Parque do Pasatempo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°16′38″N 8°13′11″O / 43.277245, -8.219611

Vista xeral.

O Parque do Pasatempo, situado na cidade de Betanzos, é un parque construído inicialmente en 1893 e rematado aproximadamente en 1914, a instancias dos benfeitores e emigrantes betanceiros na Arxentina os Irmáns García Naveira

Historia e características[editar | editar a fonte]

Foi unha iniciativa novidosa e única no seu xénero, precursora dos actuais parques temáticos, aínda que conta tamén cunha importante simboloxía masónica[1] e pedagóxica, estando considerado coma un parque iniciático.[2] Sobre unha superficie total dunhas 9 hectáreas, combinaba na parte chá do terreo un amplo xardín de recreo, con variada vexetación, estanques e paseos, xunto á zona do Pasatempo propiamente dito, constituído por socalcos sucesivos que ascendían pola aba do monte, con estatuas, relevos e construcións que buscaban reflectir lugares e feitos de todo o mundo, conformando o que se denominou como un auténtico parque enciclopédico ao servizo da ilustración do pobo de Betanzos e os seus visitantes, e que figuraba nas guías de viaxe da súa época. Empregáronse na construción materiais novidosos e unha estética entre modernista e romántica mediante a distribución dos espazos con numerosos elementos relativos á cultura universal, inspirados na visión que lle proporcionara a Juan García as distintas viaxes que realizou.[3]

A porta da parte baixa estaba custodiada por dous grandes leóns (dende os anos 60 na entrada do Santuario de Covadonga), como boa parte dos elementos ornamentais desta zona, e comunicaba coa avenida dos Emperadores Romanos, con bustos en mármore, e coa avenida dos Álamos, con estatuas de afamados escritores [4]. Nestes xardíns, cun labirinto vexetal e un invernadoiro, e numerosas fontes, estanques e estatuas, erixíase unha estatua dos propios irmáns, hoxe na praza principal de Betanzos.

Na parte alta as estruturas distribuíanse en cinco niveis aos que se chegaba a través de escalinatas e pasos subterráneos imitando grutas prehistóricas, nas que aínda se conservan as figuras de dous dinosauros, e con grandes explanadas e miradoiros á cidade. No nivel inferior construíuse o estanque do Retiro, cunha insua central na que había dúas estatuas imitando figuras romanas, bordeadas por un coidadoso mosaico con motivos de peixes. Nas paredes do estanque, completamente decoradas con cunchas de distintos moluscos, hai relevos representando un globo aerostático e un funicular. Nun dos muros que separan un nivel doutro esculpíronse relevos de gran tamaño representando unha viaxe a Exipto, coa pirámide de Queops, a muralla chinesa e o canal de Panamá. No centro desta parede abríase a boca dun complexo entrecruzado de grutas pola que se ascendía ó nivel superior, cunha ampla terraza-miradoiro no que cómpre destacar un enorme león. Desde aquí accedíase a un parque zoolóxico, hoxe desaparecido, e á zona máis alta do parque, convertido en miradoiro.

Decadencia e recuperación[editar | editar a fonte]

A morte do mecenas Juan García en 1933 deu comezo á decadencia do parque. Na posguerra quedou abandonado e foi obxecto de roubos e actos vandálicos. No ano 1955 construíuse unha estrada que atravesaba o parque[5], deixando a un lado os xardíns e ao outro as edificacións do Pasatempo. O xardín foi reconvertido en hortas e depósito de entullos, o que rematou por estragar case definitivamente as estruturas, estatuas e relevos.

Non foi ata 1986 cando o Concello mercou o parque para intentar a súa reconstrución, e hai pouco iniciáronse as obras de restauración e rehabilitación con fondos europeos da superficie que aínda se conserva. Unha pasarela elevada permite contemplar os xardíns desde certa altura, así como acceder á parte do parque do outro lado da estrada. O resultado da rehabilitación vén sendo discutido dende entón, así como o feito de que o propio Concello de Betanzos non solicitara para el ningún tipo de catalogación.[6] En febreiro do ano 2017, coa caída dun dos muros que limitan coa estrada, a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, que realiza actividades de difusión, limpeza e potenciación do parque, así como a investigación do seu pasado a través da revista Casa dos Espellos, solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural para o xardín, algo que o Concello de Betanzos viña prometendo dende 1981[7].[8][Cómpre referencia] Finalmente, o 6 de febreiro de 2020 foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de Xardín Histórico aínda que o parque está pechado ao público dende o derrubamento provocado nun dos estanques en outubro do 2018.[9]

No 2021 foi adxudicada a redacción do Plan Director ao arquitecto Mario Crecente, ao tempo que comezaba a restauración do Estanque do Retiro, dirixida polos arquitectos Xan Casabella e Xosé Vieites, executada pola empresa Parteluz. A restauración do estanque corresponde á primeira fase dun proceso de restauracións que demorarán varios anos.

O Pasatempo é un dos lugares de visita recomendada para os peregrinos que fan o Camiño inglés.[10]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Arcay Barral, Ángel (2019). "Que é o Parque do Pasatempo?: Arte, capricho e iniciación". Anuario brigantino (42): 319–368. ISSN 1130-7625. 
  2. Arcay Barral, Ángel (2017). "O Parque do Pasatempo de Betanzos: Narrativas para comprender un patrimonio profano". Atas do V Congresso Internacional Casa Nobre: Um património para o futuro (Arcos de Valdevez). 
  3. El primer turista gallego, El País (en castelán).
  4. O portal Turgalicia escribe, erroneamente en presente, que hai "256 esculturas de papas, emperadores romanos".
  5. Pérez, Antares (2019-06-29). "O Pasatempo que intentó salvar Isaac". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-10-29. 
  6. "La Xunta insta a Betanzos a solicitar la declaración de BIC para el Pasatempo". Cadena SER. 17/02/2017. Arquivado dende o orixinal o 27/01/2018. Consultado o 06/06/2017. 
  7. "Decreto del DOG nº 35 de 2020/2/20 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2022-10-29. 
  8. "El expediente para que El Pasatiempo sea BIC lleva ya 35 años “en trámite”". El Ideal Gallego (en castelán). 29/09/2015. Consultado o 06/06/2017. 
  9. O Parque do Pasatempo, declarado BIC como un dos máximos exemplos do eclecticismo
  10. Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago (Xunta de Galicia)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Betanzos. Ruta de los Hermanos García Naveira. Concello de Betanzos, 2009.
  • Arcay Barral, Ángel (2017), "O Parque do Pasatempo de Betanzos: Narrativas para comprender un patrimonio profano". En Atas do V Congresso Internacional Casa Nobre: Um património para o futuro. Arcos de Valdevez.
  • Arcay Barral, Ángel; Yosune Duo Suárez, Jose Souto Santé (2020). "El Parque del Pasatiempo de Betanzos". ISBN 978-84-09-26081-2.
  • Cabano Vázquez, I.; Pato Iglesias, M.L.; Sousa Jiménez, X., E., ed. (1992). El Pasatiempo. O capricho dun indiano. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-509-6. 
  • Crespi Rodríguez, José: "Revalorización del Parque histórico de «El Pasatiempo»: Investigación, gestión e intervención", en Anuario Brigantino 2006, nº 29
  • Fuente García, Santiago de la. Gran Enciclopedia Galega, tomo 21.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]