Saltar ao contido

Afonso VIII de León e Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Afonso IX»)
Modelo:BiografíaAfonso VIII de León e Galicia

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento15 de agosto de 1171 Editar o valor en Wikidata
Zamora, España Editar o valor en Wikidata
Morte24 de setembro de 1230 Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Sarria, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaPanteón Real da Catedral de Santiago Editar o valor en Wikidata
Rei de Castela (Iure uxoris)
1198 – 1230
Monarca do Reino de Galicia
1188 – 1230
← Fernando II de Galiza e LeónSancha de Galicia e León → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloRei de León
Rei de Galicia Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Borgoña Editar o valor en Wikidata
CónxuxeBerenguela de Castela (1197 (Gregoriano), 1198 (Gregoriano)–1230 (Gregoriano)), morte
Tareixa de Portugal (1191 (Gregoriano), 1190 (Gregoriano)–1196 (Gregoriano)), nulidade matrimonial Editar o valor en Wikidata
ParellaInés Íñiguez de Mendoza
Aldonza Martínez de Silva
Teresa Gil de Soverosa Editar o valor en Wikidata
FillosUrraca Afonso de Leão
 () Inés Íñiguez de Mendoza
Sancha de Galicia e León
 () Tareixa de Portugal
Fernando Afonso
 () Tareixa de Portugal
Aldonza de Galicia e León
 () Tareixa de Portugal
Pedro Alfonso de León
 ()
Leonor de León
 () Berenguela de Castela
Fernando III de Castela
 () Berenguela de Castela
Constanza de León
 () Berenguela de Castela
Afonso, infante de Castela
 () Berenguela de Castela
Berengária de Leão
 () Berenguela de Castela
Rodrigo Alfonso de León
 () Aldonza Martínez de Silva
Aldonza Alonso de Leão
 () Aldonza Martínez de Silva
Teresa Alfonso de León
 () Aldonza Martínez de Silva
Fernando Alfonso de León
 ()
Maria Afonso de Leão
 () Teresa Gil de Soverosa
Martim Afonso de Leão
 () Teresa Gil de Soverosa
Sancha Alfonso of León
 () Teresa Gil de Soverosa
Urraca Alfonso de León
 () Teresa Gil de Soverosa Editar o valor en Wikidata
PaisFernando II de Galiza e León Editar o valor en Wikidata  e Urraca de Portugal Editar o valor en Wikidata
IrmánsFernando de León
García Fernández de León
Sancho Fernández de León Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
19 de marzo de 1230Conquest of Badajoz by King Alfonso IX of León (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1241456 WikiTree: Castilla-106 Find a Grave: 101385377 Editar o valor en Wikidata

Afonso VIII de León e Galicia,[a][1][2][3][4][5][6][7] denominado pola historiografía española como Afonso IX,[8][9][10][11][12][13][14] nado en Zamora, Reino de León, o 15 de agosto de 1171 e finado en Sarria, Reino de Galicia o 23 de setembro de 1230, foi rei dos leoneses e Galicia (Adeffonsus Rex Legionensium et Gallecie) desde o 22 de xaneiro de 1188 até a súa morte, o 23 de setembro de 1230.[b]

Segundo a numeración cronolóxica real da coroa galego-leonesa, correspóndelle o ordinal VIII, pero, a historiografía española asignoulle fraudulentamente o ordinal IX, como forma de entroncar as cronoloxías de León e de Castela —en Castela reinaba por aquel entón Afonso VIII de Castela[15][16]. Ademais, nas Sete Partidas do seu neto Afonso X o Sabio, este afirmaba ser Afonso IX.[17]

AFONSO VIII: Fillo de Fernando II e de Urraca de Portugal, foi coroado en León, en 1188. Este rei foi chamado Afonso IX pola historiografía española, cando se inventou a listaxe dos reis de España. O motivo era que existía outro rei chamado Afonso VIII, do reino independente de Castela, e chamándolle noveno a Afonso de Galicia e León dábaselle unha imaxe de unidade histórica á coroa de Castela, que só obedece a un intento de mistifica-la sucesión monárquica dos reis de Galicia […]

—   GEG.[18]

Orixes familiares

[editar | editar a fonte]

Afonso naceu en Zamora, froito do matrimonio entre o rei Fernando II de León e Galicia e da infanta portuguesa Urraca.[19][20][21][22] Por vía paterna, Afonso foi neto de Afonso VII de León, rei de Galicia desde o ano 1111,[19][23][24] quen dividiu os seus reinos entre os seus fillos, provocando así un conflito entre eles ata a reunificación polo fillo de Afonso, Fernando III de Castela.[25] Por vía materna, Afonso era neto do primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques.[20]

O nacemento de Afonso aparece citado na crónica de Alberico de Trois-Fontaines.[23][26]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Ao igual que o seu pai e avós, Afonso VIII foi educado en Galicia polos membros condais da Casa de Traba ou os da de Trastámara, quen nese momento ostentaban a indiscutible primacía señorial en terras galegas e que se atopaban fortemente ligados á monarquía galega e galego-leonesa, especialmente desde os tempos de Froila Vermúdez.[27]

O encargado de educar ao infante foi o nobre galego Xoán Ares (princeps Iohannes Arie tenete Alva de Buval), señor da terras de Bubal e marido de Urraca Fernandes, filla de Fernán Pérez de Traba e neta por tanto de Pedro Froilaz de Traba.[27]

Criado en Galicia e por nobres galegos, foi tamén en terras galegas onde Afonso VIII atopou os seus maiores valedores como demostra o feito de que meses antes de que o seu pai Fernando II morrera (ano 1188), o entón infante Afonso estivese refuxiado nos dominios dos señores da Casa de Traba co apoio da corte portuguesa onde residía a súa nai Urraca despois de que o seu matrimonio co rei Fernando fose anulado. Foi precisamente no condado da Limia onde o daquela infante recibiría a noticia da defunción do seu pai en Benavente, abríndose deste xeito un conflito sucesorio.

Acceso ao trono e inicio do reinado

[editar | editar a fonte]
Mapa político da península Ibérica, onde se mostra Al-Andalus (Imperio almohade) e os Reinos cristiáns nos séculos XII e XIII.

En 1188, á morte de Fernando II, sucedeu ao seu pai como Afonso VIII, rei de León e de Galicia.

