Arroaz
| Arroaz | ||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||||||
|
||||||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||||||
|
||||||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||||||
| Tursiops truncatus | ||||||||||||||||
O arroaz (Tursiops truncatus, Montagu 1821) é, entre tódolos golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, porque o seu comportamiento social lle achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos.
Está presente en mares quentes e temperados de todo o mundo, en tódolos océanos excepto no Ártico e no Antártico.
Índice |
[editar] Sinonimia
- galego: arroás, bota, boto, botiña, botiño, bufa, bufo, bufana.
- castelán: delfín mular, tursion, delfín nariz de botella [1], toniña
- inglés: Bottlenose dolphin
- portugués: roaz, roaz-corvinheiro
- francés: Grand dauphin
[editar] Descrición
O tamaño nos adultos, moi variable segundo as poboacións que se estuden, oscila entre os 2 metros e un máximo de 4 metros, e o peso oscila entre os 275 e os 650 kg, sendo os machos máis grandes e máis pesados que as femias ás mesmas idades. O corpo é robusto, co terzo posterior comprimido lateralmente.
A cor da pel é gris escura a negra, uniforme, con degradacións a gris abrancazado na cara inferior da cabeza e no ventre. As aletas dorsal, caudal e pectorais adoitan ser máis escuras có resto da pel.
A aleta dorsal é central, de ancha base e borde traseiro escotado, dándolle unha forma falciforme. A aleta caudal mostra unha escotadura central ben definida.
O fociño, curto e romo (en comparación co fociño do golfiño común), destaca claramente da cabeza, cun pregue ben marcado que o delimita do melón; desta característica deriva o nome de delfín nariz de botella, que quere recolle-la semellanza co colo dunha botella. A boca debuxa un sorriso característico que non se aprecia noutras especies de delfínidos. Os dentes son cónicos e fortes, en número de 20 a 25 por hemimandíbula.
[editar] Reprodución
A madurez sexual alcánzase ós 11 anos nos machos e 12 anos nas femias, cunha xestación de ó redor de 12 meses seguida dunha lactación de 12-18 meses. A cría mide ó redor de 80-100 cm no momento do nacemento.
[editar] Alimentación
Os arroaces aliméntanse de diferentes especies de peixe e cefalópodos (luras), incluíndo tamén na dieta algún crustáceo. Tamén é posible que coman do peixe capturado nunha rede, chegando a rompe-las mallas, o que explicaría a tradicional aversión que lles teñen moitos pescadores. Pode mergullarse buscando comida ata os 100 metros de profundidade.
[editar] Distribución
Como dixemos, está presente en tódolos océanos do mundo, excluíndo as augas circumpolares. É moi común nas costas galegas (sobre todo na beira occidental, sendo máis escasos na costa cantábrica) e disponse de numerosa información visual da súa presenza no interior das rías galegas. Tamén hai numerosas citas de varamentos desta especie, moito máis abundantes nas Rías Baixas.
Distribúese en poboacións costeiras, que habitan na plataforma continental a profundidades de 100 a 200 metros; e poboacións oceánicas, que habitan en augas profundas en mar aberto. Tamén en Galicia se coñece a existencia destas dúas poboacións, a costeira, residente, que vai buscando bancos de peixe ó longo da costa, con incursións ás rías; e a oceánica que pode chegar a desaparecer segundo as estacións do ano. Sábese igualmente que existe un constante intercambio entre exemplares dunha e doutra poboación e que a presenza de crías é unha constante na poboación costeira.
[editar] Comportamento
O arroaz é un excelente nadador e gusta de saltar sobre as augas aproveitando o impulso das ondas. As inmersións adoitan durar entre 3 e 4 minutos, ata 8.
Adoitan vivir en grupos ou mandas de 12 ou máis exemplares, que forman unha unidade familiar estable, dirixida por unha femia adulta e que conta con nais, crías e subadultos. Os machos adultos viven illados ou en grupos moi reducidos (2-3 exemplares) e pouco estables. Ás veces, estes grupos familiares agrúpanse en mandas de centos de exemplares. Tamén se viu que forman mandas conxuntas con outros cetáceos, como caldeiróns e, ocasionalmente, con baleas e xibardos.
