes ao sur co Río Miñor e atravesadas de leste a oeste pola Levada do Bravo[17].

Pazo do Conde de Gondomar

Artigo principal: Pazo do Conde de Gondomar.

O pazo do Conde de Gondomar, tamén chamado fortaleza de Gondomar, é unha fortificación de orixe medieval situada ao sur da vila de Gondomar. Está declarado Ben de Interese Cultural, e sitúase nunha fraga de árbores centenarias, rodeado por unha leira de 30 ha.

Outras casas grandes son o pazo de Pampillón[18] e o de Villarés, na parroquia de Vilaza.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Gondomar.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Gondomar

Borreiros (San Martiño) | Chaín (Santa María) | Couso (San Cristovo) | Donas (Santa Baia) | Gondomar (San Bieito) | Mañufe (San Vicente) | Morgadáns (Santiago) | Peitieiros (San Miguel) | Vilaza (Santa María) | Vincios (Santa Mariña)

Lugares de Gondomar[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Gondomar vexa: Lugares de Gondomar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Gondomar".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. "Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo". www.maiv.org. Consultado o 2017-03-20. 
  9. Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 51. ISBN 978-84-8158-706-7. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 12. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Varios Autores (2012). Retallos de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. pp. 12–15. ISBN 978-84-616-1271-0. 
  12. Sandoval, Prudencio (1893). Antigüedad de la ciudad é iglesia catedral de Tuy (en castelán). Tui: Tipografía Gallega. p. 20. 
  13. Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y Cosas del Valle Miñor (en castelán). Imprenta Gutenberg. p. 57. 
  14. Aparicio Casado, B. e de la Peña Santos, A.: Guía de petróglifos de Galicia. Edicións do Cumio, 2011. ISBN 978-84-8289-375-4.
  15. Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 94. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  16. "DECRETO 48/1999, do 18 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural, con categoría de monumento, a favor do Pazo de Gondomar, no concello de Gondomar, provincia de Pontevedra.". DOG. Consultado o 31/05/2020. 
  17. Varios Autores, ACHEGO (2011). Gondomar. Guía comercial e Turística. 
  18. Foi propiedade do oftalmólogo vigués Ramón González-Sierra Padín. Ao pazo e ao seu propietario dedicoulle un libro a escritora María do Carme Kruckenberg, Cantigas de amigo a Ramón González-Sierra do Pampillón (1972), expoñente do neotrobadorismo de mediados do século XX.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mosquera, Javier; Franco, Fernando (2002). Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana (en castelán). Fundación Caixa Galicia, Faro de Vigo. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]