Porén, Afonso, pese a ser o fillo primoxénito do rei Fernando II, tivo que enfrontar enormes dificultades para acceder a un trono que lle pertencía por dereito de nacemento .

Por unha parte, estaba a súa madrasta Urraca López de Haro, que quería eliminalo da sucesión, pois pretendía que fose o seu fillo Sancho quen herdase a coroa galego-leonesa, a pesar de que nacera máis tarde. Urraca argumentaba que Afonso VIII de León non tiña dereito ao trono porque o matrimonio entre Fernando e a súa primeira esposa, a portuguesa Urraca de Portugal, fora anulado.

Porén, todo se resolveu a favor de Afonso VIII debido a que Urraca non conseguiu o apoio ás súas pretensións entre os nobres leoneses.

Pero a isto uníase o desexo dos reinos veciños de Portugal e Castela de repartiren entre eles o Reino de León e Galicia. O inicio do seu reinado foi, por tanto, sumamente complicado, xa que portugueses e casteláns ambicionaban as terras do Reino de León polo leste e polo oeste, mentres que os almohades supoñían un gran perigo polo sur.

E por se as ameazas estranxeiras non abondasen, o novo monarca encontrouse con que o reino estaba en bancarrota pola política que levara seu pai durante o seu reinado.

Diante desta situación, o monarca, que apenas tiña dezasete anos, convocou as famosas Cortes de León de 1188.

Cortes de León

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cortes de León de 1188.

Estas Cortes foron convocadas na primavera de 1188, probabelmente na primeira quincena de abril, xa que o 27 deste mesmo mes, Afonso VIII confirmaba a Rodrigo I bispo de Oviedo, todos os seus privilexios.

As Cortes reuníronse na Basílica de Santo Isidoro.

As Cortes reuníronse no claustro de Basílica de Santo Isidoro de León, baixo a presidencia do rei leonés. Nestas Cortes, Afonso recibiu o apoio dos vellos representantes da Curia Rexia (o clero e a nobreza) e, por primeira vez, dos representantes das cidades. Estaban presentes todos os bispos do reino, incluíndo a Pedro Suárez de Deza, arcebispo de Santiago de Compostela, que era a máxima autoridade relixiosa do reino, ademais dos nobres e os representantes das clases populares das cidades do reino de León que, por primeira vez, eran convocados a un acto destas características, para intervir en asuntos de Estado. As cidades representadas eran León, Oviedo, Salamanca, Ciudad Rodrigo, Zamora e Astorga, incluíndo tamén outras como Toro, Benavente, Ledesma e algunhas máis de Galicia, Asturias e Estremadura sendo, desta maneira, as primeiras Cortes representativas de Europa e do mundo,[28] e as precursoras dun Parlamento moderno. Nelas, recoñeceuse o dereito á inviolabilidade dos domicilios e ao hábeas corpus dos participantes.[29]

Naquela asemblea naceu un compromiso que obrigaba a todas as partes, comezando polo mesmo rei; dito compromiso son os chamados Decreta de 1188, recoñecidos pola UNESCO como o embrión da democracia representativa,[30] moi anterior á famosa Carta Magna do rei de Inglaterra Xoán sen Terra, que data de 1215.

O motivo polo cal Afonso convocou aos representantes das cidades foi sen dúbida a perentoria necesidade de solucionar a grave situación económica que sufría o reino. O feito de que os habitantes das cidades gozaran dunha gran prosperidade económica, e de que a colaboración coa nobreza neste aspecto fora demasiado complicada, motivou que o rei chamase aos representantes das cidades para que asistiran a estas Cortes. Así, Afonso VIII conseguiu, sen implicar á nobreza, xerar máis recursos para o reino, recursos cada vez máis necesarios polo crecente gasto que ocasionaban as guerras cos veciños; a cambio, comprometeuse a mellorar a administración da xustiza e a eliminar os abusos de poder da nobreza.

Matrimonios

[editar | editar a fonte]

O 15 de febreiro de 1191, en Guimarães, Afonso VIII casou coa súa prima irmá, Tareixa de Portugal,[24] [31] filla do rei de Portugal, Sancho I e de Doce de Aragón, filla da raíña de Aragón, Petronila de Aragón e do conde de Barcelona Ramón Berenguer IV o Santo. Ambos os noivos eran, por tanto, netos de Afonso Henríques, primeiro rei de Portugal.

Polas presións da Igrexa, e polo feito de que o papa Celestino III, debido a este matrimonio entre primos irmáns sen dispensa papal, excomungara o monarca de León e pronunciara un interdito sobre o Reino de León en 1195, a parella tivo que separarse. En 1198 o matrimonio foi anulado por consanguinidade e en 1200 Teresa retirouse a un convento en Lorvão.[23] A raíña Teresa e a súa irmá Sancha foron beatificadas en 1705 polo papa Clemente XI mediante a bula Sollicitudo Pastoralis Offici.[32][33]

Contra a metade de decembro de 1197, melloradas xa as relacións co Reino de Castela (desde 1195 eran moi malas: nese ano, o intento do rei Afonso VIII de Castela de proseguir a Reconquista fora freado na batalla de Alarcos, o 18 de xullo de 1195 porque, entre outras cousas, Afonso VIII de León, se negara a participar nela), Afonso VIII de León casou coa súa segunda esposa, a súa prima segunda Berenguela de Castela, filla do rei Afonso VIII de Castela, primo irmán de Afonso VIII de León (en realidade o pai de Afonso VIII de León, Fernando II, e o pai de Afonso VIII de Castela e, por tanto, avó de Berenguela, Sancho III, eran irmáns) e de Leonor Plantagenet. A voda celebrouse con grande esplendor na igrexa de Santa María de Valladolid. Para Berenguela foi o seu segundo matrimonio.[23] Berenguela casara en 1188 con Conrado II de Suabia, fillo do emperador do Sacro Imperio Frederico Barbarroxa pero, pola pouca idade da princesa, o matrimonio non se consumara e, ademais, en 1196, Berenguela quedou viúva antes de podelo consumar.

Como resultado desta unión, as relacións entre León e Castela melloraron até tal punto que, xunto co rei de Aragón, Pedro II, Afonso VIII de León e Afonso VIII de Castela fixeron unha alianza e, en 1200, aproveitando o feito de que o rei de Navarra, Sancho VII estaba loitando en Murcia, Andalucía e o norte de África, aliado cos almohades, para atacalo e separar de Navarra os territorios de Áraba e Guipúscoa, en beneficio de Castela.

