Arrastreiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Buque de pesca de arrastre de fondo Pino Ladra, no Porto de Celeiro, Viveiro.

Un arrastreiro é un buque de pesca deseñado e especializado para o arrastre, modalidade de captura consistente nunha rede lastrada que, co movemento do barco, captura todo o que atopa ao seu paso.

Características[editar | editar a fonte]

Os arrastreiros son barcos de dimensións medias, de entre 8 e 20 metros de eslora, aínda que o seu tamaño e capacidades son moi variables. Van dende aqueles que chegan ás 600 toneladas de rexistro bruto (se ademais son buques conxeladores) ata os que teñen menos de 20 toneladas de rexistro bruto.

A principal característica destes buques é o seu deseño especial, que permite que as hélices exerzan unha maior forza. Son, polo tanto, barcos cunha gran potencia.

Tipos de arrastreiros[editar | editar a fonte]

Os arrastreiros son de distintos tipos conforme o tamaño, a función e a posición onde se coloca a máquina de soltar e recoller as redes. Tamén se poden diferenciar se traballan co arrastre de fondo ou co arrastre peláxica, á procura das especies que nadan na columna de auga.

  • Arrastreiros conxeladores: son buques de altura e polo tanto os arrastreiros de maior tamaño. Ao conxelaren en alta mar, necesitan ir equipados con instalacións frigoríficas de arrefríe e de almacenaxe. En moitas ocasións, ademais, o peixe prepárase xa no barco, co que contan con espazo para o eviscerado e fileteado mecánico, e equipos para a elaboración de aceite, fariña e ás veces fabricación de conservas.
  • Arrastreiro de costado: as redes de arrastre bótanse polo lateral do barco.
  • Arrastreiro de popa: as redes de arrastre bótanse pola popa do barco, a través dunha estrutura especial que separa as redes do casco do barco. Un exemplo de arrastreiro de popa foi o Estai.
  • Arrastreiro pequeno de popa: de menor tamaño có anterior, non ten a estrutura especial de botado das redes, e polo tanto o seu punto de equilibrio e a súa potencia non son tan esixentes.
  • Arrastreiros de botalós: usan botalós para remolcar a arte de pesca suxeitos ao pau, que traballan ao mesmo tempo por babor e por estribor. Empréganse na pesca do camarón e dos peixes planos, e permiten o emprego de redes moi pesadas.

Pesca e distribución[editar | editar a fonte]

Os arrastreiros empréganse para a captura dunha grande cantidade de peixes e mariscos: bacallau, abadexo, merlán, burro, rodaballo, solla, linguado, cigala, gamba ou lagostino. Como o sistema da pesca de arrastre provoca moitos descartes, é dicir, especies capturadas por erro que nunha boa porcentaxe morren ou se devolven ao mar en condicións que as fan vítimas rápidas doutros depredadores, é moi criticado por sectores ecoloxistas.

Existen uns 15.000 buques arrastreiros matriculados na Unión Europea, dos que 11.500 faenan en augas europeas[1]. O país europeo cunha maior flota arrastreira é Italia, cuns 3.200 buques, seguido a gran distancia por Francia e España, que superan os 1.500 buques cada un[2].

O porto galego con maior número de arrastreiros matriculados é o de Vigo[3].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]