Ideoloxía

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ideoloxías enfrontadas: Ronald Reagan dá un discurso flanqueado por bandeiras fronte ó muro de Berlín, 1987. A porta de Brandeburgo, á súa vez, lémbranos o uso da Arte para xustificar a construción do Estado, coma neste caso Prusia-Alemaña

Unha ideoloxía é o conxunto de ideas, tendentes á conservación ou transformación do sistema existente (económico, social, político...), que caracterizan a un grupo, institución, movemento cultural, social, político ou relixioso.

O termo ideoloxía foi formulado por Destutt de Tracy (Mémoire sur la faculté de penser, 1796), e orixinalmente denominaba á ciencia que estuda as ideas, o seu carácter, a orixe e as leis que as rexen, así como as relacións cos signos que as expresan. Medio século máis tarde, o concepto dótase dun contido combativo por Carlos Marx, para quen a ideoloxía é o conxunto de ideas (erróneas na súa maior parte) cuxa relación coa realidade é menos importante que o seu obxectivo, que é evitar que os oprimidos perciban o seu estado de opresión. Desde un punto de vista ou outro, o concepto adquire unha tinguidura pexorativa do que non se desprendeu.

Socioloxía e ideoloxía[editar | editar a fonte]

Falamos de ideoloxía cando unha idea determinada é amplamente compartida conscientemente por un grupo social nunha sociedade. Ás veces é un trazo fortemente identitario, de forma similar á relixión, a nación, a clase social, o sexo... Ademais os membros do grupo ideolóxico admiten ou non que determinado individuo pertence ó grupo segundo comparta ou non certos presupostos ideolóxicos básicos.

A ideoloxía interpreta e xustifica os actos persoais ou colectivos dos grupos ou clases sociais, a cuxos intereses serve, e explica a realidade dunha forma asumible e tranquilizadora para que poida manterse a interpretación ou xustificación previa tal como estaba no imaxinario individual e colectivo, independentemente da circunstancia real. Do estudo da ideoloxía encárgase a socioloxía do coñecemento, cuxo presuposto básico é que as maneiras de ver o mundo varían socialmente dunha sociedade a outra e dentro de sectores diferentes da mesma sociedade.

Concepto marxista de ideoloxía[editar | editar a fonte]

Karl Marx postula que a ideoloxía dominante dunha sociedade é parte integrante da súa superestrutura.

Tal coma o materialismo histórico define o concepto, a ideoloxía forma parte da superestrutura, xunto co sistema político, a relixión, a arte e o campo xurídico. Segundo a interpretación clásica, está determinada polas condicións materiais das relacións de produción ou estrutura económica e social e o reflexo que produce é denominado "falsa conciencia".

O papel da ideoloxía, segundo esa concepción marxista da historia, é actuar de lubricante para manter fluídas as relacións sociais, proporcionando o mínimo consenso social necesario mediante a xustificación do predominio das clases dominantes e do poder político.

Entre os marxistas que se dedicaron ó estudo da ideoloxía, ou fixeron comentarios significativos sobre o tema, están Marx e Engels, Lukács, Althusser, Gramsci, Theodor Adorno e, máis recentemente, Slavoj Žižek.

Malia que comunmente adoita falarse dunha teoría da ideoloxía homoxénea do marxismo, ligada ó esquema base-superestrutura, existen numerosas variacións teóricas que tratan este tema. Algúns analistas da teoría da ideoloxía marxista, por exemplo Terry Eagleton, chegaron a afirmar que nos escritos do propio Marx existen teorías diferentes sobre o punto.

