Benito Soto
Benito Soto Aboal, nado na Moureira (Pontevedra) o 22 de marzo de 1805 e falecido en Cádiz ou en Xibraltar entre 1830 e 1833, foi un pirata galego con sona de acadar grandes cotas de crueldade. Moitos datos da súa biografía son confusos, e existen fontes contraditorias sobre eles.
Índice |
O comezo da vida de pirata [editar]
Fillo dun mariñeiro pontevedrés, fíxose ao mar moi novo, e suponse que cruzou o Atlántico xa sendo un neno. O 22 de novembro de 1827 sae do porto brasileiro do Río de Xaneiro como tripulante do bergantín escravista O Defensor de Pedro. Outras fontes sinalan este feito en 1823. Ás poucas xornadas de viaxe estoura un motín a bordo e a tripulación, dirixida por Benito Soto, asasina o capitán. Outras fontes apuntan que non o asasinou, senón que o deixou en porto na Costa de Guinea, e outras, que o motín tivo lugar en xaneiro de 1828[1], despois de deixar o capitán na colonia portuguesa de São Jorge de Mina (hoxe Elmina, en Gana).
As súas accións [editar]
Os datos sobre a súa vida dedicada á pirataría son confusos. Todos coinciden en que o barco máis importante de todos os asaltados por Soto foi o británico Morning Star, que viña cargado de ouro e riquezas cubrindo a rota entre Ceilán e Inglaterra, pero as versións difiren sobre se foi co que iniciou a carreira de ouro e sangue ou se foi co que a rematou.
Segundo as fontes que sitúan o asalto o 21 de febreiro de 1832 nas costas do occidente africano, ese sería probabelmente o último. Outros entenden que o asalto se produciu ao norte de Fisterra, o 13 de febreiro de 1828[2]. Outros porén, sitúano ao comezo da súa traxectoria, contra 1824. Nesta segunda e terceira hipótese continuarían abordando a fragata norteamericana Topaz que proviña de Calcuta, onde saquearon, mataron a parte da pasaxe e incendiaron a nave. Daquela poría proa ás illas de Cabo Verde, onde abordaron un segundo bergantín inglés, que tamén afundiron e oito días despois, preto das Canarias asaltaron a fragata inglesa Sumbury, que viaxaba a Saint Thomas, e aniquilaron a tripulación. Nos Azores Soto abordou de maneira sanguenta un buque portugués procedente do Río de Janeiro e despois o tamén portugués Cessnok e o bergantín inglés New Prospect.
En todo caso, parece claro que a súa zona de operación sería o espazo de océano Atlántico comprendido entre o Golfo de Guinea, as costas de Brasil e a fachada atlántica da Península Ibérica. Esta era unha área cun importante tráfico económico, en parte debido ao transporte e comercialización de escravos negros, dos que se beneficiaban Portugal, España e Francia, pero que o Reino Unido abandonara en 1807, e en parte debido ao comercio de ouro, especies e outros materiais máis ou menos de luxo coa India e os países do sueste asiático.
O barco de Benito Soto mudou o seu nome polo de A Burla Negra, probabelmente ao comezo da súa traxectoria, logo do motín. Pero tampouco neste caso a data está clara. O seu segundo no mando chamábase Víctor Barbazán.
Apresamento e morte [editar]
Independentemente de se viñan de asaltar o Morning Star ou outro barco, e independentemente de se atracaron na Coruña para vender mercadorías, se baixaron navegando pola costa galega e portuguesa ou se procedían das Canarias, a finais de 1829 ou en marzo de 1832 achégase á entrada do mar Mediterráneo.
Alí confundiron o faro de Tarifa co faro do Castelo de San Sebastián ou co da Illa de León e comezaron a manobra de viraxe demasiado cedo. A Burla Negra naufragou así a dúas millas da baía de Cádiz, e perdeu a carga no accidente. A xustiza española prendeu entón gran parte da tripulación e condenouna á forca, pero Benito Soto escapou e refuxiouse en Xibraltar.
Aí, ben porque algún supervivente da tripulación do Morning Star o descubrise (bastante improbábel), ou por calquera outra razón, foi apreixado polas autoridades británicas. Unhas fontes apuntan a que foi xulgado e condenado en Xibraltar polos delitos de 10 asaltos e 75 asasinatos comprobados. Desta forma, sería axustizado na forca o 25 de xaneiro de 1830. Outras, porén, sinalan que o gobernador do penedo, sir George Don, o entregou ás autoridades españolas, e que foi xulgado e condenado á forca en Cádiz, e executado no porto, no que hoxe é a praza de San Juan de Dios.
O seu berro de despedida sería Adeus todos!. Cortaríanlle posteriormente a cabeza e poríana nun espeto para advertencia dos demais.
Bibliografía [editar]
Alejandro Benisia y Fernández de la Somera publicou en 1855 El milano de los mares, unha novela rosa na que se narraban parte dos feitos.
O Capitán de Navío Joaquín Lazaga y Garay publicou en 1892 o ensaio Los piratas del Defensor de Pedro. Extracto de las causas y proceso formados contra los piratas del Bergantín brasileño El Defensor de Pedro, que fueron ahorcados en Cádiz en los días 11 y 12 de enero de 1830.
José María Castroviejo publicou en 1955 La Burla Negra, máis fidedigna cás anteriores, pero que non trata a Soto como protagonista da trama, senón a Victor Saint Cyr Barbazán, outro dos piratas.
Ramón Solís en 1971 publicou a novela El dueño del miedo, onde fala de parte dos acontecementos.
Jorge Parada Mejuto publicou en 1994 O pirata da Moureira (Ed. Xerais).
Xosé Miranda publicou en 1998 Morning Star (premio Xerais), onde se tratan os feitos de Benito Soto.
Gerardo González de la Vega publicou en 1999 o ensaio Mar Brava, onde detalla e sintetiza as desventuras de Benito Soto entre outras historias de piratas.
Francisco Javier Castro Miranda e Enrique García Luque publicaron en 2008 a novela Los Diablos del Mar. La odisea de la Burla Negra, unha ficción histórica fiel aos datos reais.
Dise que a vida de Benito Soto puido servir de inspiración a José de Espronceda para escribir o poema "Canción del pirata", publicado en 1840, non moito despois da execución do pirata.
Notas [editar]
- ↑ Histoire de la piraterie, Robert de La Croix, Ancre de Marine Editions, 1995, páx. 358
- ↑ Histoire de la piraterie, Robert de La Croix, Ancre de Marine Editions, 1995, páx. 357-63