Segundo a crónica de Alberico de Tres Fontes, en principio o matrimonio foi aceptado polo papa Celestino III. Deste matrimonio naceron cinco fillos.[34] Porén, a pesar de que o papa Celestino autorizara esta unión, en 1204 o recentemente elixido papa Inocencio III apertou para que o matrimonio fose anulado e, ao non conseguir ningún resultado, proclamou un interdito sobre os reinos de León e Castela, ameazando con declarar ilexítimos os fillos nacidos da parella[26]. Finalmente acabou por anulalo en 1204 alegando o parentesco dos cónxuxes. Esta era a segunda anulación para Afonso, e ambos os esposos solicitaron vehementemente unha dispensa para permaneceren xuntos. Pero este papa foi un dos máis duros en cuestións matrimoniais, así que a denegou, aínda que a parella conseguiu que a súa descendencia fose considerada lexítima pola Igrexa. Berenguela regresou a Castela e fíxose monxa no Mosteiro de Santa María la Real de Las Huelgas, en Burgos.

Conflitos territoriais

[editar | editar a fonte]
Valderas foi unha das prazas leonesas que usurpou Afonso VIII de Castela nos inicios do reinado de Afonso VIII de León.

Pouco despois de ser coroado, Afonso VIII de León reuniuse co seu primo Afonso VIII de Castela en Carrión de los Condes coa intención de iniciar unhas boas relacións con Castela que permitiran unha paz duradeira. A reunión consistiu nunha cerimonia para investir a Afonso VIII de León cabaleiro e, como era costume nestes casos, Afonso beixou a man do rei castelán, recibindo por parte deste a espada e o cinto propios dun cabaleiro.

Na mesma cerimonia foi armado cabaleiro o príncipe Conrado de Suabia, fillo do emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Frederico Barbarroxa. O príncipe viñera á península co obxectivo de casar coa infanta Berenguela, filla de Afonso VIII de Castela.

Afonso VIII de Castela, máis tarde, e rompendo o pacto, entrou coas súas tropas en territorio leonés, apoderándose de varias prazas que nunca pertenceran a Castela, entre elas Valencia de Don Juan e Valderas. Comezaron así as hostilidades co Reino de León, invadindo uns territorios que marcarían a política exterior de Afonso VIII de León.

En 1211 Afonso devolveu o castelo de Alcañices aos templarios.[35][36]

Tras a disolución do seu matrimonio con Berenguela, Afonso centrouse outra vez na rivalidade do seu reino co de Castela. Volveron as friccións, especialmente nos territorios situados na Franxa de Carrión e en parte da Terra de Campos.

En 1217 a súa ex-esposa, Berenguela, abdicou en favor do fillo de ambos, Fernando, polo que este se trasladou xunto á súa nai para gobernar o reino castelán, do que Benguela era rexente.

O rei Sancho I de Portugal, polo oeste, penetrou en territorio leonés co mesmo obxectivo que Castela: apoderarse de parte das terras do Reino de León (principalmente, do Reino de Galicia). Así, o reino leonés viuse cercado entre dúas frontes que ameazaban coa súa destrución.

En 1197 Afonso VIII de León declarou a guerra a Sancho I de Portugal, que invadira o sur de Galicia e ocupara a cidade de Tui durante dous anos. Cando fixeron as paces, Afonso fundou a cidade da Guarda para protexer a fronteira oriental.

Afonso VIII de León, vendo a situación, deuse de conta do grave perigo que corría o seu reino. Para encontrar unha solución, utilizou a diplomacia e púxose de inmediato a buscar apoios en Portugal. Primeiro entrevistouse co seu tío Sancho I de Portugal e concertou o seu matrimonio coa filla do rei, a infanta Teresa. Debido a que ambos os dous, como quedou dito, eran netos de Afonso Henríques, primeiro rei de Portugal, o casamento entre eles estaba prohibido. Porén, o matrimonio celebrouse e durou tres anos, antes de que o papa o anulase, nos cales tiveron tres fillos: Sancha, Fernando e Aldonza (tamén coñecida como Doce).

Liga de Huesca

[editar | editar a fonte]

Nun tempo tan convulso, o rei de Portugal propuxo ao seu homólogo aragonés, Afonso II, un pacto para defendérense de Castela.

O rei de Aragón, temeroso de Castela, propuxo ao rei portugués que o pacto se estendera ao Reino de Navarra, cuxo rei era Sancho VI, e ao Reino de León.

O pacto entre estes catro reinos, asinado o día 12 de maio de 1191 na cidade de Huesca, polo que se coñece como a Liga de Huesca, consistía nun compromiso polo cal ningún dos monarcas asinantes entraría en guerra sen o mutuo consentimento.

Afonso VIII de León, pola súa parte, asinou o tratado pola pouca confianza que tiña co seu primo Afonso VIII de Castela, que, a pesar do convenio de Carrión, seguía sen devolverlle as prazas leonesas que aínda retiña.

Pacto cos almohades

[editar | editar a fonte]
O Imperio almohade en 1200.

En 1191, Afonso VIII de León, temeroso do perigo que supoñía o gran poder do Imperio almohade, asinou unha tregua de cinco anos ante a imposibilidade de enfrontarse a un inimigo tan perigoso. O papa Celestino III non tardou en reaccionar ante este pacto: excomungou ao rei de León para castigalo polo seu pacto cos almohades. E mesmo fixo máis: procedeu a conceder as mesmas grazas a aqueles que loitaran contra o Reino de León que as que recibían os que participaban nas Cruzadas, deixando así relevados da obediencia debida ao rei aos súbditos leoneses.

Daquela Sancho I de Portugal, crendo que o final do Reino de León estaba cerca, aproveitou a oportunidade para atacar o reino, esperando, como anos atrás, ampliar os seus dominios a costa do Reino de León. Invadiu Galicia coa axuda de varios nobres galegos, tomando Tui e Pontevedra, poboacións que pasarían de novo ao Reino de León máis tarde.

