Amador Montenegro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Amador Montenegro Saavedra")
Amador Montenegro
Amador Montenegro.jpg
Datos persoais
Nacemento 30 de abril de 1864
Lugar Santiago de Compostela, Galicia Galicia
Falecemento 22 de setembro de 1932 (68 anos)
Lugar Lugo, Galicia Galicia
Cónxuxe Pura López Saavedra
Actividade
Lingua galego e castelán
Xéneros Poesía e fábula
Estudos Dereito

Amador Manuel Joaquín de la Concepción Montenegro L. de Saavedra, chamado Amador Montenegro, nado en Santiago de Compostela o 30 de abril de 1864 e falecido en Lugo o 22 de setembro de 1932, foi un escritor e xornalista que fundou o periódico A Monteira en 1889.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Amador era fillo de Siro Montenegro López, nobre terratenente de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, que foi alcalde de Lugo en 1852; e de Pilar Saavedra Costas, tamén natural de Lugo.

Estudou a carreira de dereito na universidade de Santiago, rematando os estudos na de Valladolid. A súa carreira profesional foi breve: comezou de pasante dun avogado parente da familia en Monforte e encargáronlle un preito entre dous labregos. Como conseguiu que se amañasen sen chegar ao xuízo, o parente díxolle que así non lle interesaba e despediuno. Desde entón, Amador Montenegro dedicouse á agricultura e ó movemento agrarista.

Casou con Pura López Saavedra [1], a súa curmá, que residía en Moaña (Pontevedra), dunha familia de grandes propiedades agrícolas que chegaban ata Vilafranca do Bierzo (León) e que pasou a administrar el, o que o levou a fixar a residencia en Vigo, onde naceron os seus nove fillos. Nesta cidade traballou tamén como profesor no colexio La Concepción, formou parte da Liga dos Defensores de Vigo e ocupou diversos cargos no Concello e na Cámara de Comercio.

Sen chegar a militar nunca en ningún partido político, tivo nun principio certa ideoloxía nacionalista e combateu o caciquismo imperante na época e, sobre todo, a sistema de foros imperante. Tamén desenvolveu certo papel no movemento galeguista cultural da súa época.

Amador Montenegro foi así mesmo divulgador de temas agrícolas (entre os seus títulos, Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia, Lugo, 1903; ntra el mildiu, el oídio y el black-root, Vigo, 1917).

Ingresou na Real Academia Galega e o seu discurso, Alma da poesía galega (Santiago, 13/12/1909), asíu como a súa contestación, a cargo de Barcia Caballero, foron os primeiros lidos en galego na douta institución.[2][3]

Obras[editar | editar a fonte]

Da súa ocupación como administrador de terras agrícolas veu a publicación de diversos estudos neste eido, como Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia (1903) ou Contra el mildiu, el oídio y el 'black-root' [4] (1917).

Foi nomeado membro da Real Academia Galega en 1909 e o seu discurso de ingreso, Alma da poesía gallega, pronunciado o 13 de decembro, foi o primeiro pronunciado en galego nesta institución. Foi contestado polo académico Juan García Caballero, tamén en galego.

As súas publicacións, escasas, foron obras de poesía e fábulas:

  • Muxenas (1888, reeditado en 1896).
  • Fábulas i epigramas (Lugo, 1892; contén 27 fábulas).
  • Fábulas galaico-castellanas (Lugo, 1897, edición corrixida e ampliada da anterior: 47 fábulas en galego e outras en castelán).
  • Trabajo folk-lórico gallego (1912, recompilación de cultura popular).
  • Colección de cantares gallegos recogidos de la tradición oral (1912).

Ás anteriores obras hai que engadir numerosas colaboracións xornalísticas non só n'A Monteira, senón tamén noutros xornais da época, como Aires da Miña Terra, O Gaiteiro de Lugo, El Eco de Galicia, Galicia Moderna, O Tío Marcos da Portela ou Vida Gallega, por citar uns poucos exemplos. Nestes traballos asinaba de forma directa, co seu nome completo ou as iniciais; ou con pseudónimos, como os de El Vate de la Raposeira ou Esperanza Roca.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) publicou no 2007 unha recompilación: Obra narrativa en galego de Amador Montenegro Saavedra.

A Monteira[editar | editar a fonte]

A obra pola que realmente é recoñecido foi o semanario A Monteira, que fundou xunto a Manuel Pardo Becerra e que dirixiu durante toda a súa edición, desde outubro de 1889 a decembro de 1890.

Nas mesmas datas creou outro xornal en Vigo: La Razón (1889-1894).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Irmá de Ildefonso López Saavedra, tamén escritor, e filla de Dores Saavedra Costas, á súa vez irmá da nai de Amador Montenegro.
  2. "Montenegro y Saaveda, Amador" in Gran Enciclopedia Galega, 1972, 31, páxs. 188-189.
  3. Agrelo, Eulalia: "Montenegro y Saavedra, Amador" in Gran Enciclopedia Galega, 2003, 30, páxs. 140-141.
  4. Tres enfermidades das vides. O 'black-root' é unha podremia da raíz.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • De Abel Villela, Adolfo: "O Lugo da Monteira", en A Monteira, edición facsimilar, Xunta de Galicia 1989.
  • Álvarez Blázquez, X. M. (2008) [1960]. (A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo) [La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo] (en galego [en castelán]). Ed. e trad.: Manuel Bragado e X. P. Sánchez. Vigo: (Xerais) Monterrey. p. 181. ISBN 978-84-9782-716-4. 
  • Agrelo, Eulalia: Montenegro y Saavedra, Amador en Gran Enciclopedia Galega, 2003, 30, 140-141.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]