Doniños, Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Doniños
Igrexa Doniños 1.JPG
Igrexa parroquial de San Román
Concello Ferrol
Poboación 840 hab. (2007)
Entidades de poboación 10

San Román de Doniños é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Ferrol. Segundo o INE no ano 2007 tiña 840 habitantes, 13 menos que no 2004 (cando tiña 429 homes e 424 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Batería de San Carlos

Nesta parroquia está a lagoa de Doniños, fronte á praia de Doniños, encaixada nun val arrodeado por covos mariños. A área protexida, enmarcada no Lugar de Interese Comunitario Costa Ártabra (que abrangue parte da comarca de Ferrolterra), abrangue aquí a praia de Doniños, o complexo dunar e a lagoa de Doniños, de case nove metros de profundidade.

Arrodeada por manchas boscosas de ribeira, destaca na súa vexetación a presenza de plantas acuáticas nos bordes da lagoa, como a ranunculus aquatilis, a potamogeton natans ou a nimphaea alba. A eleocharis acicularis e a litorella uniflora pódense atopar nas áreas encharcadas.

As aves tamén abondan, coa presenza de exemplares de fochas, zampullíns chicos, ánade real e cerceta común.

A praia de Doniños é rectilínea, de area branca e fina, ventosa e con forte ondaxe sita nun entorno rural. Conta con dúas zonas diferenciadas: Punta Penencia (pouco masificada) e Outeiro (máis ocupada). Trátase do principal centro de atracción na cidade de Ferrol para a práctica do surf, xunto con areais como Pantín, xa no concello de Valdoviño.

Dotada de Bandeira Azul, trátase dunha praia aberta, cunha lonxitude de 1,7 quilómetros. A súa ocupación é alta na tempada estival. É o areal máis próximo ao casco urbano de Ferrol (6 quilómetros).

Historia e patrimonio[editar | editar a fonte]

A Punta do Castro son uns restos dun poboamento castrexo prerromano situado no límite norte do areal, no que se atoparon xoias e atributos de dignidade celtas, ademais dos restos dun castelo e as instalacións dunha batería de artillería de costa, servida pola Armada.

O 25 de agosto de 1800 tivo lugar a batalla de Brión. Unha dotación da Armada Inglesa composta por navíos de guerra e infantería tentou ocupar a cidade de Ferrol, desembarcando na praia de Doniños. Porén, as tropas do almirante Warren tiveron problemas coa resaca do mar, sendo as chalupas pasto dos canóns ferroláns. Contan as crónicas que "o camiño estaba ben defendido e o paso pola lagoa de Doniños era impracticable", polo que "a praia de Doniños contribuíu á derrota inglesa".

As Festas patronais son os días 9 e 10 de agosto.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Doniños[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Doniños no concello de Ferrol

Cariño | A Chousa | O Confurco | Doniños | Fontá | Mougá | O Pieiro | Valón | Valón Vello | Vilar


Parroquias de Ferrol[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Ferrol

Brión (Santa María) | A Cabana (Santo Antonio) | Covas (San Martiño) | Doniños (San Román) | Esmelle (San Xoán) | Ferrol | A Graña (Santa Rosa de Viterbo) | Leixa (San Pedro) | Mandiá (Santa Uxía) | Marmancón (San Pedro) | San Xurxo da Mariña (San Xurxo) | Santa Cecilia de Trasancos (Santa Cecilia) | Serantes (San Salvador)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]