Prestige

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pedra da Ferida. Monumento que lembra en Muxía a desgraza do Prestige.

O Prestige foi un petroleiro que afundiu fronte ás costas galegas en 2002 producindo unha inmensa marea negra, que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée en Francia, tendo especial incidencia na Galiza.

O Prestige era un petroleiro monocasco de titularidade grega que viaxaba con bandeira das Bahamas, cuxo propietario era supostamente liberiano e fora fretado por unha compañía petroleira rusa baseada en Suíza. Tivera como nome anterior Mt Gladys. Medía 243 m de eslora, 34,4 m de manga e 18,8 m de calado. A capacidade de carga era de 85.000 m³ e o combustíbel (fuel oil) ocupaba 4.500 m³. Transportaba fuel oil en 12 tanques, de entre 3.200 e 12.000 m³.

Índice

[editar] Afundimento

Mascato (Sula bassana) petroleado nunha praia do Grove.

O 13 de novembro de 2002 un dos tanques rebentou durante unha tempestade á altura de Galiza. Temendo que se afundise, o capitán, Apostolos Mangouras, solicitou a axuda dos servizos de rescate españois, agardando poder refuxiarse nun porto. Non obstante, as autoridades demoraron en actuar e decidiron finalmente obrigar ao capitán a afastar o buque da costa e dirixirse cara o noroeste, crendo así evitar o risco. A secuencia de acontecementos é confusa; é posíbel que as autoridades francesas fixesen presión para que se dirixise cara ao sur; Portugal tamén lle prohibiu achegarse.

Nesta tesitura a tripulación abandonou o barco, e este, a mercé das ondas, deteriorouse e unha sección da proa rachou e deitou ao mar unha grande cantidade de fuel oil. Ás oito da mañá do 19 de novembro, o petroleiro fendeuse pola metade e afundiu completamente esa mesma tarde. Estaba a uns 250 km das costas galegas e a maré negra xa chegara á costa. O capitán foi detido e acusado de non cooperar cos equipos de salvamento e de causar danos ao medio ambiente.

Vertéronse ao mar 5.000 toneladas métricas de fuel oil. Logo de afundirse continuou deitando unhas 125 ao día, creando unha maré negra que contaminou o leito mariño e contaminou a costa, afectando especialmente á Costa da Morte entre Muxía e Carnota. A área afectada non só constitúe unha rexión ecolóxica moi importante, senón que ten na pesca unha das súas fontes de ingresos máis importantes. A contaminación provocada forzou ao goberno autonómico a suspender as actividades pesqueiras durante seis meses.

A pesar de ter propietario o barco, as investigacións xudiciais pertinentes non chegaron ata un 'responsable directo' deste accidente. As investigacións amosaron de igual xeito que as fallas no buque, a falla de medidas de seguridade na costa atlántica.

[editar] Día a día

O 13 de novembro de 2002 un dos tanques do barco abriuse durante unha tormenta nas costas de Galiza. Naquel momento derramáronse 5.000 toneladas de fuel-oil.

O 19 de novembro o barco partiu en dous ás 8 da mañá, a uns 250 km da costa, provocando un incremento da mancha negra.

O 1 de decembro, 200.000 persoas manifestáronse en Santiago de Compostela co lema "Nunca máis". Tamén chegou o batiscafo francés "Nautile" á zona do afundimento.

O Presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga, asegurou que o afundimento non tería efectos sobre o medio ambiente. O 10 de decembro o Presidente do Goberno, José María Aznar, dixo que o executivo cometera "erros de apreciación".

A parte afectada da costa non só ten unha importancia ecolóxica (como no caso das Rías Baixas), ten tamén unha notable industria pesqueira.

O capitán grego do Prestige, Apostolos Mangouras, foi detido e acusado de non cooperar cos equipos de salvamento durante o naufraxio e de danar o medio ambiente.

