Silo (rei)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Silo
Estatua do Rei Silo en Pravia (Asturias)
Princeps na Galicia altomedieval
Reinado 774-783
Coroación 774
Predecesor Aurelio
Sucesor Mauregato
Cónxuxe Adosinda
Descendencia
Descoñecida
Casa Descoñecida
Pai Descoñecido
Nai Descoñecida
Nacemento Descoñecido
Falecemento 783
Enterramento Presumiblemente na igrexa de Santianes, (Pravia)

Silo (Silo Silonis), finado en Pravia (Asturias) no 783, foi un rei (princeps asturorum segundo as crónicas) que gobernou gran parte da Galicia altomedieval desde 774 a 783. Accedeu ao trono polo seu casamento con Adosinda, filla do rei Afonso I e instalou a súa corte en Pravia (Asturias). O seu reinado está marcado pola paz con Al-Andalus, sendo coetáneo do rei franco Carlomagno e do emir Omeia de Córdoba Abderramán I.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

A orixe de Silo é totalmente descoñecida, datos básicos como o seu nacemento, o seu lugar de procedencia ou incluso os nomes dos seus pais son un enigma. Os escasos datos históricos do seu curto reinado -de apenas 9 anos- están baseados case unicamente en tres crónicas escritas máis de cen anos despois do reinado de Silo, nas chamadas Crónicas de Afonso III, redactadas pouco antes do ano 900 por orde do rei Afonso III o Magno.

Á xa diferencia temporal entre os supostos feitos de Silo (774-783) e a descrición destas Crónicas (ano 888-900), hai que sumar o feito de que estas foron redactadas co obxectivo político de presentar a Afonso III como lexítimo e indiscutible monarca dunha suposta liñaxe real que pretendía facelo herdeiro dos visigodos. Debido a isto, a veracidade destas crónicas é seriamente discutida entre os académicos, e os datos deben ser interpretados en clave histórica.

Acceso ao trono[editar | editar a fonte]

A documentación ao respecto non só é escasa senón incluso contraditoria. Para a versión 'Rotense da Crónica de Afonso III, tras a morte de Aurelio, Silo tomou en matrimonio á filla de Afonso I, -de nome Adosinda- o que lle tería propiciado o acceso ao trono, sen embargo a Crónica Albeldense fai fincapé no feito de que "no tempo de Aurelio, Silo tomou por esposa a Adosinda, irmá do rei Froila, coa que máis tarde alcanzaría o trono". Se ben as crónicas difiren se o casamento con Adosinda foi previo ou posterior á morte de Aurelio, o certo é que ambas coinciden en sinalar que Silo accedeu ao trono grazas a Adosinda.

Con todo, numerosos autores apuntan que a verdadeira razón do acceso de Silo ao poder fose debido ao apoio da mesma facción nobiliaria que apoiou o goberno de Aurelio, e posteriormente de Mauregato e Vermudo I, sendo posiblemente.

Traslado da Corte a Pravia[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santianes, (Pravia).

Ao acceder Silón ao trono trasladou a capital de Cangas de Onís a Pravia, xa que formaba parte da aristocracia local e posuía terras neses territorios. Ademais, o traslado da corte obedecía a motivos estratéxicos, xa que Pravia, antigo asentamento romano, estaba no fondo do Val do Nalón e preto dunha vía romana terminal de Asturica Augusta. Por último, ao terse ampliado o reino até Galicia, Cangas de Onís quedaba nun lugar demasiado excéntrico.

A súa tumba, e a da súa esposa Adosinda, encóntranse na igrexa de San Xoán (Santianes de Pravia) de estilo prerrománico na localidade de Santianes (Pravia) (Asturias).

Política[editar | editar a fonte]

Lugar onde están depositados os restos que se cren pertencen a Adosinda e Silo

Segundo as redaccións Rotense e Sebastianense da Crónica de Afonso III, tamén este monarca -Silo- tivo que enfrontarse no seu reinado a unha revolta daqueles que se opoñían ao seu poder na Galicia altomedieval, continuación sen dubida das habidas contra os reis Froila I e Aurelio, con todo a Crónica Albeldense non fai mención algunha a este suposto feito. A confrontación das tropas de Silo contra os rebeldes pensase que foi preto dos Ancares, con todo é moi posible que a natureza desta revolta fora como as anteriores, a oposición á integración forzosa nunha estrutura estatal superior.[1].

Ao no ter descendencia, todo parecía indicar que Afonso, fillo de Froila I e polo tanto sobriño de Adosinda (o futuro Afonso II), sería o seu inmediato sucesor, pero unha revolta deu o trono ao seu tío Mauregato, fillo natural de Afonso I con unha serva de orixe musulmán. Esta relación que dificultou o ascenso ao trono de Afonso II levou a unha posterior difamación sobre el e o seu reinado:

debería interpretarse como parte da damnatio memoriae emprendida contra Silo, Mauregato e Vermudo I, cuxa causa non estriba en absoluto nas boas relacións cos musulmáns, pois estas foron se cadra aínda máis intensas en épocas posteriores e por parte de monarcas supostamente reconquistadores, senón no simple feito de ditos "reis" obstaculizaren o ascenso ao trono de Afonso II, personaxe claramente favorito da construción historiográfica do ciclo de Afonso III e os seus continuadores[2]

O diploma do rei Silo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Celeiro (documento).
Silo (rei)
Descoñecida
Nacemento: ? Falecemento: 27 de maio 783


Títulos Reais
Precedido por
Aurelio


Princeps na Galicia alto-medieval
774–783
Sucedido  por
Mauregato

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Teixeira, 2003, pp 75-76
  2. Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia. Promoción culturais Galegas 2005, páxina 178.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Asturianos universales 11 : Silo, Juan Uría Riu, Alonso de Quintanilla, Luis Fernández de la Vega, Alfonso Marañón de Espinosa. Ediciones Páramo, S.A. 1997 ISBN 84-87253-30-X
  • García Leal, Alfonso: El diploma del rey Silo. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa 2008 ISBN 978-84-95892-36-2
  • Anselmo López Carreira, Tucho Fernández Cal, Os reis de Galicia, Vigo : A Nosa Terra, 2003. ISBN 84-96203-27-1.
  • Xosé Antonio López Teixeira, Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910), Editorial Toxosoutos, S.L. 02/2003.
  • Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia, Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.
  • Nogueira, C. (2001): A Memoria da nación: o reino da Gallaecia. Xerais, Vigo.
  • Barbosa Álvarez, José Manuel, Atlas histórico da Galiza, Ediçons da Galiza, ISBN 978-84-936218-1-

Outros artigos[editar | editar a fonte]