Carmela Arias Díaz de Rábago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Carmela Arias Díaz de Rábago, nada na Coruña o 20 de febreiro de 1920 e falecida na mesma cidade o 27 de outubro de 2009, foi unha empresaria galega, presidenta da Fundación Barrié de la Maza.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Vicente Arias de la Maza e Carmela Díaz de Rábago y Aguiar, e irmá de Joaquín Arias Díaz de Rábago, estudou no Sagrado Corazón da Coruña e comezou a carreira de Arquitectura en Barcelona, cidade na que o seu pai era secretario da Xunta de Obras do Porto. Non rematou os estudos pola súa mala saúde (aos quince anos declaróuselle unha enfermidade nos bronquios). Estivo enferma ata 1953, cando foi operada en Estocolmo.

En 1966 casou con Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa. Antes da voda, o 5 de novembro, constituíron a Fundación Barrié de la Maza. Nese momento o capital estaba integrado pola achega do conde de Fenosa de 3.300 millóns de pesetas, máis o 25% das rendas líquidas dos bens da Fundación, que se destinaron ao aumento de capital. En 1981 a condesa doou 7.000 millóns de pesetas á Fundación.

En 1971 morreu o conde de Fenosa, deixando á súa muller como única herdeira. Nese momento converteuse en empresaria e presidenta da Fundación e doutras empresas das que a entidade é accionista maioritaria, como o Banco Pastor (40 %), Gas Madrid, Alúmina ou Astano. Nese momento tamén herda o título de condesa de Fenosa.

O 13 de febreiro de 1994 anunciou a remodelación da cúpula do Pastor: creou dúas vicepresidencias -con poderes executivos- para os seus sobriños Vicente e Xosé María Arias Mosquera, mentres que Guillermo de la Dehesa deixou o posto de conselleiro delegado e pasou a asesor da presidencia.

Presidenta de honra de Unión Fenosa, en xaneiro de 1992 foi nomeada vicepresidenta e membro da comisión delegada da empresa. Presentou a súa dimisión o 23 de xaneiro de 1996, sendo substituída polo seu sobriño Vicente Arias Mosquera.

O 27 de setembro de 2001 foi nomeada presidenta de honra do Banco Pastor logo de renunciar á dirección da entidade financeira. Os cargos vacantes foron ocupados polos seus sobriños Xosé María e Vicente Arias Mosquera.

Premios[editar | editar a fonte]

  • Medalla de Ouro da Universidade de Galicia, 1982.
  • Medalla de Honra da Real Academia das Artes de San Fernando, 1989.
  • Medalla Castelao, 1989.
  • Premio Galicia en Feminino
  • Premio Juan Lladó (do Instituto de Empresa e a Fundación Ortega y Gasset), 1990.
  • Medalla de Honra da Universidade Internacional Menéndez y Pelayo (UIMP), 1990.
  • Doutora honoris causa pola Universidade da Coruña, 1991.
  • Premio Galego do Ano de 1991.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]