Arquetipo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un arquetipo é un modelo ou exemplo de ideas ou coñecemento do cal se derivan outros tantos para modelar os pensamentos e actitudes propias de cada individuo, de cada conxunto, de cada sociedade, mesmo de cada sistema.

Un sistema de palabras, de ideas, de ideais ou pensamentos, segue unha conduta regular, envolvido no seu propio paradigma; mesmo se usan arquetipos para modelar o seu propio camiño, para abrirse campo nun medio de ideas abstractas e pouco comprensíbeis ou mesmo inintelixíbeis, soamente guiados polos seus propios pensamentos e crenzas.

Trátase dun termo xa empregado por filósofos neoplatónicos, como Plotino, para designar as ideas como modelos de todas as cousas existentes, segundo a concepción do propio Platón. Nas filosofias teístas o termo indica as ideas presentes na mente de Deus. Pola confluencia entre neoplatonismo e cristianismo, o termo arquetipo chegou até a filosofía cristiá.