Afonso VIII de Castela, pola súa parte, coa axuda de Portugal e do Reino de Aragón, aproveitou a bula papal para atacar tamén o Reino de León. Penetrou polo sur e atacou Benavente, fracasando no seu intento de conquistar a praza. Avanzou máis tarde cara ao norte até Astorga, cidade que tamén atacou fracasando de novo no intento de conquistala. Despois de deixar unha verea de destrución ao seu paso, chegou ás portas da cidade de León, á cal non foi capaz de acceder, contentándose coa toma de Puente Castro, localidade próxima á cidade (hoxe en día é un barrio de León), tras varios días de brutais ataques. Despois de ocupar esta localidade, o rei castelán saqueou e destruíu o barrio xudeu e a súa sinagoga, escravizando a parte dos seus moradores.

Cando Afonso VIII de León recibiu en 1195 axuda dos árabes en forma de diñeiro e tropas, decidiu contraatacar a Castela, chegando até Carrión de los Condes. Deste modo, e considerando Afonso que así reparaba a humillación sufrida polo acto de beixar a man do monarca castelán; e para confirmar a anulación daquel acto, fíxose armar cabaleiro novamente. Afonso VIII de Castela, pola súa parte, fixo tamén un pacto cos almohades para evitar males maiores.

O legado pontificio, coñecedor das malas relacións entre os reinos de León e de Castela, quixo mediar no conflito. Así, conseguiu que ambos os reis se reuniran en Tordehumos, Valladolid, onde se asinou un tratado de paz o 20 de abril de 1194 no cal se obrigaba ao rei castelán a devolver de inmediato tres castelos leoneses (os de Alba, Luna e Portilla) e, á súa morte, todas as vilas que Castela arrebatara a León tras falecer Fernando II de León (Valderas, Bolaños, Villafrechós, Villarmentero, Siero de Riaño e Siero de Asturias).[37] No tratado, Afonso IX comprometeuse a casar con Berenguela, filla máis vella do rei de Castela. (Ver Matrimonios, máis arriba).

A derrota de Alarcos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Batalla de Alarcos.

O 4 de xullo Yaacub partiu de Córdoba, e cruzando Despeñaperros, avanzou sobre a chaira onde se alzaba o castelo de Salvatierra, aos pés do de Calatrava. Un destacamento da Orde de Calatrava, xunto con algúns cabaleiros de fortalezas próximas, intentaron dar coas forzas almohades, pero encontraron un exército moi superior ao destacamento e foron exterminados case por completo. Afonso VIII de Castela alarmouse tras o acontecido e apresurouse a reunir todas as tropas posíbeis en Toledo e a marchar cara a Alarcos, que era o extremo sur das posesións de Castela, na fronteira con Al-Ándalus. O monarca castelán reclamou a axuda dos reis de León, Navarra a Aragón, xa que o poderío almohade ameazaba a todos por igual. Pero por darse présa en presentar batalla, o rei castelán non esperou os reforzos de Afonso VIII de León nin os de Sancho VII de Navarra, que estaban de camiño. O 16 de xullo o grande exército almohade foi avistado. Imprudentemente, Afonso VIII de Castela decidiu presentar batalla ao día seguinte de chegar as tropas aos arredores de Alarcos (o 17 de xullo). Talvez por confiar na forza da cabalaría pesada castelá, en vez de retirarse a Talavera de la Reina onde chegaran as tropas leonesa. Pero Afonso VIII de León, debido a que o rei castelán non devolvera as prazas leonesas que aínda tiña no seu poder, a pesar do acordado, negoulle o seu apoio. Así, o rei de Castela esperaba derrotar el só aos almohades e non compartir a súa gloria co monarca leonés. Os exércitos cristián e musulmán encontráronse o 19 de xullo de 1195 en Alarcos. A batalla terminou cunha estrepitosa derrota do exército cristián.[38] Porén, unha vez consumada a derrota, Afonso VIII de León citouse en Toledo co seu primo o rei castelán para demandarlle que cumprira o acordo e lle devolvera as prazas leonesas no seu poder; Afonso VIII de Castela negouse, e o rei leonés abandonou a reunión indignado.

Nos dous anos seguintes á batalla, as tropas de al-Mansur devastaron Estremadura, o val do Texo, A Mancha e toda a zona próxima a Toledo, marcharon contra Montánchez, Trujillo, Plasencia, Talavera, Escalona e Maqueda, pero foron rexeitadas por Pedro Fernández de Castro "o Castelán" que, tras a batalla, pasou a servir ao rei Afonso VIII de León, que o nomeou o seu Mordomo maior. Porén, estas expedicións almohades non achegaron máis terreo para o Califato. De todos os xeitos, a reconquista quedou paralizada até a batalla das Navas de Tolosa.

As Navas de Tolosa

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Batalla das Navas de Tolosa.
Selo de Afonso VIII de León.

Nos anos seguintes os almohades seguían a representar unha ameaza que debía ser eliminada para asegurar a supervivencia dos reinos cristiáns peninsulares. Isto motivou ao arcebispo de Toledo, Rodrigo Jiménez de Rada, a informar ao novo papa Inocencio III do perigo. Con data 16 de febreiro de 1212, o papa enviu unha bula ao rei de Castela para informalo da conveniencia de iniciar unha nova guerra contra os almohades. O monarca castelán contestou que faría unha cruzada contra os musulmáns.

A iniciativa pasaba, pois, ao Reino de Castela. O monarca castelán, que sufrira a grave derrota de Alarcos, sabía que necesitaba a colaboración dos outros reinos cristiáns da península se quería saír vitorioso nesta empresa. Desta forma, mentres Afonso VIII de Castela se encontraba en Madrid preparando a batalla xunto ao seu fillo, que morrería antes de que se librara a batalla, enviou mensaxeiros aos Reinos de Navarra, Aragón e León.

En Castela temíase o poderío do Reino de León, xa que había pouco que demostrara a súa fortaleza derrotando aos portugueses en varias batallas. Ademais, na conciencia do rei castelán preocupaba o feito do que faría o rei leonés para recuperar os territorios leoneses que, pese a todos os pactos, mantiña aínda no seu poder. Temía que Afonso VIII de León puxera como condición para participar na batalla a devolución de todos os territorios usurpados, ou que, no caso de que o rei de León non acudira á batalla, aproveitaría a súa ausencia para recuperalos.