O 2 de xaneiro de 2003, as manchas de fuel estaban a 50 quilómetros da costa francesa. O Primeiro Ministro francés prometeu 50 millóns de euros para a limpeza.

[editar] Limpeza

Lanzadeiras coas que se procedeu á extracción do fuel do pecio no verán de 2004.

O fuel oil, depositado en grosas camadas sobre as praias e as rochas, denominouse popularmente "chapapote". Nos meses que se seguiron, miles de voluntarios procedentes de varios países acudiron a limpar a costa, no que se denominou "maré branca" pola cor dos EPI que se lles proporcionaron. A organización da limpeza foi asumida polos concellos e posteriormente pola Xunta de Galicia a través da empresa pública Tragsa. A campaña foi un éxito e recuperou as zonas afectadas, limpando tamén a contaminación anterior acumulada[Cómpre referencia]. Un ano máis tarde, Galiza contaba con máis bandeiras azuis nas súas praias que antes.

Nun principio, o goberno calculou que só se verteran 17.000 toneladas de fuel oil e que as 60.000 restantes se conxelarían na profundidade submarina na que se atopaba o Prestige (4.000 m). Porén, a comezos de 2003 xa anunciou que se deitara ao mar a metade do total, se ben outras fontes aseguran que ao final foron 63.000. No verán de 2004, as 13.000 toneladas que permanecían no seu interior foron retiradas mediante lanzadeiras ríxidas deseñadas por Repsol e dirixidas por robots desde a superficie. Unha vez rematado este traballo, inxectáronse no interior axentes microbiolóxicos co obxecto de acelerar a descomposición. Calcúlase que se verteron máis do 80% do total de 77.000 toneladas de fuel oil.

Os expertos prediciron que a vida mariña sufriría pola contaminación procedente do Prestige durante dez anos debido ao tipo de contaminante, que contén fraccións lixeiras chamadas hidrocarburos poliaromáticos. Estes compostos tóxicos poden envelenar o plancto, os ovos dos peixes e crustáceos, producindo efectos canceríxenos nos peixes e nos animais que se nutren deles na cadea trófica.

O dano medioambiental e a acusación de desatención por parte das autoridades motivou a fundación da Plataforma Nunca Máis, dedicada a procurar os responsábeis políticos do desastre. O goberno foi criticado especialmente por tardar en reaccionar, por tomar a decisión de afastar o barco en vez de socorrelo e por ocultar as informacións, chegando a negar nun principio a existencia mesma da maré negra. Tamén se acusou o sistema de inspección de buques e a existencia de petroleiros monocasco con bandeira de conveniencia.

Como medida reparadora, o goberno español prometeu un plan especial de reactivación económica, o Plan Galicia (que na práctica só recollía os investimentos xa previstos para Galiza) e sufragou subsidiou xenerosamente os mariñeiros da zona. Nas eleccións locais seguintes, o Partido Popular obtivo bos resultados na Costa da Morte, pero nas seguintes eleccións autonómicas perdeu a maioría absoluta. Tamén perdera con anterioridade as eleccións españolas e a denominación de "Plan Galicia" foi abandonada polos novos gobernantes, que a tachaban de ser propaganda partidista.

[editar] Fotos

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Julio Carrera Varela, Antonio García-Allut (coords.) (2003), ¿Qué foi do Prestige? Balance do impacto ecolóxico e social a un ano da catástrofe, Santiago de Compostela. Sotelo Blanco Edicións. ISBN 84-7824-436-0.
  • Albino Prada Blanco, María Xosé Vázquez Rodríguez (coords.) (2004), Efectos económicos, sociais e ambientais da marea negra do 'Prestige', Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. ISBN 84-95415-74-7.
  • Elias J. Torres Feijó (Ed.) (2004), A lección do "Prestige", Santiago de Compostela: Candeia Editora. ISBN 84-96163-02-4.

[editar] Outros artigos

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre:

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas