Pier Maria Baldi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pier María Baldi»)
Infotaula de personaPier Maria Baldi
Biografía
Nacemento1630 Editar o valor em Wikidata
Florencia Editar o valor em Wikidata
Morte9 de novembro de 1686 Editar o valor em Wikidata (55/56 anos)
Florencia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintor , arquitecto Editar o valor em Wikidata

Pier Maria Baldi, tamén coñecido coma Piero Maria Baldi,[1] nado en Florencia en 1630 e finado na mesma cidade o 9 de novembro de 1686, foi un arquitecto e pintor barroco italiano, acompañante de Cosimoe III de Medici, na viaxe que realizou polos Países Baixos, Francia e a Península Ibérica, incluída Galiza, entre 1668 e 1669, da cal deixou un rico conxunto de debuxos con vistas panorámicas das cidades e lugares polos que pasou.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seguidor e quizais discípulo de Baldassare Franceschini, chamado il Volterrano, gozou da protección dos Médici. En 1667 o gran duque Fernando II de Médici escribiu a Gian Lorenzo Bernini recomendando a Baldi, a quen presentaba coma mozo florentino «assai ben avanzato nel disegno en el colorito», para que o axudase nos estudos de pintura e arquitectura que se propuña realizar en Roma.[2] Un ano despois viaxou pola Península Ibérica e Francia no séquito de Cosimo III de Medici, herdeiro do Gran Ducado de Toscana. Baldi debuxou á augada sepia vistas panorámicas de cada unha das poboacións en que parou a comitiva para acompañar o relato da viaxe, redactado por Lorenzo Magalotti. Conservados en dous volumes gardados na Biblioteca Mediceo-Laurenciana de Florencia, os rápidos esbozos de Baldi, nos cales se evidencia a súa formación como arquitecto, superan en realismo e capacidade descritiva a narración oficial da viaxe realizada por Magalotti.[3]

No que respecta a Galiza, unha edición facsímile corada áchase no Arquivo Municipal da Coruña.[4] Antonio Bonet Correa salienta o carácter excepcional que teñen as vistas das cidades galegas, sendo as acuarelas de Baldi os únicos testemuños debuxados ou pintados que se conservan da Idade Moderna.[5] A propia vista da Coruña inspirou o mural de Urbano Lugrís realizado na década de 1950 e declarado Ben de Interese Cultural en 2017.[6] Alén disto, Baldi foi un dos primeiros autores que representou o escudo de Galiza coa cruz de Santiago acolada, fórmula que perdurou até o século XX.[7]

Cidade de Tui, acuarela de Pier Maria Baldi, 1669.
Embaixo á esquerda debúxase o propio artista esbozando en vivo.[8]

Son estes debuxos o máis salientábel da súa obra, na realidade escasa e mal coñecida. En 1680 foi nomeado capataz das obras granducais en Pisa e Livorno, mais do seu traballo como arquitecto tan só se coñece a construción dunha fonte monumental deseñada por el na praza de Santa Croce de Florencia, remodelada no século XIX. Da súa pintura, perdido o retrato do cardeal Leopoldo de Médici do cal hai rexistro documental, resta a pintura dun altar coa Virxe do Rosario e santo Domingo na igrexa suprimida de Santo Domingo al Maglio e un fresco co bautismo de santo Agustín no claustro de Santo Spirito.[2]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Baldi, Piero Maria". Enciclopedia Galega Universal 3. Ir Indo. 1999-2002. p. 18. ISBN 84-7680-288-9. 
  2. 2,0 2,1 Chiarelli 1963.
  3. Sánchez Rivero & Mariutti de Sánchez Rivero 1933.
  4. Os ilustrados galegos. Reforma e tradición na Galicia do Antigo Réxime. Deputación da Coruña. 1996. pp. 26–27. ISBN 84-89652-20-1. 
  5. Bonet Correa, Antonio (1984). La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII (en castelán). Madrid: CSIC. p. 36. ISBN 8400026462. 
  6. Lugrís, paredes soñadas (PDF) (en castelán). Afundación. 2017. p. 5. ISBN 978-84-617-9473-7. 
  7. Pardo de Guevara, Eduardo (2007). "O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución" (PDF). En Barreiro Fernández, Xosé Ramón; Villares, Ramón. Os Símbolos de Galicia (PDF). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real Academia Galega. pp. 33–78, en 61. ISBN 978-84-96530-46-1. 
  8. Gómez Iparraguirre, Mera Álvarez & Vigo Trasancos 2004, p. 610.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • "Galicia en 1669". Amigos do Arqueolóxico. 24 de marzo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2012. Consultado o 21 de febreiro de 2020.