Por iso Afonso VIII de Castela pediu a mediación do papa, para evitar calquera ataque leonés. Inocencio III accedeu e ameazou coa excomuñón a todo aquel que se atrevera a violar a paz mentres os casteláns loitaban contra os musulmáns. Este feito contrasta co sucedido anos atrás, cando o mesmo papa obrigara ao monarca castelán, sen éxito, a devolver eses castelos a Afonso VIII de León. O rei de León, que ansiaba acudir á batalla, convocou unha Curia Regia que lle recomendou que exixira condicións para participar na campaña, e así, Afonso VIII de León respondeu ao seu curmán e homólogo castelán que acudiría gustoso en canto se lle devolveran os territorios que lle pertencían.

Entre tanto, Afonso VIII de Castela reuniu en Toledo as tropas como punto de partida. Ás tropas castelás se lles uniron as de Aragón e Navarra, así como un gran número de cabaleiros franceses, italianos e doutros países europeos. Á batalla non acudiron os reis de León nin de Portugal, pero permitiron que os seus vasalos se incorporaran á batalla. Deste xeito, moitos leoneses, asturianos e galegos participaron na batalla.

Tal como temera Afonso VIII de Castela, o rei leonés procedeu a recuperar o que era seu. Para non violar o edicto do papa e evitar a excomuñón, dedicouse a recuperar só aquelas prazas que estaban dentro das fronteiras de León, evitando así o enfrontamento en terras castelás. Cando Afonso VIII de Castela volveu vitorioso da batalla e se encontrou cos feitos consumados, non puido facer nada. Aínda máis, convidou aos reis de León e de Portugal a concertar un tratado de paz, o cal se asinou en Coímbra. Houbo incluso un novo pacto no cal Afonso VIII de Castela devolveu as prazas leonesas de Peñafiel e Almanza a Afonso VIII de León.

Reconquista

[editar | editar a fonte]
Despois de varios intentos, Afonso VIII de León conseguiu conquistar Cáceres en 1229.

Finalizadas as loitas con Castela despois da morte de Afonso VIII de Castela, Afonso VIII de León reemprendeu os seus plans de reconquista. A finais de 1218 o monarca leonés organizou unha expedición a terras musulmás, na que participaron cruzados gascóns e as Ordes de Calatrava e Alcántara,[39] coa intención de conquistar Cáceres; porén, a cidade estaba ben defendida e, tras un asedio de tres meses e medio, os exércitos cristiáns tiveron que retirarse.[40]

Nunha segunda incursión a terras musulmás, Afonso VIII de León encontrouse cun novo inimigo, que non era outro que o Reino de Portugal, que ansiaba as mesmas terras que o monarca leonés quería para o seu reino. Desta maneira, os portugueses atacaron ás tropas leonesas en Braga e Guimarães e foron derrotadas en ambas as ocasións. O 13 de xuño de 1219, ambos os reinos asinaron un novo tratado de paz para poñer fin ás hostilidades. Despois destas vitorias contra os portugueses, Afonso VIII de León realizou unha incursión por terras musulmás até Sevilla, onde derrotou aos mouros e recolleu un gran botín.

En 1221 os cabaleiros da Orde de Alcántara lograron render a cidade de Valencia de Alcántara, o que daría un novo impulso á reconquista leonesa.[41] Ao ano seguinte, volveu a intentarse a toma de Cáceres, fracasando novamente. O rei Afonso VIII de León volveu a asediar a cidade en 1223, 1225 e 1226 (ano no que tamén intentaría render Badaxoz, sen éxito), até que, finalmente, Cáceres caeu en abril de 1229.[41] [42]

A cidade de Cáceres era a peza clave na fronte musulmá. Isto, unido á grave derrota ocorrida en 1230 ao exército de Ibn Hud, que se dirixía a socorrer Mérida, tivo como consecuencia a caída moitas cidades estremeñas e o abandono doutras por parte dos seus defensores andalusís.[41] Así, en 1230 serían conquistadas Mérida —tras un longo asedio—,[42] Badaxoz, Elvas —as dúas abandonadas polos seus defensores— e Baldala (actual Talavera la Real).[42] Ese mesmo ano Montánchez foi entregada á Orde de Santiago.[42]

Xestión do Reino de León durante o seu reinado

[editar | editar a fonte]

Repoboación

[editar | editar a fonte]
Estatua de Afonso VIII de León, por Oliveira, en Baiona. Baiona foi potenciada por Afonso mediante a concesión dun Foro.[43]

Afonso VIII de León aplicou unha política de repoboación baseada no coñecemento das actuacións que os seus predecesores fixeran, elixindo así a que resultara máis conveniente. Aplicou sobre todo técnicas parecidas ás que no seu día seguiran Afonso III e Ramiro II. E non só se dedicou a repoboar zonas novas, senón que tamén potenciou as xa poboadas mediante foros para mellorar o goberno e o desenvolvemento das vilas e cidades do Reino de León.

Foro de Castro Caldelas, privilexio dado polo rei Afonso. Primeiro documento en lingua galega. 1228.[44]

Concedeu así foros a Tui, Baiona, Lobeira, Ponte Caldelas, Melide, Monforte de Lemos, Sarria, O Burgo de Castro Caldelas, Betanzos, ou Triacastela,[45] en Galicia.

En Asturias concedeu foros a Llanes, despois de repoboala, e eximiu do pagamento do portádego a Oviedo, que se exixía para pasar desde esta cidade a León, e ademais repoboou Tinéu.

Por último, en León concedeu foros a Carracedelo, Vilafranca do Bierzo, Bembibre e a Pobra de Seabra, e repoboou Villalpando.

En 1208 refundou Crunia (iuxta Turrim de Faro in loco qui dicitur Crunia) trasladando aos habitantes da próxima poboación do Burgo até a actual localización da Cidade Vella, reconstruíndo a urbe e outorgándolle os privilexios do Foro de Benavente. Así, A Coruña pasou a ser unha cidade de reguengo, é dicir, que dependía directamente do rei, libre de vasalaxe ao clero ou aos señores feudais que se repartían o resto do territorio galaico. A vila encetou un gran desenvolvemento mercante e pesqueiro, e estendeuse polo tómbolo da península.[46]

O 20 de abril de 1211 celebrou a solemne consagración da Catedral de Santiago de Compostela.[47][48]

Recursos económicos

[editar | editar a fonte]

A economía do Reino de León baseábase na agricultura e a gandaría. Coñecedor disto, Afonso VIII de León promulgou varias leis no comezo do seu reinado para favorecer as actividades vitivinícola e madeireira, así como a cría de bois e outros animais de labor, co fin de impulsar as actividades existentes e diversificar en certo modo a economía do reino. Durante o seu reinado, nas zonas húmidas, como Asturias e Galicia, floreceu a gandaría, mentres que na zona do Douro fixo o propio a agricultura.

