Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mosteiro de Sobrado»)
Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes
Mosteiro de Sobrado dos Monxes
PaísEspaña
LocalizaciónSobrado
Coordenadas43°02′18″N 8°01′21″O / 43.038333333333, -8.0225Coordenadas: 43°02′18″N 8°01′21″O / 43.038333333333, -8.0225
DioceseArquidiocese de Santiago de Compostela
EstiloArte cisterciense
Páxina webhttp://www.monasteriodesobrado.org
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes é un mosteiro cisterciense situado no concello de Sobrado, na comarca da Terra de Melide. Dende mediados do século XX está ocupado por monxes trapistas.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista do mosteiro.

Posibelmente fundado no ano 951 nun primeiro momento (aparece citado en documentos de finais do século X co nome de "San Salvador"),[1] A principios do século XII o mosteiro está abandonado.[2]

Foi fundado de novo no ano 1142, cando San Bernaldo envía desde Claraval (Francia), de onde é abade, unha comunidade de monxes chamados por Fernando Pérez de Traba e a súa sobriña dona Urraca Vermúdez.[3] O 14 de febreiro de 1142 comezou en Santa María de Sobrado a vida monástica cisterciense. Durante o resto do século XII e o século XIII o mosteiro desenvolveu unha grande actividade espiritual e económica. Desta fábrica consérvanse a capela funeraria da Magdalena, a sala capitular e algunhas partes soltas.

Coñeceu despois unha etapa de decadencia que se detén no ano 1498, ao incorporarse a Congregación de Castela. O mosteiro recuperou parte da súa grandeza; a maioría dos edificios conservados comezaron a construírse a partir desta nova época. A monumental igrexa foi rematada a finais do século XVII e consagrouse en 1708. No XVIII construíron o altar maior os escultores Xosé Gambino e Xosé Ferreiro.[4]

Santa María de Sobrado sufriu unha nova etapa de decadencia que culminou o 21 de setembro de 1834, cando coa desamortización o mosteiro quedou suprimido por real orde. O mosteiro de Santa María de Sobrado, os seus edificios e posesións foron vendidos. Iniciouse unha deterioración progresiva dos edificios, que acabaron converténdose en ruínas. En xullo de 1836, no marco da primeira guerra carlista, o xeneral Miguel Gómez Damas puxo cerco a un grupo de militares que se refuxiaron no mosteiro. Logo de cinco días de sitio proseguiu o seu camiño cara a Santiago de Compostela pola proximidade das tropas de Baldomero Espartero.[5].

No ano 1954, por encargo do cardeal Quiroga Palacios, arcebispo de Santiago, o mosteiro cisterciense de Viaceli, situado en Cóbreces (Cantabria) comezou a tarefa de reconstrución de Sobrado; e no mes de xullo de 1966 envía unha comunidade de monxes. Así, o 25 de xullo de 1966, comeza de novo a vida monástica no Mosteiro cos trapistas.[6] En 2021, residían no mosteiro uns quince monxes.[7] Entre o repertorio de produtos elaborados destaca o doce de leite.


Arquitectura[editar | editar a fonte]

Facendo arco de entrada ao recinto do mosteiro está a Casa das Audiencias, chamada así por ser o lugar onde o abade do mosteiro exercía a súa xurisdición sobre os seus súbditos. A igrexa monacal, acaroada ao edificio principal e con entrada perpendicular á do mosteiro, é de estilo cistercience e con fachada barroca.

O edificio principal distribúese en tres claustros:

  • Claustro dos Peregrinos: o de entrada, onde se acollen as persoas en peregrinación.
  • Claustro dos Medallóns: así chamado polos relevos colocados na parte superior. Neste momento acolle a hospedería.
  • Claustro da Comunidade: o meirande de todos, reservado para a vida e actividade da comunidade de monxes.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Escudero Manzano, Gonzalo J. (2021). "Los condes de Présaras y la fundación de San Salvador de Sobrado. El intento de una parentela magnaticia por recuperar su preeminencia en Gallecia". Studia Historica. Historia Medieval 39 (1): 197–213. ISSN 2445-3595. doi:10.14201/shhme2021391197213. 
  2. Pallares Méndez, Mª Carmen (1979). El monasterio de Sobrado: un ejemplo de protagonismo monástico en la Galicia medieval. Diputación Provincial de La Coruña. 
  3. "Documentación monástica medieval galega" (PDF). Gallaeciae Monumenta Historica: Consello da Cultura Galega. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de maio de 2016. Consultado o 21 de xuño do 2016. 
  4. "Donativo de dos esculturas procedentes del extinguido monasterio de Sobrado". Boletín da Real Academia Galega (141): 327–328. 1921. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2023. Consultado o 16 de maio de 2023. 
  5. Otero Pedrayo, R. (15 de xuño de 1927). "O século XIX. Unha vida". Nós. pp. 6–9. 
  6. "Historia". www.monasteriodesobrado.org (en castelán). Consultado o 2021-12-27. 
  7. "STATISTICA Monks - Moines - Monjes: 31-12-2021" (PDF). ocso.org. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]