Olimpia Valencia
Olimpia Valencia | |
---|---|
![]() Retrato en Vida Gallega, 1922. | |
Nome completo | Olimpia Valencia López |
Nacemento | 14 de decembro de 1898 |
Baltar | |
Falecemento | 10 de xullo de 1987 |
Vigo | |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | xinecóloga e médica |
Pai | Anacleto Valencia Lama |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Olimpia Valencia López, nada en Baltar o 14 de decembro de 1898 e finada en Vigo o 10 de xullo de 1987, foi a primeira galega titulada en Medicina en Galicia.[1] Foi especialista en xinecoloxía.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Era a única filla de Anacleto Valencia Lama, industrial hostaleiro que en 1910 se trasladou a Vigo coa familia. Realizou os estudos de bacharelato no Insituto de Pontevedra.[2] Estudou Maxisterio, preparándose por libre na Academia Minerva. Sen vocación para a docencia, decide facerse médica. En 1919 comeza os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1925,[3] con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra.[4] Nese mesmo ano foi a Madrid a facer a tese de doutoramento, que presenta en 1930 co título de La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica[5] dirixida polo doutor Sebastián Recaséns da Cátedra de Obstetricia de Madrid.[6]
En Madrid, botou tres anos aloxada na Residencia de Señoritas da rúa Fortuny, onde tamén vai exercer outras funcións para gañar unha bolsa co fin de custearse a estancia. No curso 1926-27 impartiu clases de cultura xeral ás residentes. No seguinte curso foi nomeada médica titular do Instituto Escuela, institución docente experimental xurdida do contorno da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas.[5]
Etapa en Vigo[editar | editar a fonte]
En 1928 trasladouse a Vigo. Puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e de xinecoloxía, na rúa do Príncipe número 11[7], onde exerceu a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Olimpia mantivo conexión coa investigación e preocupouse por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro, en 1929 solicitou unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios para ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.[5]
Foi unha das fundadoras da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo (1930), institución onde chegou a ser vicepresidenta (1935).[5] Como investigadora, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas (A Coruña, 1929). En 1934 fixo unha comunicación na Academia de Vigo (La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo). Tamén foi membro fundadora da Alianza Francesa de Vigo.[8]
Muller de inquietudes culturais, vinculada a Galicia, tivo relación con varios recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas ou Ramón Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do SI no Plebiscito do Estatuto Galego, ambos os dous documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas.[9] Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade.[10] Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roja", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu un posto na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.
Formaba do parte do comité organizador das Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas celebradas en 1958.[11]
Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de oitenta anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Morreu no verán do ano 1987.[8]
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
- O Roteiro en feminino Sons de Mulleres ten sinalizado co número 11 o edificio onde Olimpia Valencia viviu e tivo a súa consulta en Vigo.
- Foi nomeada filla predilecta de Baltar en 2017.[10]
- No edificio onde viviu e tivo a súa consulta foron colocadas dúas placas conmemorativas, unha por parte do Concello de Vigo en 2003 e outra pola Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) en 2016.[12]
- O Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo , leva o seu nome.[13]
- Na parroquia viguesa de Oia hai unha rúa que leva o seu nome.[14]
- En outubro de 2019 a Xunta anunciou o seguinte uso para o edificio das Seccións da Audiencia dos xulgados de Vigo, cando se trasladen á nova cidade da xustiza (no antigo Hospital Xeral), un centro de saúde co nome de "Olimpia Valencia".[15]
- En 2020 decidiuse que a biblioteca da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela levaría o seu nome.[16]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Cid Galante, Rosa María (2007). "As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I)". Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía (11): 139–156. ISSN 1131-5989.
- ↑ Cid Galante, Rosa María (2004). "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria. (1900-1940) (II)". Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía (XII): 73–102. ISSN 1131-5989.
- ↑ Rey Albite (3 xuño 1925). "Nuevos médicos". El Correo Gallego : diario político de la mañana (16816): 4.
- ↑ [n.a.] (17 de xuño de 1923). "Triunfo de una viguesa: Olimpia Valencia". Galicia : diario de Vigo (279): 1.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Gurriarán, Ricardo. "Olimpia Valencia. Baltar 1898 - Vigo 1987: A primeira doutora galega". Album da JAE. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ Gurriarán, Ricardo (2006). Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Universidade de Santiago de Compostela. p. 537. ISBN 9788497506441.
- ↑ Carballeira, Juan (28 de xaneiro de 1930). "Como trabaja la mujer en Galicia : gallegas insignes". Estampa.
- ↑ 8,0 8,1 Pérez Pais, Carmen. "Olimpia Valencia:A primeira galega licenciada en Medicina pola USC". Álbum de Mulleres. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ "Olimpia Valencia López". Nomes e Voces. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ 10,0 10,1 Montero, Tamara (23 de febreiro de 2018). "Olimpia Valencia, la primera gallega licenciada en Medicina". La Voz de Galicia (edición dixital).
- ↑ [n.a.] (10 de xullo de 1958). "Comites de las Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas". La Noche : único diario de la tarde en Galicia (11643).
- ↑ "La sociedad médica honra con una placa a Olimpia Valencia, primera licenciada en Medicina de Galicia". 27 novembro de 2017. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ "Vigo inaugura o centro de investigación Olimpia Valencia". GCiencia: O portal da ciencia galega. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ De Los Ríos conde, Alexandre (23 de febreiro de 2018). "Olimpia Valencia, la primera médica de Galicia". Via Lethes. Consultado o 10 de marzo de 2018.
- ↑ "La Xunta convertirá el edificio de la Audiencia en el mayor centro de salud de Vigo". Atlántico (en castelán). 2019-10-18. Consultado o 2020-11-18.
- ↑ "Olimpia Valencia, primeira licenciada galega en Medicina, dará nome á biblioteca desta facultade". Praza Pública. 24 de febreiro de 2020. Consultado o 26 de febreiro de 2020.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Olimpia Valencia ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- "Valencia López, Olimpia". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 282.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra. p. 354. ISBN 978-84-8341-146-9.
- Fuentes, Ana (2019). Olimpia Valencia. Ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera (en castelán). IEV. ISBN 978-84-89599-76-7
- Gurriarán, Ricardo (2005). "Valencia López, Olimpia". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Rolland, Eduardo "Olimpia Valencia, a primeira doutora" GCiencia, 28/4/2015.
- Fuentes, Ana. Ana Fuentes: “Olimpia Valencia foi unha galega valente” GCiencia, 21/6/2019.