A produción de cereal, bastante abundante na zona do Douro, era insignificante en Asturias e Galicia, tendo problemas estes territorios incluso para abastecer de trigo ás igrexas, as cales necesitábano para facer a consagración relixiosa. Ante esta escaseza, non é de estrañar que se considerara un gran luxo comer pantrigo en ditos territorios, especialmente nas cidades. A produción de cereais en todo o reino centrábase sobre todo no trigo e no centeo, aínda que tamén se producían outros produtos como hortalizas, liño e legumes. Os animais empregados na agricultura eran vacas e bois, substituídos nas chairas da Terra de Campos por mulas.

O viño producías en todo o Reino; aínda así, destacaban algúns puntos de produción: a comarca de Ribadavia en Ourense, Vilafranca do Bierzo en León, Toro na provincia de Zamora, e a Ribera del Duero e Terra de Campos.

A pesca tamén era un recurso importante en todo o reino, e moita xente se dedicaba a ela tanto de mar como de río.

En Asturias, a produción de mazás era enorme e, como normalmente había un grande excedente, este era usado para producir sidra. Afonso VIII de León chegou a sorprenderse cando lle comunicaron que varias comunidades monásticas asturianas colleitaban as mazás para despois elaborar sidra para todo o ano.

Un dos grandes logros da xestión de Afonso VIII foi o acusado descenso do poder que ostentaban os nobres respecto a épocas anteriores e a outros Reinos, debido á política seguida polo monarca leonés.

A Universidade de Salamanca

[editar | editar a fonte]
A Universidade de Salamanca debe a súa existencia ao rei leonés.

Un dos actos máis importantes e destacábeis de Afonso VIII de León foi a creación do Estudo Xeral de Salamanca, a partir das Escolas catedralicias que xa levaban funcionando desde case un século ates. Naqueles tempos eran normais as escolas nas catedrais de todos os reinos de España.

Entre 1208 e 1214, o bispo Tello Téllez de Meneses creara un Estudo Xeral en Palencia (que acabou converténdose en Universidade en 1263, cando estaba a punto de desaparecer), un Estudo onde os leoneses tiñan difícil acudir debido aos continuos choques entre León e Castela.

Por iso, Afonso VIII de León decidiu, en 1218, crear outro Estudo Xeral (Studium Generale) en Salamanca.[49] xerme da Universidade de Salamanca, que foi o segundo máis antigo de España, tras o seu homólogo Studium de Palencia.

Este Studium de Salamanca foi a primeira institución educativa europea en obter o título de Universidade, pola real cédula de Afonso X o Sabio datada o 9 de novembro de 1252, e posteriormente ratificada pola licentia ubique docendi do papa Alexandre IV no ano 1255.[49][50]

Cómpre sinalar que no momento de transición do latín ao romance como idioma da administración pública, a lingua da Corte de Afonso VIII de León era o galego. El mesmo o falaba. Era a lingua dos Cancioneiros e da cultura na península. Debe salientarse que a base da institución salmantina foi a Escola catedralicia de Santiago de Compostela, fundada no século XI no tempo da raíña Sancha I de Galicia, que reinou entre 1037 e 1065, e que a Universidade de Salamanca, como consta no seu Cartulario, foi desde o principio galaica. Os arcebispos de Santiago ostentaron o reitorado durante a Idade Media e a maioría dos profesores, formados en Santiago, en París ou en Boloña, eran galegos.[6]

Últimos anos e morte

[editar | editar a fonte]
Sepulcro do rei Afonso VIII de León e Galicia. Panteón Real da catedral de Santiago[7]

Afonso VIII de León pasou os últimos anos da súa vida na loita contra os musulmáns de al-Andalus conquistando Elvas e outras cidades de Estremadura, en 1228,[23] e despois Cáceres, en 1229, e finalmente Mérida e Badaxoz, en 1230.

Despois destas campañas, en 1230, dirixiuse a Santiago de Compostela para visitar o Apóstolo Santiago, polo cal sentía gran devoción, para agradecerlle a súa protección e axuda na reconquista.

No camiño, enfermou gravemente en Vilanova de Sarria, en Galicia (Villa Noua iuxta Sarriam in Gallecia), e faleceu pouco despois, o 24 de setembro dese ano.[23]

O seu corpo foi trasladado a Santiago e sepultado na Catedral desta cidade, ao lado do seu pai, Fernando II,[23] no Panteón Real.

O problema da sucesión

[editar | editar a fonte]

Afonso VIII de León e Galicia legou o seu reino a Sancha e Aldonza, fillas do seu primeiro matrimonio, que ascenderon ao trono co apoio da nobreza, pero o clero e a aristocracia opuxéronse, xa que preferían que os reinos de León e Castela se reunificaran baixo o rei Fernando III.

O acordo alcanzouse polas dúas ex-esposas de Afonso VIII, Teresa e Berenguela que, en nome dos seus respectivos fillos, asinaron a Concordia de Benavente de 1230, na cal a súa primeira muller, Teresa de Portugal, renunciaba aos dereitos que as súas fillas Sancha e Aldonza tiñan ao trono de León, en favor do rei de Castela Fernando, fillo de Afonso e da súa segunda muller Berenguela.[51] Así, Fernando logrou reunir baixo unha soa coroa, e definitivamente, os reinos de León e Castela, non sen a oposición da poboación leonesa que, durante varios meses, pechou as portas da cidade de León ao rei castelán, contra o cal loitaran durante moitos anos nos campos de batalla.

Véxase tamén: Concordia de Benavente.

Descendencia

[editar | editar a fonte]

Primeiro matrimonio

[editar | editar a fonte]

Do seu matrimonio coa infanta Teresa de Portugal, filla do rei Sancho I de Portugal e da raíña Aldonza de Aragón (tamén coñecida como Doce de Barcelona), naceron tres fillos:

Segundo matrimonio

[editar | editar a fonte]

Do seu segundo matrimonio, coa infanta Berenguela de Castela, filla do rei Afonso VIII de Castela e da raíña Leonor Plantagenet, naceron cinco fillos:

Fillos ilexítimos

[editar | editar a fonte]

Da súa relación cunha señora da que non se coñece o nome, tivo un fillo:[19][23][24]

  • Pedro Afonso de León (1196-1226).

