Campamento romano da Ciadella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°05′03″N 08°02′37″O / 43.08417, -8.04361

Campamento romano da Ciadella
ParroquiaA Ciadella
ConcelloSobrado
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Cronoloxía
Datas de ocupaciónSéculos II a IV
Períodos de escavaciónDende 1934
Estado actualParcialmente escavado
Extensión estimada2'4 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia
A zona non cuberta do recinto presenta un peor estado de conservación que a zona cuberta, por mor da vexetación.

O campamento romano da Ciadella foi un asentamento militar activo entre os séculos II e IV, sito no tramo viario entre Brigantium e Lucus Augusti, entre as actuais parroquia galegas da Ciadella (Sobrado) e Vilariño (Vilasantar). Nel mantíñanse entre 500 e 600 militares da Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, que tiña a súa sede en Lucus Augusti. Esta unidade auxiliar do exército imperial romano tivo como función a vixilancia da Vía XX, traballo que desempeñou entre os anos 123 e 395.

Historia e características[editar | editar a fonte]

A Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, formada no ano 80, tería sido trasladada dende Mauritania a Hispania no ano 123, adscrita á Legio VII Gemina (León) por orde do emperador Adriano, como testemuña a Tessera de Castromao (Celanova), que di:

AE 1972, 282: C(aio) Iulio Serio Augurino C(aio) Trebio
Sergiano Co(n)s(ulibus)
Coelerni ex Hispania Citeriore
Conventus Bracarum C(aio) An
tonio Aquilo Novaaugustano
Praef(ecto) Coh(ortis) I Celtiberorum
Liberis Posterisque eorum
Hospitium Fecerunt
C(aius) Antonius Aquilus cum Coelern
nis Liberis posterisque eorum
Hospitium fecit
legatus egit
P(ublius) Campanius Lemianus[1]

Sendo cónsules Caio Serio Augurino e Caio Trebio Sergiano.
Os Coelerni do convento Bracaraugustano
da provincia Hispania Citerior fixeron pacto de hospitalidade
con Caio Antonio Aquilo, prefecto da Cohors I Celtiberorum,
para si, para os seus fillos e para os seus descendentes.
Caio Antonio Aquilo realizou pacto de hospitalidade cos Coelerni,
para si, os seus fillos e os seus descendentes.
Actuou como legado (dos Coelerni) Publio Campanio Leminiano

O recinto foi construído entón, nun planalto de 480 metros sobre o nivel do mar, rodeado por unha pequena cadea montañosa, preto do río Cabalar. Tiña unha muralla perimetral de 172 x 140 metros, coas esquinas redondeadas, e un foxo externo que complementaba as funcións defensivas da muralla. A extensión do campamento era de 2,4 hectáreas. Existían ademais catro portas de acceso ó campamento, e varias torres de vixilancia. No interior había dous edificios principais. Un deles era a Principia (cuartel xeral), de planta case cadrada, que medía 29,5 x 29,6 metros. A carón da Principia estaba o Praetorio (residencia do comandante) de 38 x 29,6 metros. Os dous edificios estaban separados por unha ampla rúa. O resto dos edificios serían barracóns, sanitarios, cortellos para os animais e unha cantina.

Segundo algúns autores, sería neste campamento onde estaría situada a mansión Brigantium da vía XX, ou per loca maritima, do Itinerario de Antonino.[2][3]

O abandono do campamento tivo lugar no século IV, cando a unidade militar foi trasladada a Iuliobriga (Cantabria). Foi entón cando comezou a súa deterioración, sobre todo na época da ocupación xermánica, malia que nalgunhas épocas foi novamente habitado. No século XIX sofreu o espolio da súa cantaría para a construción de edificios veciños.

Ara adicada á deusa fortuna por un oficial, Valerius Lupus, atopada no campamento e conservada no Castelo de Santo Antón (A Coruña).

Escavacións[editar | editar a fonte]

As escavacións do recinto comezaron oficialmente en 1934, dirixidas por Ángel del Castillo López e Sebastián González, sendo Castillo quen identificou en 1943 que se trataba dun campamento romano e non unha mansio (paradas oficiais nos camiños romanos). Os materiais atopados no lugar foron abondosos, salientando pezas de cerámica, vidros e utensilios de ferro e bronce. Atopáronse tamén moedas, pertencentes a un rango de tempo que atinxe dende Domiciano (ano 86) até Claudio II (ano 270). A maioría destas pezas atopadas na Ciadella están expostas de xeito permanente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón sito na cidade da Coruña.

Boa parte do campamento non está escavado. Unha parte do sitio escavado ten unha cuberta futurista (aceiro e vidro) reutilizada, que protexe ás ruínas dos efectos erosivos. Malia todo, a zona cuberta ocupa unha superficie inferior á décima parte do recinto histórico, de xeito que a maior parte das ruínas están expostas á acción da choiva, do vento e da vexetación.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tábula de Castromao Arquivado 27 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
  2. Vázquez Gómez, Xoán Luis (1991). "La Coruña en época romana". Ciudad y Torre. Roma y la ilustración en La Coruña (en castelán). p. 39. 
  3. Franco Maside, Rosa María (2000). "Rutas naturais e vías romanas na provincia de A Coruña" (PDF). Gallaecia (Universidade de Santiago de Compostela) (19): 164. ISSN 0211-8653. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]