James Macpherson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
James Macpherson

James Macpherson, nado o 27 de outubro de 1736 e finado o 17 de febreiro de 1796, foi un poeta escocés, famoso como o "tradutor" do ciclo de poemas de Ossian.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu en Ruthven na freguesía de Kingussie, Badenoch, Inverness-shire, Highland, Escocia. En 1753, foi enviado ao King's College (Colexio Real), en Aberdeen, e un par de anos despois ao Marischal College (ambas institucións deron nacemento posteriormente á Universidade de Aberdeen). Estudou tamén na Universidade de Edimburgo, pero non se graduou. Cóntase que escribiu arredor de 4,000 versos mentres era estudante, pero só uns poucos foran publicados, como especialmente The Highlander (O montañés) (1758), que logo tentaría destruír.

Recollida de poemas gaélicos de Escocia[editar | editar a fonte]

Abandonados os estudos, retornou a Ruthven para ensinar na escola do lugar. En Moffat encontrouse con John Home, o autor do poema gaélico Douglas, que lle recitou estrofas gaélicas de memoria, e lle ensinou manuscritos de poesía gaélica, supostamente recollidos nas illas e terras altas (highlands). Animado por Home e outros, escribiu certas obras traducidas do gaélico de Escocia, que se lle suxeriu publicar en Edimburgo, o que fixo en 1760 como Fragments of Ancient Poetry collected in the Highlands of Scotland (Fragmentos de antiga poesía das Terras Altas de Escocia). O Dr. Hugh Blair, que era un firme crente na autenticidade dos poemas, encabezou unha subscrición que permitise a Macpherson proseguir as súas investigacións gaélicas.

Nese outono desprazouse para visitar o Inverness-shire occidental, as illas de Skye, North Uist, South Uist e Benbecula. Conseguiu manuscritos que traduciu coa axuda do Capitán Morrison e o Reverendo A Gallie. Ao final de ano fixo unha excursión á illa de Mull, Argyll, onde se fixo con outros manuscritos.

Ossian[editar | editar a fonte]

En 1761 anunciou a descuberta dun poema épico sobre o tema Fingal (baseado no personaxe mitolóxico irlandés: Fionn mac Cumhaill) escrito por Ossian (ou Oisín fillo de Fionn), e en decembro publicou Fingal, an Ancient Epic Poem in Six Books, together with Several Other Poems composed by Ossian, the Son of Fingal, translated from the Gaelic Language (Fingal, un antigo poema épico en seis libros, con outros varios poemas compostos por Ossian, fillo de Fingal), escrito en prosa de rima musical , que xa utilizara nun anterior volume. En 1763 continuou con Temora, e logo unha edición colectánea co título de The Works of Ossian (Obras de Ossian), de 1765. O nome Fingal ou Fionnghall significa "estranxeiro branco", téndose apuntado que Macpherson ideou o nome por un malentendido do mesmo que en antigo gaélico podería aparecer como Finn.

Ossian pintado por François Pascal Simon Gérard

A autenticidade das chamadas traducións de obras dun bardo do século III foi de contado posta a proba en Inglaterra. O Dr. Samuel Johnson, logo dalgunhas indagacións, afirmou (en A Journey to the Western Islands of Scotland (1775) (Unha viaxe ás illas occidentais de Escocia), que Macpherson achara fragmentos de antigos poemas e relatos, cos que enmarañara unha novela moldeada por el mesmo. Dise que Macpherson desafiou a Johnson, quen replicou que non lle importaban as ameazas dun rufián. Macpherson nunca expuxo á luz os seus orixinais, que refugou publicar so pretexto dos gastos. Os estudosos modernos tenden a estar de acordo coas afirmacións de Samuel Johnson.

Últimas obras[editar | editar a fonte]

En 1764 converteuse en secretario de General Johnstone en Pensacola, Florida, e cando volveu dous anos máis tarde, a Gran Bretaña, despois dunha disputa con Johnstone, foille permitido manter o seu salario como pensión . Volveu a escribir varias obras históricas, das cales a máis importante foi Original Papers, containing the Secret History of Great Britain from the Restoration to the Accession of the House of Hanover (Documentos orixinais contendo a historia secreta de Gran Bretaña desde a Restauración ao Acceso da Casa de Hannover), das cales se sospeita que Extracts from the Life of James II, 1775 (Fragmentos da vida de Xacobo I), foi escrita por el mesmo. Gozou dun salario defendendo a política do goberno de Lord North, e máis ostentou o lucrativo cargo de axente de Mahommed Ali, nabab de Arcot. Accedeu ao parlamento en 1780, por Camelford, conservando o escano ata o falecemento. Nos seus derradeiros anos comprou un terreo, que bautizou Belville, no seu county (condado) nativo de Inverness, onde morreu.

Influencia na Galiza[editar | editar a fonte]

A obra ossiánica de Macpherson inspiraría boa parte da obra poética de Eduardo Pondal, o bardo bergantiñán, e a través del a outros epígonos galegos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "The Poems of Ossian and other related Works", ed. Howard Gaskill, introd. Fiona Stafford, (Edinburgh: Edinburgh University Press, 1996)
  • The Reception of Ossian in Europe, editado por Howard Gaskill, (London: Thoemmes Continuum, 2004).
  • "The Sublime Savage", por Fiona Stafford
  • "Ossian Revisited*, por Howard Gaskil (ed.)