Durante a etapa stalinista da URSS, o marxismo quedou reducido ó materialismo dialéctico (ou diamat) e á chamada concepción materialista da historia. Estas doutrinas, codificadas e pouco cuestionables, eran ensinadas academicamente, cunha sección mesma na Academia de Ciencias. Para os marxistas occidentais, e especialmente para os historiadores de orientación non ortodoxa, que adoita chamarse marxiana, sobre todo en Francia e Inglaterra (máis ou menos ligados á renovación historiográfica de mediados do século XX que supuxo a Escola de Annales), é imposible explicar a historia dun xeito tan determinista. Desde ese punto de vista, adoitan atoparse na historiografía interpretacións da ideoloxía no sentido que a inadecuación da ideoloxía dominante a novas condicións ou a aparición de ideoloxías alternativas que entran en competencia con ela, produce unha crise ideolóxica. Así adoita admitirse que, aínda que desde un punto de vista marxista clásico adoita herético, cando unha ideoloxía dominante non cumpre eficazmente a súa función fai aumentar a tensión social (loita de clases) que contribúe á crise dun modo de produción e a súa transición ó seguinte.

O século das ideoloxías[editar | editar a fonte]

Expresión do filósofo Jean Pierre Faye (1998) [1] O termo Ideoloxía, reservado no século XIX ó debate intelectual , convértese no século XX no vehículo de grandes movementos sociais e de pensamento, sobre o soporte de grandes masas que son adoutrinadas polos novos medios de comunicación, a propaganda, a violencia e a represión. No período de entreguerras as ideoloxías políticas enfrontadas son fascismo e comunismo fundamentalmente, aínda que do século XIX sobreviviran o liberalismo na súa versión democrática (fronte ó que ambos se definen), el conservadorismo, el socialismo democrático, o anarquismo e os nacionalismos. Feminismo, pacifismo, ecoloxismo e os movementos pola igualdade racial e o recoñecemento da identidade sexual son ideoloxías non estritamente políticas, con forte vocación transformadora da sociedade. O mundo relixioso semella estar ausente da maior parte das novas visións do mundo (en alemán Weltsanschauung) ata a fin do século XX, cando André Malraux profetizou pouco antes de morrer (1976): o século XXI será relixioso ou non será. É cedo para confirmalo, pero desde aquela o cristianismo integrista, tanto católico como protestante e o fundamentalismo islámico renováronse (personalizados en Xoán Paulo II, Ronald Reagan e o Ayatollah Khomeini) e encontraron acomodo na xustificación ideolóxica de todo tipo de intereses, tanto nos países desenvolvidos (onde vai máis alá do interclasismo da Democracia cristiá de posguerra) coma nos subdesenvolvidos (onde substitúe ó tercermundismo dominante no período da descolonización ou á teoloxía da liberación dos anos 1970). O mesmo ocorre co nacionalismo hindú. O europeísmo ou movemento europeo entrou nunha clara crise ideolóxica da que é síntoma a incapacidade de definición dos valores e as fronteiras continentais nos debates da Constitución (2005).

O pensamento feble[editar | editar a fonte]

Por outra parte, desde as décadas de 1980 e 1990, o concepto de ideoloxía sofre unha desvalorización pola súa inadecuación a novos paradigmas intelectuais emerxentes, coma o deconstrutivismo (Jacques Derrida), ou o máis xenericamente chamado posmodernidade, que propoñen un pensamento feble (Gianni Vattimo), en certo modo unha ideoloxía flexible e acomodable ás situacións de cambio desconcertante que ocorren no período de final de século e milenio (especialmente a caída do muro de Berlín). Nese contexto cultural enténdese a formulación do concepto da terceira vía (Anthony Giddens), unha adaptación á globalización e o liberalismo económico triunfante desde posicións socialdemócratas (o laborismo británico de Tony Blair ou mesmo a presidencia de Bill Clinton) que na práctica é unha aproximación a moitas concepcións do conservadorismo.

Uso pexorativo do termo[editar | editar a fonte]

En moitas ocasións úsase o concepto ideoloxía para desprestixiar a un sistema de pensamento ou concepción do mundo (ou mesmo a un autor ou un texto, dicindo deles que están ideoloxizados). A diferenza dunha máis neutral toma de posición que exprese o punto de vista presente dunha persoa ou un grupo, ante unha situación nova, despois de ter avaliado as distintas opcións existentes. Este uso pexorativo de ideoloxía enténdea coma un discurso que

  • posúe un conxunto de solucións pre-establecidas para os problemas que quixera superar.
  • é dogmática, producindo no enfrontamento partidista (posicións políticas ou relixiosas).
  • acompáñase do proselitismo e, en graos extremos, do adoutrinamento.