Os arroases son especialmente sociais e parecen trasladar esta relación ó home, sendo frecuente que se acheguen á estela dos barcos ou ós nadadores. Parece ser que, en ocasións, chegaron a salvar a náufragos manténdoos a flote e está documentado o salvamento de catro persoas en Nova Celandia cando estaban a ser atacados por un gran quenlla branca [1].
En calquera caso, isto non impide que teñan tamén comportamentos agresivos entre si, con loitas entre os machos para o acceso ás femias. De feito, son frecuentes as marcas e cicatrices na pel dos adultos. Tamén se sabe de ataques a quenllas e a toniñas (outro cetáceo de tamaño notablemente inferior).
A lonxevidade estimada é duns 30 anos os machos e 40 anos as femias.
[editar] Caza
- Ver tamén Caza da balea
O arroaz foi capturado abundantemente para aproveita-la súa carne nos Estados Unidos e Xapón, país este onde se segue cazando como recurso pesqueiro (neste vídeo [2] pódese ver un exemplo desta caza). Tamén se cazaron no Pacífico oriental e no Mar Negro. Ademais da caza voluntaria, outra causa de morte inducida pola acción humana son as capturas accidentais enmallados nas redes de pesca, causa da maioría dos varamentos identificados, e as producidas por restos de rede aboiando no mar e, a maiores, está a caza de exemplares vivos para fornece-los delfinarios. Aínda así, a poboación de arroaces mantense en niveis elevados.
Nas nosas costas nunca foi obxecto de caza nin de aproveitamento económico, mais si de persecución por parte dos mariñeiros, que vían nos arroaces un predador da sardiña e polos estragos que lles causaban nas redes.
De feito, o propio Sarmiento insistiu en varias cartas ó seu irmán, en 1757 e 1758, na conveniencia de organizar batidas de arroaces (como se facían contra o lobo) aproveitando a época na que entraban nas rías, fenómeno que el explicaba erroneamente por cousa dunha membrana que se lles poñía nos ollos deixándoos cegos.
[editar] O arroaz na cultura popular
[editar] Fraseoloxía
- ¡calarás, arroás!: dise ó que non para de rosmar, alborotar e facer ruído.
- haber arroases no mar: haber moita maruxía (en Cariño)
- parecer un arroás/arroaz: dise dunha persoa forte, moi gorda
[editar] Refraneiro
- Arroases na ría, boureles tiran.
- Arroaces na ría, moita sardiña.
- Candorcas na ría, arroases á costa.
- O arroás na ría, miña nai, para a casa.
- ¿Os arroaces brincan no mar? Forte norte vai dar / van dar.
- Os arroaces brincan no mar, forte norte vai dar / van dar / vai entrar
- Tramalleiros ó mar, arroaces ó par.
[editar] Notas
- ↑ Tradución directa do seu nome inglés, sen ningún uso popular
- ↑ Dicionario da Real Academia Galega, 1913. Citando a CORNIDE. Ensayo para una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia, 108.
- ↑ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, E.: Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano s.v. arroaz.
- ↑ Carta 18 1757, marzo, 9.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Bibliografía
- CARWARDINE, M.: Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Omega, 1985.
- LÓPEZ, A., DACOSTA, M. E BARREIRO, A. (CEMMA): Achegándonos aos mamíferos mariños. Natureza Galega 1993.
- PENAS PATIÑO, X.M. E PIÑEIRO SEAGE, A.: Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas. Consellería de Pesca 1989.
- QUIROGA LORENZO, H.: Guía de cetáceos. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación 1996.
[editar] Ligazóns externas
- The Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI: Golfiños, Educación e Investigación
- Información sobre cetáceos [3]
- Noticias diarias sobre cetáceos(en inglés)[4]
- Galería fotográfica de arroaces [5]