Despois da anulación do seu primeiro matrimonio, e antes de casar con Berenguela, o rei Afonso tivo unha relación amorosa, que durou uns dous anos, con Inés Íñiguez de Mendoza, filla de Íñigo López de Mendoza e da súa esposa María García,[55] con quen tivo unha filla nacida contra 1197:

Tivo outra relación cunha nobre galega, Estefanía Pérez de Faiam, a quen en 1211 o rei doou un reguengo en terras ourensás onde a súa familia, segundo se desprende do seu testamento datado en 1250, tiña moitas propiedades, así como no norte de Portugal. Era filla de Pedro Menéndez Faiam, quen confirmou varios documentos reais outorgados polo rei Afonso VIII, e neta de Menendo Faiam, que tamén confirmou varios diplomas reais do rei Fernando II emitidos en Galicia a partir de 1155. Estefanía contraeu matrimonio despois da súa relación co rei con Rodrigo Suárez, de quen tivo descendencia. No seu testamento mandou ser enterrada na igrexa do Mosteiro de Fiães, no norte de Portugal (en Melgaço), na beira do Miño.[57]

Afonso VIII de León e Estefanía foron pais de:

  • Fernando de León (1211-?),[57] falecido na súa xuventude.[58] [c]

Segundo o historiador medievalista Julio González González, despois da súa relación con Estefanía, o rei tivo unha amante salmantina de orixe descoñecida chamada Maura, de quen tivo a:[59]

Da súa relación entre 1214 e 1218 coa nobreza portuguesa Aldonça Martínez de Silva, filla de Martinho Gómez de Silva, señor de Silva, e da súa esposa Urraca Rodríguez,[60] naceron tres fillos:

  • Rodrigo Afonso de León (m. despois de 1252), señor de Aliger e Castro del Río e Adiantado maior da fronteira de Andalucía, que casou con Inés Rodríguez, filla de Rodrigo Fernández de Valduerna o Feo,[61] señor de Cabrera e alférez do rei Afonso VIII.
  • Aldonza Afonso de León (m. despois de 1267), que casou co conde Pedro Ponce de Cabrera, fillo do conde Ponce Vela de Cabrera e a condesa Teresa Rodríguez Girón.[62] Aldonza e o seu esposo Pedro aparecen xuntos por primeira vez o 10 de xuño de 1230 cando ambos doaron ao Mosteiro de Nogales a metade da igrexa de San Pelayo de Pobladura de la Valdería.[63]
  • Teresa Afonso de León, que contraeu matrimonio con Nuño González de Lara o Bo,[64] señor da Casa de Lara. Outra filla bastarda de Afonso VIII, tamén chamada Teresa Afonso, que casou co conde Nuño González de Lara, xacía con este na capela maior do convento dos dominicos de San Pablo de Palencia.[65] Segundo Sánchez de Mora, Teresa era descendente do rei Afonso VIII e engade: «Segundo Salazar y Castro, Teresa Afonso era filla de Pedro Afonso e unha dama da casa de Villamayor, mentres que Julio González González identifícaa ben cunha filla de Urraca Afonso e Lope Díaz de Haro II, ben cunha filla natural de Afonso VIII. Á súa vez, o conde de Barcelos afirma que fora filla do monarca leonés e a súa amante Aldonza Martínez».[66] Teresa Alfonso, tal como sosteñen varios autores, foi filla do rei Afonso VIII. Así consta nunha venda que Teresa realizou en novembro de 1254 na vila de Carucedo. No documento, gardado no arquivo do Mosteiro de Santa María de Carracedo, declara que é filla do rei Afonso, neta do rei Fernando, e esposa de Nuño González de Lara.[67]

A relación máis duradeira do rei Afonso VIII, que comezou en 1218 e durou até a súa morte en 1230,[68] foi con Teresa Gil de Soverosa.[69] Membro da nobreza portuguesa, Teresa era filla de Gil Vázquez de Soverosa e de María Aires de Fornelos. Foron pais de catro fillos, todos eles nacidos entre 1218, o ano en que comezou a relación, e 1230, o ano en que morreu o rei:[70]