Ideoloxía é, por tanto, o froito do pensamento sometido ó prexuízo.

Dogmatismo das ideoloxías[editar | editar a fonte]

As ideoloxías ven o mundo coma algo estático. Á por este feito que calquera ideoloxía se ve a si mesma coma a depositaria das ideas que poden resolver calquera problema da sociedade, xa sexa presente ou futuro.

Isto converte á ideoloxía nun dogmatismo, pois péchase ideas dos demais como posible fonte de solucións ós problemas que se formulan no día a día.

Ideoloxías camiño ó Totalitarismo[editar | editar a fonte]

En casos extremos, unha ideoloxía pode levar a negar a posibilidade de disentir, dando por verdade irrefutable os seus postulados.

Chegados a este punto de considerar a ideoloxía como verdade irrefutable,ábrese o camiño ó totalitarismo (que tamén podería dar paso a unha Teocracia). Calquera que disinta pasa a ser un problema para a sociedade, pois vai contra a verdade dogmática que proclama a ideoloxía.

Ideoloxía como paradoxo[editar | editar a fonte]

Se a mellor definición é a máis simple, daquela poderiamos sentenciar: IDEOLOXÍA, dise do discurso que se refire a si mesmo dicindo "eu non son ideoloxía". Coma en todo hai graos, algúns discursos resúmense en: "todos os discursos son ideoloxía menos este".

Mesmo o prexuízo pode entenderse (en termos evolucionistas) coma unha conduta adaptativa. Pois ben, teremos que supoñer que a ideoloxía (entendida pexorativamente) é unha resposta adaptativa: permite a existencia dos seres humanos en sociedades homoxeneizantes, que necesitan un máximo de comportamentos unitarios e un mínimo de discrepancia.

As ideoloxías non se escriben en letras de bronce, son tan cambiantes coma calquera fenómeno histórico. Non pode facerse pensamento sen ideoloxía, sería coma a pomba de Kant, que cre que voaría máis facilmente se a privaran do aire que a frea.

Os mesmos conceptos clásicos e convencionais de liberdade e de individuo entendidos desde a conceptulización do liberalismo son construcións ideolóxicas da sociedade de mercado que tende a establecer o capitalismo, desde que nace nas cidades medievais ata que se impón na Revolución Industrial. As mesmas ideoloxías que se fan chamar "da liberdade" (liberalismo, democracia representativa) son tan ideolóxicas e queren impoñer un concepto do ser humano e das relacións sociais e económicas tanto coma a escolástica foi a ideoloxía do feudalismo ou o pensamento grecorromano o foi di escravismo. Ningún relato, discurso ou toma de posición pode prescindir de elementos ideolóxicos. Nin sequera a ciencia se libra disto (Thomas Kuhn) aínda que represente un fenomenal avance na historia das ideas xusto porque o único que di de si mesma é que non establece verdades fixas e só pretende achegarse de forma provisional á realidade (Karl Popper).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Faye, Jean Pierre. El siglo de las ideologías. Tradución de Juan Carlos García-Borrón. Barcelona: Ediciones del Serbal (Colección "La Estrella Polar", 13), 1998. 192 p. ISBN 84-7628-254-0)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Capdevilla, Néstor. El concepto de ideología. Buenos Aires: Nueva Visión. 2006
  • Eagleton, T. Ideología: Una introducción. Barcelona: Paidós. 10. C. Geertz. 2000.
  • Horkheimer, Max. La función de las ideologías. Taurus.
  • Laclau, Ernesto. Política e ideología en la teoría marxista. Siglo XXI.
  • Lenk, Kurt. El concepto de ideología. Amorrortu.
  • Minogue, Kenneth. La teoría pura de la ideología. Grupo Editor Latinoamericano. 1988
  • Quintanilla, Miguel A. Ideología y ciencia. Fernando Torres.
  • Therborn, Göran. La ideología del poder y el poder de la ideología. Siglo XXI.
  • Žižek, S. Ideología: Un mapa de la cuestión.