  1. VIII é o ordinal que lle atribúe a historiografía moderna galega, e así aparece en múltiples fontes, incluídas varias enciclopedias editadas en galego (EGU, GEG e DEGU)
  2. A súa titulación inicial completa era Rex Legionis et Gallecie (rei de León e Galicia) pero, despois da conquista de Badaxoz (1230), engadiu tamén rex Badalloi (rei de Badaxoz). Nalgunha ocasión usou, así mesmo, o título de rex Asturianum (rei de Asturias).
  3. É posíbel que, á parte de Fernando Afonso, fosen pais doutro fillo chamado Xoán Afonso, que aparece nalgúns documentos cos fillos de Estefanía habidos no seu matrimonio con Rodrigo Suárez.
  4. O 4 de xullo de 1275, María doou ao Mosteiro de Santa María de Melón a cuarta parte do couto de Lougares. Véxase o documento publicado pola Real Academia Galega Arquivado 06 de maio de 2016 en Wayback Machine..
Referencias
  1. López Carreira 1997, p. 160.
  2. López Carreira 2003.
  3. López Carreira 2013.
  4. López Teixeira, Xosé Antonio (2003). Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910). Trivium. Toxosoutos. p. 10. ISBN 84-95622-78-5. 
  5. Míguez Macho 2011.
  6. 6,0 6,1 Nogueira, Camilo (26/9/2008). "Afonso VIII dito IX". El País (edición Galicia). 
  7. 7,0 7,1 "Por que os Reis de Galicia son nomeados como Reyes de León e non de Galicia?". historiadegalicia.gal. 29/8/2017. 
  8. Diciopedia do século 21.
  9. Elías de Tejada 1966.
  10. Filgueira Valverde 1991, p. 330.
  11. González López 1980.
  12. Villares Paz 1992, p. 57.
  13. Pallares & Portela 1980, p. 115.
  14. Pallares & Portela 1996, p. 195.
  15. Nogueira Román, Camilo (2001). A memoria da nación. O reino de Gallaecia. Xerais. p. 233. ISBN 84-8302-656-2. [Afonso de Castela] Como primeiro rei exclusivo de Castela, debería ser titulado Afonso I, do mesmo xeito que o é Afonso Henriques en Portugal. 
  16. López Carreira, Anselmo (2008). O Reino Medieval de Galicia. A Nosa Terra. p. 128. ISBN 978-84-8341-293-0. Afonso VIII [...] foi impunemente convertido en 'noveno' para podelo incluir nunha inventada nómina de reis de España xunto con outro Afonso, de Castela (a quen se lle outorga o ordinal 'oitavo') [...] creandose así unha secuencia ficticia. 
  17. Las Siete Partidas del Sabio Rey D. Alfonso el IX / con las variantes de más interés, y con la glosa del lic. Gregorio López ...; vertida al castellano y estensamente adicionadas con nuevas notas y comentarios y unas tablas sinópticas comparativas, sobre la legislación española, antigua y moderna, hasta su actual estado, por D. Ignacio Sanponts y Barba, D. Ramón Martí de Eixala, y D. José Ferrer y Subirana... Universidad de Granada (en castelán) I (Barcelona: Imprenta de Antonio Bergnes). 1844. 
  18. AA.VV. (2005). "Afonso VIII". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8. 
  19. 19,0 19,1 19,2 "Afonso IX. König von Leon (1188-1230)". mittelalter-genealogie.de (en alemán). Archived from the original on 18 de setembro de 2008. Consultado o 05 de xuño de 2018. 
  20. 20,0 20,1 Reis de Portugal en Medieval Lands (en inglés)
  21. Capetingi genealogy (en inglés)
  22. Gerli 2003, p. 54.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 23,6 23,7 Cawley, Charles. "Castile & Leon, counts & kings - 3.A. Kings of León 1157-1230". Medieval Lands (en inglés). 
  24. 24,0 24,1 24,2 Marek, Miroslav Casa de Ivrea-genealogy Arquivado 09 de novembro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
  25. Shadis 2010, p. xix.
  26. 26,0 26,1 Cronica Alberici Monachi Trium Fontium (en latín).
  27. 27,0 27,1 López Sangil 2005.
  28. González, Miguel Ángel e Chao, Ricardo (7/5/2006): Historia de León La Revista. Diario de León.
  29. Fernández Catón 1993.
  30. "Amigos de los Decreta". Raigañu (en castelán). 19/4/2017. 
  31. Fernandes Marques 2008, p. 62.
  32. Beata Sancha, virgen y fundadora en El Testigo Fiel (en castelán). Consultada o 23 de outubro de 2017.
  33. Beata Teresa del Portogallo en Santi e Beati (en italiano).
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 Martínez Díez 2007, p. 47.
  35. Martínez Díez, Gonzalo. Los Templarios en la Corona de Castilla (1ª ed.). Burgos: La Olmeda. p. 103. ISBN 9788460462774. 
  36. Canal Historia (22/10/2015). "Apéndice I. Los lugares del Temple". Templarios. Del origen de las cruzadas al final de la Orden del Temple (1ª ed.). Penguin Random House. p. 417. ISBN 9788401015731. 
  37. Rodríguez López 1994, p. 162.
  38. Suárez Fernández, Luis (1978). Historia de España. Edad Media (en castelán). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-3134-3. 
  39. Rábade Obradó et al. 2005.
  40. Rodríguez López 1994, p. 102.
  41. 41,0 41,1 41,2 Álvarez Palenzuela 2007.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 Rodríguez López 1994, p. 116.
  43. Alvarado 1997.
  44. Míguez Macho 2011, p. 90.
  45. Villares, Ramón (2016): Historia e Galicia Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9855-555-1.
  46. González Garcés, Miguel (tradución dos documentos ao galego, Xosé Manuel Pose Mesura) (2008): Alfonso IX y su Crunia. Concello da Coruña. ISBN 978-84-9560-0-59-2. Textos en castelán, galego e latín.
  47. Páxina web do 800 aniversario da Catedral de Santiago (en castelán).
  48. Orlandis Rovira, José (1990): "Algunas consideraciones en torno a los orígenes cristianos en España" Arquivado 23 de outubro de 2017 en Wayback Machine. en Antigüedad y cristianismo: Monografías históricas sobre la Antigüedad tardía, nº 7, páxs. 63-72.
  49. 49,0 49,1 Universidad de Salamanca. Historia.
  50. Rodríguez Cruz, Águeda María. "Índice de relación documental". Universidad de Salamanca. Consultado o 23 de outubro de 2017. 
  51. Rodríguez López 1994, p. 118.
  52. Fernandes Marques 2008, pp. 89 e 140.
  53. Fernandes Marques 2008, p. 140.
  54. Fernandes Marques 2008, pp. 140 e 143.
  55. Calderón Medina 2011, p. 262.
  56. Calderón Medina 2011, pp. 262–263.
  57. 57,0 57,1 Calderón Medina 2011, pp. 264–265.
  58. Calderón Medina 2011, p. 264 n.31.
  59. 59,0 59,1 Calderón Medina 2011, p. 265.
  60. Calderón Medina 2011, p. 266–267.
  61. Calderón Medina 2011, pp. 267–268.
  62. Calderón Medina 2011, pp. 268–270.
  63. Cavero Domínguez 2001, pp. 88–89, doc. 51.
  64. Calderón Medina 2011, p. 269.
  65. Arco y Garay 1954, pp. 181–192.
  66. Sánchez de Mora 2004, p. 633 e n. 8, mesma páxina.
  67. Martínez Martínez 1997, pp. 359-360, doc. 495.
  68. Calderón Medina 2011, p. 275.
  69. Calderón Medina 2011, p. 270.
  70. Calderón Medina 2011, pp. 268, 270 e 275.
  71. 71,0 71,1 71,2 71,3 71,4 Calderón Medina 2011, p. 276.
  72. Sánchez Rivera, Jesús Ángel (2008). "Configuración de una iconografía singular: la venerable doña Sancha Alfonso, comendadora de Santiago". Anales de Historia del Arte (UCM) (18): 167–209. ISSN 0214-6452. 
  73. Calderón Medina 2011, pp. 275–276.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Os reis e as raíñas da Galiza.
Afonso VIII. Un rei no final da Era Compostelá.
(Nós Diario, 18.10.2022)

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Fernando II de León e Galicia

Rei de León e Rei de Galicia

11881230
Sucesor:
Sancha II e Aldonza (de iure)
Fernando III (de iure e de facto)